"O blog da SAGA"

A Cidade Morta de Galegos ou gran Citania de Penafiel.

Miguel Losada Secretario SAGA

Unha introdución.

Hai mais de 2000 anos o fenómeno urbano estaba xa perfectamente desenvolvido no solar patrucial galego. Vemos nesta serie de entradas sobre as antigas cidades da Gallaecia que estes grandes asentamentos fincaron os seus alicerces, armaron as súas murallas e organizaron a súa contorna dentro dun contexto coherente, tamén, co do resto da prehistoria europea atlántica[1].

Mais dentro dese marco conceptual de clara tradición e influencia oceánica, compre destacar, tamén, a conveniencia e a pertinencia de establecer relacións entre outros diversos escenarios comparados. Mediante esta actitude non se pretende establecer unha relación directa entre os obxectos equiparados, as sociedades, senón establecer a equivalencia, cientificamente desexable, entre os xeitos de pensar unhas e outras. O mesmo acontece cando primamos os criterios económicos e sociais – é dicir, antropolóxicos – fronte ós cronolóxicos.

Se este ciclo de entradas comezou, de pé feito, co uso da palabra “prehistóricas” Sic.[2] aplicado ás sociedades cuxos vestixios esculcamos, é precisamente para establecer e cuestionar o contraste entre ese certo lugar común e a realidade observable.  Queremos, se se quer, subliñar un certo abuso interesado, como calquera abuso, do tal adxectivo aplicado a unha cultura e as súas sociedades que non deben ser consideradas estruturalmente prehistóricas en tanto que carentes de civilización ou culturalmente inferiores como moitas veces se nos presentan. Para algúns serían tales todas as prerromanas do noroeste da península, en tanto que confinadas idealmente pola bibliografía académica e dende o comezo da presente era, dentro da reserva india á que foron a parar por dereito de conquista todas as: sociedades_mal_desenvolvidas_redimidas_polo_advenimento_dunha_civilización_superior.

Idea que non observamos nin compartimos, nin en todo nin por partes, xa que non consta, nos comezos da presente era e para o noroeste peninsular, a existencia dun contexto cultural do que poida predicarse a existencia dunha menor complexidade social da que puidera agardarse.

Tampouco consideramos que o choque cultural acontecido da cabalo do inicio daquel primeiro milenio posúa, de xeito intrínseco, un valor positivo ou negativo que puidera, xa que logo, ser asentado no libro de contabilidade da Historia dentro da categoría do debe ou do haber. Dende o punto de vista antropolóxico isto carecería de sentido.

Por elo o aceno salvífico ou redentor, que adoita trufar boa parte da bibliografía ó respecto das circunstancias daquel cambio de era, constitúe unha falacia, un engano pois, xa que, ca arbitrariedade de calquera etnocentrismo, etiqueta coma beneficiosas unhas consecuencias  polo simple feito de ter sido. Prexuízos sociais, xeneralizacións de balde mesmo frívolas[3], e conxuntos de datos sen analizar son exhibidos como probas. Mais ben son apenas mostras parciais tan carentes de tipicidade como viciadas por razoamentos circulares nos que os feitos consumados – mesmo sendo pouco coñecidos nos seus detalles históricos – resultan exhibidos como fetiches nunha espiral dentro da cal aparéntase argumentar dende a “obxectividade”, mais incluíndo, convenientemente, ás conclusións nas premisas previas.

Moito menos de acordo podemos estar perante afirmacións que tenden a establecer unha sorte de gradiente de complexidade desfavorable ás sociedades do noroeste da península. A dispersión colonial amparada na ofensiva militar da sociedade tardo republicana e do imperio de Augusto, constituíu un instrumento, complexo, que confrontou sociedades ou comunidades plenas en tanto que posuidoras de calquera estrutura propia das sociedades do seu intre e contexto. Unha ferramenta, a máquina militar romana, no pode ser mais complexa e sutil, que un corpo social que actúa no seu entorno mediante o seu propio feixe de utensilios sociais. O resultado do proceso de conquista do Noroeste non pode ser considerado unha proba da demostración dunha, presunta,  superioridade cultural. En calquera caso pode ser unha proba da superioridade militar dos conquistadores dentro dunha operación a gran escala na que foron despregadas, de xeito sucesivo e nun amplo contexto fortemente reactivo, moitas e variadas unidades militares que puideron acadar os cincuenta mil efectivos e que chegaron a contar co reforzo moral, pode que recíproco, do emperador Octavio Augusto en persoa.

