"O blog da SAGA"

1. ARTIGOS

Vídeo

A acrópole do Castro da Saceda e a súa, fantástica, contorna inmediata.

Recentemente a SAGA ven de colaborar co Concello de Cualedro e os seus técnicos aportando unha ollada antropolóxica sobre un dos escenarios mais fascinantes sobre os que se desenvolve a peripecia da cultura galega tradicional. A este respecto poden tamén consultar e descargar dende a nosa páxina, o Boletín Caderno de Campo da SAGA do mes de decembro de 2013.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/12/28/caderno-de-campo-no7-decembro-2013/

Esta fortificación prehistórica está situada ós pes dunha magnífica hierofanía como é o Monte Larouco e moi perto do solar da impactante imaxe de iconografía céltica, aparecida dentro da igrexa de Vilar de Perdizes, Montalegre, cun martelo na mau dereita.
Na chaira endorreica circundante, esténdese cara o oeste, unha preciosa laga rodeada por un ciclopeo valo de pedra. É a Lama da Saceda. Tamén nas inmediacións,  está a enigmática Igrexiña dos Mouros e na dirección oposta, cara o leste, o túmulo megalítico do Madorriño e moito mais.

Diferentes épocas, diferentes sistemas para entender a sociedade que foron enchendo de contidos solapados unha xeografía monumental. Contan no pobo da Saceda, por exemplo, como os mouros tiñan un martelo que podía voar cando era guindado, sucesivamente, dende a Igrexiña dos mouros até o castro e dende aló cara o megalito e inda até o veciño Castro de San Millao.

O ser humano desenvolveu sempre unha relación dinámica coas ideas de Terra, Ceo, Auga e o resto dos elementos da paisaxe, os cales actuaron como referente integrador dos sistemas de prácticas sociais e crenzas relixiosas.
É por isto polo que todas as culturas antigas e tradicionais do planeta foron sensibles, permeables e activos creadores de fluxos de información nos que as diferentes perspectivas visuais nunca aparecen como panoramas neutros ou faltosos dunha esfera de sentido e significado. Ao contrario, e tendo en conta que as sociedades da antigüidade entendían o mundo como un feito transcendente ou sacro se se quere, cómpre considerar que toda paisaxe ten sido definida dentro dun contexto ideolóxico desenvolvido, en cada caso, como un concreto modelo de sociedade.
Deste xeito, e se as sociedades actuais son diferentes daquelas da prehistoria recente, tamén o é a paisaxe que hoxe percibimos respecto da percepción daquel tempo, xa que percibir é interpretar.
Non hai ningún dato aínda que permita soster que a comunidade que edificou o Castro da Saceda sexa unha excepción dentro do seu contexto crono-cultural europeo e atlántico, o cal non vén determinado polas manifestacións materiais da súa cultura, que sempre son funxibles, intercambiables e accesorias, senón pola súa adhesión, chea de matices locais, a un programa ideolóxico e simbólico característico da fachada occidental do vello continente.
Esta acrópole foi situada nunha contorna rica e biodiversa e foi deseñada por unha sociedade complexa que ancoraba os seus alicerces na idea dos intercambios a longa distancia, que xa foran protagonistas de períodos anteriores como o neolítico ou a idade do bronce.
Deuses, mitos e ritos varios, ademais doutras categorías culturais, deberon “poboar” os lugares e fitos visibles dende o recinto do Castro da Saceda e máis aló. Cómpre imaxinar a grande Lama da veiga da Saceda, aos pés do castro, ou o Monte Larouco limitando o horizonte, como elementos interpelantes netos; morada dos deuses, hábitats de seres míticos, escenario natural de cosmogonías pretéritas. Tamén o deberon ser os lugares próximos como o denominado hoxe A Igrexiña dos Mouros, ou o túmulo megalítico do Madorriño, entre outros.
Cando aquelas persoas ollaban dende este outeiro cara aos amplos horizontes, sen dúbida contemplaban unha realidade aumentada na que as toponimias daquela época darían conta do carácter transcendental dos espazos naturais. As contornas máis inhóspitas, como os cumios do Larouco, puideron ser entendidos como manifestación divina en si mesma, hierofanía, “deus supremo”, segundo as inscricións do lugar de Pena Escrita, precisamente pola súa condición extrahumana.
A Lama da Veiga, se cadra, puido ser unha porta ao Alén xa que así o foron estes espazos chaguazosos ou as xeografías acuáticas no común das tradicións europeas. Bosques, animais e augas deberon ter, dentro daquel contexto cultural, propiedades simbólicas, máxicas e míticas, tal como acontece e se verifica noutros contextos semellantes moito máis sometidos ao escrutinio científico, signo dos tempos actuais post newtonianos.

Convidamos a toda a xente que poida e queira, a achegarse polas terras altas do concello de Cualedro. Atoparán aló a forza dunha paisaxe que fala por si mesma. Visiten se lles parece a ruta da Lama da Saceda e os seus paneis informativos. As conclusións son xa cousa de cada un.

Advertisements

“ARTE RUPESTRE NA CONTORNA DE PARÍS”. Artigo de MARIE-CLAUDE Y JEAN-PIERRE AUFFRET.

Os nosos amigos e colaboradores franceses MARIE-CLAUDE e JEAN-PIERRE AUFFRET, membros do Groupe D´Etudes, de Recherches et de Sauvegarde de L´Art Rupestre (GERSAR), fannos chegar este interesante e visual traballo sobre a arte rupestre na contorna de París.

Traballo publicado en «SAGA. Revista Electrónica de Investigación » Ano 2014. Revista dixital editada pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). ISSN: 2254-5964

 http://issuu.com/cadernodecampo/docs/arte_rupestre_de_los_alrededores_de


VIAXE A UNHA GRAN CIDADE DA IDADE DO FERRO. O CASTELO PEQUENO DE SANTIGOSO.

Por Miguel Losada

Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega

Galicia é un pais densamente poboado. Os asentamentos colonizan a paisaxe dun xeito case que compulsivo en certas zonas,  tal e como acontece na beiramar galega, onde a abundancia de recursos e a benéfica influencia do mar semellan xustificar tal propensión.

A cidade a meirande altitude sobre ese mar de Galicia é a mais que bimilenaria Lugo. Atópase a 465 msnm e, no seu contexto histórico, ocupa unha posición estratéxica tanto para a ollada militar como para a simbólica.

A súa antigüidade e magnificencia, sintetizadas se cadra pola persistencia da súa muralla de mais de 2,5 km,  abondan para considerala un elemento senlleiro do intre de tránsito entre a protohistoria e a historia do noroeste peninsular ibérico.

Este descomunal valo de pedra  seica foi feito na segunda metade do século III, hai uns dezasete séculos e xurdiu como froito dun único esforzo produtivo. Resultado certo da imperiosa necesidade de defensa nun escenario xeoestratéxico moi incerto.

É habitual escoitar ou ler que o seu rol de referente do urbanismo antigo en Galicia non ten discusión, dado o longo percorrido no tempo desta urbe, fundada ex novo, nun contexto colonial de sometemento e xa que logo, máximas consecuencias políticas e económicas.

Nembargantes, semellante persistencia como lugar habitacional, ilustra tamén, no tocante á complexidade interpretativa daquel proceso de progresiva redefinición da idea autárquica, un novo modelo de definición da propia identidade das comunidades feito, inducido se cadra, en base á contraposición, do medio e dos “outros”. Todo elo xunto cunha atomización “dende dentro” das antigas sociedades galegas que até o daquela e dende había xa uns 1000 anos, vivían precisamente tralas súas propias murallas e confrontaban agora a súa propia autolise.

Podería pensarse, e sería un erro inducido por un prexuízo etnocéntrico, que os múltiples poboados fortificados, os castros,  anteriores  a este período, e que terían comezado a xurdir nos altos dos montes hai uns 3000 anos b.p., haberían de ser intrinsecamente entidades de poboación máis simples, xa que o propio sistema social sería tamén “máis simple”.

Estes pequenos mundos “pechados “ sobre si mesmos e contrapostos a unha paisaxe labiríntica e enigmática, constituirían un conxunto de “sociedades /illa” e estarían integrados por comunidades que nalgúns textos, aparecen como náufragas nun arquipélago de montes por baixo dos cales, nos vales, existía un mar de fragas, bosques e zonas chaguazosas cando non verdadeiras lagas e lagoas onde as liñas fluviais eran tamén protagonistas en si mesmas.

