"O blog da SAGA"

O CASO BLANCO ROMASANTA.” ―¿Cúyos son aquestos huesos? ¿Cúyas estas calaveras? ―Hombres fueron que he matado por que no me descubrieran.” Versión correxida e ampliada

Por Miguel Losada. Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega

Durante os dias 1, 2 e 3 deste mes de santos téñense celebrado na vila de Allariz as xornadas sobre o caso do lobishome  Manuel Blanco Romasanta e as novas arredor da súa peripecia.

Os irmáns Felix e Castor Castro levan  anos traballando neste asunto e podemos afirma que os seus achados ó respecto son asombrosos. Como xa saberán,  pois a repercusión mediática ten sido salientable, os irmáns Castro localizaron as pegadas documentais que Blanco Romasanta deixara logo do xuízo e que levaban cara Ceuta, onde localizaron a súa partida de defunción e moi probablemente, o lugar onde foron a para os seus restos. Mais esta será, doutra volta, obxecto de mais revelacións por parte destes investigadores.

Agradezo a Castor Castro esta foto e o comentario que segue e que millora o que expoño arriba.  “A primeira inscrición archivística oficial que atopamos foi a anotación do oficio do seu cabodano na súa parroquia, Sta. Eulalia de Esgos (Sta. Olaia)”. Grazas pola corrección.

Percorreron os arquivos, as bibliotecas públicas ou non e por riba de todo, percorreron  a serra, o Macizo Central Galego, na procura dos escenarios e das testemuñas que, inda hoxe, refiren como aqueles feitos extraordinarios ficaron gravados na memoria da xente. Poden  seguir, da man dos autores[1] o avance das pescudas.

O Macizo Central Galego

Debuxo de Urrabieta na revista “La Ilustración”

Mais contaban cunha vantaxe. Semellantes acontecementos, mesmo sendo abraiantes, pode que non tiveran ficado con tal fondura no imaxinario común de non ser polo feito de que aconteceron nun contexto antropolóxico ben definido no cal todo o correlato fáctico resultaba coherente dentro dun sistema de referentes culturais que acolleron e integraron os sucesos coma algo terrible, inda que “certo” no tanto que factible.

Felix Castro na súa intervención.

Xunto á presentación destes investigadores, presentouse outro documento abraiante.  Froito do traballo forense de Fernando Serrulla[2] e de Marga  Sanín[3]  e logo de meses de estudo dos datos facultativos, antropométricos e os propios da antropoloxía física descritiva escolmados da copia dixital da Reseña da Causa, presentouse unha proposta  de reconstrución do rostro de Manuel Blanco Romasanta  dúas dimensións e tamén coma un busto.

Serrulla e Sanín xunto co busto de Blanco Romasanta.

A principal fonte de coñecemento dos feitos acontecidos, foi a copia dixital da Reseña da Causa aberta naquel tempo, 1852,  en razón dos delitos que perpetrou Blanco Romasanta. De resultas do traballo de instrución desta  peza xurídica ficaron grande cantidade de elementos de xuízo que permiten unha aproximación polo camiño da obxectividade cara esta reconstrución. Mais os mesmos autores do traballo forense indicaron a relevancia de ter en conta tamén a presenza de moitos elementos valorativos, subxectivos pois, incorporados neste sumario. A metodoloxía[4] de traballo cinguiuse pois a estritos criterios científicos que permiten aproximar os resultados das reconstrucións faciais ós rostros reais que efectivamente existiron.

Os irmáns Castro achegaron ademais outro interesante documento gráfico como foi o retrato realizado polo ilustrador Urrabieta e publicado na revista “La ilustración”.

Igualmente abráiante foi a hipótese de traballo trazada ou retomada[5] polo médico forense: Blanco Romasanta era unha muller.

De feito consta que foi inscrita como Manuela na súa parroquia de Stª Eulalia de Esgos, Ourense e que, como declararon moitas testemuñas durante a instrución, o encausado desempeñábase moi ben en tarefas que daquela eran propias ou mesmo exclusivas das mulleres, como coser e outras.

Segundo esta hipótese Blanco Romasanta, que medía uns 140 cm, tería sido unha nena aparentemente normal até un momento da súa infancia, mais como tería padecido unha pouco frecuente enfermidade xenética coñecida como pseudohermafroditismo femenino, experimentou despois, a partires da súa puberdade,  un proceso de masculinización dependido do aumento patolóxico na produción de andróxenos do seu corpo.

Esta enfermidade é transmitida polos proxenitores mais dun xeito autosómico e recesivo, o cal quere dicir que ámbolos dous, pai e nai, haberán de ser portadores e transmisores da información xenética segundo a cal a persoa non produce a enzima 21-hidroxilasa no seu corpo.

