"O blog da SAGA"

VIAXE A UNHA GRAN CIDADE DA IDADE DO FERRO. O CASTELO PEQUENO DE SANTIGOSO.

Por Miguel Losada

Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega

Galicia é un pais densamente poboado. Os asentamentos colonizan a paisaxe dun xeito case que compulsivo en certas zonas,  tal e como acontece na beiramar galega, onde a abundancia de recursos e a benéfica influencia do mar semellan xustificar tal propensión.

A cidade a meirande altitude sobre ese mar de Galicia é a mais que bimilenaria Lugo. Atópase a 465 msnm e, no seu contexto histórico, ocupa unha posición estratéxica tanto para a ollada militar como para a simbólica.

A súa antigüidade e magnificencia, sintetizadas se cadra pola persistencia da súa muralla de mais de 2,5 km,  abondan para considerala un elemento senlleiro do intre de tránsito entre a protohistoria e a historia do noroeste peninsular ibérico.

Este descomunal valo de pedra  seica foi feito na segunda metade do século III, hai uns dezasete séculos e xurdiu como froito dun único esforzo produtivo. Resultado certo da imperiosa necesidade de defensa nun escenario xeoestratéxico moi incerto.

É habitual escoitar ou ler que o seu rol de referente do urbanismo antigo en Galicia non ten discusión, dado o longo percorrido no tempo desta urbe, fundada ex novo, nun contexto colonial de sometemento e xa que logo, máximas consecuencias políticas e económicas.

Nembargantes, semellante persistencia como lugar habitacional, ilustra tamén, no tocante á complexidade interpretativa daquel proceso de progresiva redefinición da idea autárquica, un novo modelo de definición da propia identidade das comunidades feito, inducido se cadra, en base á contraposición, do medio e dos “outros”. Todo elo xunto cunha atomización “dende dentro” das antigas sociedades galegas que até o daquela e dende había xa uns 1000 anos, vivían precisamente tralas súas propias murallas e confrontaban agora a súa propia autolise.

Podería pensarse, e sería un erro inducido por un prexuízo etnocéntrico, que os múltiples poboados fortificados, os castros,  anteriores  a este período, e que terían comezado a xurdir nos altos dos montes hai uns 3000 anos b.p., haberían de ser intrinsecamente entidades de poboación máis simples, xa que o propio sistema social sería tamén “máis simple”.

Estes pequenos mundos “pechados “ sobre si mesmos e contrapostos a unha paisaxe labiríntica e enigmática, constituirían un conxunto de “sociedades /illa” e estarían integrados por comunidades que nalgúns textos, aparecen como náufragas nun arquipélago de montes por baixo dos cales, nos vales, existía un mar de fragas, bosques e zonas chaguazosas cando non verdadeiras lagas e lagoas onde as liñas fluviais eran tamén protagonistas en si mesmas.

Tratábase como vemos, dunha paisaxe moi centroeuropea, poderiamos dicir actualmente, posto que resulta inda hoxe característica de boa parte das serras da Europa central, concretamente os Cárpatos orientais que percorren Romanía, Ucraína, Polonia e Eslovaquia. Galicia era pois daquela unha sorte de arquipélago que actuaba en grande medida como un lugar central, non periférico pois, no que as rutas marítimas e terrestres estaban sostidas pola forza das tradicións inveteradas.

Estas paisaxes caracterizadas polas serras de altitude media e baixa, cuxas abas son moi forestais e os cumios están deforestados a xeito de corredores percorridos no verán polas comunidades de gandeiros, denomínanse Poloninas ou  Planinas. Este termo procede do eslavo antigo e emprégase en varias linguas da Europa central e oriental. Foi definido pola Gran Enciclopedia Soviética (1979) e aplicado a esas serras dondas, con chairas nos cumios, que tan familiares resultan  en Galicia.

Paisaxe de polonina ou planina. Camiñando polos cumios. Obsérvese a zona alta deforestada e aberta, escoltada polas fragas que colonizan as abas dos montes. Máis imaxes no mesmo sitio.

http://gorskiewedrowki.blogspot.com.es/2011/06/poonina-wetlinska-1255-m-npm-bieszczady.html

Inda que este entorno natural probablemente está ben descrito para a Galicia daquel tempo, seguro que a condición irredenta de sometemento ó estado de necesidade desta cultura, ou posible koiné cultural, non o estea tanto e que máis ben respondese a unha estratexia continuista, inda por investigar e definir, de relación extensa máis que intensa, co medio.