Tratábase como vemos, dunha paisaxe moi centroeuropea, poderiamos dicir actualmente, posto que resulta inda hoxe característica de boa parte das serras da Europa central, concretamente os Cárpatos orientais que percorren Romanía, Ucraína, Polonia e Eslovaquia. Galicia era pois daquela unha sorte de arquipélago que actuaba en grande medida como un lugar central, non periférico pois, no que as rutas marítimas e terrestres estaban sostidas pola forza das tradicións inveteradas.

Estas paisaxes caracterizadas polas serras de altitude media e baixa, cuxas abas son moi forestais e os cumios están deforestados a xeito de corredores percorridos no verán polas comunidades de gandeiros, denomínanse Poloninas ou  Planinas. Este termo procede do eslavo antigo e emprégase en varias linguas da Europa central e oriental. Foi definido pola Gran Enciclopedia Soviética (1979) e aplicado a esas serras dondas, con chairas nos cumios, que tan familiares resultan  en Galicia.

Paisaxe de polonina ou planina. Camiñando polos cumios. Obsérvese a zona alta deforestada e aberta, escoltada polas fragas que colonizan as abas dos montes. Máis imaxes no mesmo sitio.

http://gorskiewedrowki.blogspot.com.es/2011/06/poonina-wetlinska-1255-m-npm-bieszczady.html

Inda que este entorno natural probablemente está ben descrito para a Galicia daquel tempo, seguro que a condición irredenta de sometemento ó estado de necesidade desta cultura, ou posible koiné cultural, non o estea tanto e que máis ben respondese a unha estratexia continuista, inda por investigar e definir, de relación extensa máis que intensa, co medio.

Durante un grande período de tempo, dende o neolítico, aló polo 6500 b.p., até comezos da segunda idade do ferro, contra o 2450 b.p., os grandes espazos abertos e os entornos domésticos foron instalándose a cotas máis baixas. Mais non sempre aconteceu así.

No ano 2009 a historiadora, arqueóloga e investigadora Nieves Amado Rolán chegou ó Concello da Mezquita, Ourense co albo proporcionar asesoría técnica especializada que permitise a posta en servizo dunha ruta arqueolóxica no territorio deste concello. Nieves Amado, colaboradora habitual da SAGA, é unha das profesionais máis serias, honestas e capaces que coñecemos. Unha arqueóloga que domina o traballo sobre diversos crono-contextos e con moita experiencia. Como resultado das súas prospeccións e investigacións na zona xurdiu unha realidade abraiante.

Tomamos pois como base o traballo publicado por ela e tituladoOs castros do Concello Mezquita. Ruta cultural entre tres castros: O castelo de Santigoso, o Carballerego da Mezquita e o Cabezo de Chaguazoso” (Dep. Legal OU 97/2010 ). Solo os entrecomillados reflicten as palabras desta autora, a cal non é responsable de ningunha das opinións de corte antropolóxico ou cultural verquidas no presente texto. Calquera crítica ó contido deste artigo debe ser dirixida contra o autor do mesmo e a SAGA en xeral.

 En palabras da autora:

Cando un chega á Mezquita para abordar este traballo, trae consigo unha serie de prexuízos respecto ós castros que podemos atopar, produto da falla total de investigación arqueolóxica sobre a zona, e do que se pode concluír da propia bibliografía actual sobre a Idade do Ferro e a cultura castrexa galega. Os límites xeográficos da cultura dos castros admitidos por algúns investigadores non pasan pola Mezquita, quédanse antes, nas divisorias das serras de Queixa e San Mamede e na divisoria de augas entre os ríos Támega e Tuela. A Mezquita sería unha zona de influencia, un hínterland, unha zona marxinal. Algún autor di acertadamente que ante o baleiro de información arqueolóxica para falar de límites ¿Cómo se pode trazar unha fronteira de algo que non se coñece?.”

Tales prexuízos veñen inducidos polo paradigma que inda sobrevoa a protohistoria galega e segundo o cal no actual oriente galego e segundo as zonas, ou non hai castros ou son pequenos e en todo caso atópanse en cotas baixas preto do fondo de val. Mais o panorama que coñecemos grazas a esta investigadora e que fomos comprobar sobre o terreo, era ben diferente.

Neste oriente ourensán, sempre a máis de 1000 msnm., atópanse unha serie de castros que reflicten un pasado monumental, complexo e cun dinamismo en tódolos ordes sociais que testemuña o alto grado de sofisticación daquela cultura.

O panorama é o seguinte: nas altas terras desta extrema galega, cunha altitude media duns 900 msnm., atopábanse 7 castros catalogados ós que Amado Rolán engadiu outro máis que descubre durante a súa investigación. Todos eles están a máis de 1000 m de altitude e algúns son verdadeiramente grandes. Tanto como de 3, 5, e preto de 10 hectáreas. Auténticas cidades se se me permite, próximas entre si e relacionadas dun xeito singular.

Imaxe

Os oito castros na Mezquita.

Pertencen á denominada segunda idade do ferro. Séculos IV a I antes da nosa era. As súas características semellan diferentes inda que aparentemente complementarias en conxunto, tendo en conta a súa especialización no espazo físico e as cronoloxías que indican.

Entre eles destaca o denominado Castelo pequeno ou Castro de Santigoso que será o que comentemos nesta ocasión.

Chegada ó Castelo Pequeno de Santigoso

Chegada ó Castelo Pequeno de Santigoso

O castelo Pequeno era, inda é, simplemente unha marabilla. Unha cidade dunhas 10 hectáreas cun requintado sistema defensivo composto por varios foxos, parapetos, campos de pedras fincadas e situado nunha cota máxima de 1254 msnm. É tan grande que nel nace un bo cachón de auga que era recollida en cando menos unha gran poza inda visible. En comparación con outros grandes castros de Galicia podemos dicir que ten o mesmo tamaño que o mais coñecido San Cibrao de Las, no NW de Ourense.

A croa do Castelo Pequeno, 1264 msnm, dende o Castelo Grande a 1305 msnm, segundo o noso Gps.

A croa do Castelo Pequeno, 1264 msnm, dende o Castelo Grande a 1305 msnm, segundo o noso Gps.

Imaxe

Esquema do castro

Contaba con torres perimetrais dende as que a vista se estende polas actuais terras ourensáns, portuguesas e zamoranas. Un lugar onde Galaicos e Astures deberon lindar. A gandería debeu ser magnífica, dadas as moi boas características dos biótopos e a agricultura dos cereais e das plantas de horta ten todo para desenvolverse con grande proveito.

Gando vacún perto do castro.

Gando vacún perto do castro.

Mais inda así pode que haxa inda outro factor decisivo e que de conta da gran concentración de habitantes que reuniu este planalto: O artellamento da condición de grande centro mineiro, co emprazamento estratéxico nunha, xa daquela antiquísima, ruta trans-ibérica de intercambios referendada polos especialistas como Marisa Ruiz-Galvez  Priego, no seu libro La Europa atlántica en la edad del bronce. un viaje a las raices de la Europa occidental. (Ed Crítica. Madrid 1998 ).

Esta ruta, como parte dunha rede de camiños moito máis ampla,  podería ter estado operativa hai xa uns 5000 anos b.p. (Ruiz Gálvez 1998. P.335), como conxunto de alianzas estratéxicas, baseadas na antropoloxía do parentesco e condicionadas nas súas manifestacións externas, ( petróglifos ou pedras altas nos lugares de paso, etc)  polos diferentes entornos bioclimáticos do occidente peninsular ibérico e os consecuentes sistemas de explotación e aproveitamento asociados.

Así pois temos que para este castro, ou para este conxunto deles danse os presupostos clave para consideralo unha posible comunidade de paso (Hirth 1978[1]) e centro de distribución e redistribución da prehistoria galega, un auténtico porto seco da época. Tales presupostos son: os excedentes pecuarios e agrícolas, a ruta preestablecida, os convencionalismos que posibilitan o intercambio, (plausibles alianzas transrexionais verificadas arqueoloxicamente en toda a rexión atlántica europea) xunto co extraordinario factor de que este Castro Pequeno era moi probablemente,  igual que algún dos outros, un castro mineiro[2].

