"O blog da SAGA"

II Mascarada Ibérica nas vilas de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso

Miguel Losada, Secretario SAGA, Sociedade Antropolóxica Galega.

O vindeiro fin de semana dos días 16 e 17 deste mes de xaneiro terá lugar a II mascarada Ibérica nas vilas de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, no montañoso oriente ourensán. Desta vola está prevista a presenza de numerosos entroidos de todo o norte peninsular e inda mais aló como se pode apreciar no cartaz anunciador do evento.

CartazIIMascaradaIbérica

O entroido galego ten acadado unha notoriedade extraordinaria fora de Galicia, protagonizando nos dous últimos anos algunha das mais importantes exposicións e ciclos de actividades relacionadas que se teñen dado en lugares do vello continente como o MuCEM, Museo das Civilizacións de Europa e do Mediterráneo, sito en Marsella ou o Museo da Mascara da cidade belga de Binche. Malia iso, os folións e entroidos galegos non atoparon, en Galicia, interlocutores oficiais que comprendesen a importancia e conveniencia de estar presentes como cultura diferenciada e activa, aló onde paradoxalmente estaba sendo reclamada a intervención galega como un elemento fundamental para a comprensión da realidade cultural de todos os europeos. Sen axudas oficiais, nos casos citados, a presenza dos contidos galegos, proporcionados basicamente pola SAGA, Sociedade Antropolóxica Galega, tivo o respaldo da autenticidade e a calidade da nosa cultura galega.

PedroMUcem

Con esta II Mascarada ibérica, preténdese crear un espazo de encontro – aberto ó público, participante e cómplice –  para as persoas e comunidades que manteñen vivo o pulo dunha das mais senlleiras manifestacións culturais que inda poden ser vividas no vello continente. Un verdadeiro foro ou seminario práctico do que significa o entroido, e que ó revés do que adoita ser, está deseñado para o intercambio de ideas, experiencias e realidades. Todo elo co gallo de que, ó regreso de cadaquén a cadanseu lugar de orixe, poida afondar nos seu propios contidos contando con remudados elementos de xuízo para determinar as beiras da senda autenticidade, a única que paga a pena percorrer cando falamos de cultura.

Solo o gran esforzo colectivo, a forza e a paixón na defensa da cultura tradicional destas xentes e comunidades implicadas, organizadores e participantes, pode explicar que nesta fin de semana se poida chegar a celebrar un acto como este. Diante de toda esta xente, cando menos nos, na SAGA, tiramos o sombreiro e aprendemos.

Referencias

https://sociedadeantropoloxicagalega.files.wordpress.com/2015/03/capa-actas-entrudo-ii-acoplada.jpg

http://www.antropoloxiagalega.org/index.php/publicacions/actas/item/207-i-xornadas-sobre-o-entroido-de-galiza

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/17743-congreso-entroidos-galegos

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/01/09/a-saga-aporta-parte-dos-seus-fondos-documentais-para-unha-exposicion-do-mucem-o-museo-das-civilizacions-de-europa/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/03/18/a-saga-e-o-museo-das-civilizacions-de-europa-e-o-mediterraneo-dende-o-26-de-marzo-ate-o-4-de-agosto-de-2014/

http://www.mucem.org/es/node/3396

http://www.exponaute.com/expositions/9069-le-monde-a-l-envers/

Dossier de prensa

http://www.mucem.org/sites/default/files/mucem_dp_light_le_monde_fr.pdf

 

Parte do traballo da SAGA a prol do entroido e a cultura galega

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2015/01/07/i-mascarada-iberica-viana-do-bolo-vilarino-de-conso-dia-17-e-18-xaneiro-2015/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2015/01/20/a-saga-na-primeira-edicion-da-mascarada-iberica-en-viana-do-bolo-e-vilarino-de-conso-2015/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/05/14/chantados-no-fulion-de-viana-do-bolo-sangue-suor-e-gloria-en-lisboa/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2015/03/02/iii-xornadas-do-entroido-da-saga-mison-cumprida/

https://www.facebook.com/pedro.g.losada/photos_albums

https://www.facebook.com/pedro.g.losada/media_set?set=a.10200106002848706.1073741868.1709266045&type=3

 

 A relación de grupos participantes na II Mascarada Ibérica 2016 é a seguinte.