Se, segundo a tese que agora cuestionamos, as sociedades do Noroeste conquistadas por Roma naquela altura tiñan unha orixe autóctona e viñan desenvolvendo sucesivas versións de si mesmas dende había milenios, ancoradas a esquemas de dinámica social centrípeta, sería moito mais plausible e apriorístico considerar que o seu grado evolutivo – se tal cousa fose aplicable ás sociedades humanas como criterio clasificador – debería ser elevado ou moi elevado, entendido como sofisticación. As súas características esperables serían a alta adaptación ó medio e a ben dotada equipaxe cultural. Esta tería sido desenvolvida cando menos dende o neolítico en tanto que xermolo do modelo social comunitario, agrario, gandeiro e esencialmente estable, iniciado uns catro mil anos antes. Tamén sería elevada complexidade das interaccións sociais a calquera escala considerada, como evidencia, por exemplo, o espallamento megalítico da fachada atlántica do continente. Ou os amplos desprazamentos e conseguinte rede de contactos  da posterior idade do bronce.

Isto é incompatible ca presunta premisa – un prexuízo social e cognitivo en realidade –  do efecto fascinación exercido, segundo a tese cuestionada, por un reducido despregue militar romano, que escusou outro meirande por carecer de opoñentes. Nin militares nin culturais. Segundo ese modelo Galicia foi inventada, convencida, educada e redimida por unha oportuna misión civilizadora.

Así, segundo certas opinións que nos desbotamos, os castrexos ficaban illados das culturas dominantes e importantes no seu noroeste natal. Aquela xente non rexeitaba nin desprezaba ós civilizadores foráneos, ó contrario, acolléronos pola súa magnificencia e bo tino civilizado. Terían sido, pois, os castrexos, os primeiros Hillbilly[4] do vello continente.

Para que tal cousa fose plausible tería que darse o caso de que na prehistoria galega non houberan existido as grandes sociedades complexas e similares a outras europeas. Mais como temos visto[5], iso non é certo.

Sendo o rexistro material unha importante fonte de coñecemento das sociedades, o verdadeiramente obxectivo, por exemplo, sería aplicar criterios de interpretación semellantes perante realidades semellantes. Lembremos que o “semellante” pode ser mais ou menos diverxente; Sería falaz, enganoso, esgrimir que o semellante tamén é o oposto.

Seguindo con este exemplo poderíase argumentar que a sociedade espartana era unha sociedade eminentemente agraria e pacífica, en base ó feito de que careceu de murallas ou de que no rexistro material son relativamente poucas as armas recuperadas das escavacións. Estas son mellor coñecidas por métodos indirectos que polo feito dunha abundancia arqueolóxica dos seus restos. Non foi até unha fase na que xa non era una potencia hexemónica, o século II antes da nosa era no reinado de Nabis, cando este monarca mandou edificar as primeiras murallas espartanas[6]. Unha estrutura claramente definida en termos de importancia simbólica dentro da sociedade dese intre e que afectaba a catro dos cinco núcleos poboados principais. Os Obai de Pitana, Cinosura, Limnas e Mesoa. Esparta desenvolveuse como comunidade agraria[7] con poboamento disperso cousa que non empeceu o feito, tamén, de que chegara a erixirse en paradigma dunha sociedade xerarquizada, militarizada ou mesmo “ violenta”.

Esparta no blog de Mike Anderson e a reinterpretación do coñecido mapa de Bocage (1783)

Fonte http://www.mikeanderson.biz/2012/11/sparta-ancient-map-and-clans.html

A CIDADE MORTA DE GALEGOS

Nesta ocasión aproximámonos á Cidade Morta sita no Monte Mozinho; coñecida tamén como a Cidade Morta de Galegos ou Cidade Morta de Penafiel. Indudablemente, pois, unha antiga gran capital dos Galaicos cuxo significado dentro do xiro daquel mundo que habería de converterse no noso, pode estar inda por descubrir.