Durante un grande período de tempo, dende o neolítico, aló polo 6500 b.p., até comezos da segunda idade do ferro, contra o 2450 b.p., os grandes espazos abertos e os entornos domésticos foron instalándose a cotas máis baixas. Mais non sempre aconteceu así.

No ano 2009 a historiadora, arqueóloga e investigadora Nieves Amado Rolán chegou ó Concello da Mezquita, Ourense co albo proporcionar asesoría técnica especializada que permitise a posta en servizo dunha ruta arqueolóxica no territorio deste concello. Nieves Amado, colaboradora habitual da SAGA, é unha das profesionais máis serias, honestas e capaces que coñecemos. Unha arqueóloga que domina o traballo sobre diversos crono-contextos e con moita experiencia. Como resultado das súas prospeccións e investigacións na zona xurdiu unha realidade abraiante.

Tomamos pois como base o traballo publicado por ela e tituladoOs castros do Concello Mezquita. Ruta cultural entre tres castros: O castelo de Santigoso, o Carballerego da Mezquita e o Cabezo de Chaguazoso” (Dep. Legal OU 97/2010 ). Solo os entrecomillados reflicten as palabras desta autora, a cal non é responsable de ningunha das opinións de corte antropolóxico ou cultural verquidas no presente texto. Calquera crítica ó contido deste artigo debe ser dirixida contra o autor do mesmo e a SAGA en xeral.

 En palabras da autora:

Cando un chega á Mezquita para abordar este traballo, trae consigo unha serie de prexuízos respecto ós castros que podemos atopar, produto da falla total de investigación arqueolóxica sobre a zona, e do que se pode concluír da propia bibliografía actual sobre a Idade do Ferro e a cultura castrexa galega. Os límites xeográficos da cultura dos castros admitidos por algúns investigadores non pasan pola Mezquita, quédanse antes, nas divisorias das serras de Queixa e San Mamede e na divisoria de augas entre os ríos Támega e Tuela. A Mezquita sería unha zona de influencia, un hínterland, unha zona marxinal. Algún autor di acertadamente que ante o baleiro de información arqueolóxica para falar de límites ¿Cómo se pode trazar unha fronteira de algo que non se coñece?.”

Tales prexuízos veñen inducidos polo paradigma que inda sobrevoa a protohistoria galega e segundo o cal no actual oriente galego e segundo as zonas, ou non hai castros ou son pequenos e en todo caso atópanse en cotas baixas preto do fondo de val. Mais o panorama que coñecemos grazas a esta investigadora e que fomos comprobar sobre o terreo, era ben diferente.

Neste oriente ourensán, sempre a máis de 1000 msnm., atópanse unha serie de castros que reflicten un pasado monumental, complexo e cun dinamismo en tódolos ordes sociais que testemuña o alto grado de sofisticación daquela cultura.

O panorama é o seguinte: nas altas terras desta extrema galega, cunha altitude media duns 900 msnm., atopábanse 7 castros catalogados ós que Amado Rolán engadiu outro máis que descubre durante a súa investigación. Todos eles están a máis de 1000 m de altitude e algúns son verdadeiramente grandes. Tanto como de 3, 5, e preto de 10 hectáreas. Auténticas cidades se se me permite, próximas entre si e relacionadas dun xeito singular.

Imaxe

Os oito castros na Mezquita.

Pertencen á denominada segunda idade do ferro. Séculos IV a I antes da nosa era. As súas características semellan diferentes inda que aparentemente complementarias en conxunto, tendo en conta a súa especialización no espazo físico e as cronoloxías que indican.

Entre eles destaca o denominado Castelo pequeno ou Castro de Santigoso que será o que comentemos nesta ocasión.

Chegada ó Castelo Pequeno de Santigoso

Chegada ó Castelo Pequeno de Santigoso

O castelo Pequeno era, inda é, simplemente unha marabilla. Unha cidade dunhas 10 hectáreas cun requintado sistema defensivo composto por varios foxos, parapetos, campos de pedras fincadas e situado nunha cota máxima de 1254 msnm. É tan grande que nel nace un bo cachón de auga que era recollida en cando menos unha gran poza inda visible. En comparación con outros grandes castros de Galicia podemos dicir que ten o mesmo tamaño que o mais coñecido San Cibrao de Las, no NW de Ourense.