Asociación Xuntos Polo Fulión, de Vilariño de Conso, Ourense

Troteiros de Bande, de Ourense

Fulións Rurais de Viana do Bolo Ourense

Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, Chantada, Lugo

Fulión de Buxán,  dende O Bolo, Ourense

Vellarrón do Riós  Ourense

Fulións As Carrelas, Viana do Bolo Ourense

Caretos de Parada,  dende Portugal

Fulión  a Mourela para Acá, de Manzaneda Ourense

Los Jurrus, dende Alija del Infantado en León

O Fulión Alternativo de Viana do Bolo, Ourense

Os Sidros de Valdesoto, en Asturies

O Fulión do Casco Vello, de Viana do Bolo, en Ourense

Os caretos de Lazarím en Portugal

Os Peliqueiros e o Parranfón de Campobecerros, Ourense

La Talanquera y Visparra de San Martín de Castañeda, Sanabria, en Zamora.

Antruido Pare, dende Piasca en Cantabria

A Visparra e A Talanqueira dende Vigo de Sanabria, Zamora

O fulión de Marmentelos de Vilariño de Conso en Ourense.

 

A II Mascarada Ibérica en Viana do Bolo xurde para ser un encontro de traxes, entroidos, colectivos e comunidades eminentemente rurais do norte e noroeste peninsular. É por elo que mais que cunha dimensión “promocional” este evento nace co gallo de proporcionar un espazo de encontro onde se dean as condicións para que as diferentes comunidades presentes poidan facer unha lectura mais ampla do seu propio contexto local. Que poidan entender, en definitiva, que cada unha destas manifestacións culturais forma parte dun discurso meirande do que fan unha parte esencial para a comprensión da totalidade do fenómeno.

Con esta acción pretendemos tamén expresar que  o feito de que o espectáculo forme parte do Entroido non implica que o Entroido teña que estar ó servizo do espectáculo, senón que cumpre unha función social moi importante dentro da comunidade que o mantén. O Entroido, ou sexa, cada versión tradicional materializada cada ano en cadanseu lugar de orixe, debe actuar dentro dun contexto coherente no que se poidan representar a si mesmos, en lugar de participar ó servizo doutros intereses, xa sexan turísticos ou outros.

Consideramos que o Entroido tradicional sempre está ou debera estar, á procura da autenticidade, antes que na procura da “promoción”. Cando teimamos a prol da primeira, de seguro, que a segunda ha chegar como lle chega á calquera contido de calidade.

O Entroido é un recurso, si, o cal non significa se sexa un produto comercializable directamente no mercado de consumo de contidos, tan característico da nosa época. Disocialo do seu contexto cultural e do seu factor de escala, sempre local, significa afastarse da autenticidade e da conexión ca equipaxe cultural que o fai posible. No Entroido, en definitiva, compre escoller entre “consumilo” ou vivilo e celebralo. Postos a falar en termos de produtos e consumo, ó Entroido, como creación de gran calidade, convenlle unha distribución de “ciclo curto”: a consumir en tempada no lugar de orixe e produción.

O ciclo do Entroido tradicional, é moi amplo. Practicamente á metade do ano, toda a etapa da invernía, está ou estaba, condicionada polos preparativos e as consecuencias da celebración. Todo este “modo operativo Entroido” tan recoñecible dende dentro das comunidades rurais onde inda estea plenamente operativa esta realidade, vai incrementando o seu ritmo, a implicación e a complicidade colectiva até chegar a diversos clímax que varían dependendo das localidades en cuestión. Dende sempre, un dos ciclos ou tempos internos do Entroido galego, ten sido os das visitas selectivas entre parroquias ou comunidades. Sempre dentro dunha estrita orde, atendendo a inmemoriais regras de etiqueta que pautan e acoutan o que debe ser, o que pode ser, o que resulta admisible ou non.

