"O blog da SAGA"

Crónica das V Xornadas de Antropoloxía da SAGA

V Xornadas sobre Antropoloxía da Saga:

“O mal: Terror sobrenatural, violencia e pobreza”

Duras, tanto como necesarias, foron estas V Xornadas de Antropoloxía da Sociedade Antropolóxica Galega. Pero… Que é o mal? Como se manifesta? Somos quen de recoñecelo? A estas e outras moitas preguntas intentouse responder a través de seis diferentes miradas. Seis conferencias da man de expertos nas distintas materias.
Tiveron lugar no espazo Nemonon do 5 ao 7 de novembro, e contaron coa colaboración da Concellería de Cultura e Patrimonio do Concello de Pontevedra. A apertura do ciclo e as diferentes presentacións estiveron a cargo do antropólogo e presidente da SAGA, Rafael Quintía Pereira.

Ás 18h do venres comezou esta edición dando paso á conferencia do Padre José Criado, titulada “O concepto do mal dende o Cristianismo”. José Criado exerce como párroco do Santuario de O Corpiño onde, entre as súas responsabilidades, e a petición do bispado de Lugo, se atopa a de realizar exorcismos. Como representante da Igrexa Católica, efectúa unha distinción entre tentación, ferramenta do maligno para afastarnos de Deus, e posesión, a entrada do demo no corpo. Fronte a tentación do mal estaría a virtude, a forza para manterse fieis a Deus. Sinala que o salmo utilizado no rito bautismal inclúe un pequeno exorcismo, coa finalidade de eliminar o pecado orixinal co que, segundo as crenzas católicas, nacemos todos. Explica que este acto non significa que o neno, ou nena, estean posuídos. Recalca que dende a visión da Igrexa Católica existe unha clara dicotomía entre o ben e o mal; para esta non hai lugar á subxectividade á hora de definir os conceptos, que considera antagónicos.

A segunda intervención do día foi a do antropólogo, doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e en Ciencias das Relixións, José Luis Cardero López. Por motivos de saúde, a súa exposición foi online. Como na primeira, a visión do sobrenatural é o eixe central da súa exposición. Refire como, a raíz dunha imprudencia divina ou humana, se produce a separación entre o ben e o mal. Este acto divisorio dos dous elementos, unidos nun principio, constitúe un relato común a moitas das culturas. Dende a época dos cazadores-recolledores, onde os fenómenos alleos ao mundo humano eran atribuídos á mesma Terra (o medio físico), pasando pola Nai Terra e posteriormente á Deusa Nai; explica as diferenzas entre o numinoso, o sagrado e o relixioso, sinalando a importancia do concepto de Divindades do terror sobrenatural. Fala, por exemplo, da Nai Terra como un ente cruel, dadora de vida e tamén de morte; fronte a Deusa Nai, máis próxima a nós.

O sábado, ás 10 da mañá, deu comezo a segunda das Xornadas da man de Montse Fajardo. Esta escritora e periodista, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, Máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, é técnica de Memoria Histórica na Deputación de Pontevedra e especialista en temas de Xénero. O título da súa intervención, “A represión sobre as mulleres como forma de terror”, xa anunciaba a dureza da exposición. Inevitablemente crúa, debido aos feitos relatados por Montse, estivo centrada na represión franquista, especialmente na producida sobre as mulleres. Fala da complicidade da Igrexa na imposición do terror, “a Igrexa foi o mal”, da instigación ás violacións e o sometemento das mulleres por parte da cúpula golpista. Relata brevemente a historia de vida de varias galegas, represaliadas brutalmente polas súas ideas políticas ou por ter sido solidarias cos perseguidos. Sen embargo, considera preciso centrarse nas que quedaron, nas que, obrigadas a convivir co represor, non se someteron as directrices do franquismo para a muller e soportaron décadas de terror. Encerradas, violadas, torturadas, rapadas, marcadas con tatuaxes, humilladas ante o escarnio público de moitas maneiras; en moitos casos como obxecto e instrumento de tortura para exercer o mal sobre os seus compañeiros de vida. Destaca como, fronte ao castigo recibido polos homes debido ás ideas políticas, a maioría das mulleres constaban como castigadas polos seus “pecados”. Este feito tivo para moitas, entre outras consecuencias, a de non poder acollerse á Lei de Amnistía e permanecer encarceradas moito máis tempo.