Tal como indica Amado Rolán, no dicionario de Madoz e referíndose precisamente ó monte no que está o Castro Pequeno, O Castelo, faise constar a existencia de antiga actividade mineira:

Sobre los picos del monte, que hemos dicho domina al pueblo, se ven las minas y vestigios de una fortaleza que unos creen obra de romanos y otros del tiempo de los árabes, habiendo en otros puntos del término señales inequívocas de la dominación sarracena, tanto por los restos de antiguas torres, como por las piedras labradas, como por los fragmentos de fragua y utensilios domésticos. 

Diccionario Madoz:  San Simón, Santigoso.

Efectivamente, na subida a pé cara o curuto no que atoparemos o castro imos localizando doadamente un indicio da presenza do estaño no terreos mesmos da acrópole. Son os denominados “vermes do estaño”, que xa se teñen atravesado no noso camiño nas aproximacións a outros centros de minería antiga de Galicia. Así temos constatado, algunhas veces, como na representación mental dos habitantes e mineiros das terras orientais son tomados convencionalmente como indicadores da presenza deste metal[3]. Mesmo no século XX. Malia todo semella que o posible trafico de mineral debeu proceder  doutros lugares, minas, relacionados con este, como os imporantes cotos mineiros do Alto Támega (Nomeadamente Arcucelos e Vilardecervos).

Imaxe

Vermes do estaño. Estaurolita no xisto

Este castro podería, polo seu emprazamento e posible sucesión dos recintos,  ter orixe noutra fortificación anterior. Pode que do bronce final, segundo a arqueóloga Amado Rolán. Ademais, o seu gran tamaño e estratéxica praza, serían tamén uns trazos coherentes co seu rol de catalizador social nun contexto de xestión ideolóxica dun amplo territorio. Foi o formidable curuto do Castelo Grande, ó norte deste castro, un lugar de relevancia relixiosa? Non se sabe, mais precisamente neste cumio atopamos indicios de apropiación simbólica deste certamente senlleiro escenario e xunto deles, elementos naturais susceptibles de ser contedores axeitados dun eventual  simbolismo proxectado sobre os mesmos.

Un factible portalén cara o oeste

Un factible portalén cara o oeste

As gadoupas do tempo

As gadoupas do tempo

Coviñas e outras marcas no Castelo Grande.

Coviñas e outras marcas no Castelo Grande.

Outra cuestión a ter en conta é a monumentalidade e hipertrofia do sistema defensivo pasivo desta acrópole.

Tres grandes recintos, cuns 50 mil metros cadrados habitables e outros tantos despexados. Inda se detectan as plantas circulares e oblongas das casas do terceiro recinto. Catro parapetos e catro foxos e un campo de pedras fincadas cara o norte, composto, actualmente, por unha área de pedras poligonais dispostas nunha banda duns 100 m por 25 m de anchura.Varias torres inda identificables, como a que debeu haber na croa do sitio onde os derrubes acadan os 10 m de altura e outra, exenta, no cumio do farallón rochoso. E todo elo nun sistema de construción progresiva que denota a vontade de persistencia e consolidación dentro dunha dinámica socioeconómica complexa.

Dentro da gran cisterna

Dentro da gran cisterna

Muralla externa

Muralla externa

Murallas

Murallas

As pedras fincadas

As pedras fincadas

Foxos

Foxos

Outros datos do Castelo Pequeño:

Cronoloxía estimada IIaC. – I dC.

COORDENADAS UTM: X: 664.795, Y: 4.652.418

Medidas NE-SW…………………………………………..410 m

Medidas E-W…………………….…………………………310 m

Superficie transformada total…………..………98100 m

Croa……………………………………..………………….9350 m

Recinto leste……………………………….…….………9325 m

Recinto sur…………………..….……………..………30490 m

A partir de datos de Nieves Amado Rolán. 2010.

Agora, se o desexan, poden ver un video ó respecto. Teñan coidado: fortes refachos de vento.

No Castelo Pequeno de Santigoso

Notas


[1] O concepto de comunidade de paso foi desenvolvido polo antropólogo kennet G. Hirth no seu libro Interregional trade and the formation of the prehistoric gateway communities (1978) consultable na rede. http://www.jstor.org/discover/10.2307/279629?uid=3737952&uid=2&uid=4&sid=21102019494821

Neste modelo, Hirth explica como durante o proceso de formación das sociedades complexas, o comercio a longa distancia actúa como catalizador que permite a consolidación de tal proceso. Institucionalización e regulamentación son inherentes a esta dinámica que, unha vez instalada dentro da comunidade como programa ideolóxico,  acadan o resultado de facela “inchar” dende dentro, de xeito que os asentamentos a carón dos lugares clave xunto ás vías naturais de comunicación desenvólvense para adaptarse ó fenómeno do intercambio instituído agora como recurso. Neste modelo o rol das descontinuidades do entorno, como os propios dunha xeografía quebrada ou as zonas de contacto de hábitats diferentes, é o de elevar o nivel de complexidade social  que se verifica, en xeral, en calquera interface.

[2] Recomendamos igualmente a consulta do traballo da profesora Comendador Rey, Beatriz, “ Los inicios de la metalurgia en el noroeste de la Península Ibérica” Tese doutoral. USC 1997 consultable en http://www.academia.edu/2081314/Los_inicios_de_la_metalurgia_en_el_Noroeste_de_la_Peninsula_Iberica_II_

[3] Os “vermes do estaño” adoitan ser formacións de estaurolita, un complexo mineral con ferro, magnesio e cinc entre outros elementos ( (Fe2+,Mg,Zn)2Al9(Si,Al)4O22OH2 ) que as veces fórmase nas pedras de xisto e cuxa presenza pode efectivamente e segundo especialistas consultados, ser tomada como criterio de proximidade na prospección superficial da minería metálica. Nos inda non coñecemos a relación exacta entre os vermes e o estaño.


STONEHENGE: A SAGA na chaira de Salisbury.

O ano 2013 ten sido un período con grandes novidades referentes a unha das iconas máis senlleiras do ámbito cultural atlántico europeo: Stonehenge. Das investigacións concluídas neste ano derivouse a consecuencia de que o proceso de sacralización do lugar tiña comezado uns 5.000 anos antes do que se pensaba, o cal significa que foron as sociedades de cazadores e recolectores as que encetaron o grande proxecto paisaxístico a gran escala no que se transformou toda a rexión da chaira de Salisbury, na bisbarra de Wiltshire. Mesmo Peter Rowley-Conwy, profesor de arqueoloxía na Universidade de Durham, ten afirmado, para a BBC, que Stonehenge ten o potencial para se converter nun dos meirandes sitios mesolíticos de todo o Noroeste europeo.

stonehengeStonehenge

Na SAGA, tamén durante este ano 2013, estivemos e percorremos esta rexión británica co gallo de observar cos nosos propios ollos a abraiante enerxía despregada por unhas comunidades que decidiron que cumpría modificar o mundo xa que, probablemente, carecía de certas características que consideraban necesarias. Aquela paisaxe non era dabondo. Non traía “de serie” os elementos imprescindibles para o axeitado despregue dunha nova e titánica maneira de ver o mundo.

DSC_9247Avenida de menhires en Avebury

A firmeza e vontade daquelas xentes tendía cara á modificación tanto da fasquía da paisaxe como do seu contido. Hoxe fálase moito do concepto da “realidade aumentada”; en certo sentido esta é xa unha idea moi antiga que neste caso si que semella vir “de serie “ co concepto mesmo de ser humano xa que todas as culturas teñen aplicado a fórmula dun xeito ou doutro.

DSC_9194Ao fondo á esquerda a montaña artificial de Silbury hill

Na contorna da gran chaira de Salisbury, no sur da Gran Bretaña, o modelo foi levado preto do paroxismo. As ideas de Colectividade, Ritmo e Afiliación foron xestionadas polas comunidades prehistóricas da zona e empregadas coma áncoras de identidade deseñadas á escala das súas descomunais expectativas culturais. A viaxe da SAGA tentou ser un percorrido por eses conceptos.

