"O blog da SAGA"

XA ESTÁ NA RÚA “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”

A partir desta semana estará dispoñible nas librerías, e a través da nosa web e do noso blog, a publicación “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Con este anuario de antropoloxía e historia dende a SAGA inauguramos unha nova etapa na cabeceira Fol de Veleno e ábrese un horizonte renovado, cheo de proxectos e ilusións. Tan só nos queda agardar que o proxecto editorial sexa do agrado dos lectores e contribúa a achega-lo noso grao de area no tan necesario labor de divulgación da nosa historia, patrimonio cultural e antropoloxía.

Achegámo-lo sumario de artigos e o texto da editorial que abre este número de “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”

EDITORIAL

Cada vez que empezamos un novo proxecto, ou que abrimos unha nova etapa nunha aventura editorial como é publicar unha revista de antropoloxía e historia cómpre facer balance do feito. Cómpre mira-lo pasado, cos pés no presente e a vista no futuro, para saber de onde se ven e onde se quere ir. Para corrixir erros e tentar ir mellorando día a día ata acada-la meta e os propósitos que nos marcamos cando nos lanzamos a esta empresa fascinante pero arriscada. Co paso dos anos un vai aprendendo dos erros e da inexperiencia pero, inevitablemente, tamén vai cometendo novos erros. Velaí a dinámica da aprendizaxe e da mellora continua. Mais, por sorte, os anos tamén van dando novos compañeiros de viaxe, novos folgos e ideas e, asemade, tamén van consolidando fieis apoios e vellas amizades e colaboradores. Así que hoxe é para min unha grande satisfacción inaugurar con este número de Fol de Veleno unha nova etapa desta modesta pero sempre dinámica cabeceira

O anuario “FOL DE VELENO” que hoxe teñen nas súas mans ten a súa orixe na publicación “Fol de Veleno”, un fanzine cultural e de opinión creado e editado polo que aquí escribe aló polo ano 2006. Aquel modesto fanzine que naceu co ánimo de dar a coñecer, dun xeito ameno e asequible, ós distintos aspectos da cultura popular galega, así como de ser un foro libre para a crítica social, foi retomado no ano 2010 polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca para transformalo nunha revista de historia e etnografía, o que daría lugar a “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”, cuxo primeiro número saíu á rúa en outubro do 2010. Velaí o pasado, vexamos agora o presente. No ano 2011 a Sociedade Antropolóxica Galega recolle o legado deste proxecto editorial e decide facerse cargo da edición, financiamento e publicación de FOL DE VELENO, mellorando o seu formato, a súa extensión e os seus contidos para reconvertelo no anuario que hoxe presentamos.

“FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é un espazo libre e de calidade onde especialistas da etnografía, da arqueoloxía, da historia e da antropoloxía galega poidan expo-las súas achegas e as súas investigacións. Ademais ofrece ós novos investigadores que traballan no eido da descuberta e da recuperación da nosa cultura popular e da nosa historia unha canle onde publica-los seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galicia e a traballos alleos ó ámbito galego pero que pola súa temática poidan ser de interese para os nosos lectores. Este é pois o futuro, e poden estar ben certos de que os que hoxe compoñemos o equipo editorial desta publicación loitaremos e traballaremos a reo, como ata agora viñemos facendo, para que esta nova etapa deste vello proxecto sexa o máis frutífera posible e cumpra e satisfaga tódalas expectativas que vostedes, amigos lectores, teñen depositadas nela. Non lles roubo máis tempo, pasen páxina pois, e mergúllense sen máis demora na descuberta dos interesantes artigos que lles agardan en “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”.

Rafael Quintía

Advertisements

2 Respostas

  1. Ana

    ¿Estará dispoñible en todas as librerías?

    Maio 21, 2012 ás 9:49 pm

    • Estimada Ana, nos seguintes días estará dispoñible en varias librerías de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e outras localidades máis e en breve indicaremos en que librerías está a venda. Desgrazadamente non podemos chegar a tódalas librerías do país. Para solventar iso tanén se pode adquirir a través da nosa web ou do noso blog, enviándonos un email indicando o voso pedido e enderezo de entrega.

      Un saúdo,
      SAGA

      Maio 22, 2012 ás 10:15 am

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s