"O blog da SAGA"

INVESTIGACIÓN NA MOURA. PROPOSTA DUNHA EXPERIENCIA INTERACTIVA.

O amigo José Gavilanes puxo en coñecemento da Sociedade Antropolóxica Galega unha serie de achados rupestres realizados por el nos concellos ourensás de Esgos, Xunqueira de Espadanela e Baños de Molgas. Entre estes novos descubrimentos —que foron no seu día oportunamente comunicados ós servizo de Patrimonio— figuraba unha estraña formación de fosos no lugar coñecido como a Moura. A construción en cuestión trátase de dous enigmáticos e suxestivas deseños de círculos concéntricos realizados mediante unha sucesión de gabias escavadas no terreo que van accedendo por dous outeiros coroados por antas.

Tras os primeiros estudos e investigacións realizadas pola SAGA, os datos certos que temos por agora son os seguintes:

  1.    Temos un lugar de nome a Moura que  comprende un espazo rochoso e montesío formado por dous outeiros que se  elevan a cada lado dunha cañada pola que discorría un regato e un      sendeiro.
  2. En cada  un destes dous outeiros existe un deseño feito a base de profundos (70  cm.) e anchos (1.60 cm.) sucos labrados no chan.
  3. No alto  de cada outeiro, e coincidindo co centro do deseño, atopamos un monumento  megalítico (dolmen, anta).
  4. Os  monumentos megalíticos e os deseños da moura marcan o linde entre os  concellos de Esgos e de Nogueira de Ramuín (parroquias de San Pedro de  Pensos e Loñoá do Monte).
  5. O estudo das ortofotos ás que tivemos acceso demostran que cando menos a formación  da Moura xa estaba no ano 2003. Desgraciadamente a calidade e resolución      das ortofotos do 1956 impiden distinguir algo concreto sobre o terreo.

É por iso que necesitámo-la súa axuda nesta investigación que temos en curso. Propoñémoslles unha especie de xogo, un exercicio virtual e interactivo de colaboración para, entre todos, conseguir descifra-lo enigma que temos entre mans: as formacións circulares da Moura.

No blog do compañeiro Rafael Quintía ( http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2012/06/14/os-enigmaticos-circulos-da-moura-participa-connosco-nesta-aventura/)   teñen toda a información desta investigación, así como fotos, ortofotos, planos e posibles hipóteses de partida. Rogamos a súa lectura para poder participar e avanzar no experimento que lles imos propor.

Este experimento divulgativo ou xogo de investigación artéllase en dous planos diferenciados e persigue dous obxectivos concretos:

    • En primeiro lugar oriéntase como unha investigación xeográfica que ten por fin averiguar cal é a orixe, a funcionalidade e a cronoloxía das estrañas formacións de gabias que rodean os túmulos da Moura.
  • O segundo plano da investigación oriéntase na óptica antropolóxica e supón un experimento de interpretación da paisaxe cultural. A Moura é un elaborado espazo natural construído e reconstruído ó longo do tempo no que se combinan camiños reais, termos territoriais, megálitos, santuarios e os labores forestais e agrarios. Elementos todos eles de orixe e funcionalidade variada, de cronoloxías distantes pero que todos xuntos transformaron un espazo natural nun espazo cultural. É esa paisaxe reinventada pola man do home sobre a que imos traballar, unha paisaxe que produce no observado —xa que logo, en todos nós—  unha serie de interpretacións subxectivas que constrúen un particular discurso persoal que a nos pode amosa-la riqueza das interaccións que se establecen cando unha persoa, como ente biopsicosocial que é, se enfronta ó xogo de ler e interpretar una paisaxe dende o seu particular punto de vista temporal, social e cultural.  Cada un de nós terá unha visión e interpretación persoal desta paisaxe, cada un de nós verá cousas que outros non ven e deixará de ver outras que, en cambio, non pasarán desapercibidas a outros observadores. Velaí o interesante desta proposta de experimento compartido e o seu valor antropolóxico, pois pode achegarnos unha interesante e variada forma de ver e le-la nosa natureza construída grazas a oportunidade que nos ofrece os túmulos e as formacións da Moura con toda a súa contorna.

