"O blog da SAGA"

Arquivo para Outubro, 2013

Vídeo

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: Na procura dunha fortaleza esquecida. 2º parte

Neste vídeo retomámo-la acción onde a deixamos no anterior video adicado ó ascenso cara o curuto do Castelo de Cerveira. Logo de acada-lo cumio e exploralo, comezámo-lo descenso e nel atopamos de xeito inesperado algunhas sorpresas.

O que fai extraordinario o caso é o feito de que aló no cimo existe un lugar amurallado que abrangue ó redor dunha hectárea de extensión. Un lugar ó que non accederon os carros, por exemplo, un lugar onde mesmo as cabalerías teñen serías dificultades para rubir.

DSC_3458

Esta realidade que pode parecer desconcertante, atopa sentido máis aló dunha aproximación superficial ás características destas serras, xa que este curuto que ocupa o Castelo de Cerveira non está dentro da parroquia de Pedralbar, no concello de Vilariño de Conso, senón que pertence a unha do concello de Chandrexa de Queixa denominada Requeixo. Ámbalas dúas parroquias están comunicadas entre si por un camiño que atravesa, de SE / NO, a parte máis alta do sur da terra de Queixa, acadando 1.700 metros a carón do Monte do Seixo. Outro camiño semellante une os pobos de Pedralbar e As Forcadas, tamén en Queixa , mais neste caso a ruta transcorre algo máis cara ó norte do camiño de Requeixo. Coma no outro caso a dirección sobre o plano é a mesma, co curso paralelo, sobre un perfil e terreos semellantes. Tamén na metade de camiño acadamos os 1.700 m de altura.

DSC_3448

O Castelo de Cerveira fica no medio destas dúas rutas, nun “fondo de saqueta” que remata nunha sorte de balcón sobre a paisaxe do cal, coma de calquera balcón, resulta complicado baixar como non sexa recuando.

Así pois existen dúas vías de acceso que permiten, con bo tempo, atravesa-las alturas. Neste sistema o Castelo de Cerveira constitúe un elemento ó marxe, un lugar que non está articulado no mesmo plano lóxico da mobilidade transterminante. Na estrema dunha parroquia e, xa que logo, na linde con outra na que non está integrado no espazo vital dos veciños. Unha illa que a tradición, como veremos, entendeu poboada por mouros antropófagos, nun arquipélago de cumios e afastada das rutas de navegación.

DSC_3525

Advertisements

PRESENTACIÓN DO LIBRO “ALICORNIO” EN PONTEVEDRA

Hoxe ás 20h presentaremos na Galería Sargadelos de Pontevedra libro “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega” do compañeiro Rafael Quintía.   Presentará o acto o membro da SAGA João Bieites.

cartaz alicornio ponetevedra


Vídeo

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA. 1ª parte

DSC_3476

As glaciacións deixaron extraordinarias paisaxes, pouco coñecidas, en Galicia. Unha delas é a do espectacular teso chamado Castelo de Cerveira, no corazón da Serra da Queixa, no Macizo Central Galego.

Este lugar é un escenario de dimensións épicas ó cal o paso dos séculos e da Historia engadiron excepcionais e enigmáticos restos arquitectónicos que fican hoxe varados, como aqueles outros que seica están no cúmio do Ararat. No caso do Castelo de Cerveira os restos son tan obxectivos como extranos. Unha gran fortificación ben conservada e “náufraga” no cimo dun monte que semella unha xigantesca proa.

Este é o video que acompaña ó relato da ascensión da SAGA a este curuto e do que aló atopamos.

LIGAZÓN DO ARTIGO:

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/10/15/o-enigma-do-castelo-de-cerveira/

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA. 1ª parte


Enlace

ENTREVISTA Ó COMPAÑEIRO RAFAEL QUINTÍA NA RADIO GALEGA CON MOTIVO DA PUBLICACIÓN DO LIBRO “ALICORNIO”

LIGAZÓN:

Entrevista a Rafaél Quintía Pereira na Radio Galega

Rafa Quintía percorre neste audio os mundos do alicornio en Galicia. Das escuridades das orixes do mito até as diversidades do ritual de sanación.


Imaxe

Cartaz da Presentación en Verín

Cartaz da Presentación en Verín

Recomendamos tamén a interesante charla de Luis García Mañá que terá lugar o mesmo día venres pola ás 12 h do medio día. Se poden non a perdan tampouco.


