"O blog da SAGA"

Vídeo

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: Na procura dunha fortaleza esquecida. 2º parte

Neste vídeo retomámo-la acción onde a deixamos no anterior video adicado ó ascenso cara o curuto do Castelo de Cerveira. Logo de acada-lo cumio e exploralo, comezámo-lo descenso e nel atopamos de xeito inesperado algunhas sorpresas.

O que fai extraordinario o caso é o feito de que aló no cimo existe un lugar amurallado que abrangue ó redor dunha hectárea de extensión. Un lugar ó que non accederon os carros, por exemplo, un lugar onde mesmo as cabalerías teñen serías dificultades para rubir.

DSC_3458

Esta realidade que pode parecer desconcertante, atopa sentido máis aló dunha aproximación superficial ás características destas serras, xa que este curuto que ocupa o Castelo de Cerveira non está dentro da parroquia de Pedralbar, no concello de Vilariño de Conso, senón que pertence a unha do concello de Chandrexa de Queixa denominada Requeixo. Ámbalas dúas parroquias están comunicadas entre si por un camiño que atravesa, de SE / NO, a parte máis alta do sur da terra de Queixa, acadando 1.700 metros a carón do Monte do Seixo. Outro camiño semellante une os pobos de Pedralbar e As Forcadas, tamén en Queixa , mais neste caso a ruta transcorre algo máis cara ó norte do camiño de Requeixo. Coma no outro caso a dirección sobre o plano é a mesma, co curso paralelo, sobre un perfil e terreos semellantes. Tamén na metade de camiño acadamos os 1.700 m de altura.

DSC_3448

O Castelo de Cerveira fica no medio destas dúas rutas, nun “fondo de saqueta” que remata nunha sorte de balcón sobre a paisaxe do cal, coma de calquera balcón, resulta complicado baixar como non sexa recuando.

Así pois existen dúas vías de acceso que permiten, con bo tempo, atravesa-las alturas. Neste sistema o Castelo de Cerveira constitúe un elemento ó marxe, un lugar que non está articulado no mesmo plano lóxico da mobilidade transterminante. Na estrema dunha parroquia e, xa que logo, na linde con outra na que non está integrado no espazo vital dos veciños. Unha illa que a tradición, como veremos, entendeu poboada por mouros antropófagos, nun arquipélago de cumios e afastada das rutas de navegación.

DSC_3525

5 Respostas

  1. Ana

    Conta a lenda que omapóstolo Santiago, no seu intento de botar a os mouros, saltou a lomos do seu cabalo do monte Cacareiro a o monte do Castelo e que alí quedaron a suás ferraduras impresas na rocha. Unha aclaración mais, cando vexo Pedralbar, ou Pradoalvar ,non me agrada nada. Dende sempre foi Pradoalbar.A súa etimoloxía describe un pobo blanco, tal vez debido a friaxe do inverno nas súas estribacións,ou pode que ésos terreos pertencesen algún día a Casa de Alba.

    Xullo 7, 2015 ás 10:29 pm

    • Graciñas Ana pola información e pola aclaración etimolóxica.

      Agosto 12, 2015 ás 10:53 am

    • De branca non ten nada esa aldea, se cadra é que había un prado cunha albariza no medio e a palabra “albar” funciona neste topónimo adxetivando a “prado”.

      Maio 7, 2018 ás 9:32 pm

  2. Manuel

    En relación ca orixe do nome Pradoalbar, o da casa de Alba lino en algún sitio, pero unha teoría que se me ocorre é que pode ser debido á luz, o val onde está situada a aldea ábrese entre os montes que a arrodean dándolle unha luminosidade sorprendente pola súa situación xeográfica.
    Gracias por aportar coñecementos a todos os que nos gosta esta temática.

    Xuño 18, 2023 ás 12:59 pm

Deixa unha resposta a pedro Cancelar a resposta