"O blog da SAGA"

DESTRUCIÓN DO PETRÓGLIFO DO PENEDO DAS GRALLAS. Laza, Ourense.

O Comunicado da Asociación Cultural Alto Támega:

Texto e imaxes do comunicado: Asociación Cultural do Alto Támega

“ DESTRUÍDO POR UN BULLDOZER UN PETRÓGLIFO, E AFECTADA UNHA MINA DE OURO ROMANA EN LAZA

A Asociación Cultural Alto Támega de Laza denuncia a destrución recente do PETRÓGLIFO “O Penedo das Grallas” no pobo do Navallo, parroquia de S. Pedro de Castro de Laza e a afección a unha mina de ouro romana no límite entre as parroquias de Laza e Castro de Laza, por maquinaria pesada que traballaba nos cortalumes fai uns poucos días.

Consideramos esta afección á nosa cultura moi grave, os dous xacementos estaban sen catalogar porque foron recoñecidos recentemente pola Asociación Cultural, e aínda non nos dera tempo de comunicarlle a Patrimonio a súa existencia.

Na mina de ouro foi removida a terra de varias canles de condución de auga e parte dela quedou soterrada pola terra do cortalumes.

A peor parte levouna o PETRÓGLIFO do Penedo das Grallas, que quedou practicamente destruído ó pasarlle por enriba un bulldozer.

Este PETRÓGLIFO tiña unha lenda que dicía que o cabalo de Santiago saltou dende aquí ata o penedo da Gándara Vella. Os gravados constaban de 25-30 cazoletas ou coviñas, algunhas de tamaño moi considerable, distribuídas por toda a superficie da rocha de lousa.

Cando menos, no recoñecemento do PETRÓGLIFO, fixemos un esbozo e unhas fotos que achegamos para ilustrar esta pública denuncia.

Estaba no entorno dunha zona moi rica en petróglifos sobre lousa, algo pouco común en Galicia, preto da Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas en Laza, unha estación con dez penedos con gravados de ferraduras, podomorfos, cruces, coviñas, símbolos fálicos, mans … cunha importancia patrimonial indubidable, e que están sendo divulgados e visitados en andainas patrimoniais organizadas pola Asociación Cultural.

Solicitamos da administración competente e da sociedade en xeral unha maior sensibilización hacia o noso patrimonio irrepetible, e un control máis exhaustivo dos traballos con maquinaria pesada no monte, para que feitos coma éste non se volvan repetir.”

Penedo das Grallas . Esquema

O Penedo das Grallas antes dos Danos

Destrución do petróglifo do Penedo das Grallas. Laza, Ourense.

Texto e fotos Miguel Losada

Nalgures, no concello de Laza, na Galicia ourensán e mais austral, existe unha ignota estación da arte rupestre galega, composta por numerosas penelas esquistosas, rochas de lousa nas que se poden ver gravados rupestres dun valor único e insustituible, resaltado polo feito mesmo de ter como base esta caste de rocha.

Penedo das Pisadiñas.

Símbolos na beira do antigo camiño

Cruciformes do Lastredo.

“Tridente” aproveitando unha veta de xeixo na rocha de lousa

Podomorfos, “pisadiñas” que sobrancean na estación.

“Tesoiras da Virxe”. Tamén moi abondosas.

Xunto con Nieves Amado[1], arqueóloga, e Hector Salgado, lutier e grande coñecedor da zona e das tradicións locais, percorremos en varias ocasións os montes deste val no que pouco mais abaixo teñen  aparecido nos últimos tempos, outros obxectos[2] que tamén son moito mais que obxectos.

No verán de 2012, membros da “Asociación Cultural Alto Támega” fixéronnos a honra de nos ilustrar e acompañar no percorrido por este abraiante lugar no que, á beira dun antiquísimo camiño acomodado á paisaxe de reviravoltas do río Támega, xa era coñecido o denominado “Penedo das Pisadiñas”.

Signos na beira do camiño.

Nesta pedra, as formas gravadas son coviñas[3], “mans”, “pes”, “tesoiras”, “ferraduras”…de xeito que na tradición local tería sido a Sagrada Familia a que parou a descansar na súa xeira polo mundo deixando como hierofánica manifestación do seu paso, todo este programa de impresións na pedra.

