"O blog da SAGA"

Arquivo para Decembro 9, 2016

Expedición Galega a Bruselas: Xogando á billarda diante do Parlamento Europeo.

img_20161208_100818

Por Miguel Losada. Secretario SAGA

Imaxes © Pedro G. Losada SAGA. Agás indicadas.

Estes días temos estado algo ocupados en Bruxelas. A SAGA, dentro da expedición galega até esta cidade, solar do Parlamento e da Comisión Europeas, foi recibida por responsables desas institucións que foron casa da cultura galega por tres días. Explicamos aló que as industrias da cultura non deben ser confundidas ca substancia amniótica que é en realidade a Cultura, e que nutre a estas. Dependen unha da outra, e xuntas son mais que a suma das dúas.

cartel-facebook-e-demais-tentation-galego_1488x550

Cartáz do programa de chegada no formidable local de La Tentation.

Aló tivemos a oportunidade de escoitar o como e porqué do funcionamento destas entidades, de expor opinións, ter unha conciencia mais clara da nosa realidade como cultura dotada gran capacidade de expresión artística e cultural e que conta con profesionais de gran talento. A Comisión Europea, por medio de dous representantes, escoitou as nosas preguntas e respondeunas, malia que no de xeito satisfactorio. No Parlamento puidemos usar diferentes salas de reunión como lugares de traballo. A carga simbólica destes espazos, a posta en escena ou rito se se quere, e o formato que impón o ritmo da institución foron moi importantes para centrar as cuestións e aproveitarmos o tempo e a oportunidade.

Agradecemos, tanto á euro_deputada Lidia Senra como a todo o equipo de traballo deslocado ó aló, todas as xestións e o traballo de moderación dos debates, loxística e organización que resultaron moi proveitosos para a cultura galega, na nosa opinión.

Agora debemos afrontar a tarefa de consolidación das liñas de traballo que xurdiron deste evento. Colaborarmos para a redacción dunhas conclusións; aumentarmos a taxa de contactos entre asociacións de base, artistas, responsables de contidos relacionados ca nosa cultura, editoriais e calquera persoa ou entidade interesada na prosperidade colectiva galega.

Compre expresarmos, coido, que Galiza atesoura na súa cerna cultural todo aquilo que Europa precisa considerar se pretende camiñar cara a definición de si mesma como un axente de recoñecida lexitimidade e predicamento no contexto internacional.

A cultura galega garda versións insubstituíbles dos contidos comúns a tódolos pobos de Europa. Galiza non é unha singularidade ou anécdota cultural; é unha cultura plena e homologable ás demais do continente; a nosa equipaxe cultural, acrisolada na forxa da Historia, resulta imprescindible para a mellor comprensión da realidade conxunta da familia europea. O noso é valioso non por privativo dos galegos e galegas, mais si por manter e achegar á sinfonía compartida de contidos que dan conta dunha realidade colectiva que sería moito mais pobre e inintelixible na historia sen o concurso de Galiza.

Compre, pois, facermos o que no se ten feito: deseñarmos e aplicar unha didáctica ó respecto. Unha que sexa quen de transmitir o que foi furtado do panorama comunitario e estatal, como é a realidade de que Galiza posúe a capacidade de enriquecer de xeito senlleiro o panorama da identidade dos pobos de Europa.

 

A nosa produción cultural depende, para ser nosa, de que xurda desa complexa e inveterada equipaxe cultural que mencionei antes. Axudar, dende as institucións comunitarias, a facer factible o desenvolvemento desta produción implica, pola nosa parte como sociedade, o compromiso, deber e conveniencia, de coñecer e gastar os nosos propios contidos.

Moitos son os exemplos que ilustran o feito de que Galiza é o solar dunha paisaxe cultural de estrutura tan relicta e xenuína como potente, mais posta ó día polas sucesivas xeracións de traballadores e traballadoras galegas. Nada como unha potente tradición para asentar sobre ela unha sociedade innovadora e moderna. Compre restituírmos esa conexión entre o ter sido e o querer sermos. Galiza pode ser, en Europa, o escenario idóneo, ou un deles, da posta en práctica da re_fundación das estruturas comunitarias baseada na necesaria definición dun marco identitario e cultural, xa que logo, común. A explicitación deste compromiso por parte da sociedade galega, a defensa na nosa identidade como cultura, engrandece e capitaliza culturalmente ó contexto europeo.

