"O blog da SAGA"

San Xonás patrón putativo do entroido. Actividades da SAGA no Entroido 2016

 

Miguel Losada SAGA

Como cada ano, dende que existe a SAGA, as actividades anuais desta entidade relacionadas co Entroido son varias e diversas. A xeito, apenas, de breve memoria ó respecto podemos indicar agora as tres edicicións das Xornadas do Entroido da SAGA, das que imos publicando as correspondentes atas,  e que vimos celebrando en Pontevedra. As deste ano van ser as IV que organizamos e delas daremos conta cumprida.

Temos tamén no noso haber varias intervencións con carácter divulgativo como as realizadas na Universidade Nova de Lisboa, na Facultade de Letras do País Vasco, a participación nun especial do coñecido programa da TVG “Alalá”, numerosas intervencións en programas de varias emisoras do panorama da radiodifusión galega, a colaboración e participación directa no Festival da Máscara Ibérica que se ben celebrando en Lisboa dende hai dez anos, a implicación co xurdimento e divulgación da Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, a colaboración decisiva con institucións e entidades de ámbito europeo como o Museo das civilizacións de Europa e do Mediterráneo (MuCEM ) con sé en Marsella – Francia – ou co Museo da Máscara de Binche en Bélxica; ou as moitas charlas e presentacións que co gallo do Entroido tivemos a honra de compartir con xentes de toda Galicia.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2015/03/04/as-iii-xornadas-do-entroido-da-saga-en-imaxes/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/05/06/imaxes-da-conferencia-na-universidade-nova-de-lisboa-e-da-presentacion-no-centro-galego-de-lisboa/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/?s=MuCEM

 

Non podemos esquecer o traballo de documentación gráfica e fotográfica dos compañeiros da SAGA, grandes artistas en cadansúa disciplina, como son Paco Sutil, no seu labor a prol de proxectos de recuperación do Entroido de Marcón en Pontevedra,  ou Pedro G. Losada no seu impresionante traballo fotográfico, internacionalmente recoñecido, que está a crear un valiosísimo arquivo dun dos nosos mais senlleiros acenos culturais como é o Entroido. Cada ano imos recollendo audios e videos como os que divulgaremos a seguír do entroido 2016. Fiquen atentos, se lles parece.

12615405_1004705612940516_3966234529866373972_o

Falando, xunto co compañeiro investigador Rdgz. Cruz, da Figura do Cigarrón na Biblioteca Pública Municipal de Verín o 26 de Xaneiro de 2016

12622570_1004705726273838_2658496796523996923_o

Os veciños dando sentido á súa biblioteca. Que conste o noso agradecemento

Así as cousas, o feito de que nestes días teñamos participado en actividades como a organizada pola Biblioteca Pública de Verín, ou nas que participaremos nestes días vindeiros, non deixa de ser, tamén, un sinal de identidade para a SAGA.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2016/01/28/a-saga-nas-i-xornadas-do-entroido-da-asoc-etnogafica-a-merdeira/

Non por nada algúns de nos xa estabamos facendo divulgación neste sentido hai mais de quince anos, cando a SAGA malia non existir, abroiaba xa no noso maxín. As máscaras de Pan, feitas con fariña auga e papel, recuperadas da memoria como proposta de conexión entre a infancia antiga e a vellez nova a prol da identidade local, foron xa en febreiro de 2001, protagonistas dun obradoiro que anunciabamos con estas palabras que inda hoxe podemos subscribir:

“ Obradoiro de Máscaras do Antroido:

Centro Comarcal Terras de Trives 3, 4 – 10 e 11 de febreiro de 2001

Confeccionar mascaras do antroido aprendendo a facelas cas mans, empregando un método frugal de auga, fariña, papel e pouco mais, significa conectármonos directametne ca mesma realidade interior que permite creacións como a literatura ou a pintura. É dicir, ese nivel de conciencia que denominamos sensibilidade. O feitureiro de máscaras traballa pois consigo mesmo como materia prima fundamental, forxando no lume da imaxinación os elementos que lle permitan, ó cabo, mudar nun ser diferente e transitorio. O proceso de construción é deste xeito un acto íntimo, persoal e intransferible xa que sería unha mágoa que outros nos substituíran imaxinando por nos, sentindo por nos…Que cada quen compoña a súa personaxe e que o guión sexa, como moito, só un resultado.

Miguel Losada. A Pobra de Trives Antroido de 2001”

Unha exposición fotográfica de imaxes capturadas por Pedro, o fotógrafo da SAGA, no Entroido do ano anterior  completaban un programa que daquela pechamos o 14 de marzo seguinte. Case podería ser calquera programa da SAGA hoxe en día.

Coidamos que actualmente, aquela mensaxe inda é pertinente, e por iso permitímonos lembrala, reciclala, como a nosa proposta para o Entroido de 2016. Suxerimos vivir cada un cadanseu Entroido, en cadansúa localidade de referencia, neste sentido visitar outros entroidos é algo recomendable, mais compre facelo mediante o expediente de implicarse neles, seren cómplices en todo intre, no canto de consumir entroidos coma se foran produtos. É apenas unha recomendación, a nosa para este ano en curso e vindeiros. O Entroido está integrado por intres horizontais, colectivos e descentralizados antes que por horarios verticais e organizados. Somentes se ve o Entroido cando se está dentro del por iso o seu patrón é – ben puidera selo – san Xonás.

Nos vindeiros días, os da SAGA sairemos de Entroido, pois, e tamén falaremos del en varios sitios, como xa fixemos este pasado 30 de Xaneiro nas I Xornadas do entroido da Asociación Etnográfica a Merdeira; en Radio Arzúa; no programa Zig-Zag diario da TVG, ou o faremos inda no programa A Tarde da RTVG na tarde do martes de entroido ou o vindeiro día 16 de Febreiro no IES de Allariz.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s