"O blog da SAGA"

PROXECTOS

PROXECTO DE CREACIÓN DO “ARQUIVO AUDIOVISUAL DE ANTROPOLOXÍA DE GALICIA”

Aproveitando os recursos e as posibilidades divulgativas que nos achega o mundo do audiovisual, a Sociedade Antropolóxica Galega aborda este ambicioso proxecto de creación do Arquivo Audiovisual de Antropoloxía de Galicia. Nesta aventura a prol do coñecemento da nosa identidade cultural preténdese recoller, en formato documental, todos aqueles ritos, tradicións, costumes populares, festas, músicas, bailes e calquera outra expresión cultural enmarcable na nosa cultura popular. Para poder levar a cabo este proxecto e que revirta na sociedade, ademais das presentacións e proxeccións públicas que se fagan, ponse en marcha o canal SAGA TV onde se irán colgando as distintas pezas audiovisuais realizadas, de xeito que os contidos destes arquivo estean dispoñibles para todo aquel que o desexe. Asemade, cómpre subliñar o xa emprendido labor de produción de documentais de grande formato nos que se tratarán en profundidade diferentes aspectos de interese do campo da antropoloxía e da historia de Galicia. Todos estes traballos están dispoñibles no noso blog e na nosa páxina web.

——————————————————————————————————————————-

PROXECTO PARA A CREACIÓN DO “ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS”

O Proxecto de Creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños comeza a súa andadura no ano 2010 coa creación da Comisión Técnica para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. O proxecto, aparte de tentar pór en valor os xacementos arqueolóxicos da zona e os diferentes elementos etnográficos e paisaxísticos que aquí se atopan, tamén pretende ser un cruce de vontades, sensibilidades e aprezo polo monte e polo patrimonio herdado dos nosos devanceiros.

No ano 2011 a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) pasa a formar parte da Comisión técnica para a creación deste espazo e embárcase nesta aventura cultural e social, emprendendo un intenso labor de investigación e divulgación deste entorno que empezou coa realización do documental “Sete camiños. Encrucillada do tempo”.

O proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é unha iniciativa que apoian unha vintena de colectivos socioculturais e veciñais de Pontevedra,

Marín e Vilaboa, máis un grupo de arqueólogos que avalan a súa posta en marcha. É unha proposta que pretende pór en valor o importante e valioso patrimonio natural e arqueolóxico da zona.

O lugar de Sete Camiños, como se pode intuír do seu nome, é un cruce de camiños que dende tempo inmemorial foi transitado polos habitantes das terras do Morrazo. Este espazo estaría situado no contorno do Monte do Pornedo, o Monte Catadoiro e dos Sete Camiños, no monte comunal das parroquias de Lourizán e de Salcedo, no concello de Pontevedra, e no de San Xulián de Marín de Arriba, no concello de Marín. Ademais, o proxecto  tamén pretende integrar parte do patrimonio arqueolóxico de Postemirón, no concello de Vilaboa. Neste espazo, cunha área relativamente pequena, atopamos concentrados toda unha serie de xacementos Arqueolóxicos e outros elementos que forman parte do noso patrimonio natural e cultural.

Dentro do patrimonio arqueolóxico cabe sinalar a presenza de varias mámoas e petróglifos. En canto ás mámoas, podemos citar as dúas mámoas de Chan da Lagoa (GA 36038039, nº 1 e nº 2); a mámoa do Catadoiro (GA 36038037); a recentemente descuberta mámoa de Sete Camiños; ás que se sumaba a mámoa de Louredo (GA 36038060), destruída polos militares da Brilat no ano 2009 para construír a aldea afgá. Estes xacementos poden considerarse un conxunto, que se concentran nun área reducida, e que formarían parte dun campo tumular máis amplo que constitúe a Necrópole Megalítica  da Serra de Domaio, que ten en Chan de Arquiña (Moaña), Chan de Armada (Marín) e Mámoa do Rei (Vilaboa) os seus máis coñecidos expoñentes; xa que xeograficamente sitúanse nunha das estribacións desta serra.

Respecto aos petróglifos destacan o Conxunto de gravados rupestres do Pornedo, no límite dos concellos de Marín e Pontevedra; o Petróglifo de Sete Camiños, e o Conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro, ambos os dous en territorio marinense;  o Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buracos e de Cachada do Vello, na parroquia de Salcedo e os petróglifos de Pedra Escorregadoiro e Outeiro da Hedra, na parroquia de Lourizán. Como elemento arqueolóxico tamén podemos mencionar o Abrigo Rochoso de Catadoiro, probablemente do Paleolítico, na parroquia de Lourizán. A isto debemos engadir dentro deste espazo natural, diferentes formacións xeolóxicas de interese, como A Campá ou a Pedra do Sapo, así como dous miradoiros naturais privilexiados pola súa vista panorámica sobre a ría. Un é o de Pornedo e outro o miradoiro natural do Monte Catadoiro.

