"O blog da SAGA"

PROXECTO ALTO TÁMEGA. COMEZOU O TRABALLO DE CAMPO.

Aproximación ó coñecemento do Alto Támega.

Hoxe comezaron as actividades relacionadas ca adquisición dun mellor nivel de coñecemento sobre a prehistoria recente do Val do Alto Támega, Ourense.

Imaxe

Petróglifo das Covas Rubias. Detalle. Foto SAGA.

Onte tivemos unha reunión informativa con veciños de Laza Monterrei, Castrelo, Verín e contorna en xeral.

1174568_501581723267898_70181431_n
Miguel Losada e Beatriz Comendador

Con esta primeira actividade tentamos “sintonizar” ou afinar o gran instrumento que vai xurdir da sinerxia entre a sociedade deste val, e os especialistas.  Uns dominan os espazos físicos. Os segundos son os “señores do Tempo”. Todos sumamos xa que a comunidade, calquera comunidade, ten que ser mais que a suma das súas partes ou probablemente xa non será.

533756_501581653267905_1052579129_n

Imaxe

Petróglifo das Pisasiñas. Detalle. Laza. foto SAGA

Na SAGA pensamos que esta é a maneira de acadar o obxectivo de que cada esforzo realizado signifique un paso cara un bo destino. Ó igual que no proxecto do castro de mallou ou no espazo dos Sete camiños, velaiquí andamos de novo. Aprendendo e documentando todo aquilo que vai a prol da Cultura de Galicia.

O equipo de traballo da U. Vigo ten como base das súas intervencións o albergue do Concello de Castrelo do Val.  Eis un vídeo sobre o traballo do primeiro dia.

Eis un resumo do proxecto.

O Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo inicia o proxecto Alto Támega: Accións na Paisaxe Patrimonial.

O proxecto Alto Támega: Accións na Paisaxe Patrimonial, é un proxecto interdisciplinar dun conxunto de profesionais da Arqueoloxía, da Xeografía Física e das Ciencias e Técnicas Historiográficas pertencentes ao Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) e ao Grupo de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas, ambos da Universidade de Vigo. Conta coa colaboración activa do tecido asociativo cultural da comarca, como representa a Asociación Cultural Alto Támega e a  Sociedade Antropolóxica Galega.

O proxecto se formaliza mediante a intervención en catro temáticas que reflicten a relación entre a paisaxe natural e cultural do curso alto do Támega e que se concretan en catro accións concretas:

1.ºA paisaxe rupestre. ACCIÓN 1:O estudo, rexistro e posta en valor dos petróglifos do Penedo das Pisadiñas (Laza) e Covas Rubias (Monterrei).

2º. A paisaxe da Prehistoria Recente. ACCIÓN 2:A revisión e estudo territorial dos xacementos da Prehistoria Recente do val do río Támega (concellos de Laza, Castrelo do Val, Monterrei, Verín e Oimbra)

3º. A paisaxemineira: patrimonio industrial xeolóxico e mineiro. ACCIÓN 3:Unha primeira aproximación documental ao estudo do patrimonio industrial xeolóxico-mineiro da zona, especialmente referido ás minas de Arcucelos e Vilameá.

4º. A paisaxe cultural: identidade e recursos patrimoniais. ACCIÓN 4: A proxección destes recursos mediante accións de dinamización social e cultural en colaboración con diversas asociacións e entidades, concretamente a Asociación Cultural Alto Támega e aSociedade Antropolóxica Galega, que están a revitalizar, dinamizar e protexero patrimonio natural e cultural ata o de agora descoñecido.

O proxecto incorpora metodoloxías de rexistro tridimensional da arte rupestre, ou a realización dun estudio piloto multidisciplinar sobre as cavidades presentes nas rochas,así como unha diagnose do seu estado de conservación, valorando unha serie de parámetros naturais e antrópicospara a estimación dos riscos e grado de vulnerabilidade ao que están sometidos estes xacementos arqueolóxicos.

O proxecto insértase nun modelo de traballo comunitario en conxunto coa comunidade local e entidades diversas, tanto na construción do coñecemento como na súa difusión. Ao tempo, apoia á liñas de traballo de novos investigadores vinculados ao GEAAT.

Con esta actuación trátase de fomentar e potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais deste val e contribuír á súa valoración e conservación, procurando o desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense.

A intervención arqueolóxica estará dirixida polo arqueólogo e investigador predoutoral da área de Prehistoria, Félix González Insua.

O estudo morfométrico das cavidades será realizado por Elena de Uña, Profesora Titular da área de Xeografía Física, especialista en paisaxes graníticos.

A diagnose do estado de conservación e estimación do risco ao que están sometidos os petróglifos aplicará a metodoloxía recentemente desenvolvida por Iria Sinde Vázquez, no seu traballo de remate do Máster en Tecnoloxías para a Protección do Patrimonio Cultural Inmoble da Uvigo.

A coordinación da aproximación documental ao patrimonio xeolóxico e mineiro será coordinada por Beatriz Vaquero Díaz, Profesora Contratada Doutora da Área de Ciencias e Técnicas Historiográficas.

Obxectivos do proxecto:

•      Potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do Támega e contribuír á súa valoración e conservación, completando a ampla oferta natural xa existente, procurando a transferencia e o desenvolvemento social e económico desta comarca da provincia de Ourense.

•      Estudo interdisciplinar de dous conxuntos de gravados rupestres/petróglifos dunha comarca que se sitúa fora do ámbito tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega.

•      Deseño dun protocolo de campo utilizando técnicas morfométricas e estatísticas co obxectivo de crear unha diagnose das cavidades de orixe humano e/ou natural presentas nas rochas, como paso previo ao emprego de datacións absolutas sobre as mesmas.

•      Revisión dos datos das catalogacións dos xacementos da comarca e incorporación de novos xacementos ó Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia e ós catálogos de bens a conservar dos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipal dos concellos da comarca.

•      Diagnose do estado dos diferentes xacementos do val do Támega e determinación das medidas a tomar polas diferentes administracións para garantir a súa correcta protección e conservación.

•      Obtención dunha primeira aproximación ós patróns de ocupación da paisaxe no val do Támega na Prehistoria Recente de Galicia. Caso de estudio en apoio á Tese Doutoral “Da paisaxe monumental á paisaxe fortificada na Prehistoria Recente do noroeste ibérico” realizada por Félix González. Apertura de liñas de investigación para traballos académicos.

•      Estudo das posibilidades de posta en valor de outros elementos do patrimonio cultural en futuras actuacións sobre este territorio, como o patrimonio industrial xeolóxico-mineiro.

•      Fomento da sinatura de convenios de cooperación educativa para a realización de prácticas para alumnos interesados do Campus de Ourense, especialmente da Facultade de Historia.

•      Apoio e resposta ás asociacións culturais interesadas na revalorización do patrimonio cultural e arqueolóxico da comarca e que canalizan as demandas do tecido socioeconómico no que están insertas… ”

Imaxe

Recomendamos visitar as páxinas   http://verin-natural.blogspot.com.es/  e  http://rexiomontanos.blogspot.com.es/ colaboradoras neste proxecto e  tamén da SAGA. Nelas poderedes ver como é o Val do Támega, o seu mundo complexo e fascinante, unha manifestación cultural e natural propia e singular que fala da amplitude e fondura da cultura de Galicia e do seu medio ambiente.

Word ca imaxe do área de estudo

O Val do Támega

Advertisements

Unha resposta

  1. Pingback: Os petróglifos de Sandín e o camiño do sol ou o porqué dos cadelos que corren atrás dos carros. | SOCIEDADE ANTROPOLÓXICA GALEGA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s