"O blog da SAGA"

Arquivo para Setembro, 2017

A SAGA na Euskal Herría Kultur Festa 2017 en Barakaldo.

Miguel Losada. Secretario SAGA

Este vindeiro día 29 de Setembro na SAGA teremos a honra de participar na Heuskal Herria Galiza Kultur Festa en Arteagabeitia-Zuazo, en Barakaldo. Ese día, ás 19h, xunto con Aitor Gorostiza, do grupo de danzas da Ibarra-kaldu elkartea e grande coñecedor da cultura tradicional. Compre expresar o noso agradecemento tanto á Asociación de Veciños de Arteagabeitia-Zuazo, ó Concello da cidade de Barakaldo, ó Centro Galego de Biscaia e ó resto de colaboradores. Tamén á Biblioteca Pública Municipal de Verín, valedores da cultura galega, pola proposta e as xestións realizadas neste sentido xa que, coma sempre, contan connosco coma colaboradores.

Desta volta e despois de facelo varias veces na BPMV e noutros foros, compre falarmos de “Entroidos en Euskal Herria e Galizia”, cousa que faremos, pois, no Centro Galego de Bizkaia diante da nosa xente de por aló e quen decida achegarse pola Asociación de Veciños de Arteagabeitia-Zuazo.

EHgaliza2017triptikobaja_002

 

EHgaliza2017triptikobaja_001

Galicia é un vello país abarloado a babor de Eurasia. Aparenta terra firme, mais pode que en realidade sexa unha gran dorna fondeada na beira do vello continente. Un navío, como aquel imaxinado por Saramago, xestionado por unha cultura propia respecto da cal, e como en calquera caso de insularidade, resultan moito mais complexas as dinámicas Dentro-dentro que aquelas derivadas dos circuítos Dentro-fora.

O denominado Antigo Réxime (finais do século XV a mediados do XIX) púxolle sitio e, non podendo asimilala, ficou illada, desbotada dende “a Terra-de-fora” e mais aló, de xeito que o que foi o primeiro reino de Europa aló no século V, a próspera e vizosa cultura medieval, nai de dous estados, ficou fermosa no alto mar, atendendo o seu amigo.

A insularidade galega é algo referendado tanto pola historiografía como por outras disciplinas, entre elas as ciencias sociais, que sempre lle deron á Galiza un tratamento selectivo que tivo o efecto de agachar o rol da cultura galega dentro do contexto peninsular e europeo. Neste contexto, moitas veces definido como arcaizante, non só o Entroido senón moitos outros acenos da cultura galega permaneceron, e inda fican, fieis a si mesmos grazas a teren as súas raigañas fundidas na cerna da estrutura da sociedade tradicional. Sobre a idea da xestión dos espazos comunais – os físicos e os simbólicos – desenvolveuse todo o ciclo ritual galego até finais dos anos 60 do pasado século. Dende aquela, a nave galega vai cinguindo ó vento dos tempos cara un rumbo incerto. Eis o Entroido, do que agora falaremos, en tanto que epítome dunha cultura digna dunha boa empopada.

O Travador Emilio Arias e a escritora Toti Martinez de Lezea na BPMV, o pasado 9 de xuño de 2017.

Efectivamente, aló fomos e temos que dicir que moitas grazas pola proposta de falarmos de Entroido Galego no Centro Galego de Barakaldo . Abofé que foi unha emocionante oportunidade de compartirmos inquedanzas a prol da nosa Cultura nun senlleiro solar galego no mundo. Un Centro cunha historia e traxectoria impresionante, tal e como poidemos coñecer de primeira man, o mais antigo do continente e o segundo do mundo tra-lo de Montevideo. Contades co máximo respecto por parte da nosa entidade, a Sociedade Antropolóxica Galega, SAGA.
Moi satisfeito tamén por podermos compartir mesa e conversa con xente de tanta valía e coñecemento como Aitor Gorostiza. E moi agradecidos tamén á Biblioteca Pública Municipal de Verín polas xestións, pola proposta e polo apoio recibido para esta actividade de encontro Vasco Galaico, no Heuskal Herria Galiza Kultur Festa 2017. Eskerrik asko eta elkar ikusi arte!
Moi agradecido e até sempre. Avante toda, para a Cultura Galega!

Advertisements

“AMÉRIKA PROHIBIDA”:CONFERENCIA DO INVESTIGADOR ECUATORIANO MANUEL PALACIOS VILLAVICENCIO

Coincidindo coa súa estadía en Europa, o investigador ecuatoriano Manuel Palacios Villavicencio dará este mércores 6 ás 20h unha conferencia en Pontevedra na que falará das súas 11 expedicións á coñecida Cueva de los Tayos, así como doutros enigmas arqueolóxicos de América

Manuel Palacios ofrecerá os resultados das súas investigacións e achegará a súa particular visión sobre o pasado da América precolombina e das súas primeiras civilizacións. Unha oportunidade para coñecer investigacións e olladas diferentes sobre a historia de America.

Manuel Palacios é investigador de Patrimonio Cultural e asesor científico para programas de divulgación científica, epigrafista e experto en proto-escrituras e petróglifos, membro honorario do Indian Board of Alternative Medicines e do SKC-Medicine Research Center, L.A. California.

A conferencia, organizada pola Sociedade Antropolóxica Galega, terá lugar na Casa das Campás ás 20h.

cartaz_amerika