"O blog da SAGA"

Crónica: VIII Xornadas sobre o Entroido da Galiza.

Un ano máis, leváronse a cabo as Xornadas do Entroido da Galiza, que xa acadan a oitava edición. Xa é tradición que teñan lugar unha semana despois dos días máis importantes do Entroido, e este 2020 (ano bisesto) celebráronse, cunha grande afluencia de público, os días 28 e 29 de febreiro, no espazo Nemonon de Pontevedra.

As actividades foron variadas: conferencias, presentación de libros, actuación musical, exposición fotográfica de Roberto de la Torre e mesas de debate.  Comezaron, puntualmente, o venres 28 coa inauguración a cargo de Anxo Rosales, membro da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).

jornadas entrudo VIII saga 2020

Julio I. González, Anxo Rosales e Emi Cagiao.

A presentación do libro Historia e recuperación do Entroido de Samede (publicado pola editorial Ab Origine), que vén de publicar Emi Cagiao, foi o primeiro acto das Xornadas.

2Este Entroido, que se leva a cabo no concello coruñés de Paderne (A Coruña), vivíu un renacemento a partir dunha pescuda que os nenos e nenas do lugar fixeron no colexio. A nai dun destes nenos, Emi Cagiao, seguíu co fío da investigación máis alá dun simple traballo escolar. Os vellos e vellas do lugar convertíronse nos informantes do seu traballo, que tivo como froitos a recuperación da festividade por parte da xente máis nova, primeiro, e a publicación do seu libro, posteriormente.

Esta obra conta cun abondoso e invaluable material gráfico, aportado pola propia veciñanza. Aparte de recuperación de traxes e personaxes, tamén saíu do esquecemento unha danza, a Muiñeira Cruzada, que ten como peculiaridades ser bailada o luns de Entroido e como mínimo por 10 parellas. Esta danza non se bailaba desde o ano 1961.

A continuación, unha representación da Asociación Felos e Madamas de Esgos (Ourense) deu unha charla sobre o seu particular Entroido. Esta asociación naceu no ano 2009 coa finalidade de pór en valor a tradición do Entroido neste concello, que se leva fundamentalmente polas montañas de Rocas. Dúas madamas (Marina Díaz Rodríguez e Esperanza Rodríguez Crespo) e un felo (Manuel Fariña Blanco) foron as persoas designadas para achegárnolo un pouco máis. Contaron anécdotas sobre os traxes, a tradición e o presente do Entroido en Esgos.

jornadas entrudo VIII saga 2020

Marina Díaz , Manuel Fariña e Esperanza Rodríguez.

Aínda que non ten tanta sona como outros, onde tamén hai personaxes chamadas felos (como Maceda), comentaron con orgullo que o seu Entroido segue a celebrarse e que a veciñanza fai unha importante labor para conservalo, levando ás novas xeracións para implicarse e empaparse das tradicións locais.

Tamén comentaron, entre outras cousas, que o Entroido se conserva moi parecido a como era tradicionalmente, pero que hai algúns cambios nos nosos días, como a contratación de autobuses para chegar a todas as aldeas onde queden habitantes, factor que é moi importante para eles: chegar a todos e todas.

A veciñanza visitada, pola súa parte, responde moi ben a estas visitas e cada parada convértese nun festín de delicias gastronómicas para estas madamas e estes felos que aínda van roubar (teatralmente) nos seus galiñeiros.

A continuación, o historiador Julio I. González deu a conferencia O Mundo ao revés. O teatro de Entroido de Galiza.

jornadas entrudo VIII saga 2020

Julio I. González e Rafael Quintía.

Especializado en investigacións sobre manifestacións artísticas, teatro e espectáculos, aportou unha visión histórica sobre a influencia do teatro nas manifestacións do Entroido galego, a través de fontes diversas, como documentos antigos e referencias pictóricas e artísticas na Galiza e en Europa.

Na Xornada do sábado, Carlos X. Ares presentou a súa obra, Festividades de inverno na provincia de Ourense. Máscaras, personaxes e rituais. (da editorial Dr. Alveiros), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2020.

jornadas entrudo VIII saga 2020

Carlos X. Ares e Rafael Quintía.

6Esta obra é un inventario moi extenso e conciso das festividades que se levan a cabo en Ourense, a provincia que máis tradición aporta ao noso Entroido.

Nesta obra resúmese un traballo etnográfico intensivo de tres anos, tras a visita a 151 localidades ourensás (pertencentes a 56 concellos), cun grande traballo de campo que inclúe incontables entrevistas de informantes de entre 20 e 95 anos e visitas a todas as mascaradas e rituais dos que fala no libro.

Unha obra imprescindible se se quere profundizar no asunto tan serio que supón o Entroido na provincia de Ourense en particular, na que ocupa gran parte da vida social durante a invernía, tanto nos núcleos urbanos coma no rural.

Con el veu o grupo Escaravellos, que nos obsequiou unha alegre actuación musical.

jornadas entrudo VIII saga 2020

Grupo Escaravellos.

A continuación, Lidia Mariño deu unha conferencia titulada A figura da Vella no Entroido.

jornadas entrudo VIII saga 2020

Lidia Mariño e o fuso da Vella fiandeira.

Partindo da Vella mitolóxica e as súas características principais aportadas pola etnoloxía, procedeu a facer unha comparación de certas figuras presentes en diversos Entroidos galegos con outros europeos, defendendo a teoría que tras algunhas personaxes están antigos mitemas sobre a morte e o renacemento da vida, nun contexto cíclico e agrario que foi a base do sustento da Humanidade desde o Neolítico.

Por último, Chema Cebeiro, da Rexionalista de Teo (A Coruña), presentou o seu traballo sobre as danzas do Entroido do Ulla. Estas danzas, redescubertas de forma inesperada a través dun informante que fora bailador principal nelas, amplían o vistoso Entroido do Ulla, famoso sobre todo polos seus Xenerais. Na conferencia explícase como foi o procedemento da recuperación (que levou preto de cinco anos), grazas á vontade que ten a veciñanza de que a danza sexa incorporada de novo no seu Entroido (entenden de forma moi loable que a danza non pode ser fosilizada nin servir de demostración nos festivais, senón que debe ser incorporada como elemento vivo no Entroido do Ulla).

jornadas entrudo VIII saga 2020

Chema Cibeiro e Rafael Quintía.

Rafael Quintía, presidente da SAGA, foi o encargado de clausurar estas xornadas entroidescas, facendo unha reflexión sobre o Entroido nos nosos días: como se pode compaxinar tradición e fenómeno turístico? Expresou que o Entroido, incluído nas guías de turismo como un reclamo máis do noso país, debe ser tratado co respecto que merece, como forma de convivencia social con códigos, oficiantes e unha ritualística propios, facendo referencia ao triste feito de que turistas agrediran, ou intentaran agredir, a participantes dalgunhas mascaradas tradicionais. Como parte da identidade dos pobos e comunidades da Galiza, as persoas que visitan deben informarse mínimamente do que irán a ver, e ter un mínimo de empatía polas que o ofician.

Desde a SAGA, afirmamos contundentemente que o noso Entroido debe ser digno e dignificado. Por iso seguiremos realizando estas Xornadas, estudando e colaborando coas persoas que fan posible que o noso Entroido siga tendo no posible toda a súa esencia, e fomentando o seu respecto.

Ata o ano que vén. E que viva o santo Entroido!

Texto: Ana Durán Penabad/ Fotografías: Miguel Ângelo Vieites.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s