SAM_0179

A palabra “colectividade” dá conta da idea de comunidade dende unha perspectiva dinámica. Unha sociedade que bule a prol dos seus intereses, que transforma iso que hoxe denominamos como “ a paisaxe”, ao mesmo tempo que tamén a incorpora nas súas creacións. Neste sentido está ben documentada a transposición selectiva e significativa de certos elementos presentes no medio natural, como poden ser certas terras e as súas cores ou outras propiedades, específicas, castes de pedras, etc.

DSC_9370Campo tumular

Esta coidadosa planificación de todo o proceso construtivo deuse en toda a fachada atlántica do continente. Resulta ilustrativo, por exemplo, este parágrafo relativo ó túmulo de Skelhoj, na península de Xutlandia:

“ The strictly planned construction of the barrow the use of large amounts of water in the burial ritual, the different working groups visible in the carefully documented turf sections, the use of turf from different parts of the landscape all speak of the monument as a socially constructed memory, not only commemorating the deceased, but commemorative of the participants in the funeral ceremony itself.”( 1)

west kennet long barrow (2)Fronte ao West Kennet long barrow

Efectivamente, e tal como explica o dito capítulo, estes monumentos non conmemoraban unicamente o falecido e as súas circunstancias. Eran tamén un xeito de conmemorar a todos os participantes, a toda a sociedade da cal o defunto facía parte. Iso que hoxe predicariamos coma “paisaxe” era pois, máis ben, un cosmos ideolóxico que ficaba sintetizado como unha “a socially constructed memory”, unha memoria construída socialmente. Unha realidade construída pola propia sociedade, co gallo de servir, xa que logo, aos seus intereses colectivos. Isto mesmo podería dicirse de todos os outros monumentos megalíticos, non so europeos, senón en calquera parte. Tamén na Gran Bretaña, onde esta idea pode ser percibida inda hoxe, cunha magnificencia e claridade extraordinarias.

west kennet long barrowInterior do magnífico túmulo de West Kennet (long barrow)

Moitas veces as relacións astronómicas destes monumentos aparecen como albo central en moitos estudos que ligan a arqueoloxía e a astronomía. Despréndese deles que o tempo, iso que determinan o reloxos, foi unha cuestión de vital importancia na antigüidade. Mais a idea de “tempo” vai aparellada coa de “ritmo”, sexa o dos ciclos naturais ou doutra clase.

AveburyCírculo lítico de Avebury

Todos estes traballos, como a loxística implicada na construción de Stonehenge, coas súas diferentes etapas afastadas entre si moitas xeracións, foron desenvolvidos, probablemente, dentro dunha idea de “presente continuo” ou de atemporalidade orixinaria, onde naceron as normas, os ideais, os valores. Quizais nada máis afastado dos hoxe en día tan manidos e prevalentes conceptos de “progreso” e “crecemento” económico ou social.

long barrowWeyland´s Smithy long barrow

Esta idea é común a todos os grupos humanos tradicionais, sexa con menor ou maior intensidade. É plausible pois, entender estas paisaxes megalíticas, titánicas ou ciclópeas sen dúbida, como un proxecto de reconstrución dunha paisaxe ancestral, arquetípica e perfecta á cal cómpre regresar mediante o expediente fúnebre posterior á morte. É por isto que o derradeiro suceso adoita ser considerado como unha viaxe. Se cadra tamén foi así en Stonehenge e a bisbarra da actual Wiltshire.

SAM_0159

Por último a “filiación” -entendida como a estreita relación cos devanceiros e mesmo a inferencia de que debeu existir o convencemento, naquela xente, da existencia dunha sorte de “plano superior” no que moraban os antepasados- semella ben establecida pola importancia da finalidade mortuoria constatada nestas arquitecturas. Mais nós, tamén, pensamos, como Marcel Mauss (2) , que, en realidade, a morte é un “fenómeno total”. Un feito que implica a toda a comunidade e que determina, antes que outra cousa, o xeito de vivir. Deste xeito entendemos que toda a loxística e as adaptacións sociais precisas para a transformación monumental, e case que teatral da paisaxe enteira, conten unha ensinanza fundamental segundo a cal a historia é memoria e a memoria é identidade. Ou debe selo.

[1] Goldhahn, Joakim (2008). From monuments in landscape to landscape in monuments. Death and landscape in Early Bronze Age Scandinavia. In: Jones, Andy (ed.). Prehistoric Europe. Global Archaeologies Series. Oxford and New York, Blackwell, 56–85. pg. 68.

 

[2] Mauss M. « L’expression obligatoire des sentiments »« L’expression obligatoire des sentiments

(rituels oraux funéraires australiens) », Journal de psychologie, 18, 1921. “Les classiques des sciences sociales “Site web: http://www.uqac.uquebec.ca/zone30/Classiques_des_sciences_sociales/index.html

SAM_0313

Fotografías: SAGA

Vexan a continuación un pequeno audiovisual da SAGA onde poderán coñecer en imaxes o famoso monumento megalítico de Stonehenge:


Vídeo

VIAXE DA SAGA Á “CIDADE DOS HOMES FORTES”. OS ACENOS GALAICOS DO CASTRO GALÉS DE TRE`R CEIRI.

Neste pasado inverno a SAGA comezou unha investigación que, nun dos seus eixos principais, inclúe a análise e contextualización crono cultural dos primeiros entornos urbanos da Galicia prehistórica. Neste sentido entendemos que, ós efectos das nosas pescudas, son cidades prehistóricas galegas aqueles lugares deseñados como contedores permanentes dun novo modelo de espazo vital xurdido hai uns tres mil anos da mau das comunidades do noroeste peninsular ibérico cando comezaron a exteriorizar, de xeito diferente a todo o período anterior, a xestión común das interaccións co medio e con outros grupos ou sociedades.

castro de san millán

Castro de San Millán

Así, as cidades serían, na nosa hipótese de traballo, un epifenómeno do cambio social que tentamos documentar e, sobre todo, situar a carón dun factor de escala que eventualmente permitise axudar a entender á Cultura Galega dentro do contexto atlántico, un amplo marco de referencia espacial e temporal que fundamentalmente o é porque é antropolóxico. Trataríase en definitiva, de comprobar sobre o terreo, até que punto a Cultura Galega (enténdase cultura galaica da Idade do Ferro) formou parte dun proxecto ideolóxico atlántico, como chegou a elo e que rol puido ter desempeñado naquel contexto.

DSC_0825

Cidade Morta dos Galegos

Cando pensamos en cidades nas alturas, nos cumiais, curutos, tesos, lombos e lombeiros de Galicia referímonos a elas como castros, na meirande parte das ocasións. Campan na nosa cultura coma senlleiro estandarte identitario. Mais esta condición cuase totémica que se lles ten atribuído puidese estar faltosa dunha sana relativización en tanto que fenómeno cultural singular.

DSC_5051

Castro de San Cibrán de Las

Asi pois, viaxamos cara diferentes cidades prehistóricas da nosa contorna atlántica co albo de comprendelas, na medida das nosas posibilidades, dende a perspectiva propia dos galegos. Un dos obxectivos prioritarios do noso itinerario foi a illa da Gran Bretaña. Aló existe, como en Galicia e outros lugares, unha grande taxa de complicidade cultural coa idea de “cidade prehistórica e fortificada sita nas alturas”. Naquela terra chámanlles “hillforts” e constitúen, tamén, o emblema da súa “cultura castrexa” da Idade do Ferro.

DSC_9095

Fosos e parapetos do hill fort de Old Sarum

No proceso de documentación constatamos que, como no caso galego, a súa natureza verdadeira non é unha cuestión plenamente pacificada. Deste xeito, pénsase que poden ter sido asentamentos permanentes ou non, residencias de elites maila súa corte ou de sociedades relativamente igualitarias; respecto doutros hillforts hai quen pensa que puideron ser centros loxísticos da xestión comunal dos recursos agropecuarios; refuxios temporais fronte ás incertezas das situacións de emerxencia; conxuntos adxectivos doutros asentamentos previos situados nas proximidades e feitos con materiais máis perecedeiros; centros relixiosos operativos nunha parte do ano; conxuntos autoafirmadores da propia identidade fronte á competencia doutras comunidades ou grupos dun territorio máis amplo.

