Os próximos 24 e 25 de febreiro temos unha cita no Convento de Santa Clara, en Pontevedra, que de novo será o marco ideal para reflexionar sobre o noso Entroido.
A Sociedade Antropolóxica Galega convídavos a asistir a estas XI Xornadas.



Benvido ó blog da SAGA
Xa temos dispoñible o número deste ano da nosa publicación “SAGA. Revista Dixital de Investigación”. Podedes descargar o PDF nesta ligazón ou visionalo online.
Se es investigador de temas antropolóxicos ou históricos, podes enviarnos o teu artigo para ser publicado na edición 2022 do noso Anuario.
O prazo de presentación remata o 15 de agosto.
Velaquí as nosas normas de publicación:
Temática
“FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é un espazo libre e de calidade onde especialistas da antropoloxía, da etnografía, da arqueoloxía e da historia poidan expor as súas achegas e as súas investigacións. Ademais, ofrece aos novos investigadores que traballan no eido da antropoloxía no seu senso máis amplo unha canle onde publicar os seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galicia e a traballos alleos ao ámbito galego pero que pola súa temática poidan ser de interese para os nosos lectores.
Presentación de textos
Os artigos a publicar deberán ser inéditos e teñen que vir asinados polo autor, facendo constar a súa titulación académica e/ou profesión e, no caso que corresponda, o centro, entidade ou institución na que traballe. En casos de especial interese poderán publicarse traducións de artigos xa publicados noutras revistas estranxeiras.
Todos os orixinais deberán vir co título na lingua na que estean escritos (galego, español ou portugués) e en inglés. A continuación do título, o artigo acompañarase dun sumario ou resumo na lingua do orixinal e doutro en inglés (abstract) e seguidos das correspondentes palabras chave. O sumario non excederá de 8 liñas.
O autor deberá facer constar o seu correo electrónico para que se lle comunique a recepción do seu traballo e, no seu caso, a súa posterior aceptación por parte do Comité de Redacción.
Os artigos remitiranse por correo electrónico ao seguinte enderezo:infosaga@antropoloxiagalega.org
Idioma
O idioma preferente de publicación será o galego, se ben, e para dar cabida a un maior número de investigadores tamén se poderán publicar artigos escritos en español ou portugués, sempre e cando o seu número non exceda do 20% dos traballos a publicar.
Formato
Os textos presentaranse en soporte informático e en formato Word ou similar. O tamaño de páxina debe ser DIN A4, o espazado sinxelo e o tipo de letra Times New Roman tamaño 12 puntos. O texto estará paxinado e terá unha extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 35 páxinas, incluídas imaxes, notas e bibliografía.
Os encabezamentos das distintas partes do artigo deben ir ben diferenciados.
As citas textuais poranse entre comiñas e as palabras e citas de textos en lingua orixinal poranse en cursiva.
Ilustracións
As ilustracións deberán enviarse en arquivos separados (jpg, png ou tiff) na mellor calidade posible (300 ppp a ser posible, nunca por debaixo de 72 ppp) e indicando o seu título correspondente. Deberán ir acompañadas do seu pé de foto correspondente e indicarase o lugar que ocuparán no texto. Para isto, o artigo pódese enviar coas imaxes xa inseridas no propio texto.
A situación das devanditas imaxes no artigo poderá ser lixeiramente alterada por motivos de maquetación.
Referencias bibliográficas
A bibliografía situarase ao final do artigo, seguindo unha orde alfabética por apelidos dos autores, e dentro do mesmo autor por orde cronolóxica.
Libro: apelidos e inicial do nome do autor ou autores en maiúsculas; título da obra en cursiva, editorial, lugar de edición e ano.
Exemplo: DE CASTRO, R.; Follas novas, La Propaganda literaria, A Habana, 1880.
Se a persoa citada é director, editor ou coordinador, farase constar a continuación do nome e entre parénteses.
Exemplo: PÉREZ, X. (coord.); Litixios nas mancomunidades galegas, Eds. Querquellequer, Santiago de Compostela, 1993.
Se hai máis de tres autores, citarase ao primeiro e engadirase “et alii”
Exemplo: REIGOSA, A et alii.; Diccionario de seres míticos galegos, Edicións Xerais de Galicia, Madrid, 1999.