Imaxe

Presentacións do libro de Rafael Quintía Pereira “Alicornio. O poder do corno do alicornio na mediciña tradicional galega”

Presentacións do libro  de Rafael Quintía Pereira, Presidente e fundador da SAGA Alicornio. O poder do corno do alicornio na mediciña tradicional galega

O venres día 18 de outubro de 2013 estaremos na biblioteca pública de Verín e ó día seguinte estaremos na Fundación Vicente Risco de Allariz, contra as 20.30 h


O ENIGMA DO CASTELO DE CERVEIRA

DSC_3447

Neste post, adiantamos algúns dos contidos que publicaremos con moita máis extensión no próximo número, o 4, do Anuario Fol de Veleno 2014 da SAGA. O motivo de facelo agora aquí, no blog da SAGA, é servir de acompañamento ó vídeo relacionado con este tema, e que imos dividir en dúas partes. A primeira publicarémola nestes días e a segunda nos vindeiros.

O enigma do Castelo de Cerveira.

En Galicia inda existen grandes preguntas sen respostas que den cabo delas. Atinxen, moitas veces, ó cerne dos acontecementos históricos que encetaron o camiño que ten levado á sociedade presente até as coordenadas económicas, sociais, políticas e antropolóxicas en xeral, que hoxe ocupa.

É por iso que encher semellantes baleiros do coñecemento mediante a disposición dos recursos axeitados proporcionaría unha imaxe con millor resolución da actual situación e posición no mundo que ocupa, hoxe en día, Galicia.

Existen inda nesta terra lugares que agochan respostas á altura das cuestións que prantexan. Unha das áreas especialmente interesantes no tocante a estes enigmas é o Macizo Central ourensán co seu dondo cumio, a Cabeza Grande de Manzaneda,  exercendo de fito absoluto de todas as perspectivas.

ImaxeO Nunatak do Castelo de Cerveira

Neste contexto de alta montaña un dos lugares elevados a unha categoría próxima á que atinxe ós mitos é o Castelo de Cerveira. Un curuto illado, no medio dunha alta serra. Hostil e bravo. Zorregado por tódolos ventos. Un dos pode que tres ou catro lugares iniciáticos ós que subían, subimos, os mais afoutos e bravos dos mozos destas serras.

Imos tentar explicar o por que da épica daquelas viaxes.

DSC_3452

Aló temos rubido, pois, os integrantes sa SAGA co albo de proporcionar algúns elementos para a reflexión e que eventualmente, puideran aclarar algunhas das cuestións mais importantes ó respecto deste lugar.

ImaxeSubida ó castelo de Cerveira pola súa aba este.

Por que a primeira desas cuestións é saber que é a construción que foi feita nese alto. Xa que tal extremo non fica nada claro, en absoluto. Oficialmente, e tal como figura nun panel indicativo disposto no inicio da ruta que leva até aló, pode tratarse “ …dun castro, dunha construción defensiva romana ou ben ter unha orixe medieval.” Nalgunhas outras, moi poucas, publicacións ó respecto adoitan indica-los autores que, segundo a consellería de medio ambiente (Sic.), semellante estrutura é un forte romano.

DSC_3492

Para nós, a SAGA, a día de hoxe e a falla dun traballo de investigación arqueolóxica en profundidade, non podemos asegurar cal é a súa orixe histórica, mais si podemos intuir que a súa estrutura dificilmente pode ser identificada cun asentamento castrexo e co que realmente  se corresponde o castelo de Cerveira é cunha gran fortificación construída nun cumio que acada preto dos 1550 msnm. na Serra de Queixa, Ourense. As súas coordenadas son 42º11´52.95´´ N / 7º18´32.78´´O.  A  que tipo de fortificación se corresponde, a canta xente podía albergar e cal puido se-la súa funcionalidade é algo que tentaremos responder no artigo que publicaremos en Fol de Veleno.

Mais describamos agora este magno recinto fortificado.

DSC_3461

O castelo de Cerveira abrangue uns 10500m2 de superficie total. Ten un perímetro duns 430 m e foi provisto de 250 m lineais de murallas, principalmente nas orientacións Sur (un tramo de 100 m e outro de 50 cunha porta ou abertura entre elas) e Oeste ( no que aprecia unha pequena abertura que puidera ser un derrube). Tamén conta cun menos extenso, 30 m cara o Noroeste. Estas medidas foron tomadas da ferramenta ad hoc  do Google Earth.

ImaxeO forte visto por Google earth

Entre os recunchos NO e SE pódese trazar unha liña diagonal ideal duns 150m. Entre os SO e o NE outra da mesma mensura que converxerían na zona central do recinto, nas proximidades da súa máxima cota. Da superficie total, o 76% é rochedo, espido e alto, cara o Norte e o Este.

