"O blog da SAGA"

Arquivo para Decembro, 2019

IV Xornadas sobre Antropoloxía da Sociedade Antropolóxica Galega: migración, turismo, expedición e introspección

descargaDende que o ser humano é somos viaxeiros, percorrer o planeta está escrito no noso ADN. Primeiro coma seres nómades e co tempo por moi diversos motivos: o clima, a fame, a guerra ou, simplemente, na procura dun mellor lugar para vivir. As nosas inquedanzas leváronnos tamén a viaxar para descubrir, conquistar, coñecer, e tamén para descansar ou recuperar a saúde. Nun mundo no que aparentemente pouco queda por explorar, a viaxe aínda pode ser unha aventura, cando menos interior. Coma dixo Henry Miller: “O noso destino nunca é un lugar, senón un novo xeito de ver as cousas”.

Na tarde do venres 22 de novembro de 2019 deron comezo as IV Xornadas sobre Antropoloxía da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e a viaxe foi o eixe central ao redor do que se desenvolveron as distintas conferencias. Tiveron lugar no espazo NEMONON e contaron, unha vez máis, coa colaboración do Concello de Pontevedra. A xornada inaugural, e tamén as distintas intervencións, foron presentadas por Rafael Quintía Pereira, antropólogo e presidente da SAGA.

jornadas antropologia IV saga 2019

A primeira relatora foi a antropóloga e técnica superior en turismo, Cristina Valdés. Na súa charla titulada Viaxes e turismo, unha visión antropolóxica, fixo un percorrido histórico do fenómeno social, cultural e económico que é o turismo. Dende os desprazamentos con motivo dos Xogos, e tamén polas crenzas, na Antiga Grecia e na Roma Clásica ou as peregrinacións relixiosas na Idade Media ata o actual turismo de masas; explicou as circunstancias, contextos e motivacións que levaban, e levan, ás persoas a emprender unha viaxe. Falou tamén da necesidade de substituír a masificación e superficialidade do turismo actual por outro xeito máis respectuoso cos lugares e coa xente, de establecer lazos entre visitantes e visitados, de substituír por experiencias o que é non é máis que consumo e da necesidade de respectar a cultura local e a convivencia. Di que os destinos máis visitados hoxe en día pronto deixarán de ter atracción para os visitantes debido, precisamente, ás consecuencias das aglomeracións que agora reciben.

DSC_0301.jpg

22 años de expediciones antropológicas a Siberia foi o título da videoconferencia impartida por Carmen Arnau Muro que, por causa dun pequeno accidente, non puido acompañarnos de xeito presencial nesta ocasión. Carmen Arnau é doutora en Antropoloxía coa tese Chamanismo Siberiano vs. Cristianismo Ortodoxo e a maior experta española no coñecemento dos pobos siberianos. As súas expedicións a Siberia en solitario comezaron coa pretensión de facer un pequeno traballo sobre unha das comunidades, pero o encontro casual cunha chamana, e a súa invitación a acompañala nas visitas aos enfermos polos distintos poboados, fixéronlle cambiar o obxecto de estudo e o seu sistema de traballo para poder mergullarse na cultura local. Reivindica viaxar ao corazón doutras culturas con respecto e escoitar, viaxar para coñecer aos outros. Destaca a adaptabilidade do ser humano a diferentes contextos e coma produto deste feito a enorme diversidade cultural que en Siberia, con moi diversas rexións, é moi salientable. Sen ningún tipo de axuda creou o Etnomuseo de los Pueblos de Siberia y Asia Central na provincia de Toledo, museo xestionado pola fundación que leva o seu nome.

DSC_0340.jpg

Xa na mañá do sábado 23 tivo lugar a exposición do tema Viaxes que parten o corazón: migrantes entre dous mundos a cargo da licenciada en Socioloxía e doutora en Antropoloxía Luzia Oca. Coma experta en intervención social en comunidades caboverdianas en Galicia e coordinadora de proxectos de integración ten unha estreita relación coas persoas que son obxecto do seu estudo. Dende a súa investigación explica os cambios producidos dende as primeiras viaxes migratorias, hai máis de 40 anos, das mulleres caboverdianas que viven, fundamentalmente, na Mariña luguesa. As primeiras chegaron alí na procura das súas parellas, traballadores na construción de importantes infraestruturas ao longo do territorio español. Destaca que detrás da migración económica non hai liberdade e que non é un proxecto persoal senón familiar, conta coma a sociedade de orixe de estas mulleres é unha sociedade nacida da escravitude e da mestizaxe, onde a muller ten unha importante presenza no traballo e na vida social. Fai tamén un apuntamento comparativo sobre a poligamia visible en Cabo Verde fronte a invisible na nosa sociedade. Amosa varios relatos etnográficos de mulleres migrantes, explicando a soidade das pioneiras e o grande acubillo que significaron para as que viñeron despois.