DSC_9012

Fronte ó hillfort de Uffington Castle

Algunhas semellan ter sido pequenas granxas ocupadas por un reducido número de familias de xeito estacional, as Defended farms da bibliografía inglesa. Como categoría teñen tamén unha gran variabilidade en tamaño e localización, abranguendo calquera extensión entre 1 e 80 hectáreas, tanto nos curutos máis inaccesibles ou as verdes e mansas chairas. Tamén coma no caso galego podemos falar dun desenvolvemento histórico semellante xa que o seu, breve, intre acadou dende hai uns 31 séculos até uns 21 séculos ( 3100 antes do presente até o ano 50 da nosa era), uns mil anos.

DSC_0014

Maiden Castle

Non serían estas as únicas similitudes que atopamos no noso percorrido. Mais non puidemos visitalos todos. Tivemos que escoller algún en función de diferentes motivos. Logo de moito ler e consultar decidimos que iamos comezar polo que está considerado o máis perdurable e mellor conservado castro británico: o inexpugnable castro galés de Tre´r Ceiri ( debemos ler “ Tri Keiri” ). Puidemos ter escollido outros de máis doado acceso e tamén moi representativos, como Carn Fadrun ou Gar Boduan onde ademais, hai un uso continuado das fortificacións dos seus cumios até a alta Idade Media, cousa que non acontece en Tre´r Ceiri.

DSC_8696

Como se da árbore Yggdrasil se tratase, o castro de Tre´r Ceiri álzase sobre o curuto da montaña

O que ignorabamos era que iamos chegar ás Illas Británicas no medio dun intenso temporal de vento e neve que tiña a todo o pais mudado máis que nunca na branca Albión. Esto complicou algo as cousas.

DSC_8703

O equipo da SAGA que ascendeu ó castro de Tre´r Ceiri

Esta fortificación xunto ó Mar de Irlanda, nas portas do Mar das Casietérides e do Mar do Norte, atópase na costa da península de Llyn, na serra das Rivals e moi preto da bisbarra de Snowdownia, outro lugar do que tamén falaremos por outros motivos.

DSC_8764

Esta serra acada a súa máxima cota no curuto que fica como compañeiro do de Tre´r Ceiri, o Yr Eifl, que tamén aparece no video deste artigo cos seus 564 m de altura. Por toda a contorna existen minas de estaño, cobre, ouro e outros metais.

DSC_8720

A 450 metros sobre o nivel do mar, atopamos un alongado recinto, dunhas 2,5 h. e fortificado cun sistema de murallas de pedra. A extensión media para os aproximadamente 1000 castros galeses é de 2h. No interior había unha considerable abundancia de edificacións irregularmente repartidas pola campa daquel adral.

Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.

Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.

Causa admiración, popular e erudita, na Gran Bretaña o feito de que os seus parapetos exteriores conserven até mais de tres metros de altura nalgúns tramos ou que as cabanas teñan inda case un metro de alto.

DSC_8750

Hai unhas 150 delas, deseñadas segundo varios modelos diferentes. De planta circular, as máis antigas; rectangulares as do período medio e alongadas as derradeiras. Os diámetros destas construcións varían entre os 3 e os 8 m. Estímase que chegou a acoller unhas 400 persoas no período romano-británico.

Unha cabana circular e varias adxectivas.

Unha cabana circular e varias adxectivas.

DSC_8758

DSC_8737

No disforme recinto inda están operativas as tres portas que tiña orixinalmente. Unha principal cara o noroeste, outra cara o suroeste, pola que entrou a SAGA, e outra cara o norte.

DSC_8742

Resulta interesante atravesar algunha destas portas a xeito de túnel, que inda conserva as lumieiras que terman das antigas pedras da muralla. Comparten os castros galeses e británicos en xeral, outra característica “galaica”: as súas pedras tamén teñen sido levadas, a carros, para facer con elas os pobos e vilas que hoxe existen.

Tri ceiri 2 - copia

Explicáronnos que “ Tre´r Ceiri” significa, na lingua galesa, a cidade dos fortes, inda que de xeito máis habitual tradúcese ó inglés como “cidade dos xigantes” seica por un erro que ben de antigo. Este castro está tamén dentro da tradición artúrica, e así igualmente explicáronnos a lenda local segundo a cal este lugar tería sido o lar do xefe galés Vortigern, ( Gwtheyrn na lingua propia do pais).

SAM_2234

 DSC_8740

Este, co gallo de aproveita-las posibilidades militares que a presenza dos Anglos, Xutos e Saxóns representaban no século V, aliouse con eles ou tería acordado que actuaran coma mercenarios contra os caudillos veciños, celtas coma el. Seica, pois un arribista feito que prefería, segundo a tradición popular, ficar torto se con iso os veciños ficaban cegos ou, mellor inda, mortos. Trata tamén deste tema Geoffrey de Monmouth na súa Historia dos Reis da Britania. Contan tamén que estaría soterrado, ou ben nas inmediacións do Tre´r Ceiri ou mesmo dentro do adral. Esta tumba sería na tradición local a “cama” bedd” de Vortigern.

 DSC_8745

O caso é que dentro desta cidade prehistórica, na sucinta croa que posue, atópase un lugar funerario moito máis antigo, dos primeiros séculos da idade do bronce. É o denominado Carnedd Tre´r Ceiri, un montículo de pedra con dúas fases de utilización. Na primeira realizouse unha morea de terra e pedra duns 15 m de diámetro na planta e 6,5 no cumio. Na segunda outro superposto duns 20 m de diámetro na base e 1m máis de alto. Ámbalas dúas recorreron as cremacións como práctica funeraria.

DSC_8790

Enlaces de interese

http://www.museumwales.ac.uk/en/2373/

A versión de G.K. Chesterton sobre a historia de Inglaterra

http://www.shu.edu/catholic-mission/upload/Pequena-Historia-de-Inglaterra.pdf

Vortigern

http://www.kingarthursknights.com/others/vortigern.asp

DSC_8784

A continuación achegámo-lo video da nosa viaxe ó castro de Tre´r Ceiri. A meteoroloxía era adversa, as horas de luz escasas, o vento frío e a neve -ás veces ata a cintura- convertía o, xa de por si, duro ascenso nun penoso e esgotador viacrucis. Mais o que se agochaba nese curuto das célticas costas galesas ben valía o esforzo.

 IMG_6741

Visiten connosco o castro de  Tre´r Ceiri, observen as súas estruturas, as súas casas, a súa fachendosa fasquía, seguro que lles terá un aire familiar e quizais acaben sentindo, coma nós, que se coaban ás agachadas na casa duns curmáns máis cercanos do que algúns nos queren facer ver.

 http://youtu.be/Pfsh0hXkf7E

DSC_8802


O ENIGMA DO CASTELO DE CERVEIRA

DSC_3447

Neste post, adiantamos algúns dos contidos que publicaremos con moita máis extensión no próximo número, o 4, do Anuario Fol de Veleno 2014 da SAGA. O motivo de facelo agora aquí, no blog da SAGA, é servir de acompañamento ó vídeo relacionado con este tema, e que imos dividir en dúas partes. A primeira publicarémola nestes días e a segunda nos vindeiros.

O enigma do Castelo de Cerveira.

En Galicia inda existen grandes preguntas sen respostas que den cabo delas. Atinxen, moitas veces, ó cerne dos acontecementos históricos que encetaron o camiño que ten levado á sociedade presente até as coordenadas económicas, sociais, políticas e antropolóxicas en xeral, que hoxe ocupa.

É por iso que encher semellantes baleiros do coñecemento mediante a disposición dos recursos axeitados proporcionaría unha imaxe con millor resolución da actual situación e posición no mundo que ocupa, hoxe en día, Galicia.

Existen inda nesta terra lugares que agochan respostas á altura das cuestións que prantexan. Unha das áreas especialmente interesantes no tocante a estes enigmas é o Macizo Central ourensán co seu dondo cumio, a Cabeza Grande de Manzaneda,  exercendo de fito absoluto de todas as perspectivas.

ImaxeO Nunatak do Castelo de Cerveira

Neste contexto de alta montaña un dos lugares elevados a unha categoría próxima á que atinxe ós mitos é o Castelo de Cerveira. Un curuto illado, no medio dunha alta serra. Hostil e bravo. Zorregado por tódolos ventos. Un dos pode que tres ou catro lugares iniciáticos ós que subían, subimos, os mais afoutos e bravos dos mozos destas serras.