Para capítulos incluídos nun libro, cítase o autor, o título da colaboración entre comiñas, a preposición “en” e a continuación a cita do libro segundo as normas anteriormente citadas.
Exemplo: ZARAUZ, V.; “Neolocalidade e aculturación en Costa de Marfil”, en MARTÍNEZ-WELLER, X. (coord); Lecturas poscoloniales de fenómenos contemporáneos, Ed. Rémora, Cuzco, 2002.
Ponencias, comunicacións de congresos ou seminarios , etc. indicarase o autor, o título da colaboración entre comiñas, o título do congreso ou seminario en cursiva e o lugar e ano de celebración, seguido das páxinas correspondentes.
Exemplo: RAMALLOSA, V.; “Licántropos, basiliscos e outros seres míticos da Raia portuguesa”, V Simposio de mitoloxía arraiana, Tui, 1999, pp. 142-178.
Teses doutorais inéditas: cítanse facendo constar o autor, o título en cursiva, a universidade e o ano.
Exemplo: PEREIRO, X. M.; O cinema galego no albor do século XX. Achegamento inicial, Universidade de Vigo, 2015.
Para artigos de revista: apelido e inicial do nome do autor ou autores en maiúsculas, título do artigo entre comiñas, nome da revista en cursiva, tomo e/ou número, ano, páxinas correspondentes.
Exemplo: SEOANE, A.; “Demarcacións populares nas comarcas de Valdeorras” en Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, Vol. 1, No 4, Sociedade Antropolóxica Galega, Pontevedra, 2014.
O pasado mércores 1 de xuño tivo lugar a presentación de “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza n°10”. O acto, celebrado no Centro Asociado da Uned en Pontevedra, contou coa presenza de varios dos autores dos artigos contidos neste último número.
Interviron: Jesús del Castillo Martín, licenciado en Humanidades e etnógrafo, autor do artigo “De Pascuas a Carnaval. Mascaradas y ritos de invierno en la provincia de Toledo” (a través de videoconferencia); Félix F. Castro Vicente, antropólogo e autor do artigo “Breve reseña de algunos libros españoles de magia erótica de inicios del siglo XX”; Xoán Carlos García Porral, Doutor en Antropoloxía Social e autor do artigo “O Castro de Cotarelo (Goiás, Lalín). O que se pode ver, e o que se ten escoitado”; e os compañeiros da SAGA, Rafa Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, director do anuario, antropólogo e autor do artigo “A Vella que come zamelgos” e Ana Durán Penabad, secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega, etnógrafa e autora do artigo “As divindades do santuario galaicoromano de Panóias”. Fotografías: Pilar López Vilas.
O vindeiro mércores 1 de xuño ás 19h presentamos o nº 10 de “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza“. O acto, para o que é precisa inscrición, terá lugar no Centro Asociado da UNED en Pontevedra e a SAGA comprácese en convidalos a todos/as. Máis información no seguinte enlace: https://extension.uned.es/actividad/27290&codigo=27290
Acabamos de publicar o novo número de “Fol de veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Xa o podedes pedir nas librarías ou directamente á SAGA a través do email infosaga@antropoloxiagalega.org
Para máis información sobre os contidos do noso anuario deixamos aquí o sumario e a editorial deste novo número que fai xa o 10.
Un ano máis a SAGA colabora na organización das Jornadas Galego-Portuguesas que se celebran en Pitões das Júnias os días 7 e 8 de maio. Nesta edición participa a nosa compañeira Lidia Mariño coa conferencia “Quen é a Vella? Tralas pegadas da Gran Deusa primixenia”. Toda a información e o programa aquí: http://despertadoteusono.blogspot.com/
O pasado día 4 de marzo presentouse na Casa da Garita de Nerga a nova monografía da SAGA “Damas e Ghaláns no Entruido de Nergha”, de Guillerme Ignacio. Na presentación estiveron presentes o autor e o compañeiro Rafa Quintía. Un acto organizado pola Sociedade Antropolóxica Galega coa colaboración da Asociación cultural Con de Nerga. Fotografías: Xulia Feijoo.