Se ó termo desta experiencia conseguimos dilucidar e dar solución ó que se pretende no primeiro plano da investigación, e dicir, saber que é a Moura; e conseguimos, asemade, afondar máis no coñecemento dos xeitos que ten a xente de le-la paisaxe darémonos por ben satisfeitos. Así que só nos queda animarlles a que participen nesta proposta e deixen que a paisaxe lles fale, que cada un de vostedes lea esa mensaxe e a interprete co seu persoal código e discurso cognitivo. Apliquen, pois, o seguinte procedemento:

-Miren

-Analicen

-Investiguen

-Interpreten

-Compartan

Nós, pola nosa banda, iremos dando cumprida conta dos avances da investigacións e das diferentes propostas e hipóteses que se vaian barallando. Despedímonos xa agardando que esta proposta lles resulte suxerinte  e se animen a participar e compartir con nós esta emocionante experiencia que vai supo-lo descifra-los enigmáticos círculos da Moura. Reiterámo-lo noso agradecemento ó compañeiro José Gavilanes por toda a colaboración prestada, a confianza depositada na SAGA e polo seu traballo anónimo pero digno e valioso.

Advertisements

5 Respostas

  1. Nieves Amado Rolán

    Hola, son Nieves Amado, arqueóloga, amiga de Miguel Losada que foi o que me puxo en antecedentes sobre a Moura.
    Despois de estudar someramente a contorna por varias fotos aéreas, a miña hipótese é que se trata dunha explotación mineira de ouro romana; SS. I-II d.C.
    O sustrato parecíame en principio aurífero, pero as evidencias arqueolóxicas mineiras da contorna penso que certifican a primeira intuición que tiven cando por medio das explicacións que dades sobre o lugar, desbotei a idea de que fosen gabias modernas.
    Esta é unha forma de explotación romana das capas superficiais ricas en ouro chamada “en peines” ou “arados”. Si vos alonxades polos arredores veredes que hai moitas máis, como exemplo a ladeira leste do Monte Meda ata onde cheguei na visita aérea.
    Hai pola zona outras explotacións de ouro con outros sistemas, multitude de canles de auga, castros mineiros etc.
    Ao SW da Moura hai un topónimo que definiría por esta zona estas gabias: “As Peinceiras”, lugar que tamén está cheo anque non son tan visibles pola vexetación que as cobre.
    Arredor da hermida da Virxe do Monte hai cortas, canles e gabias hacia os catro puntos cardinais, mesmo hai un topónimo “Os sete camiños” que penso que se refire a un lombo con máis ou menos 7 gabias. Hai outros como Os Confurcos, Cernadas.. que tamén se refiren á minería aurífera. O topónimo da Moura non se debe referir a estas explotacións, cando é feminino penso que está máis en relación coa paisaxe simbólica prehistórica, cecais de culto ás pedras, e por aquí non andamos mal delas.
    É unha zona interesante e complexa, eu nunca vira en Galicia tamañas superficies beneficiadas con este sistema de explotación.
    O que demostra que Ourense está chea de explotacións auríferas. Como teño comprobado en moitos outros sitios, son explotacións extensivas, que cubren grandes extensións de terreo pero non son tan espectaculares, monumentais e intensivas como as do Bierzo, resto de León ou Asturias.
    Esta contorna tamén verifica a utilidade da vía romana que pasa por aquí, que curiosamente é a vía secundaria que ven de Chaves polo val do Támega hacia Lucus ou Brigantium, unha vía romana que queda confirmada coma mineira por excelencia.

    Xuño 18, 2012 ás 3:39 pm

    • Moitas grazas Nieves pola túa achega. Parécenos unha proposta interpretativa moi interesante que non tiñamos contemplado inicialmente e que, como ben explicas, podería ser unha explicación coherente e fundamentada da peculiar formación da Moura.

      Xuño 18, 2012 ás 7:00 pm

    • Luis

      Nieves puedes contactar conmigo, soy amigo de juanjo y hace tiempo que no se de el.Un saludo Luis de Campo Lameiro Pontevedra

      Xullo 4, 2012 ás 9:03 pm

      • juanjo amado

        Ola Luis.Son Juanjo.O meu correo:aguanllu@gmail.com

        Xullo 7, 2012 ás 7:07 pm

  2. Partindo da excelente hipótese de traballo de Nieves está claro que o lugar ten, en calquera caso, un interese enorme para o patrimonio cultural galego do que deberían tomar boa conta as administracións públicas e dispor, como consecuencia deste e doutros casos similares, dunha liña de comunicación o mais ampla e operativa posible, de xeito que persoas tan xenerosas ca sociedade galega, como é o caso de Jose Antonio Gavilanes poidan ou poidamos efectivamente, colaborar na defensa activa dos bens culturais e do seu entorno.

    Como vemos na achega de Nieves, a densidade de contidos culturais, que sempre son activos susceptibles de proporcionar beneficios económicos á sociedade, é moi elevada neste lugar inda enigmático.

    Xuño 21, 2012 ás 12:16 pm

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s