Imos tentar explicar o por que da épica daquelas viaxes.

DSC_3452

Aló temos rubido, pois, os integrantes sa SAGA co albo de proporcionar algúns elementos para a reflexión e que eventualmente, puideran aclarar algunhas das cuestións mais importantes ó respecto deste lugar.

ImaxeSubida ó castelo de Cerveira pola súa aba este.

Por que a primeira desas cuestións é saber que é a construción que foi feita nese alto. Xa que tal extremo non fica nada claro, en absoluto. Oficialmente, e tal como figura nun panel indicativo disposto no inicio da ruta que leva até aló, pode tratarse “ …dun castro, dunha construción defensiva romana ou ben ter unha orixe medieval.” Nalgunhas outras, moi poucas, publicacións ó respecto adoitan indica-los autores que, segundo a consellería de medio ambiente (Sic.), semellante estrutura é un forte romano.

DSC_3492

Para nós, a SAGA, a día de hoxe e a falla dun traballo de investigación arqueolóxica en profundidade, non podemos asegurar cal é a súa orixe histórica, mais si podemos intuir que a súa estrutura dificilmente pode ser identificada cun asentamento castrexo e co que realmente  se corresponde o castelo de Cerveira é cunha gran fortificación construída nun cumio que acada preto dos 1550 msnm. na Serra de Queixa, Ourense. As súas coordenadas son 42º11´52.95´´ N / 7º18´32.78´´O.  A  que tipo de fortificación se corresponde, a canta xente podía albergar e cal puido se-la súa funcionalidade é algo que tentaremos responder no artigo que publicaremos en Fol de Veleno.

Mais describamos agora este magno recinto fortificado.

DSC_3461

O castelo de Cerveira abrangue uns 10500m2 de superficie total. Ten un perímetro duns 430 m e foi provisto de 250 m lineais de murallas, principalmente nas orientacións Sur (un tramo de 100 m e outro de 50 cunha porta ou abertura entre elas) e Oeste ( no que aprecia unha pequena abertura que puidera ser un derrube). Tamén conta cun menos extenso, 30 m cara o Noroeste. Estas medidas foron tomadas da ferramenta ad hoc  do Google Earth.

ImaxeO forte visto por Google earth

Entre os recunchos NO e SE pódese trazar unha liña diagonal ideal duns 150m. Entre os SO e o NE outra da mesma mensura que converxerían na zona central do recinto, nas proximidades da súa máxima cota. Da superficie total, o 76% é rochedo, espido e alto, cara o Norte e o Este.

DSC_3496

O 24% ten aptitudes habitacionais, herboso e chairo,  cara ó Oeste e ó Sur. O rochedo son penedías de xisto nas que atopamos diques de seixo. No espazo con forma de “L” que fica configurado deste xeito obsérvanse en superficie varias cabanas feitas ca mesma pedra deste monte. Con grande probabilidade a extraída do mesmo cumio.

DSC_3498

As cabanas teñen un eixe maior moito mais longo que o menor, duns 20 x 4 m e están orientadas tanto ó Norte coma cara ó Oeste. Os seus muros acadan os 0,6m. Case que todas, o 80%, ocupan a parte cara o poñente inda que esta é mais estreita que a parte cara o Sur.

DSC_3483

Nesta grande “aira” do mediodía atopamos dúas cabanas en bo estado, coma as outras. A maioría das do recinto, están apegadas contra as murallas. As dúas do Sur están próximas á abertura do valo perimetral, mesmo a carón unha delas e algo mais afastada a outra. Ámbalas dúas totalmente achegadas á muralla.

ImaxeSobre a muralla Oeste. Cabana.

ImaxeDebuxo de campo da SAGA. As cabanas do cumio.

Logo de facer a escalada do teso do Castelo de Cerveira, percorrer o curuto observando e documentando as edificacións que aló se atopan, dirixímonos cara o oeste na procura dun camiño de acceso “regular”.

DSC_3490

Non o atopamos, xa que non o hai,  mais demos con outros interesantes achados entre os que destacan as escouras metálicas

SAM_1870

e, sobre todo, a cabana en perfecto estado de conservación – grazas ó bó facer do seu dono, o Sr. Baltasar de Pedralbar- que fica nas proximidades da aba sur deste monte.

ImaxeA cabana do Sr. Baltasar. Frontal.

Nela vémo-los mesmos materiais de construción, pedra e madeira da zona inmediata, e o mesmo xeito construtivo sobre un idéntico esquema ou modelo de traballo.

DSC_3513

Esquema da Cabana do Sr. Baltasar. Esquema da cabana do Sr. Baltasar.

Non sabemos se as cabanas do cumio eran exactamente coma estas, mais sen dúbida eran enormemente semellantes. Podemos tomar como hipótese, xa que logo, a continuidade arquitectónica, a adopción dun modelo eficiente ou o paralelismo inducido polas características do medio. En calquera caso un senlleiro elemento da nosa equipaxe cultural galega, coma outros que tamén exporemos no noso traballo ó respecto.

DSC_3521

Tal como deberon ser as cabanas orixinais. Velaiquí a do Sr. Baltasar, co que falamos na baixada.

Coidamos tamén que cómpre entende-lo que significa rubir ó curuto no que se atopa este solitario lugar. A opción máis común, que non a única, é a que consiste en acadar o val do río Conso polo leste do Macizo Central. Compre despois subir até o pobo de Pedralbar, así chamado na fala local, ou Pradoalbar segundo a denominación oficial, temos unha marcha de aproximación de preto de catro Km. Dende este inicio ascéndese dende unha cota de 1100 msnm. que é a que pasa polo medio da parte baixa do pobo, até unha cota de 1224 msnm. na que comeza a subida final.

DSC_3453

Dende este lugar, na xunta dos regatos Cerveira e Berganzo, no pé mesmo do teso, a rampa que leva até o cumio salva, segundo o mapa topográfico escala 1/50000 do exército,  16 curvas de nivel con 20 m de intervalo entre elas. Segundo as medidas tomadas sobre o plano e tendo en conta a escala indicada, na que cada km equivale no mapa a dous cm., a distancia percorrida dende este punto até o cimo é de apenas 400 m lineais correspondentes á proxección en planta do perfil desta aba do monte. A lonxitude a percorrer pola pendente chegaría a uns 512 m e o desnivel superado sería de 320m. Isto quere dicir que en 400 m de distancia haberemos de ascender 320 m. a porcentaxe de subida é pois de 80 cm cada metro. Unha pendiente pois do 80% (lembremos que unha pendiente do 100% representa “solo” un ángulo de 45º).

DSC_3494

É dicir, entendemos que esta ascensión o curuto do Castelo de Cerveira é dura ou moi dura, dada a taxa de incremento de altitude. Haberase de ter en conta ademais que esta pendente é xeograficamente, cóncava. Significa isto que non é constante no seu perfil xa que uns tramos son algo mais pinos que outros sendo algúns tecnicamente subverticais e todos eles “abruptos”.

DSC_3469

O tipo de terreo do ascenso tampouco axuda. Carpazas, carqueixas, uces e fentos compoñen a vexetación mais aparente sobre a que compre pasar. Si, estamos a dicir que, ademais, a subida faise “monte a través”. Bloques soltos procedentes de mais arriba batuxan o chan. Entre eles pode haber buratos ocultos onde meter o pe ou a perna. E cando dicimos ascenso, pode que fose millor dicir escalada. Efectivamente, constatamos que ningún camiño, nin vello nin novo,  leva cara o cume. Nunca o houbo.

DSC_3506

A vida naquel curuto debeu ser apenas supervivencia, polo exiguo e desolado do hábitat destas highlands galegas.

DSC_3474

Intensas tradicións de canibalismo e licantropía arrodean este teso glaciar, como a que narra o triste fado daquela pequena devorada polos “mouros” habitantes deste “castelo”, e que puidemos documentar nos pobos.

DSC_3476

Unha interesante denominación: Cerveira, que ben puidera facer referencia a un sistema defensivo e militar no que reparamos cando investigabamos este asunto. Trátase dos Cervoli ou Cervuli,  defensas semellantes ós galleiros dos cervos e que citan diversos autores latinos.

