"O blog da SAGA"

Exposición temporal: 110 anos do Tranvía de Verín.

CARTAZ VERIN copia

Miguel Losada (Secretario da SAGA)

A posta en servizo do Tranvía de Verín ó Balneario de Cabreiroá, Verín, foi un fito senlleiro dentro do conxunto de iniciativas a prol da modernidade en Galicia, xa que evidenciaba a capacidade de Verín para chegar a ser un gran referente do desenvolvemento termal e balneario en Galicia e en Europa.

Iniciativas coma esta, indican hoxe o potencial cultural, social e económico malogrado, unha vez mais, para Galicia a finais do primeiro terzo do século XX. Na exposición e mediante unha serie de vitrinas e paneis expositivos, poderanse ver imaxes e obxectos orixinais tanto da liña orixinal como da actividade do aproveitamento mediciñal das augas, que non estaba exenta como veremos, dun certo rito e atmosfera propiciatoria creada nunha antigüidade remota e adaptada á modernidade contemporánea daqueles primeiros anos do século pasado.

Como no filme de Elia Kazan “A street car named Desire”, un tranvía chamado desexo, se se quere, Galicia é unha identidade cun pasado que domina e marca o seu presente. Blanche, a protagonista é unha personaxe descarrilada que padece hoxe aquelas consecuencias. Cal foi o contexto do Tranvía de Verín e da Galicia económica e cultural que o puxo en marcha? que outros proxectos semellantes ou inda mais ambiciosos estaban relacionados con este?

A conferencia do Día 27 de Abril deste ano tentará achegar luz ó respecto da man de Paco Boluda que, xunto con Manuel Hernández da Asociación Carrileiros (Ourense) teñen investigado durante anos esta e outras cuestións relacionadas co mundo ferroviario en Galicia.

Esta liña tranviaria ábrese á explotación comercial en xullo de 1908, inda que a presentación do proxecto non se faría efectiva até 1911, baixo a denominación de:

Tranvía de vía estrecha y de tracción animal desde El Toral (Verín) hasta el Balneario de Cabreiroá.

Asinou o proxecto D. Higinio Garra, segundo o disposto polo Regulamento de Ferrocarrís de 1878 e contando cun orzamento final de 35737,31 pesetas. Esta foi a segunda liña tranviaria desenvolvida en Galicia logo da inaugurada na Coruña en 1903. O trazado da liña tiña unha lonxitude total de 2242,53 m, comezando na zona do Toural sita no comezo da Avenida de Portugal. Logo de percorrer 60m, en paralelo á devandita estrada, tomaba despois a Rúa da Constitución até o Camiño de Cabreiroá para dirixirse cara o Balneario. Na metade do trazado, había un apartadoiro onde podía cruzarse o tranvía ascendente co descendente. Pouco despois deste punto a vía acadaba o Balneario sobre terreos propios da explotación hoteleira. Logo de transitar sobre o pontón de pedra sobre o Río Ábedes, o tranvía chegaba ó Gran Hotel de Cabreiroá.

O ancho da vía era de 5 m, incluídos o gálibo do tranvía maila estrada para outros vehículos. No sentido cara Cabreiroá, a vía situábase á esquerda. A galga da vía era de 0,70 m, con raís tipo Vignole colocados sobre travesas de carballo e asentado todo o conxunto sobre unha base de grava cuberta con laxas bravas. Para pasar o Río de Ábedes cumpriu construír un pontón de 11,50 m de longo por 6 de ancho. O arco tiña unha luz de 6 m. Para a explotación comercial estaban en servizo dúas carruaxes para pasaxeiros/as. Estes vehículos ían numerados como “1” e “2”. Ademais contábase cun coche para a carga das equipaxes e os abastos. Os vehículos para pasaxeiros medían 5,30 m de lonxitude e tiñan dúas plataformas de acceso, unha por cada beira. Tiñan capacidade para acoller a 14 viaxeiros/as sentados sobre dúas bancadas corridas dispostas lonxitudinalmente. O custe de cada carruaxe foi de 3000 pesetas.

Para a condución e asistencia ós e as viaxeiras, houbo un persoal específico. Por cada viaxe había un Maioral para guia-lo vehículo e un Revisor para a venda e control dos billetes. O mantemento, limpeza, revisión e resgardo dos vehículos facíase nas cocheiras situadas dentro do propio complexo balneario.

Ademais de metáfora do desenvolvemento sostible e da sociedade do benestar, esta caste de tranvías chegan a seren, hoxe e por toda Europa, verdadeiros emblemas locais. Nalgunhas localidades, con tanto éxito que mesmo lle teñen dedicado selos conmemorativos. Así, en Inglaterra, País de Gales, Irlanda, Alemaña, Holanda e Finlandia existen tranvías de tracción animal inda operativos e semellantes ó que houbo en Verín. Nas vilas e cidades nas que isto acontece, a circulación do tranvía constitúe un elemento de gran importancia á hora de definir un urbanismo e un turismo a escala humana e de calidade nesas poboacións.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s