A croa do Castelo Pequeno, 1264 msnm, dende o Castelo Grande a 1305 msnm, segundo o noso Gps.

A croa do Castelo Pequeno, 1264 msnm, dende o Castelo Grande a 1305 msnm, segundo o noso Gps.

Imaxe

Esquema do castro

Contaba con torres perimetrais dende as que a vista se estende polas actuais terras ourensáns, portuguesas e zamoranas. Un lugar onde Galaicos e Astures deberon lindar. A gandería debeu ser magnífica, dadas as moi boas características dos biótopos e a agricultura dos cereais e das plantas de horta ten todo para desenvolverse con grande proveito.

Gando vacún perto do castro.

Gando vacún perto do castro.

Mais inda así pode que haxa inda outro factor decisivo e que de conta da gran concentración de habitantes que reuniu este planalto: O artellamento da condición de grande centro mineiro, co emprazamento estratéxico nunha, xa daquela antiquísima, ruta trans-ibérica de intercambios referendada polos especialistas como Marisa Ruiz-Galvez  Priego, no seu libro La Europa atlántica en la edad del bronce. un viaje a las raices de la Europa occidental. (Ed Crítica. Madrid 1998 ).

Esta ruta, como parte dunha rede de camiños moito máis ampla,  podería ter estado operativa hai xa uns 5000 anos b.p. (Ruiz Gálvez 1998. P.335), como conxunto de alianzas estratéxicas, baseadas na antropoloxía do parentesco e condicionadas nas súas manifestacións externas, ( petróglifos ou pedras altas nos lugares de paso, etc)  polos diferentes entornos bioclimáticos do occidente peninsular ibérico e os consecuentes sistemas de explotación e aproveitamento asociados.

Así pois temos que para este castro, ou para este conxunto deles danse os presupostos clave para consideralo unha posible comunidade de paso (Hirth 1978[1]) e centro de distribución e redistribución da prehistoria galega, un auténtico porto seco da época. Tales presupostos son: os excedentes pecuarios e agrícolas, a ruta preestablecida, os convencionalismos que posibilitan o intercambio, (plausibles alianzas transrexionais verificadas arqueoloxicamente en toda a rexión atlántica europea) xunto co extraordinario factor de que este Castro Pequeno era moi probablemente,  igual que algún dos outros, un castro mineiro[2].

Tal como indica Amado Rolán, no dicionario de Madoz e referíndose precisamente ó monte no que está o Castro Pequeno, O Castelo, faise constar a existencia de antiga actividade mineira:

Sobre los picos del monte, que hemos dicho domina al pueblo, se ven las minas y vestigios de una fortaleza que unos creen obra de romanos y otros del tiempo de los árabes, habiendo en otros puntos del término señales inequívocas de la dominación sarracena, tanto por los restos de antiguas torres, como por las piedras labradas, como por los fragmentos de fragua y utensilios domésticos. 

Diccionario Madoz:  San Simón, Santigoso.

Efectivamente, na subida a pé cara o curuto no que atoparemos o castro imos localizando doadamente un indicio da presenza do estaño no terreos mesmos da acrópole. Son os denominados “vermes do estaño”, que xa se teñen atravesado no noso camiño nas aproximacións a outros centros de minería antiga de Galicia. Así temos constatado, algunhas veces, como na representación mental dos habitantes e mineiros das terras orientais son tomados convencionalmente como indicadores da presenza deste metal[3]. Mesmo no século XX. Malia todo semella que o posible trafico de mineral debeu proceder  doutros lugares, minas, relacionados con este, como os imporantes cotos mineiros do Alto Támega (Nomeadamente Arcucelos e Vilardecervos).

Imaxe

Vermes do estaño. Estaurolita no xisto

Este castro podería, polo seu emprazamento e posible sucesión dos recintos,  ter orixe noutra fortificación anterior. Pode que do bronce final, segundo a arqueóloga Amado Rolán. Ademais, o seu gran tamaño e estratéxica praza, serían tamén uns trazos coherentes co seu rol de catalizador social nun contexto de xestión ideolóxica dun amplo territorio. Foi o formidable curuto do Castelo Grande, ó norte deste castro, un lugar de relevancia relixiosa? Non se sabe, mais precisamente neste cumio atopamos indicios de apropiación simbólica deste certamente senlleiro escenario e xunto deles, elementos naturais susceptibles de ser contedores axeitados dun eventual  simbolismo proxectado sobre os mesmos.