Evidentemente, quen tomou a decisión de mandar facer o forte do CV debeu ter unha moi boa razón para semellante decisión xa que, se examinamos as condicións de habitación do tal curuto, observamos que o lugar é precario, exposto sobremaneira ós elementos, entre os que cómpre incluír as frecuentes treboadas, os fortes ventos e as grandes nevaradas[1]. Tanto na boa estación como na mala, é mal lugar para verse obrigado a pasar moitos ou cando menos, varios días seguidos, único contexto realista que xustificaría o esforzo construtivo desta fortaleza. Así pois dispoñémonos a analizar varias posibilidades que poideran axudar a descubrir quen o construíu e por que o fixo.


[1] O “Licenciado Molina” na súa descrición do reino de Galicia, refírese no Sec. XV á Serra de San Mamede, nas proximidades rumbo oeste. Esta serra é uns cen metros máis alta que o CV e uns cen metros tamén máis baixa que moitos dos cumios máis próximos ó CV. O autor di dela que é  unha das serras máis altas e bravas do reino de Galicia. Na meirande parte do ano háchase neve nela.

 

ImaxeGalleiro dun cervo. Os Cervoli eran árbores tronzados e deitados, cas gallas aguzadas e dispostas sobre un valo ou no terreo cara o inimigo. Unha solución de emerxencia.

De todo isto trataremos no artigo do novo nº de Fol de Veleno.

En fin, acompáñennos, se así lles parece, nos vindeiros días,  nesta viaxe que en certo sentido foi tamén para nós unha viaxe, ó estilo maxistral de J. Conrad, cara o corazón das tebras.

NAS VINDEIRAS DATAS PUBLICARÉMO-LO  VIDEO: “O CASTELO DE CERVEIRA, VIAXE NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA”.

DSC_3472


Comprender o castro de Mallou desde a antropoloxía

 

Consideracións xerais sobre o traballo antropolóxico realizado na aldea de Mallou.

o castro dende Mallou

O castro visto dende a aldea de Mallou

A aldea de Mallou vista desde o castro. Fotos do post: SAGA

Texto: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

Publicado en: http://castrodemallou.net/index.php/comprender-o-castro-desde-a-antropoloxia/

A investigación antropolóxica realizada pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) na aldea de Mallou revelou interesantes datos sobre distintos aspectos da vida, organización e economía local desta comunidade carnotá durante os dous últimos séculos. O traballo realizado polos compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada achegou a este proxecto, entre outros datos, información acerca do uso e explotación agrogandeira do territorio e sobre o aproveitamento do litoral.

DSC_3387

A organización do solo, os xeitos de propiedade ou a distribución das distintas vías de comunicación tradicional entre esta comunidade e as poboacións veciñas —tanto do interior como da costa— tamén foron obxecto de estudo. A economía local e o comercio, a xestión do excedente agrícola ou pesqueiro, a riqueza en recursos naturais, o número de colleitas segundo a calidade do solo e a climatoloxía local foron aspectos básicos que tampouco escaparon a este traballo, así como o estudo da paisaxe da contorna e o seu cambio ao longo das últimas décadas.

indicando o camiño ó castroRafa Quintía indicando o antigo camiño de acceso ó castro

Aspectos máis vinculados á vida social, como o matrimonio ou a mocidade, entre outros, permitiron albiscar determinadas regras de parentesco que, a falla dun traballo máis intenso, fannos sospeitar a existencia dunha pauta patrilocal no matrimonio. A análise das festas e das celebracións locais revelaron tamén interesantes lugares de agregación e relación social entre as distintas comunidades desta contorna, destacando San Mamede sobre todos eles.

San Mamede e o Bico do santo

San Mamede e o Bico do santo

Os datos recollidos neste traballo de campo abranguen, como se dixo, un horizonte temporal que podemos acoutar en 150 anos, unhas tres xeracións, que é ao que se remonta a memoria viva dos veciños e que en terminoloxía emic (punto de vista do nativo) podemos denominar o que foi “de toda a vida”.

horreo mallouHorreo de Mallou e pía reutilizada no muro

Malia que, obviamente, estes datos non poden ser directamente extrapolables a un contexto temporal e cultural máis amplo ou distinto, si que poden ofrecernos datos de interese acerca de como vivía e se organizaba no ámbito territorial e económico, unha sociedade tradicional e rural baseada nunha economía primaria de subsistencia e autárquica, alicerzada na explotación dos recursos locais, tanto marítimos como terrestres.

muiñoMuíño de man atopado no castro

Algo de suma importancia para estudar as posibilidades de viabilidade e subsistencia das comunidades galaicas da Idade do Ferro como é o caso dos célticos supertamáricos que habitaron o castro de Mallou.

zonas de pastoreo dende o castro

Zonas de pastoreo vistas dende o castro

Estes datos cremos que poden ser de moita axuda, por exemplo, para o estudo dos camiños que comunicaban o castro coas comunidades do interior e do litoral, para a localización dos caladoiros litorais de uso habitual e os posibles emprazamentos de portos ou zonas de interese loxístico, e tamén para a determinación e acoutamento das posibles zonas de pastoreo e praderío, as zonas de uso intensivo do monte ou as mellores zonas para plantío e uso agrario.

facendo recollidaFacendo recollida en Mallou con Sole Felloza

Por último, en colaboración con Soledad Felloza, traballouse asemade no campo da recollida da literatura oral, das lendas e das crenzas locais, descubrindo un mundo mítico fascinante habitado por mouros, romanos, “ceutas”, buscadores de sangue, terribles criaturas aladas como a Rampoña ou fermosas soberanas como a raíña Lupa. Grazas a este traballo de recollida oral puidemos redescubrir unha das xeografías míticas que rodea ao castro de Mallou e que ficaba no esquecemento comesta pola vexetación.

Os Mouchos, abrigo inmediato ao castro localizado grazas á colaboración veciñal e ás lendas de mouros

Un lugar que presenta un grande potencial arqueolóxico a estudar no futuro, referímonos ós penedos coñecidos como Os Mouchos, no Outeiro da Xesta. Unha marabillosa pala, ou abrigo natural, conformada por penedos e outras formacións rochosas suxestivas que, segundo tradición local, foron acubillo dos mouros, de igual xeito que o fora o castro de Mallou.

Miguel Losada explicando lendas sobre o castro

Neste ámbito de cousas cómpre sinalar que o nome local co que se refiren as xentes de Mallou a este castro é A Raíña Lupa, pois neste xacemento posuía a famosa soberana o seu castelo e o seu trono, cadeira pétrea que aínda se pode contemplar sobre o Outeiro da Campá, verdadeiro amplificador natural usado polos nenos do lugar debido as capacidades sonoras e de produción de eco que posúe esta espenuca granítica.

trono da raíña LupaO trono da raíña Lupa

Indagando nos xogos dos nenos descubríronse posibles usos das pías naturais que adobían os penedos do castro e tamén outros interesantes microtopónimos que poden facer relación a estruturas adxacentes á muralla do castro de Mallou, como as Casiñas do raposo, baixo o outeiro das Sete Cabezas.

DSCF8679Outeiro das Sete Cabezas

A participación da SAGA neste proxecto ten vocación de continuidade e pretensión de calidade. Precisa, xa que logo, dun traballo de campo prolongado que deberá ser desenvolvido no tempo e que terá como albo o locus antropolóxico con epicentro en Mallou. A relación entre a comunidade e a cultura ven condicionada pola dialéctica entre os condicionantes externos e as pulsións internas. Por elo a SAGA comezou o estudo da interpretación do medio físico como resultado do rexistro histórico. A casa, a aldea, a parroquia e a comarca son as unidades de agregación tomadas en conta polo de agora, o seu estudo deberá permitir o mellor coñecemento da cosmovisión que sustenta a relación dinámica entre a xente de Mallou e o seu pasado.

DSC_3356Pombal en Mallou

teitoEstrutura do tellado dun pombal. Exemplo de solución arquitectónica para cubrir unha construción circular

Unha das liñas de investigación neste contexto, e que queremos salientar pola potencia da cultura inmaterial que a sustenta, será a da exploración do proceso de construción da idea dos “ Mouros” como un proceso de establecemento dunha alteridade sobre a que construir a propia identidade colectiva.