DSC_3496

O 24% ten aptitudes habitacionais, herboso e chairo,  cara ó Oeste e ó Sur. O rochedo son penedías de xisto nas que atopamos diques de seixo. No espazo con forma de “L” que fica configurado deste xeito obsérvanse en superficie varias cabanas feitas ca mesma pedra deste monte. Con grande probabilidade a extraída do mesmo cumio.

DSC_3498

As cabanas teñen un eixe maior moito mais longo que o menor, duns 20 x 4 m e están orientadas tanto ó Norte coma cara ó Oeste. Os seus muros acadan os 0,6m. Case que todas, o 80%, ocupan a parte cara o poñente inda que esta é mais estreita que a parte cara o Sur.

DSC_3483

Nesta grande “aira” do mediodía atopamos dúas cabanas en bo estado, coma as outras. A maioría das do recinto, están apegadas contra as murallas. As dúas do Sur están próximas á abertura do valo perimetral, mesmo a carón unha delas e algo mais afastada a outra. Ámbalas dúas totalmente achegadas á muralla.

ImaxeSobre a muralla Oeste. Cabana.

ImaxeDebuxo de campo da SAGA. As cabanas do cumio.

Logo de facer a escalada do teso do Castelo de Cerveira, percorrer o curuto observando e documentando as edificacións que aló se atopan, dirixímonos cara o oeste na procura dun camiño de acceso “regular”.

DSC_3490

Non o atopamos, xa que non o hai,  mais demos con outros interesantes achados entre os que destacan as escouras metálicas

SAM_1870

e, sobre todo, a cabana en perfecto estado de conservación – grazas ó bó facer do seu dono, o Sr. Baltasar de Pedralbar- que fica nas proximidades da aba sur deste monte.

ImaxeA cabana do Sr. Baltasar. Frontal.

Nela vémo-los mesmos materiais de construción, pedra e madeira da zona inmediata, e o mesmo xeito construtivo sobre un idéntico esquema ou modelo de traballo.

DSC_3513

Esquema da Cabana do Sr. Baltasar. Esquema da cabana do Sr. Baltasar.

Non sabemos se as cabanas do cumio eran exactamente coma estas, mais sen dúbida eran enormemente semellantes. Podemos tomar como hipótese, xa que logo, a continuidade arquitectónica, a adopción dun modelo eficiente ou o paralelismo inducido polas características do medio. En calquera caso un senlleiro elemento da nosa equipaxe cultural galega, coma outros que tamén exporemos no noso traballo ó respecto.

DSC_3521

Tal como deberon ser as cabanas orixinais. Velaiquí a do Sr. Baltasar, co que falamos na baixada.

Coidamos tamén que cómpre entende-lo que significa rubir ó curuto no que se atopa este solitario lugar. A opción máis común, que non a única, é a que consiste en acadar o val do río Conso polo leste do Macizo Central. Compre despois subir até o pobo de Pedralbar, así chamado na fala local, ou Pradoalbar segundo a denominación oficial, temos unha marcha de aproximación de preto de catro Km. Dende este inicio ascéndese dende unha cota de 1100 msnm. que é a que pasa polo medio da parte baixa do pobo, até unha cota de 1224 msnm. na que comeza a subida final.

DSC_3453

Dende este lugar, na xunta dos regatos Cerveira e Berganzo, no pé mesmo do teso, a rampa que leva até o cumio salva, segundo o mapa topográfico escala 1/50000 do exército,  16 curvas de nivel con 20 m de intervalo entre elas. Segundo as medidas tomadas sobre o plano e tendo en conta a escala indicada, na que cada km equivale no mapa a dous cm., a distancia percorrida dende este punto até o cimo é de apenas 400 m lineais correspondentes á proxección en planta do perfil desta aba do monte. A lonxitude a percorrer pola pendente chegaría a uns 512 m e o desnivel superado sería de 320m. Isto quere dicir que en 400 m de distancia haberemos de ascender 320 m. a porcentaxe de subida é pois de 80 cm cada metro. Unha pendiente pois do 80% (lembremos que unha pendiente do 100% representa “solo” un ángulo de 45º).

DSC_3494

É dicir, entendemos que esta ascensión o curuto do Castelo de Cerveira é dura ou moi dura, dada a taxa de incremento de altitude. Haberase de ter en conta ademais que esta pendente é xeograficamente, cóncava. Significa isto que non é constante no seu perfil xa que uns tramos son algo mais pinos que outros sendo algúns tecnicamente subverticais e todos eles “abruptos”.