Interveu a continuación Rocío Ovalle; premiada periodista, profesora de escritura na USC, especialista en coordinación de equipos e actual coordinadora da Delegación da Cruz Vermella en Santiago de Compostela. Na súa poñencia, “Proyecciones que transforman. El bien institucional, el bien colectivo y el bien individual, entre el idealismo y la coherencia.”, empeza destacando como, na sociedade, as fronteiras entre o ben e o mal son máis ben difusas. Indica que o papel das organizacións non gobernamentais, sendo relativo, é necesario para que ninguén quede á marxe; a pesar da imposibilidade, ou extrema lentitude, de resolver os problemas estruturais. Explica como tanto a cara A como a B do ser humano se atopan tamén nestas organizacións, a pesar de buscar a mellora da sociedade, e como se poden enfrontar en certas ocasións ao dilema ético de utilizar o mal para conseguir un ben. Sinala que, se ese mal afecta a unha persoa, non paga a pena; que soe pasar cando as aspiracións persoais, o ego, se poñen por riba do interese común, do ben. A continuación relata unha serie de situacións, vividas ao longo da súa traxectoria profesional, onde o ben e o mal poden ser entendidos dende a relatividade. Expresa a necesidade de comprender os contextos culturais para non xulgar de xeito erróneo feitos dos que se ignoran as súas circunstancias.

Xa pola tarde, e a través de videoconferencia, produciuse a intervención do investigador, escritor e experto criminólogo Manuel Carballal. Co tema “No nome de Satán: o mal como xustificación do crime.”, conta como os peores malvados son os que alcanzan tal punto de adoración por parte dos demais que chegan a matar por eles. Despois de décadas de investigación do satanismo en España, conclúe que a maior parte destas organizacións son inofensivas e que moitos dos crimes atribuídos a elas son crimes rituais, non satánicos, existentes dende as orixes da humanidade e que debido á globalización se están a estender. Que a maioría dos satanistas non adoran a Satán porque non cren na súa existencia, consideran que o mal provén dos primitivos instintos do ser humano. Ao longo da exposición demostra que, ao contrario do que poida parecer, o mal se atopa na maior parte das veces lonxe do evidente. Fala dos psicópatas encubertos, persoas aparentemente afables e bondadosas que viven integrados na sociedade e son capaces dos peores crimes sen chegar a utilizar a violencia física, individuos capaces de matar en vida ou de levar a outros á peor das decisións.

A última mirada sobre o mal destas V Xornadas correu a cargo de Félix Castro; antropólogo, etnomusicólogo, escritor, investigador e avogado. O tema da súa conferencia “Manuel Blanco Romasanta, o mal de múltiples caras.”, centrouse principalmente no proceso xudicial a este home coñecido popularmente como “o lobishome galego”. Félix levou a cabo unhas catro liñas de investigación sobre este criminal nado na provincia de Ourense e falecido, por enfermidade, na cárcere de Ceuta. Despois dunha investigación intensiva, Castro da conta, entre outras, das seguintes conclusións: Romasanta, vendedor ambulante entre Galicia e León, era un psicópata que, a través da astucia, finxindo moi ben características como a amabilidade, profunda fe cristiá e esforzo no traballo, foi gañando a confianza dos veciños, especialmente do xénero feminino. Case todas as vítimas deste asasino eran mulleres ás que seducía para, logo de ofrecerlles un bo posto de traballo na cidade, mercar as súas propiedades e durante a suposta viaxe asasinalas. Asemade, non ve descartable engadir a todo isto a hipótese da venda do unto humano, algo non tan excepcional nesa época.

Despois de cada intervención e ao remate das sesións dedicouse un tempo ás preguntas do público e ó debate. O contrapunto a estas, en xeral, crúas Xornadas chegou a mañá do domingo, cunha agradable visita ao monte comunal de Salcedo. O antropólogo Rafael Quintía guiou aos asistentes polo Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras, nun entorno cada día máis fermoso.

Agradecementos: A Mauro Lomba pola acollida no espazo Nemonon, á colaboración da Concellería de Patrimonio do Concello de Pontevedra, aos poñentes pola brillantez do seu traballo e ao público asistente polo interese amosado.

Texto: Pilar López Vilas (Sociedade Antropolóxica Galega)
Fotografías:

DÍPTICO DAS XORNADAS

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s