Foi o gran valedor desta idea, o filósofo Johann Gottfried Herder, que xa no XVIII proclamaba que cada Pobo posuía de seu un motor interno para o seu desenvolvemento. Herder acuñou a idea de cultura que manexamos hoxe en día. Para Herder, os pobos forman parte do conxunto da diversidade humana. A maneira de ser de cada pobo, a súa diversidade, engrandece ó xénero humano. Tamén ó contexto europeo. O mérito de cada Pobo deriva da súa capacidade para expresarse con voz propia nun contexto coral. Esa voz, esas singulares capacidades de expresión constituirían o que agora denominamos cultura. Herder sería hoxe un crítico da Globalización e, seguramente, un activista da diversidade cultural mundial baseada no diálogo entre Pobos. A defensa pois da identidade de Galicia no contexto europeo, reforza á de Europa xa que todo o que nos fai galegos fainos europeos na medida de que boa parte diso que é sermos Europeos xurde en Galicia:

Nodo fundamental das primeiras arquitecturas monumentais europeas; o espazo euro_atlántico de intercambios da idade do bronce; o gran urbanismo protohistórico; o primeiro estado medieval no continente; a nación que no século IV deu simultaneamente un emperador, (Magno Clemente Máximo) un papa,( Dámaso)  un reformador social a escala continental,(Prisciliano) etc; o referente ideolóxico místico baixomedieval, o camiño pan_europeo de Compostela; o desenvolvemento dunha literatura, unha lírica, unha música, a creación dunha especial relación co sector primario, simbiose entre un pobo e a terra que terman cadaquén do outro. Nai dunha lingua falada, cas súas versións, por todo o mundo. O perfeccionamento de modelos populares de explotación da Gandería, agricultura e pesca; A capacidade en definitiva de ter resistido, até hoxe, os potentes ataques a todas estas realidades e outras enumerables.

Mais todo isto non é evidente, nin nas institucións europeas, nin entre todos os axentes culturais e sociais Galegos, nin na sociedade galega no seu conxunto, e moito menos nas instancias administrativas de Galiza onde mesmo nin a lingua é un valor absoluto. Insistimos, pois na necesidade dun deseño didáctico proxectable cara as institucións comunitarias mais tamén reversible e viable como predicado interno.

https://www.facebook.com/SOS-Arte-Rupestre-Galega-877792378989242/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/03/18/a-saga-e-o-museo-das-civilizacions-de-europa-e-o-mediterraneo-dende-o-26-de-marzo-ate-o-4-de-agosto-de-2014/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2016/10/04/berberechos-da-ria-de-noia-unha-paisaxe-cultural-de-relevancia-mundial/

Galería de imaxes © Miguel Losada – SAGA. Alonso, Quintía e Losada cos compañeiros: Xurxo C. de A Citania Arqueoloxía e con M. Miranda e M. Vizoso de Mariña Patrimonio no país de Tintín. Xogando á Billarda diante do parlamento Europeo o 7 novembro de 2016 grazas á xente da Asociación Xotramu de Muimenta, Lugo e a toda a expedición galega.

O asunto na prensa e medios.

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/42932-delegacion-reivindica-papel-cultura-galega-europa

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2016/12/09/sector-cultural-gallego-denuncia-bruselas-marginacion-precariedad/0003_201612H9P39992.htm

http://ageuropa.gal/unha-delegacion-de-65-persoas-da-cultura-galega-viaxa-a-bruxelas-para-facer-visible-a-situacion-do-sector/

http://baiaedicions.net/editorial/preparadas-para-reclamar-o-desenvolvemento-da-lei-do-libro/

Evento na Tentation:

https://www.facebook.com/hashtag/europacapitalgaliza?source=feed_text&story_id=983745768397422&pnref=story

Unha xuntanza histórica polas posibilidades que abre a novos xeitos de colaboración e de establecemento dunha rede de axudas mutuas e contactos que fagan mais sólido o panorama da xestión e creación de contidos en Galicia. Finalmente, rematamos cun comezo. Un punto de inflexión cara á mellora substantiva na xestión colectiva e descentralizada dos contidos galegos. Un incremento nos intercambios e colaboracións orientado a crear mais valor engadido na produción cultural galega actual e, como consecuencia disto, reducirmos as feblezas que lastran a vivencia, produción e consumo da cultura galega en todas as súas manifestacións tanto fora como dentro do país. Nos encetamos, pois, este regreso á Terra con esta proposta para seguirmos o diálogo e dar quenda de intervencións neste sentido. Fale quen teña que dicir.