DSC_3469

O tipo de terreo do ascenso tampouco axuda. Carpazas, carqueixas, uces e fentos compoñen a vexetación mais aparente sobre a que compre pasar. Si, estamos a dicir que, ademais, a subida faise “monte a través”. Bloques soltos procedentes de mais arriba batuxan o chan. Entre eles pode haber buratos ocultos onde meter o pe ou a perna. E cando dicimos ascenso, pode que fose millor dicir escalada. Efectivamente, constatamos que ningún camiño, nin vello nin novo,  leva cara o cume. Nunca o houbo.

DSC_3506

A vida naquel curuto debeu ser apenas supervivencia, polo exiguo e desolado do hábitat destas highlands galegas.

DSC_3474

Intensas tradicións de canibalismo e licantropía arrodean este teso glaciar, como a que narra o triste fado daquela pequena devorada polos “mouros” habitantes deste “castelo”, e que puidemos documentar nos pobos.

DSC_3476

Unha interesante denominación: Cerveira, que ben puidera facer referencia a un sistema defensivo e militar no que reparamos cando investigabamos este asunto. Trátase dos Cervoli ou Cervuli,  defensas semellantes ós galleiros dos cervos e que citan diversos autores latinos.

Evidentemente, quen tomou a decisión de mandar facer o forte do CV debeu ter unha moi boa razón para semellante decisión xa que, se examinamos as condicións de habitación do tal curuto, observamos que o lugar é precario, exposto sobremaneira ós elementos, entre os que cómpre incluír as frecuentes treboadas, os fortes ventos e as grandes nevaradas[1]. Tanto na boa estación como na mala, é mal lugar para verse obrigado a pasar moitos ou cando menos, varios días seguidos, único contexto realista que xustificaría o esforzo construtivo desta fortaleza. Así pois dispoñémonos a analizar varias posibilidades que poideran axudar a descubrir quen o construíu e por que o fixo.


[1] O “Licenciado Molina” na súa descrición do reino de Galicia, refírese no Sec. XV á Serra de San Mamede, nas proximidades rumbo oeste. Esta serra é uns cen metros máis alta que o CV e uns cen metros tamén máis baixa que moitos dos cumios máis próximos ó CV. O autor di dela que é  unha das serras máis altas e bravas do reino de Galicia. Na meirande parte do ano háchase neve nela.

 

ImaxeGalleiro dun cervo. Os Cervoli eran árbores tronzados e deitados, cas gallas aguzadas e dispostas sobre un valo ou no terreo cara o inimigo. Unha solución de emerxencia.

De todo isto trataremos no artigo do novo nº de Fol de Veleno.

En fin, acompáñennos, se así lles parece, nos vindeiros días,  nesta viaxe que en certo sentido foi tamén para nós unha viaxe, ó estilo maxistral de J. Conrad, cara o corazón das tebras.

NAS VINDEIRAS DATAS PUBLICARÉMO-LO  VIDEO: “O CASTELO DE CERVEIRA, VIAXE NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA”.

DSC_3472


PUBLICAMOS “ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA”

A SAGA ven de publicar o libro  “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”. O novo traballo do antropólogo e compañeiro Rafael Quintía. A obra recolle o traballo de oito anos de investigación ao redor do alicornio, un dos obxectos de poder e  amuleto sandador máis versátiles e interesantes da medicina popular galega.

 miniatura portada alicornio - copia

ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

Datos técnicos:
Autor: Rafael Quintía Pereira
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: Branco e negro
Tamaño:20.5×15
370 páxinas
Ano: 2013
I.S.B.N.: 978- 84-616-5814-5

O unicornio é, posiblemente, un dos animais míticos máis universais. Ó seu corno –o alicornio- atribúenselle dende a máis remota antigüidade propiedades sandadoras contra tódolos velenos e moitos máis prodixios. En Galicia, a crenza nos poderes curativos do alicornio callou fondo converténdose a máxica hasta no amuleto por excelencia para cura-lo mal de pezoña e outras doenzas da pel. Neste traballo etnográfico o autor fai un extenso percorrido polo mundo do alicornio e as súas virtudes e ofrécenos unha viaxe na procura dalgúns dos poderosos alicornios que aínda están activos na nosa terra.


Se están interesados en adquirir este traballo poden facelo a través do noso blog póndose en contacto co email da SAGA: infosaga@antropoloxíagalega.org.

 


LENDAS DO CASTRO DE MALLOU

As lendas tecidas ó redor do castro de Mallou adaptadas e contadas para os nenos pola actriz Soledad Felloza. Video realizado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) dentro do seu traballo de colaboración no proxecto arqueolóxico do castro de Mallou  no verán do 2013.