"O blog da SAGA"

Arquivo para Outubro, 2018

II XORNADAS DE NOVELA HISTÓRICA DE VERÍN 29 e 30 de marzo de 2019

nuevo documento de microsoft office word (2)_001

Programa previsto

nuevo documento de microsoft office word (3)_001

Miguel Losada (SAGA)

Escribir é construír. Erguer unha realidade que xurde a partires dos materiais dispoñibles -nalgures- e do esforzo de reunilos e darlles coherencia. Logo de milleiros de anos de literatura de tradición oral, a escrita permitiu ampliar a escala dos primeiros “lumes de lareira” que, co tempo, mesmo chegaron a ser radioeléctricos, catódicos; e ultimamente de plasma. Outra cousa é a calidade, intención e oportunidade desta fartura.

En calquera caso, o substantivo é o feito de que a produción e consumo de discursos é algo inevitable, unha forza moi poderosa dende calquera tempo, como os feitos demostran e o éxito da novela certifica. No caso da Historia, non son hoxe en día os manuais e o ensaio os que copan o interese por ler. Son as novelas.

Boa parte desa realidade creouna o mais que cabaleiro e menos que barón, Sir Walter Scott, cas súas novelas, a partires de finais da primeira década do 1800. Estas tiveron, e teñen, un enorme éxito mundial que acadou tamén a España e Galicia, onde circularon traducións dende ese intre, ademais de producirse obras novas e autóctonas. Entre estas Ramiro, Conde de Lucena (1823)[1] que figura como a primeira novela histórica en lingua española e El Caballero Verde[2] (1844) do escritor galego Benito Vicetto. Esta última ten sido obxecto de edición e comentario por parte do Dr. Filólogo e Historiador galego Ricardo Polín.

Tanto as obras do escocés como as outras -ó xénero literario en realidade- xurdiron do conflito entre dous modelos de relación co poder. O absolutismo e o liberalismo, liberais e conservadores, Carlistas e partidarios da Raíña Isabel, sobriña do infante D. Carlos. Detrás está tamén a tensión entre o novo modelo produtivo e económico; o industrial e o capitalista, burgués, fronte ó sistema anterior baseado no control estamental do sector primario. Romanticismo, nacionalismo e imperialismo son ademais outras perspectivas que fixeron posible, e conveniente para moitos, un novo xeito de relación social co pasado: A Novela Histórica. Esta non estivo sola naquela galerna política entre o Antigo e o “novo” Réxime. Os periodistas e os dramaturgos contribuíron tamén ó derrube dos vellos postulados de tradición feudal, autoritaria e despois absolutista. Para iso cumprían outros novos, e un deseño didáctico dos mesmos que dese cobertura ó novo sistema económico fundamentado na autonomía dos grandes emprendedores e na creación, que resultou moi literaria, dunha personaxe fundamental dende aquela: O estado nacional. Este, como toda personaxe precisaba unha biografía que deu en chamarse a Historia das nacións, dos países…

Aquela transición do XVIII ó XIX foi tamén o tempo de G.W.F. Hegel, o filósofo historicista que instalou a idea de que as sociedades son o resultado da súa Historia e, xa que logo, a fixación desta -o discurso histórico- é a ferramenta que permitiría crear estados poboados por persoas libres, sempre e cando a vontade destas e a do estado coincidan. O “proceso” histórico, sería unha manifestación transcendente orientada ó obxectivo superior da liberdade, entendida como un produto polo que, resulta “natural” pagar un prezo. Dende aquela, e con todo este contexto apenas trazado aquí, heroes, mártires e malvados; vítimas oportunistas e verdugos, entre outros moitos, poboan incontables páxinas dun fenómeno de grande importancia para comprender a natureza e xénese do mundo no que vivimos. E por iso tamén, dende aquela, tivo razón J.L. Borges cando explicou que a Historia é unha entre as ficcións[1]. Nun mundo coma este que santifica a novidade constante, que non cesa, proteica[2]. Aquilo que achega a seguridade do inmutable, do que “sempre foi así” é un valor en alza directamente proporcional á densidade de discursos entrecruzados. Historias ficticias e ficcións históricas. Historia con forma de ficción histórica e ficción travestida de Historia.

Por iso, reflexionar sobre a Novela Histórica e sobre porqué do grande interese que suscita no público, son cuestións que atinxen e interpelan directamente a calquera sociedade contemporánea. Este mes de marzo, na Biblioteca Pública Municipal de Verín, darase a oportunidade de ser partícipes e en primeira liña, desa importante parte do proceso colectivo de construción social da realidade.

Igual que na edición anterior, segue a ser certo que como afirmamos daquela: “Os e as novelistas da Historia son grandes creadores de visibilidade cultural. Existir en simbiose con seu traballo resulta de grande interese colectivo polas razóns expostas; e no caso de Galicia, unha interacción que inda pode facerse moito mais dinámica e produtiva.”

Na SAGA entendemos que Galicia e a súa cultura deben seguir presentes no miolo dos grandes debates e discursos contemporáneos. Entendemos que propiciar esta participación é un deber e unha oportunidade para que a Historia de Galicia sexa, tamén, un factor de impulso en tódolos sentidos.

[1] Borges, J.L. Ficciones. El Tema del traidor y del heroe

[2] Que pode adoptar múltiples formas.

Algunhas Imaxes da edición anterior.

33664676_1770806516330418_4689179271535525888_o

_MG_5027-1

181025 II XORNADAS NOVELA HISTORICA VERIN

 

Entrevista sobre o tema en Historia de Galicia

http://historiadegalicia.gal/2018/10/galicia-centro-da-novela-historica-mundial-de-roma-a-procura-do-santo-graal/

Advertisements