Un factible portalén cara o oeste

Un factible portalén cara o oeste

As gadoupas do tempo

As gadoupas do tempo

Coviñas e outras marcas no Castelo Grande.

Coviñas e outras marcas no Castelo Grande.

Outra cuestión a ter en conta é a monumentalidade e hipertrofia do sistema defensivo pasivo desta acrópole.

Tres grandes recintos, cuns 50 mil metros cadrados habitables e outros tantos despexados. Inda se detectan as plantas circulares e oblongas das casas do terceiro recinto. Catro parapetos e catro foxos e un campo de pedras fincadas cara o norte, composto, actualmente, por unha área de pedras poligonais dispostas nunha banda duns 100 m por 25 m de anchura.Varias torres inda identificables, como a que debeu haber na croa do sitio onde os derrubes acadan os 10 m de altura e outra, exenta, no cumio do farallón rochoso. E todo elo nun sistema de construción progresiva que denota a vontade de persistencia e consolidación dentro dunha dinámica socioeconómica complexa.

Dentro da gran cisterna

Dentro da gran cisterna

Muralla externa

Muralla externa

Murallas

Murallas

As pedras fincadas

As pedras fincadas

Foxos

Foxos

Outros datos do Castelo Pequeño:

Cronoloxía estimada IIaC. – I dC.

COORDENADAS UTM: X: 664.795, Y: 4.652.418

Medidas NE-SW…………………………………………..410 m

Medidas E-W…………………….…………………………310 m

Superficie transformada total…………..………98100 m

Croa……………………………………..………………….9350 m

Recinto leste……………………………….…….………9325 m

Recinto sur…………………..….……………..………30490 m

A partir de datos de Nieves Amado Rolán. 2010.

Agora, se o desexan, poden ver un video ó respecto. Teñan coidado: fortes refachos de vento.

No Castelo Pequeno de Santigoso

Notas


[1] O concepto de comunidade de paso foi desenvolvido polo antropólogo kennet G. Hirth no seu libro Interregional trade and the formation of the prehistoric gateway communities (1978) consultable na rede. http://www.jstor.org/discover/10.2307/279629?uid=3737952&uid=2&uid=4&sid=21102019494821

Neste modelo, Hirth explica como durante o proceso de formación das sociedades complexas, o comercio a longa distancia actúa como catalizador que permite a consolidación de tal proceso. Institucionalización e regulamentación son inherentes a esta dinámica que, unha vez instalada dentro da comunidade como programa ideolóxico,  acadan o resultado de facela “inchar” dende dentro, de xeito que os asentamentos a carón dos lugares clave xunto ás vías naturais de comunicación desenvólvense para adaptarse ó fenómeno do intercambio instituído agora como recurso. Neste modelo o rol das descontinuidades do entorno, como os propios dunha xeografía quebrada ou as zonas de contacto de hábitats diferentes, é o de elevar o nivel de complexidade social  que se verifica, en xeral, en calquera interface.

[2] Recomendamos igualmente a consulta do traballo da profesora Comendador Rey, Beatriz, “ Los inicios de la metalurgia en el noroeste de la Península Ibérica” Tese doutoral. USC 1997 consultable en http://www.academia.edu/2081314/Los_inicios_de_la_metalurgia_en_el_Noroeste_de_la_Peninsula_Iberica_II_

[3] Os “vermes do estaño” adoitan ser formacións de estaurolita, un complexo mineral con ferro, magnesio e cinc entre outros elementos ( (Fe2+,Mg,Zn)2Al9(Si,Al)4O22OH2 ) que as veces fórmase nas pedras de xisto e cuxa presenza pode efectivamente e segundo especialistas consultados, ser tomada como criterio de proximidade na prospección superficial da minería metálica. Nos inda non coñecemos a relación exacta entre os vermes e o estaño.

Advertisements

Unha resposta

  1. Pingback: A Cidade Morta de Galegos ou gran Citania de Penafiel. | SOCIEDADE ANTROPOLÓXICA GALEGA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s