Mediante a simple observación dos penedos circundantes, na procura de bos observatorios cara o val, resultou que moitos deles, moitos, estaban tamén petrografados con motivos diversos, como cruciformes, e outros. Seguimos así en varias ocasións a Hector Salgado e a Nieves Amado por unha paisaxe sutilmente modificada polos signos, en tanto que manifestacións materiais e perceptibles, os cales están dispostos en lugares estratéxicos nos que deberon dar conta de certos obxectos así representados moi probablemente ca intención de interpelar ó camiñante.

A existencia dunha enigmática mina de ouro na mesma zona, en proceso de estudo tamén por Nieves amado, que carece de nome e referentes na tradición local, non debeu ser precisamente unha simple continxencia.

O solar da mina sen nome.

Efectivamente esta paisaxe, ou mais ben territorio, así disposto, tivo unha carga semiótica. Fala dunha sociedade pretérita que quixo expresarse usando coordenadas de espazo e tempo e que, ó facelo, creou arte nestes sitios, os gravados rupestres do Lastredo e arredores.

Deste xeito, estas expresións da mente humana que atravesan o tempo até nos, e mais aló, constitúen impagables datos científicos ó tempo que potentes manifestacións artísticas inda por estudar.

Deixaríamos perder, como sociedade, e sen artellar as medidas pertinentes, calquera forma do noso patrimonio? Sería un erro para o presente, que ficaría mais pobre e recortado e incorreriamos nunha deslealdade cos que haberán de vir no futuro.

Así as cousas, aconteceu o que non deberá ter acontecido. O petróglifo recentemente descuberto polos amigos da Asc. Cult. Alto Támega, e coñecido como petróglifo do “Penedo das Grallas”, ten sido destruído estes días por unha máquina que reavivaba un cortalumes. Varias decenas de coviñas inda por estudar, xa que inda non dera tempo de catalógalo, foron danadas de xeito irreversible cando incluso o “Consejo Superior de Investigaciones científicas”, CSIC, estaba interesado en estudar o conxunto. Agora, unha parte deste xa non existe ou está moi alterado.

Verificando os danos

O lugar dos feitos

Causas e consecuencias haberán de ser deslindadas noutras instancias.

Mais unha consecuencia si que debera ser tirada destes feitos: Coñecer para protexer. Artellar os medios para poder dispor dun inventario dos nosos activos culturais. Facelos visibles e evidentes. Propiciar as canles de retroalimentación entre a xente, a sociedade, e o seu patrimonio cultural.

Iniciativas como a do proxecto patrimonio galego .net[4] e outras como as do profesor e divulgador Manuel Gago[5] ou o traballo a prol da Cultura, con maiúscula, da Asociación Cultural do Alto Támega en Laza,  érguense como exemplos de Cambio social e dos seus “tags” positivos: innovación, difusión, participación.

Xa non hai “illas” culturais, probablemente porque todo o mundo é unha insua, global. Galicia non é unha excepción, e neste contexto no que novos activos terían, sen dúbida, un gran efecto multiplicador non so económico, mais tamén moral, a destrución do patrimonio cultural representa percorrer un camiño, mais varios pasos cara..ningures.


[1] Nieves Amado Rolán. Arqueóloga. Autora do inventario arqueolóxico do Concello de Laza. Colaboradora da SAGA.

[3] Neste caso estas pequeñas  “cuncas “  son de dimensións maiores do habitual.

[4] http://patrimoniogalego.net/index.php/author/gavilanes67/. Un exemplo: Gavilanes 67 , Catalogador senlleiro e colaborador da SAGA.

[5] http://www.manuelgago.org/blog/index.php/o-autor/ Manuel Gago é xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor de Capítulo 0. Colaborador da SAGA.

Advertisements

3 Respostas

  1. Este texto de Manuel Gago ilustra ben a importancia dun xacemento arqueolóxico.

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2012/11/19/os-sitios-arqueoloxicos-como-obxectos-culturais/#more-22118

    Novembro 20, 2012 ás 7:47 am

  2. Unha barbaridade, a ver se podemos ir un día a velos. Apertas e noraboa polo traballo que estades facendo

    Decembro 3, 2012 ás 12:03 pm

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s