20191123_112036

A segunda intervención da mañá, despois dunha pequena pausa para tomar café e algo de doce, foi a de José Luis Cardero. O doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, coa especialidade de Antropoloxía, e doutor en Ciencias das Relixións, levou os asistentes ata A viaxe cara ás fronteiras e términos do Alén. Falou da morte, do que hai fora dos límites do coñecido e que en moitas ocasións é o negativo, o perigo. Conta que na antigüidade o mar era a fronteira co Alén e subliña o feito de que moitas das características da viaxe ao outro mundo son comúns nos relatos de moitas culturas, sendo común así mesmo a escaseza de detalles sobre o que nese escenario acontecía. A través de imaxes prehistóricas amosa as representacións que o ser humano facía dos habitantes dese lugar descoñecido e temido, así coma dos poucos que podían adentrarse nel e volver con vida. Os chamáns eran nun principio os únicos que tiñan esa capacidade, e en tódalas representacións a súa volta ao mundo coñecido ocorría despois dunha transformación. Di que a nosa preocupación pola vida mais alá da morte é evidente dende o inicio dos tempos e explica o significado da simboloxía empregada para protexernos dos que alí moraban, uns símbolos comúns á maior parte da humanidade.

20191123_125052

Pola tarde tivemos a oportunidade de cruzar o Atlántico co xornalista, doutor en Ciencias da Comunicación e historiador, Santiago del Valle. Galegos en Vilcabamba, o último reino inca independente: Cronistas, conquistadores e exploradores foi a participación de Santiago nestas xornadas, unha fascinante viaxe da man das súas investigacións para acadar a localización precisa de Vilcabamba. Este lugar era un espazo sagrado e esa condición convertíao nun símbolo de resistencia e rebelión fronte aos conquistadores, nel refuxiouse Manco Inca cando era perseguido polos españois. A existencia do lugar era incuestionable grazas a abundante documentación histórica existente, pero ata o de agora non se puideran localizar os restos arqueolóxicos. O territorio non estaba correctamente representado nos mapas, de aí que os intentos para localizalo non tiveran éxito. Despois de dazaseis expedicións arqueolóxicas á zona e grazas ao descubrimento dunha plataforma cerimonial (ushnu), á investigación da toponimia, as lendas, os penedos (moi importantes na cultura local) e á testemuña dunha muller sobre un achado casual do seu fillo, hoxe en día son moitos os restos atopados que indican o descubrimento do lugar exacto onde se atopa Vilcabamba.

20191123_175428

A última das miradas sobre o feito de viaxar veu da man do fotógrafo, explorador, guía de viaxes e membro de la xunta directiva da Sociedad Geográfica Española, Diego Cortijo. A súa conferencia levaba por título Explorando selvas y desiertos hacia Ítaca. Diego ten feito moitas expedicións, incluso subacuáticas, sendo unha das poucas persoas que estivo no Tassili. Recoñece que concibe a viaxe dende unha perspectiva romántica, ao xeito das antigas expedicións. As inquietudes persoais e a curiosidade levárono a viaxar dende moi novo, en canto tivo a oportunidade, así foi coma comprendeu que os nosos prexuízos sobre outros lugares desaparecen ao coñecelos. Xa dende un principio tiña un enorme interese pola procura das cidades perdidas e, aínda que explica que o Dorado non existe, si está convencido da existencia dun antigo asentamento inca na selva amazónica. Explica como os habitantes da selva amazónica son moi diferentes entre si, incluso entre comunidades veciñas, para el o factor determinante de esas diferenzas é o grado de contacto co exterior. Na selva peruana de Madre de Dios localizou o que parece unha enorme cara gravada na pedra da que tivera coñecemento a través das comunidades nativas. A morfoloxía do rostro, semellante aos andinos, da pulo ás súas investigacións na procura de vestixios dos incas na selva baixa.

Despois de cada exposición houbo unha rolda de preguntas na que o numeroso publico asistente foi moi participativo. Como anécdota destas xornadas, un pequeno retraso no comezo da primeira das conferencias do sábado propiciou unha pequena e improvisada mesa redonda entre Rafael Quintía, José Luis Cardero e Diego Cortizo sobre o risco nas viaxes. A idea común xurdida neste pequeno debate podería ser a de que hai que atreverse a saír da nosa zona de confort, que a realidade soe ser diferente ás expectativas e que nunha viaxe é mais doado saber cando empeza que non cando remata.

DSC_0376.jpg

O domingo 24, e para rematar unhas xornadas dedicadas á viaxe dende diversas perspectivas, qué mellor que unha viaxe no tempo visitando a réplica dun poboado da Idade do Bronce no Parque Etnoarqueolóxico Outeiro das Mouras e os marabillosos petróglifos que hai nas proximidades.

FB_IMG_1574664621617

Texto: Pilar López Vilas/ Fotografías: Miguel Angelo Bieites, Ana Durán Penabad