A zona do Monte do Pornedo, o Monte Catadoiro e os Sete Camiños constitúe un espazo privilexiado, de singular relevancia natural e patrimonial. Esta área, que forma parte da Serra de Domaio, está chamada a converterse nunha zona de lecer dos Concellos de Pontevedra; Marín e Vilaboa, unha extensión natural do Parque da Lagoa de Castiñeiras, que pode chegar a ser un importante referente, que axude a enriquecer, fortalecer e diversificar a oferta cultural e turística da comarca. A proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños representa unha alternativa viable para convertelo nun referente para a comunidade local, ademais de constituír un recurso social e economicamente rendible; destacando a necesidade de conservar, estudar e difundir este espazo pola súa importancia patrimonial, polo valor didáctico e polo poder identitario das pegadas deixadas na paisaxe polos nosos devanceiros.

 

Comisión Técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
Paz Castro
Xornalista (colaboradora asociada da SAGA)
Lukas Santiago
Realizador e Arqueólogo (colaborador asociado da SAGA)
Rafael Quintía
Antropólogo e Economista (membro da SAGA)
David Suárez
Especialista en Multimedia (colaborador asociado da SAGA)

Máis información na web: http://www.espazosetecaminhos.tk

——————————————————————————————————————————-

cropped-logo_mallou1

O PROXECTO DE ARQUEOLOXÍA SOCIAL DO CASTRO DE MALLOU

A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) participou como entidade colaboradora na marabilloso aventura arqueolóxico-cultural do castro de Mallou. Un proxecto de arqueoloxía social promovido polo concello de Carnota, dirixido polo arqueólogo Antón Malde e coordinado a nivel de comunicación e produción por Manuel Gago

A parte de colaborar nos labores de escavación, os compañeiros da SAGA Rafael Quintía e Miguel Losada levarán a cabo unha investigación antropolóxica na aldea de Mallou e un  traballo de recollida de tradición oral xunto con Sole Felloza.

Como broche de ouro deste proxecto organizamos tamén dúas actividades:

1º) Unha mostra de escultura en directo, onde o escultor e canteiro Marcos Escudero realizou no propio castro de Mallou a escultura da cabeza de porco que, segundo a tradición veciñal, foi baixada do castro e que luciu na aldea, no muro dun veciño, ata que foi roubada hai uns anos. A cabeza do porco foi entregada como agasallo ós veciños de Mallou nun acto simbólico de agradecemento e de restitución daquela vella cabeza de porco castrexa roubada no pasado.

2º) Un recital de zanfona, violín e nyckelharpa que correu a cargo dos músicos Carmen Gallego e Cesar Loureiro.

A SAGA quere agradecer expresamente ós amigos Marcos Escudero, Cesar Loureiro e Carmen Gallego a súa desinteresada colaboración nestas actividades e a súa xenerosidade para con nós ó non dubidar en apuntarse a este proxecto cando así llelo propuxemos. Moitas grazas compañeiros, por bos e xenerosos.

A campaña do castro de Mallou durou 10 días divididos en dous períodos de traballo: do 17 ó 21 e do 24 ó 28 de xullo. Tendes toda a información sobre este proxecto na web: http://castrodemallou.net/

——————————————————————————————————————————-

NovoCartaz

PROXECTO “ALTO TÁMEGA: ACCIÓNS NA PAISAXE PATRIMONIAL”

O departamento de Historia Arte e Xeografía dependente da Universidade de Vigo por medio do Grupo de Estudos en Arqueoloxía , Antigüidade e Territorio, vai desenvolver nesta parte sur da provincia de Ourense un proxecto de investigación no que tamén vai colabora-la Sociedade Antropolóxica Galega xunto coa Asociación Cultural do alto Támega.

Trátase dun proxecto interdisciplinar formalizado en catro áreas temáticas que evidencia a relación entre a paisaxe natural e cultural deste curso alto do río. Contémplanse catro accións concretas:

Ø     O estudo, rexistro e posta en valor dos petróglifos do Penedo das Pisadiñas, concello de Laza e do de “Covas Rubias”( nome provisional) recentemente descuberto por membros da SAGA.

Ø     Revisión e estudo territorial dos xacementos da prehistoria recente do Val do Támega (Concellos de Laza, Castrelo do Val, Monterrei, Verín e Oimbra).

Ø     Unha primeira aproximación ó patrimonio industrial e xeolóxico mineiro da bisbarra, especialmente no tocante ós cotos mineiros de Arcucelos e Vilameá.

Ø      A proxección destes bens, en tanto que recursos endóxenos da comarca, mediante accións de dinamización social e cultural en colaboración con diversos axentes sociais.

Neste contexto cómpre salienta-la utilización de tecnoloxías innovadoras como as metodoloxías de rexistro tridimensional da arte rupestre ou a realización dun estudo piloto multidisciplinar sobre as cavidades feitas nas rochas.

Non será menos innovador nesta bisbarra o desenrolo dun modelo de traballo no que as comunidades locais participarán activamente na creación do corpus de coñecemento aberto e permeable, que haberá de posibilitar un mellor desenvolvemento social e económico deste val. Esta implicación na escala local será a garante da continuidade e calidade das actuacións propostas.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s