"O blog da SAGA"

O Lobo: Ameaza ou ameazado. Xornada sobre o lobo o 21 de Marzo de 2015 en Castrelo do Val, Ourense.

CARTEL

PROGRAMA DEFINITIVO XORNADA O LOBO_001

Xornada do Lobo en Castrelo do Val.

Miguel Losada

SAGA

O vindeiro dia 21 de marzo participaremos nunha das actividades mais interesantes  ás que se pode asistir en Galicia.

Arredor da idea do lobo, o Canis lupus signatus L., tense desenvolvido unha boa parte da nosa cultura galega, do mesmo xeito que ten acontecido ca doutros pobos por todo o paleártico.

Porque o lobo é moito mais que un elemento do medio natural; ten sido un referente dentro da nosa tradición, un inimigo á medida do home, moitas veces, mais tamén un símbolo de todo aquilo que nos fai humanos cando actúa como espello das nosas teimas, xeitos de vida e maneira concreta de estar en pe sobre a Terra.

O lobo é un alter ego, unha outra maneira de sermos nos. Moitas veces, na nosa tradición galega, o Lobo non se nomea así senón que se lle aplica una denominación ó xeito das persoas. No canto de dicir esa palabra, “bautizábase” como Pedro, Xan Pedro, “ O Compadre” ou outros. Este acto de evitación sobre o nome do lobo era unha actitude máxica e protectora, mais por elo mesmo un acto de recoñecemento do seu rol dentro da vida da comunidade tradicional.

Pode, pois, que postos a exercer esta maxia protectora, un dos nomes que mellor lle sentase ó lobo sexa o de Esaú, o irmán xemelgo, cazador e irreflexivo, de Xacobe, o home.

O primeiro en nacer foi Esaú. Inda dentro do ventre da súa nai ámbolos dous irmáns loitaban entre si.

Ó Esaú tamén lle chamaron Edom, “o Rubio”  e a súa historia aparece no libro denominado do Xénese na Biblia, capítulo 25. Esaú significa “o hirsuto” mentres que Xacobe significa “o enganador”, o que se aproveita da fame e da simpleza, maquinando para obter o favor do seu pai, o vello e cego Isaac, en detrimento do seu irmán.

A Biblia e a tradición xudeu cristiá asumen e propagan que o lobo é un animal negativo, unha sorte de demo do que compre velarse. Así, os competidores, “falsos profetas”, son denominados “lobos” no libro sagrado. Pola contra os principais pagáns contemporáneos da orixe do cristianismo, os romanos, tíñanse polos fillos adoptivos da raza dos lobos, a cal aleitou miticamente a Rómulo e Remo. Mais tarde, San Francisco de Asís chamou “irmán” ó lobo da escura fraga de Gubbio, o cal respondeu ca amizade ante a comprensión do santo.

Noutras culturas tradicionais como a dos nativos americanos o  lobo é claramente un ser positivo, un animal guía que ten unha función que cumprir dentro do esquema do mundo dos seres humanos. Pertence o eido das “visións” como catalizador da percepción fonda e esencial das verdades transcendentes.

Na mitoloxía nórdica o lobo está na cerna do esquema cósmico, xa que, como idea, é o pai do lobo do Sol e do da Lúa que ca súa incansable persecución provocan o movemento constante destas sacras luminarias.

O lobo representa un activo fundamental para a transmisión e, xa que logo continuidade, do sistema de valores propio da tradición galega. As historias relacionadas con el serven de vehículo para o coñecemento de moitas das claves que permiten entender e asimilar o ethos, ou a visión do mundo, propios da cultura galega. Polo tanto sen o lobo e o seu rol dentro da sociedade tradicional, produciríase un brusco afastamento das actuais xeracións respecto das anteriores, mais próximas inda ó sector primario en Galicia. Toda a produción oral relacionada co lobo axuda e acompaña na transformación progresiva dos nenos en mozos e adultos, cando se verifica dentro dun marco respectuoso cas extremas da cultura galega.  As características do lobo non poden ser substituídas por as doutro elemento equivalente para esta función e parámetros. De acontecer dita mudanza, o proceso de adquisición do xeito de ser galego sería outro diferente do tradicional, cando menos en parte, e ficariamos, nesa medida, afastados da corrente principal que nos relaciona decisivamente ca persistencia dos valores mais firmentente ancorados na cerna do contexto cultural do continente.

Lobo. Foto Miguel Losada 2009.

Lobo. Foto Miguel Losada 2009.

Se chegasemos a ser un pais sen lobos teriamos descendido un chanzo na escada da diversidade natural e, xa que logo, cultural.

Tal como ten evidenciado o colaborador da SAGA o escritor e investigador Antonio Reigosa[1] – en solitario ou en colaboración con Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba – sen o lobo ou sen outros animais interpretados e simbolizados pola tradición galega, a identidade desta ficaría desposuída dun dos seus puntais mais sólidos e insustituibles, aquel que sostén a ponte entre o xeito tradicional de sermos galegos e a esfera sobre a cal cada sociedade haberá de depositar, por acción ou omisión, os contidos cos que deberán desenvolverse as futuras xeracións. Son estas as que decidirán cas súas accións e sobre esa base, a relación que queren ter co seu pasado, se é que escollen ter algunha.

Expostos ás titánicas forzas dun mundo globalmente interdependente e cada vez menos diverso, temos a responsabilidade colectiva de decidirmos se o lobo vai poder seguir sendo un dos mais perfectos actores capaces de representar as nosas teimas, medos, virtudes, obsesións e demais carácteres. Podelos poñer sobre a escena implica a posibilidade de observalos e, dese xeito, ter a oportunidade de corrixilos ou acentualos. Sen o lobo e o resto do mundo natural preciso para que sobreviva, todo elo sería moito mais difícil, nun mundo mais pobre.

Compre que, como aconteceu no caso de Esaú e Xacobe, vexamos xa unha reconciliación entre ámbolos dous irmáns.

[1] Miranda, X.; Reigosa, A. y Cuba, X. R.. (2001). Contos de animais, I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. Col. Cabalo buligán, n.º 9. Ilust. Manolo Uhía. (2001). Contos de animais, II. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. Col. Cabalo Buligán, n.º 10. Ilust. Xosé Cobas.

Miranda, X. y Reigosa, A. (2002). Máis contos de animais I. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Col. Cabalo buligán, n.º 13. Ilust. Xan López Domínguez.(2002). Máis contos de animais II. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. Col. Cabalo buligán, n.º 14. Ilust. Federico Fernández.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s