A actualidade global e instantánea ten creado novas relacións de vecindade e “amizade”. O Entroido tradicional está a redimensionar estas visitas fronte ós desafíos deste novo paradigma. Por elo a II Mascarada Ibérica quere ser tamén unha reacción positiva de adaptación ós tempos. Como de feito, sempre ten acontecido co Entroido, motivo polo cal puido superar abismos de séculos e atrancos para chegar, con tanto pulo coma nos mellores tempos, ate nos.

Contrariamente ó que adoita difundirse, o Entroido tradicional nunca é anomía, caos ou delirio colectivo. Todo o contrario, trátase en realidade dunha sucesión ritual de actitudes míticas, lendarias ou imaxinadas en base ó bagaxe proporcionado polo transfundo dos séculos. Non se trata, pois, dun “intre” profano que pausa  a orde común, senón da presenza no tempo actual dunha sacralidade diferente, alternativa, e que inda se postula a si mesma como un modelo factible de relación co cosmos. Un modelo no que os seres humanos somos suxeitos nun mundo de outros suxeitos e realidades, un modelo afastado do etnocentrismo e no cal o mundo recreado ten a propiedade de enchoupar ós actores. O imaxinario íntimo da comunidade cobra vida, ou se se quere forma transitoria – como acontece con todo na existencia-  mediante a posta en acción do corpo como ferramenta inmediata e total.

O Entroido é unha épica paneuropea e teatral xa que constitúe un verdadeiro ciclo narrativo.  En tanto que  sucesión ordenada de acontecementos  integrados dentro dun mesma actividade ou contexto, o Entroido expresa unha ideoloxía entendida como unha particular visión do mundo. O real e o fantástico mestúranse co imaxinario e ca complicidade colectiva que se manifesta, no espazo e no tempo, como unha realidade superdotada ou como unha hiperrealidade, a veces. Neste sentido, o Entroido permite reflexionarmos sobre que é o que consideramos real, especialmente nun mundo coma o noso, ateigado de información polarizada pola acción dos medios. Neste contexto, o Entroido acude ó rescate do cerne que nos fai humanos dándonos a oportunidade de apreciar que iso que chamamos, que calquera en calquera circunstancia pode chamar, realidade, é apenas un caso particular condicionado polo fenómeno da “Cultura”.

No Entroido atopamos heroes magnificados e tamén personaxes difusos que non acadan definición – sempre provisional –  mais que cando son asumidos por  actores transformados que simulan seren público.

O Entroido – ó contrario que acontece na abafante postmodernidade –  non crea réplicas da realidade, senón que crea as condicións que fan visibles un conxunto de ideas  pertencentes a outra realidade. Seguindo a Paul Klee na súa obra “Confesión Creativa” (1920) podemos dicir que a arte non reproduce o que xa está á vista, senón que realiza, ou materializa,  aquilo que podemos ver. Faino visible, en palabras do pintor suízo. Igual que a arte para o mestre da Bauhaus, o Entroido constrúe a súa propia realidade invocando e dando forma a ideas “superiores” do imaxinario colectivo, unha rexión onde o corpo adoita estar na área central do rito. Baixo os focos. Que pode chegar a estar dentro do radio de acción da imaxinación popular? De que caste é a relación entre o extraordinario e o cotián? A estas e outras cuestións tenta dar xeito o Entroido, empregando para elo un código que xa non entendemos, mais que si comprendemos dun xeito semellante ó que acontece cunha canción da que gozamos malia materializarse nun idioma que non coñecemos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s