Atópase en Portugal, no distrito de Porto, Concello de Penafiel, na freguesía de Oldroes e no vilar de Galegos. O cal foi moi suxerinte para nos.

Atinxe unas 22 hectáreas a unha altitude duns 400 msnm. As súas coordenadas son:

Latitude 41° 8′ 47.1768″ N Lonxitude 8° 18′ 39.9744″ W

Latitude (Decimal): 41.146438 Lonxitude (Decimal): -8.311104

Vista Aérea da Cidade Morta

Adscríbese á época do emperador Augusto e consta de tres liñas de murallas que acubillan, como puidemos observar,  elementos da tradición urbanística das “casas patio” comúns a moitos outros castros do Noroeste, xunto con outros modelos como o romano, o visigodo ou o árabe. Dúas torres termaban do acceso á parte alta da cidade. Relacionadas con elas apareceron cadansúa estatua de guerreiro galaico, hoxe no museo de Penafiel. Na croa un gran espazo sen edificar e rodeado dun valo de pedra tan austero como inapelable.

Zona de acceso dende a aldea de Galegos. Ó fondo o pequeno centro de interpretación.

Zona de acceso dende a aldea de Galegos. Ó fondo o pequeno centro de interpretación.

Posuíu a lo menos un templo, nunha das rúas mais importantes,  dedicado á figura divinizada do propio Augusto. Deste xeito o emperador instituíase nunha sorte de “antepasado fundador heroico” disposto en continuidade ideolóxica cas dúas figuras dos héros  – heroes – que mencionabamos antes. Este é un feito interesante que indica a vontade de suplantación ou subrogación[8] do culto imperial, flavio, sobre unha realidade semellante e preexistente. É dicir, estaría confirmando a realidade da preexistencia dunha tal ética ou ideoloxía heroica anterior á mesma fundación do oppidum. Un interese, en definitiva, tan ecléctico como interesado, en con-vencer.

Dependencias nas inmediacións da Croa. Grandes casas onde o social transcende ó comunitario.

Dependencias nas inmediacións da Croa. Grandes casas onde o social transcende ó comunitario.

Esta caste de cultos seica era moi prevalente e tiña unha grande antigüidade[9] como manifesta o feito de xa Escipión ou Sertorio tivesen sido obxecto de divinización dentro dunha estratexia de control das bases ideolóxicas como método de dominio cultural. Tamén soubemos in situ da existencia dunha necrópole nas inmediacións do valo exterior, a cal non puidemos visitar.

Así pois a citania do Monte Mozinho, a Cidade Morta de Galegos, constitúe un interesante  locus  antropolóxico. É dicir, en tanto que obxecto material, un documento que ofrece información sobre aspectos clave dunha comunidade pretérita. Dexergas da ideoloxía materializadas na súa feitura. Eleccións significativas entre alternativas factibles. Xeitos de organización que reflicten estratexias de xestión das relacións humanas, etc.

Planta xeral da contorna

Planta xeral da contorna

Se ben aquela xente xa non está para ser observada e interpelada directamente, si que é posible establecer o proceso inverso. É dicir, detectar parte cando menos da súa percepción do mundo. Aquelas decisións arbitrarias que hoxe podemos inda confrontar, transformadas neste caso en fenómeno urbano da antigüidade, son as que nos interpelan a nos. Nese proceso aqueles habitantes están facendo unha descrición das súas estruturas sociais. Esta manifestación é “inconsciente”, en certo sentido, xa que non foi feita para nos. Mais é unha declaración auténtica, que é a que fai en un autor cando explicita as súas motivacións, a súa realidade. Todo isto así sinteticamente descrito, forma parte do que se coñece en antropoloxía como unha descrición emic que a que fai ou fixo a comunidade obxecto de estudo. Dado que xa non é reversible nin negociable de maneira orixinal, o seu valor como fonte de coñecemento cultural é moi elevado.

