"O blog da SAGA"

III Xornadas do Entroido da SAGA: Misión cumprida.

Miguel Losada

Secretario SAGA

Remataron as IIIas Xornadas do Entroido da SAGA en Pontevedra. Tres edicións consecutivas que nesta ocasión saíron do emblemático marco que constitúe a Casa das Campás na Boa Vila para ocupar o espectacular espazo expositivo que é o CITA, Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, un singular entorno no que se pode coñecer unha parte esencial da historia da cidade e, por elo, de Galicia.

No que fora o antigo foxo ó pé da muralla, rodeados dos impoñentes perpiaños do magno edificio e no medio das dondas barroncas medievais empregadas como proxectís das catapultas, dispuxemos uns dezasete traxes de Entroido de toda Galicia e ducias de outros elementos relacionados con esta importantísima manifestación cultural patrimonio común de todos os galegos e, de feito, de toda a humanidade.

DSC_0474

Unha vez mais encheuse a sala de conferencias, e varios centos de persoas transitaron por este espazo monumental para contemplar esta mostra da puxanza e autenticidade da cultura galega. Fixemos visitas guiadas, incluídas unha para persoas cegas que puideron tocar e escoitar as descricións exclusivas tanto dos traxes coma dos demais obxectos expostos. Ó remate, un extraordinario concerto de violín, zanfona e nickelharpa que, dentro do entorno desta exposición, foi todo un luxo para os sentidos e as emocións. Por elo dende a SAGA cualificamos esta nova edición das xornadas como un éxito, computable como unha creación de riqueza, no haber de toda a comunidade.

DSC_0439 DSC_0443 DSC_0451 DSC_0462 DSC_0465 DSC_0476

O Entroido é a versión, e denominación galega, dun fenómeno continental e universal. Nos non pretendemos esgotar a comprensión dunha realidade global mediante explicacións locais. O contrario, con esta exposición e o seu correspondente ciclo de conferencias desenvolvidas por verdadeiros coñecedores dos temas que se escolleron tanto nesta ocasión coma nas outras, nin pretendemos representar a totalidade das formas que en cada caso adopta o Entroido en Galicia – semellante exhaustividade non estaría, ademais, ó noso alcance – nin tampouco  pretendemos subliñar a exclusividade ou singularidade das manifestacións concretas do noso Entroido, entendendo este como unha rareza. Por elo, o noso albo non é o de reducir á categoría de anécdota turística o mundo do Entroido en Galicia.

As Xornadas do Entroido da SAGA serven para aproximármonos dun xeito diferente a este rito desempeñado no marco da invernía do noroeste da península. Un rito antigo e fondo que apela tanto ás nosas orixes como sociedade complexa como a nosa esencia como civilización, en tanto que dotada dun sistema de valores e crenzas, unha visión do mundo de seu, unha estrutura xurídica e institucional aparelladas cunha unha lingua e unha marcada proxección e impacto na historia.

As Xornadas do Entroido da SAGA poden tamén enmarcarse dentro do conxunto de actividades que dende o ano pasado se veñen celebrando en Europa. O MuCEM de Marsella en 2014 e o Museo da Máscara de Binche en Bélxica en 2015 teñen programado sendas mostras ó redor da importancia do Entroido para as civilizacións europeas. A SAGA, como saben, ten colaborado con esas institucións que decidiron escoller como emblema destes eventos algún dos que representan a Galicia e por elo mesmo, a todos os europeos. A SAGA foi pioneira en 2013, ca súa primeira edición das xornadas, na elaboración deste discurso que sitúa á Cultura de Galicia nun lugar especial dentro do contexto do vello continente.

Lembren se o desexan:
https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2015/01/09/quentando-motores-e-bombos-viva-o-fulion-e-viva-o-entroido/

Podemos dicir que con esta iniciativa, a SAGA pretende facer explícito que o Entroido Galego é unha riqueza cultural do continente respecto da cal as variantes locais, espalladas por Galicia e mais aló, poñen de manifesto o feito da recepción dunha inveterada tradición unánime. Neste sentido e de resultas desta actividade da SAGA, fica como algo evidente que o mundo do Entroido en Galicia é un valioso capital cultural que recibe a súa importancia do feito de ser unha realidade viva e puxante, conservada, mantida e feita evolucionar dende as súas orixes grazas ó traballo da xente común. Grazas a este esforzo colectivo a prol da súa identidade, o contexto  cultural galaico constitúe un verdadeiro punto quente  dentro do panorama das civilizacións e culturas do noso continente.

Dende a SAGA queremos agradecer á toda a xente que asiste a esta actividade deseñada e executada pola SAGA. Ás persoas, entidades e institucións que nos ceden os seus traxes e demais elementos significativos para que sexan expostos por nos. Ós poñentes e relatores polo seu esforzo; ós músicos que sempre se prestan a mellorar o noso esforzo co seu arte; ó Concello de Pontevedra por istes tres anos de confianza, á empresa Etnoga no CITA polo seu apoio nesta edición e a todos os compañeiros da SAGA pola súa ilusión e traballo durante semanas de esforzo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s