Cando alguén nunha fase transcendental na formación da súa personalidade ten que sufrir semellante transfiguración, é factible que isto ocasione un conflito na psique desa persoa. Se isto acontece na Galicia do século XIX, nunha remota e culturalmente arcaizante, serra na que inda perduraban o antigo sistema de  referentes e as tradicións mais propias do antigo réxime, é coherente pensar que aquela metamorfose, o desacougo hormonal, o hirsutismo progresivo e o resto de manifestacións puideran ter alterado a percepción que a pequena Manuela tivera dela e do mundo que coñecía. Pódese pensar que ela, a súa mente,  tentaría “resolver” ou encaixar aquela distorsión acudindo á equipaxe simbólica que fornecía  a cultura na que naceu. E esta cultura da serra, dos camiños e das invernías estaba aí para darlle respostas. Algo que calquera mente humana precisa. Na súa plausible disforia de xénero[6] Blanco Romasanta pode ser que se volverá cara aquilo que podía actuar contra o desacougo, volveuse cara un mundo, antigo e vasto, no cal xa no era mais un ser difuso e marxinal. Segundo as leis que gobernaban ese mundo, Blanco Romasanta, camiñante, hirsuto e cun corazón estraño por fora e salvaxe por dentro, volveuse lobo. Era o seu rol na serra.

Unha fonda tradición contribuía a dala cheda no proceso de acomodación. O lobo da xente[7] e outros casos falan de lobishomes, unha muller transmutada no caso recollido por Risco, o cal é interesante xa que tamén acontece así noutros ben documentados. Pode que o mais estudado fose un que tivo coma escenario outro inda ben distante da serra ourensá, mais a distancia física fica moi diminuída pola proximidade e identidade discursiva dos acontecementos. Trátase do que sucedeu nos anos trinta e corenta do pasado século cando Teresa Pla Meseguer, alcumada “La pastora” foi acusada de perpetrar 29 mortes. Teresa Pla foi un dos maquis mais buscados pola Garda Civil e a súa historia tense convertido en lenda popular. Naceu nunha serra, e viviu en soidade, como criada pastora polos cumios. Dotada dunha forza prodixiosa[8], Teresa Pla alcumada “Teresot” foi tamén obxecto doutro libro[9] no que se estuda a súa faceta como guerrilleira dentro da Agrupación Guerrillera de Levante AGLA.

Outras personaxes que puideran estar na órbita da categoría que acollería a Blanco romasanta, son as “serranas” que autores como Juán Ruiz, o Arcipreste de Hita[10] recollen[11] seica dun arquetipo anterior: o das serranas “Feroçes, espantosas” como recolle a Serranilla de la zarzuela[12], moi coñecida no Século XVI

“Andando perdido, de noche ya era,

Por una montaña, desierta, fragosa,

Fallé una villana, feroce, espantosa,

Armada su mano con lança porquera.”

 Ó mesmo tempo que Nunha serra atopa o arcipreste á serrana chamada a “chata” a cal intimida e extorsiona o viaxeiro:

“Yo guardo el portadgo e el peaje cojo

el que de grado me paga non le fago enojo,

el que non quiere pagar, priado lo despojo;

págam’ tú, si non verás cómo trillan rastrojo”

Outra serrana carga ó lombo ó arcipreste e corre con el costa arriba

Tomóme rezio por la mano,

en su pescueço me puso

como a çurrón liviano

e levóm la cuesta Ayuso:

“Hadeduro, non te espantes,

que bien te daré qué yantes,

como es de la sierra uso”

O arcipreste descrebe á serrana. Hirsuta, corpuda:

En [e]l Apocalipsi Sant Johan Evangelista

non vido tal figura nin de tan mala vista;

(…)

el su pescueço negro, ancho, velloso, chico,

(…)

dientes anchos e luengos, asnudos e moxmordos,

las sobreçejas anchas e más negras que tordos

(…)

Mayores que las mías tiene sus prietas barvas

(…)

Más ancha que mi mano tiene la su muñeca,

vellosa, pelos grandes, pero, non mucho seca;

boz gorda e gangosa, a todo omne enteca,

tardía, como ronca, desdonada e hueca.

Outra “serrana” nunha cantiga popular da serra de Gredos (La Vera)

Allá en Garganta la Olla,

en la Vera de Plasencia,

salteóme una serrana

blanca, rubia, ojimorena;

trae recogidos los rizos

debajo de la montera;

(…)

Tomárame por la mano

para guiarme a su cueva;

(…)

Dióme yesca y pedernal

para que lumbre encendiera,

y al resplandor de la llama

vi un montón de calaveras:

―¿Cúyos son aquestos huesos?

¿Cúyas estas calaveras?

―Hombres fueron que he matado

por que no me descubrieran.

(…)

Entre o ceo a terra: a serra

Relatan os irmáns Castro como arredor de Blanco Romasanta, actuaron toda unha pléiade de individuos  sen os cales todo puidera ter sido ben diferente. Un crego, Pedro Cid, que foi amo de B.R. e que declarou que tocante ós crimes, “sólo sacaba a la gente ruin”[13], un  eufemismo negro coma a noite. Tamén actuou un misterioso falsificador  de documentos oficiais, entre eles un pasaporte de 1851. ( Corrixo neste punto a miña redacción anterior grazas a Castor Castro):

” Neste punto, o pasaporte falso que lle fixeron manuscrito en decembro de 1851 foi non ao seu nome, senón cunha identidade falsa, Antonio Gómez de Montederramo. No pasaporte manuscrito incluíase a petición de que non se lle impedira o tránsito e se lle facilitase un pasaporte en impreso oficial no primeiro lugar que os houbera, cousa que consegue en Vilariño de Conso, e é co segundo co que fuxe para Castela.”