Evidentemente o resultado neto desa aproximación emic non pode ir mais aló do ámbito local no que se verifica. Fala, pois, da esfera de significados e símbolos asociados, que son un referente dentro dun contexto dado. A partires deste conxunto significativo é posible establecer relación entre diferentes modelos cando ampliamos do foco da observación. Efectivamente, entre dúas ou mais “esferas” de significados doutras tantas comunidades diferentes, pódese establecer unha perspectiva, denominada etic, onde xa non se consideran os distintos significados internos, senón que tenta dar conta do ámbito mais amplo no que se inscribe. Deste xeito a aproximación etic sobre aquilo que podemos observar permite recibir dentro da nosa propia realidade a mensaxe procedente dun sistema alleo como paso previo á súa axeitada xestión.

Sen o exercicio do dobre enfoque o patrimonio cultural pasado non poderá chegar a formar parte do patrimonio cultural presente xa que carecerá de significado para nos. A nosa sociedade tradicional procurou integrar todo o corpus que recibiu en forma de legado[10] poboando co seu enfoque emic aquilo que noutro tempo tiña sido outro enfoque emic. Mouros e mouras, por exemplo, deron conta – léase sentido – dos produtos doutras sociedade ás que sucederon sobre un mesmo espazo. Semellante acción permitiu a xestión e normalización da relación cun pasado que sempre ten que ser neutralizado antes de poder ser consumido, dixerido ou aprehendido.

É dicir, o pasado non debe ou non pode, segundo os casos, ser consumido cru xa que pode resultar amargo ou indixesto. Calquera sociedade que afonda os seus alicerces dentro do substrato ideolóxico de outra , ou aquelas que o fan sobre unha parte significativa do corpus de contidos doutra anterior, teñen sempre que mudar o alleo en propio como condición indispensable para a continuidade de tódolos procesos característicos do novo edificio social.

Así, por exemplo, aconteceu ca capital do reino Shona na zona oriental do sur de África. Un reino de gando, ouro, cobre e outros metais. Peles, escravos, marfil e toda caste de mercadorías que circulaban entre o África subsahariana, China e India. Unha supremacía baseada no control das rutas comerciais e na xestión do ciclo do prestixio[11] dentro da sociedade. Un imperio[12] que mantiña firmes relacións cos comerciantes islámicos que arribaban á costa atravesando o Océano Índico. Estes empregaban  as pequenas cunchas de certas castes de bucios ó xeito de moeda circulante nos intercambios[13].  Trátase de Gran Zimbabwe unha gran cidade feita polos canteiros con perpiaños de granito e cun labiríntico e sofisticado deseño que durante moitas décadas foi oficialmente atribuído a calquera antes que os propios africanos.

As estruturas de Gran Zimbabwe vistas pola CNN.

Fonte http://edition.cnn.com/2014/01/29/travel/900-year-stone-great-zimbabwe/

Así, xa dende os primeiros do XIX proclamouse que tiña sido construído, como era evidente dentro da súa cosmovisión, por algunha raza branca dos tempos pasados ou no seu defecto, polos fenicios (Sic.) o Rei Salomón,  a Raíña de Saba, segredos enxeñeiros portugueses, chineses ou persas.

O que si é evidente é que estas interpretacións etic conviñan moito ós intereses das potencias coloniais na súa teima a prol do dominio dos pobos africanos. Cecil Rhodes[14] colonizou Rhodesia, nome anterior do actual Zimbabwe, precisamente axitando o fetiche dunha superioridade cultural branca. Outro feito de certo interese é o de que o tal industrial británico foi o fundador do grupo empresarial DeBeers, con sede en Luxemburgo, e dedicada ó tráfico de diamantes. Esta entidade representa, segundo diversas fontes, entre o 40 e o 60% do mercado dos diamantes e  chegou a controlar o 90%.[15]

Todo isto fainos reflexionar sobre a operatividade dun amplo abano de lugares comúns aplicados á certas interpretacións das sociedades pasadas, como aquela que deu orixe ó gran oppidum da Cidade Morta dos Galegos.

