"O blog da SAGA"

Arquivo para Novembro 25, 2013

FOMENTO DESTRÚE PARTE DO XACEMENTO DE COESES

O pasado febreiro denunciabamos dende os blogs dos membros da SAGA e dende varios colectivos do país a case inminente destrución dun posible e inédito túmulo atopado no 2011 co gallo das obras  da autoestrada A-54 ó seu paso pola localidade lucense de Coeses. O xacemento en cuestión é unha sorte de túmulo e anel lítico duns 60 metros de diámetro con foxo arredor e muros interiores e exteriores. Na súa contorna tamén se atopou unha posible necrópole de incineración o que supuña un xacemento de incalculable valor arqueolóxico. No seu momento (véxase o post: http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2013/02/07/fomento-quere-destruir-un-posible-tumulo-inedito-en-galicia/ o compañeiro Rafael Quintía  adiantaba a hipótese de que poidésemos estar ante unha importante construción tumular semellante ós que se atopan en Gran Bretaña e Irlanda, algo que tamén apoiaba o historiador e membro da SAGA Xabier Moure.

O reportaxe de La Voz de Galicia recolle algunha das opinións dos compañeiros Xabier Moure e Rafael Quintía sobre o xacemento de Coeses.

1005255_10200191089196516_1689628678_n

LA VOZ DE GALICIA (24 xuño 2013)

IMG

El Progreso - Coeses ten 'xemelgos' británicos__Página_1

Tódolos post publicados no blog de Rafael Quintía sobre este asunto:

http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2013/02/07/fomento-quere-destruir-un-posible-tumulo-inedito-en-galicia/

http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2013/02/11/o-xornal-sermos-galiza-e-outros-medios-fanse-eco-da-posible-destrucion-do-tumulo-de-coeses/

http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2013/02/16/falamos-na-prensa-da-importancia-de-estudar-e-conserva-lo-tumulo-de-coeses/

http://asombradebouzapanda.wordpress.com/2013/05/29/salvase-da-destruccion-o-tumulo-de-coeses/

1574_4258103590425_1103397568_n

601333_4258115990735_953926357_n

Fotos cedidas por Carlos Bello.

Coeses
A presión social e mediática e o labor e denuncia de organizacións como Cultura do País, Adega, Amigos do Patrimonio de Castroverde e Lugo Patrimonio e algunha forza politica fixo que as obras se parasen e Fomento prometese estuda-lo xacemento e conservalo, desviando para elo o trazado da autoestrada para non destrui-lo importante xacemento arqueolóxico.

No execelente blog do compañeiro Xabier Moure (http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/ultimas-achegas.html) pódese ler unha detallada crónica do acontencido nestes  meses co xacemento de Coeses e a repercusión mediática, institucional e social que tiveron as denuncias do que parecía un novo e inevitable atentado contra o noso patrimonio.

IMGEl Progreso

IMG_0001El Progreso

O que celebrabamos como un pequeno triunfo da cidadanía sobre a barbarie a a sen razón que constantemente destrúe o noso patrimonio vén de convertirse noutro triste atentado contra o noso legado cultural. Noutra oportunidade perdida de saber algo máis sobre o noso pasado e a nosa cultura. Este domingo, os compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada achegáronse ata o xacemento lucense para ve-la marcha das obras e o  estado de conservación do xacemento descubrindo con estupor que a contorna do túmulo fora gravemente afectado polas obras reanudadas do trazado da autovía. A carón de onde se localizaba o xacemento agora ábrese unha trincheira de máis de 50 metros de ancho e cerca de dez metros de fondura. As obras continuaron malia esta-lo caso na Fiscalía grazas a unha denuncia conxunta de Cultura do País, Adega, Amigos do Patrimonio de Castroverde e Lugo Patrimonio. Se ben Fomento accedou a modifica-lo trazado para non afecta-lo túmulo, negouse a protexer e conserva-la posible necrópole que apareceu na controrna do monumento megalítico. Á vista dos feitos e das obras acometidas podemos deducir que o Ministerio de Fomento inclumpliu a súa palabra dada de manter unha distancia mínima de seguridade entre a autovía e o xacemento, agardou a que se calmaran as augas e o tema se esquecera a nivel mediático e perpetrou un novo acto de terrorismo cultural contra o patrimonio galego destruíndo a necrópole que ficaba entre o túmulo e o castro de Valente, tapando as gabias e impidindo deste xeito un estudo pormenorizado deste xacemento único. Velaiquí as fotos da desfeita e das obras no seu estado actual.