Grazas de novo.

Si , requiríase tal documento naquel intre histórico. Boticarios de Chaves en Portugal, que declararon non coñecer de nada ó reo. Mesmo una sorte de personaxes “virtuais”, don Genaro e don Antonio valencianos segundo a declaración do autoproclamado lobishome, cos que tería andado, alobados os tres, polos altos montes do Macizo Central e dos que non consta a súa existencia “real” ou se facían parte dalgunha caste de delirio.

Aparece tamén ben documentado, de xeito indiciario cando menos, o comercio de graxa humana e doutras partes do corpo, como un produto “medicinal”. Así o constata a abondosa bibliografía exhibida polos irmáns Castro, coma a “Palestra Pharmacéutica chymico-galenica “ do ano 1763 e no que se describen as propiedades farmacolóxicas de, por exemplo o “cranio humano obtido dunha morte violenta”[14]. Moi interesante resultou tamén a constatación da realidade , fáctica, dunha tradición recollida na parte sur da serra, na contorna de Laza, segundo a cal Blanco Romasanta tería sido descuberto nunha cova no intre de facer unha caldeirada cun ser humana, dis que unha nena. Neste relato, o lobishome era descuberto por unha veciña á á que lle encargara velar un pote , grande, posto no lume e ó cal non debía tirar o testo. Ela non fixo caso e cando foi mirar viu una man aboiando no líquido, fuxiu perseguida polo lobishome que non a apañou.  Este relato tan “arquetípico” e considerado un conto resultou ser case unha transcrición directa de feitos que a causa recolle como probados, e xa que logo, un exemplo de cómo as tradicións populares poden actuar, tamén, como  fonte de coñecemento fáctico ademais de simbólico cando unha sociedade conserva os seus acenos identitarios.

A outra grande personaxe que foi revelada nesta serie de palestras allaricenses, foi a Serra. Moitos lugares deste mundo que é o Macizo Central operan case que como catalizadores dos acontecementos, configurando de xeito decisivo a capacidade de actuación de contrabandistas, arrieiros, pregos, gardas civís, criadas, boticarios, notarios,amos e criados, entre outras categorías. A serra coma escena, onde todo isto foi posible só por que a Serra forneceu dos contidos (iso que chamamos a cultura), materiais e inmateriais que o fixeron improbable mais certo.

Recomendamos, pois seguir os traballos dos irmáns Castro, de Serrulla e Sanín e das xentes, bos coñecedores da serra,  que con eles colaboran.


Blanco Romasanta. ©Marga Sanín-Fernando Serrulla, 2012 C.R.P.I ou125/12

U. Antropoloxía Forense. Ins. Medicina Legal de Galicia

[1] Páxina dos Castro. http://musicarabeosa.wordpress.com/tras-as-pegadas-de-romasanta/

[2]Médico Forense. Especialista en Antropología Forense. Unidad de Antropología Forense. IMELGA.   Colaborador do Anuario de Antropoloxía e historia de Galicia, Fol de Veleno, editado pola Sociedade Antropolóxica Galega.

[3] Artista Forense. Unidad de Antropología Forense. IMELGA.

[4] Un exemplo, De Serrulla xunto con M. Gómez, que ilustra a técnica da aproximación facial forense. http://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S1135-76062008000300010&script=sci_arttext

[5] Mariño Ferro , Xosé Ramón. Manuel(a) Blanco Romasanta. O lobishome asasino. Ed. Nigratrea. 2007.

[6]  Emoción oposta á euforia e que pode cursar con malestar, ansiedade, irritabilidade http://es.wikipedia.org/wiki/Disforia

[7] Recollido por Vicente Risco no libro O porco de pé e outras narracións. Pp.223-234.  Ed. Galaxia 1972 ”…foi perto de Trives, e inda vive quen mo contou…”

[8] Alicia Giménez Bartlet. Donde nadie te encuentre. Ed Destino 2011.  ”.. A los quince o dieciséis años ya tenía una fuerza como cinco hombres juntos(…)A veces había que cargarse una oveja de las grandes al hombro. Yo me cargaba de un solo golpe una oveja que llegaba a pesar medio cafís.(…)O sea que me echaba encima una oveja viva de ochenta kilos.”. P.103.

“¿Atrápalo y traelo, atrápalo Pastora! Empecé a correr como nunca he corrido en mi vida, a zancadas grandes, con fuerza, imaginándome que era un pero para correr más, para estirar y encoger las piernas como ello hacen.”P. 346.

[9] José Calvo Segarra. La pastora. Del monte al mito.” Ed. Antinea 2009.

[10] Juan ruiz “Arcipreste de hita “Catigas de la Serrana. Probar todas las cosas el apostol lo manda”

[13] 1ª peza do sumario. Folio 88

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s