Video da Cidade Morta de Galegos.

[1]Neste sentido, outros post da serie: https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/11/10/viaxe-da-saga-a-cidade-dos-homes-fortes-os-acenos-galaicos-do-castro-gales-de-trer-ceiri/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/04/15/old-sarum-e-o-cervo/

[2] “son cidades prehistóricas galegas aqueles lugares deseñados como contedores permanentes dun novo modelo de espazo vital xurdido hai uns tres mil anos da mau das comunidades do noroeste peninsular ibérico cando comezaron a exteriorizar, de xeito diferente a todo o período anterior, a xestión común das interaccións co medio e con outros grupos ou sociedades.” Dixemos daquela.

[3] Segundo algún autor, algunhas tradicións galegas relacionadas con insectos poden ter coma orixe o desprezo pola hixiene doméstica característico xente da idade do ferro…Noutra, dirixida ó público infantil e con vontade didáctica, … os castrexos, Sic. son definidos como uns “coitados” que grazas a seren esclavizados “foron aprendendo as cousas da civilización” Sic.

[4] Este termo empregouse de xeito despectivo para definir os escoceses, irlandeses e galeses instalados na cordilleira dos Apalaches en Norte América, seica reunificados pola mesma tradición musical e extravagantes ós ollos dos Yankees. Xa a finais do XIX eran definidos como Blancos asilvestrados e ceibes polas montañas. http://es.wikipedia.org/wiki/Hillbilly

[5] https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/01/12/viaxe-a-unha-gran-cidade-da-idade-do-ferro-o-castelo-pequeno-de-santigoso/

[6] Elo dentro dun contexto moi moderno de xestión do ciclo do prestixio: Manexo da demagoxia económica, engrosamento do corpo social da clase política, reforzamento das relacións simbióticas co poder relixioso.

[7] Como calquera que non sexa unha comunidade de cazadores e recolectores.

[8] A idea de subrogación implica ocupar a posición , xurídica e por extensión outra con relevancia social, que un outro ocupou con anterioridade dentro dun contexto ordenado. Subrogarse implica asumir o rol ou as capacidades activas e pasivas dalgún outro distinto de nos.

[9]  Almagro-Gorbea, MartínLorrio Alvarado, Alberto J. ISBN: 9788415069331
Editorial: Real Academia de la Historia.2011. Madrid.Pp.294-ss

[10] Parécenos mais axeitada a metáfora do legado, fronte á da herdanza, xa que o legatario sucede nunha parte do total dos bens e non sobre a totalidade deles. A responsabilidade do legatario é limitada mentres que o rol que xoga o herdeiro é o de alguén cuxa nova posición dende o punto de vista social, vale o mesmo que a que tiña quen causa a sucesión. No caso do legatario trátase de alguén que recibe uns bens concretos con coñecemento e efectos limitados.

[11] Segundo a tese mais aceptada, o reino controlaba o mercado do ouro como principal fonte de riqueza non de xeito directo, senón mediante a continua provisión de gando que mantiña sobre elevada a posición social dos xefes locais como titulares das explotacións mineiras.

[12] Abrangueu mais de 500 km2. A principal das cidades acadou unhas 720 h cunha “croa” dunhas 44 h. comezou a súa andadura como gran sociedade aló polo 550 antes da nosa era. Contra o ano 1100 desta, edificouse o que inda hoxe está en pe e pode ser visto. Estivo en permanente ocupación até o 1450 mais non foi coñecido polos europeos antes do ano 1871.

[13] Trátase das cunchas coma as da especie Monetaria moneta usada en moitas áreas de África, Asía e do O. Pacífico tanto como o indica o seu nome como para a práctica da adivinación. https://www.britishmuseum.org/explore/online_tours/africa/the_wealth_of_africa/cowrie_shells_and_the_slave_tr.aspx

[14] http://es.wikipedia.org/wiki/Cecil_Rhodes

[15] http://www.kitco.com/ind/Zimnisky/2013-06-06-A-Diamond-Market-No-Longer-Controlled-By-De-Beers.html

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s