"O blog da SAGA"

CRÓNICA DAS III XORNADAS SOBRE ANTROPOLOXÍA

III Xornadas sobre Antropoloxía

A Mitoloxía galega”

Do 16 ao 18 de novembro celebráronse en Pontevedra, cun grande éxito de público, as III Xornadas sobre Antropoloxía organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega. Este ano, os temas tratados nas conferencias xiraban ao redor da Mitoloxía galega. O marco das xornadas foi, coma nos anos anteriores, a Casa da Luz, grazas á colaboración do Concello de Pontevedra. Tanto a apertura do ciclo como as distintas presentacións dos conferenciantes estiveron a cargo do antropólogo e presidente da SAGA, Rafael Quintía Pereira.

 

A sesión inaugural do día 16 contou coa presenza da arqueóloga e antropóloga Ana Filgueiras Rei. Na súa conferencia, “Cartografía mítica: estrutura, sentido e poética do territorio da mourindade”, expuxo a importancia de dar ao legado mitolóxico a dignidade e protagonismo que merece. Así mesmo, explicou como a toponimia é unha grande aliada para descubrir ese mosaico, fragmentado debido á perda da transmisión oral da cultura e á deturpación histórica. Este coñecemento ancestral sinala, a través da toponimia, lugares importantes para a memoria colectiva; e a arqueoloxía confirma, en moitas ocasións, como eses lugares foron considerados sagrados dende a prehistoria. Son a alma do territorio, sen esa memoria acumulada o territorio queda sen discurso. Por todo isto di que é preciso documentalo, entendelo e seguir producindo cultura nova sen abandonalo.

 

A continuación interveu o mestre, etnógrafo e historiador Clodio González Pérez coa disertación: “Un mito universal: serpes e dragóns. A tradición da Coca”. Clodio Gónzalez levou aos asistentes a unha viaxe por Europa e América a través do mito deses monstros que, nas mais antigas tradicións, eran vencidos polos deuses e, co paso do tempo e a transformación das crenzas, morrían a mans dos santos e santas cristiás. Máis tarde serían os nobres os protagonistas destas lendas, feito que deixou na heráldica unha pegada material aínda visible. En moitos relatos son nenas pequenas as que, con auga bendita, vencen ao monstro. A Coca, Cuca no Mediterráneo, Tarasca para o castelán; estendeuse por toda a cristiandade asociada a celebración do Corpo de Deus ou Corpus Christi. Tamén pasou a América e aínda se conserva en Cuba relegada ao Carnaval. Debido ao feito de que fose obrigatoria a participación dos gremios no Corpus e á importancia secular do de Mareantes en Pontevedra, nesta cidade eran os mariñeiros os que vencían á Coca na representación previa á procesión.

 

O sábado 17 abriu a xornada a investigadora Ana Ruiz Blanch coa exposición do tema: ”A Raíña Lupa: tan lejos, tan cerca. Mito, historia y memoria”. Falou da relación de Lupa coa fundación do camiño de Santiago e co mito fundacional da devandita cidade. Do mesmo xeito atopa unha analoxía coa fundación de Roma e mesmo de Portugal. Explica a correlación entre Lupa e a raíña Urraca e que as numerosas lendas sobre ela están sempre asociadas a un lugar concreto, non só en Galicia, subliña a mestura con outros mitos como as Mouras. Non se sabe moi ben se era unha deusa, unha Moura ou unha raíña realmente existente. O feito de facer de Lupa unha personaxe maliciosa podería considerarse un aviso ás mulleres que se atreveran a desafiar á autoridade eclesiástica. É un relato metafórico no que tamén se atopa unha relación entre a palabra loba e a prostitución en Roma. A pesar da connotación negativa, que por parte da Igrexa se lle deu no relato do traslado dos restos do apóstolo, Lupa sempre contou co aprecio do pobo.