DSC_4781

O compañeiro Xabier Moure personouse hoxe no lugar para estuda-la magnitude do impacto das obras e da desfeita. A posible necrópole de incineración e as  zanxas, gabias e catas onde se descubriron as cinzas e os restos cerámicos  foron soterradas tras unha breve e incompleta prospección arqueolóxica, o túmulo foi achandado e parte das súas pedras fican na contorna amoreadas, a trincheira da autovía pasa a escasos oito metros do túmulo, algo que aínda se agravará máis cando se realicen os muros de contención e o peche da vía. Podemos dar case por seguro que o xacemento quedará totalmente estragado. Tampouco se observan indicios de ter feitas outras sondaxes e estudos arqueolóxicos na zona antes de proseguir co trazado da autovía, algo fundamental para poder coñece-la magnitude do xacemento e, cando menos, necesario de ter que proceder á súa destrucción. Agora, e aínda que so sexa como consolo, agardamos que os resultados dos estudos arqueolóxicos e das análises dos restos se fagan públicos e de acceso libre como corresponde a un país civilizado e non queden, como é habitual, sepultados baixo un manto de escurantismo e burocracia, iso no caso de que existan informes porque pode acontecer -non sería a primeira vez- que nin iso se faga.

DSC_4783

DSC_4779

O Ministerio de Fomento amosa de novo a súa faciana máis escura, o desleixo habitual e bárbaro por todo o que supón o coñecemento histórico e cultural do noso pobo  demostrando a catadura moral dos seus xestores. Algo máis alarmante planea sobre este suceso: como se fan os estudos de impacto arqueolóxico? Como é posible que non tivesen contemplado o castro de Valente no trazado e tivesen que para-la obra e desvia-lo trazado cando petaron coas defensas monumentais do castro? Algo que se ve a simple vista, que tódolos veciños do lugar coñecían ou que se ve cun simple barrido de Googleearth. Cantos cartos públicos nos custan estas neglixencias? Cal é a calidade dos informes de impacto arqueolóxico en vista do vsito? E outra pregunta inocente, que pasa se unha empresa de arqueoloxía contratada por unha construtora atopa un xacemento importante que suporía un sobrecusto da obra e unha demora na súa execución? Sairanlle moitos futuros traballos se insiste moito na súa escavación ou protección?

Dende a SAGA queremos denunciar publicamente estes feitos e animamos a tódalas organizacións sociais e culturais do país para organizarse contra a barbarie e empezar a sinalar co dedo e denunicar, incluso pola vía xudicial de ser necesario e pertinente, ás administracións que non respectan o patrimonio que teñen obriga de protexer, ós colaboracionistas da destrucción do noso patrimonio, a denunciar publicamente a aqueles que usan os cartos públicos para beneficio propio sen revertir na sociedade os resultados do seu traballo de investigación, a aqueles que dan o visto bo a este tipo de actuacións, a aqueles que non publican os informes dos traballos pagados por todos nós, a aqueles que seguen ancorados no escurantismo e no elitismo pero non teñen reparos de comer grazas os impostos pagados polo pobo que desprezan, a aqueles estamentos, institución e academias que teñen que protexe-lo patrimonio e tan só protexen os seus intereses persoais ou académicos, a aqueles que poidendo e sabendo falar calan como miserables. Denunciamos, en definitiva, a todos aqueles imbéciles e escuros que nos queren nega-lo dereito a saber quen somos e a conserva-la herdanza recibida dos nosos antergos.

DSC_4785

Advertisements

CONFERENCIA DO MEMBRO DA SAGA RAFAEL QUINTÍA NA UNIVERSIDADE DE DEUSTO

O mércores 27 de novembro ás 19.30h o antropólogo  e compañeiro da SAGA Rafael Quintía impartirá unha conferencia na Sala Garate do Campus de Bilbao da Universidade de Deusto. A conferencia que leva por título “O mundo da morte, os defuntos e as ánimas na cultura galega” repetirase o xoves 28  en Vitoria.

561984_384617425004961_835701149_n