 

Despois dunha pequena pausa para tomar un café e un pouco de bica, comezou a charla do profesor e escritor Marcial Tenreiro: “(Paleo)Etnografía Jurídica: Olhadas na Fronteira entre o Rito e o Mito”. Marcial expuxo exemplos documentais da importancia ancestral do marco e dos sacrificios rituais para a súa protección como, por exemplo, un documento do século XVI onde se describe o sacrificio dun semental, un texto único en Europa. Fala de sacrificios de carneiros para logo enterrar a súa cabeza a modo de delimitación, poñendo sobre ela o marco, e que destas prácticas quedan innumerables pegadas na toponimia. Existe constancia de ritos similares noutros países como en Islandia. En Francia atopamos ritos asociados á construción, tanto en vivendas coma en igrexas, nos que se empregaban vacas ou bois. En Asturias existía a crenza de que era necesario matar un animal para evitar unha morte ao estrear unha casa. Nalgúns lugares colocábanse cornos de carneiro en lugares estratéxicos das casas ou do territorio. O seguimento dunha res bovina á hora de fundar un asentamento era tamén un rito común. As pelexas de touros servían para delimitar unha fronteira, e coma presaxio dunha vitoria ou derrota. A súa importancia víase reflectida na construción das cortes para o gando (Portugal). Sinala na súa intervención o achado de bronces votivos nos que se representa a cabeza dun touro para un uso simbólico ou ritual o que nos levaría a orixe destas prácticas na Prehistoria.

 

Xa pola tarde, o investigador, escritor e cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa falou de: “Os seres míticos na Mitoloxía galega”, un tema inabarcable pola grande riqueza da nosa mitoloxía. Na súa opinión, ata hai ben pouco non había moito interese por estudala, aínda que o seu coñecemento podería dicirnos de onde vimos, quen somos e onde imos. Segundo el a mitoloxía popular é un produto da Historia e está condicionada pola época, polo poder civil ou eclesiástico e polas carencias. É o que queda dunha relixión das clases populares na que tiña moita importancia a astroloxía e tamén a xeografía, as portas ao outro mundo, o vínculo do mundo dos vivos co dos mortos, a importancia do simbolismo a súa interpretación. Conta como estas crenzas chegaron a ser vistas coma supersticións, incluso na sabedoría popular. Di que a mitoloxía mal interpretada pode ter consecuencias nefastas, isto é debido a influenza do rumor e a que o poder aproveita algúns destes elementos. A Mitoloxía reflicte unha idade de ouro, un tempo no que non hai carencias.

 

A última estivo a cargo do historiador Antonio Balboa Salgado: “As cidades asolagadas. As augas e o Alén en Galicia”. Na súa exposición falou da visión histórica que xustifica estas lendas como restos de cidades que quedaron abandonadas, a da igrexa que da as explica dun xeito moralizador e de como estas visións describen o que hai pero non explican o porqué. Tomando, en certa medida, como referencia a Irlanda que conta con múltiples lendas de cidades asolagadas, interpreta a similitude do resto de casos na Europa atlántica e, concretamente, na costa coruñesa onde se concentran en Galicia. Conta que Aristóteles fala de que os celtas están tan tolos que se mergullen no mar para loitar con el, o que considera unha mostra de irracionalidade. Algunhas investigacións sinalan estas lendas coma unha mostra do desexo de comunicarse co mar, o punto de partida a outro mundo, da auga coma fonte de rexeneración ou resurrección. A concepción da auga como lugar de paso obrigado e privilexiado ao máis alá no mundo indo europeo e celta.

 

Durante a celebración das xornadas rendeuse homenaxe a Ángel Gilberto Martínez, membro da SAGA recentemente falecido, coa presentación do vídeo: “As lendas da Pena Molexa” narradas por Ángel Gilberto Martínez”.

 

Despois de cada conferencia houbo un tempo para preguntar e debatir no que participaron algúns dos asistentes. A brillante e clara exposición dos poñentes, a súa teima pola divulgación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial e o grande interese amosado polo numeroso público fixeron destas III Xornadas unha cita digna de ser lembrada.

 

 

O colofón a estes dous días de Mitoloxía galega foi o espectáculo que, baixo o título: “O eco das pedras”, representou Raquel Queizás no Centro Social de Cerponzóns o domingo 18. Unha escolma de contos tradicionais marabillosamente interpretados e para o que a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns cedeu o seu local.

 

Texto de Pilar López Vilas

Fotografías: Ana Durán Penabad e Miguel Ângelo Bieites

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s