DSC_3329

O director da excavación Antón Malde falando con Miguel Losada

Esta imaxe, estendida por toda Galicia, está tamén presente neste lugar e, segundo a xente de Mallou, eles terían edificado o castro que se erixe omnipresente por riba da aldea. Non se lles atribúe, pois, aos devanceiros esta obra, se non aos membros “doutra” sociedade, relacionados dun xeito simbiótico co seu entorno, do que amosan un gran coñecemento, e que adoita ser eminentemente gandeiro e montañés. A construción da idea de alteridade —os outros, eles/nós, os mouros e axente do pobo— esixe o desenvolvemento dun proceso de conflitividade, redución, illamento, marxinación, afondamento no xeito de vida dos tales “outros” baseado no seu coñecemento do entorno; endogamia e estrañeza. Con esta hipótese de traballo, na SAGA vaise tentar aportar traballo neto ao esforzo multidisciplinar realizado no castro de Mallou de xeito exemplar por parte de todos os voluntarios e colaboradores desta iniciativa.

 currando

Tan só nos queda agardar que o traballo de campo realizado polos compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada dentro deste proxecto de arqueoloxía social sexa de utilidade na marabillosa aventura de achegar luz ao noso pasado. Dende a Sociedade Antropolóxica Galega queremos aproveitar esta ocasión para felicitármonos todos por iniciativas culturais como esta e agradecerlles, en primeiro lugar, aos promotores e directores do proxecto que confiaran en nós para este traballo e, en segundo lugar pero non por elo menos relevante, a todos os colaboradores e voluntarios polo cariño e trato recibido no tempo que pasamos xuntos. Rematamos por agora pero volveremos ao castelo da raíña Lupa…se a rampoña nolo permite.


San Mamede “Santo galego” e o seu probable avatar do Nadal: O Pandigueiro

Imaxe

Foto P.G. Losada SAGA. Circa 1978

Xa chegou de novo o tempo do Pandigueiro, o tempo pois,  dos purgazos dados ós nenos no leite quente. Hai quen di, aló polas Terras Altas de Ourense, na abas  da Serra da Cabeza Grande de Manzaneda, que do alto da serra pode baixar quen mire polos cativos e na noite veña cheirarlle-lo bandullo por ver se están ben mantidos. Deixará unha presa de castañas cocidas e un fato máxico de animalciños pequechos e gordechos feitos coa navalla na madeira de amieiro.

O retroxuiño do Pandigueiro

Durme meu neno durme

Durme meu neno axiña

Que o Pandigueiro che ha traguere

Uns purgazos pra a leitiña

Pode ser que esta figura xa non ande polos faiados, nin chame nas portas. Pode ser que se poña en dúbida se existiu e tamén pode ser que nos preguntemos se algunha vez, nalgún tempo, nalgures en Galicia,  os nenos galegos ou a algúns deles, lles teña comprido unha taza de leite con castañas para non marchar con fame para a cama. Acaso sempre foi todo fartura? Acaso no se deron nunca as circunstancias nas que a xente lle pedise ós santos que mirasen polos fillos? Si, tal.

Purgazos: Castañas secas, rehidratadas e logo cocidas. Adoitábanse comer con leite.

Purgazos: Castañas secas, rehidratadas e logo cocidas. Adoitábanse comer con leite.

O pandigueiro é o “cheira-bandullos”, e ben pode ser considerado un máis entre os seres miticos tradicionais esta vez sobre a base da grande popularidade que nas serras galegas tivo sempre San Mamede, o santo que, cando menos nesa noite, mira polos pequenos xa que el mesmo foi neno, triplemente orfo e aparece relacionado co leite (mesmo no seu nome) e co bandullo, pois foi morto destripado no seu martirio e mesmo na tradición cristiá de Ano Novo ven relacionado co feito de medrar, espiritualmente, por medio do leite santo. Na tradición orixinal da liturxia oriental da Capadocia, na Turquía actual, a súa festa era no día de Ano Novo do 1 de setembro.

Antífona ad introitum. Epistola1. Petri II,2: “Quasi modo geniti infantes alleluja: rationabile sine dolo lac concupiscite: ut in eo crescatis in salutem.”  Como os neonatos ansiade o leite (do espíritu) sen engano (verdadeiro ou inocente) de xeito que medredes en saude.

O mismo Padre Sarmiento fala del, do santo, dicindo que os galegos aseguran que o santo era galego inda que Sarmiento o nega, ó tempo que asegura que é un nome ben común nesta terra mais somentes se lle pór ós “rústicos” ( Colección de voces y frases gallegas. José Luis Pensado ed. Vol I pg. 378.[1])

Remitimos ós lectores, pois,  ó número 1 do  Boletín Caderno de Campo da SAGA[2] no cal se atopa máis información ó respecto. Xuzguen vostedes e obren como lles conveña.

Por Miguel Losada

 


DESTRUCIÓN DO PETRÓGLIFO DO PENEDO DAS GRALLAS. Laza, Ourense.

O Comunicado da Asociación Cultural Alto Támega:

Texto e imaxes do comunicado: Asociación Cultural do Alto Támega

“ DESTRUÍDO POR UN BULLDOZER UN PETRÓGLIFO, E AFECTADA UNHA MINA DE OURO ROMANA EN LAZA

A Asociación Cultural Alto Támega de Laza denuncia a destrución recente do PETRÓGLIFO “O Penedo das Grallas” no pobo do Navallo, parroquia de S. Pedro de Castro de Laza e a afección a unha mina de ouro romana no límite entre as parroquias de Laza e Castro de Laza, por maquinaria pesada que traballaba nos cortalumes fai uns poucos días.

Consideramos esta afección á nosa cultura moi grave, os dous xacementos estaban sen catalogar porque foron recoñecidos recentemente pola Asociación Cultural, e aínda non nos dera tempo de comunicarlle a Patrimonio a súa existencia.

Na mina de ouro foi removida a terra de varias canles de condución de auga e parte dela quedou soterrada pola terra do cortalumes.

A peor parte levouna o PETRÓGLIFO do Penedo das Grallas, que quedou practicamente destruído ó pasarlle por enriba un bulldozer.

Este PETRÓGLIFO tiña unha lenda que dicía que o cabalo de Santiago saltou dende aquí ata o penedo da Gándara Vella. Os gravados constaban de 25-30 cazoletas ou coviñas, algunhas de tamaño moi considerable, distribuídas por toda a superficie da rocha de lousa.

Cando menos, no recoñecemento do PETRÓGLIFO, fixemos un esbozo e unhas fotos que achegamos para ilustrar esta pública denuncia.

Estaba no entorno dunha zona moi rica en petróglifos sobre lousa, algo pouco común en Galicia, preto da Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas en Laza, unha estación con dez penedos con gravados de ferraduras, podomorfos, cruces, coviñas, símbolos fálicos, mans … cunha importancia patrimonial indubidable, e que están sendo divulgados e visitados en andainas patrimoniais organizadas pola Asociación Cultural.

Solicitamos da administración competente e da sociedade en xeral unha maior sensibilización hacia o noso patrimonio irrepetible, e un control máis exhaustivo dos traballos con maquinaria pesada no monte, para que feitos coma éste non se volvan repetir.”

Penedo das Grallas . Esquema

O Penedo das Grallas antes dos Danos

Destrución do petróglifo do Penedo das Grallas. Laza, Ourense.

Texto e fotos Miguel Losada

Nalgures, no concello de Laza, na Galicia ourensán e mais austral, existe unha ignota estación da arte rupestre galega, composta por numerosas penelas esquistosas, rochas de lousa nas que se poden ver gravados rupestres dun valor único e insustituible, resaltado polo feito mesmo de ter como base esta caste de rocha.

Penedo das Pisadiñas.

Símbolos na beira do antigo camiño

Cruciformes do Lastredo.

“Tridente” aproveitando unha veta de xeixo na rocha de lousa

Podomorfos, “pisadiñas” que sobrancean na estación.

“Tesoiras da Virxe”. Tamén moi abondosas.

Xunto con Nieves Amado[1], arqueóloga, e Hector Salgado, lutier e grande coñecedor da zona e das tradicións locais, percorremos en varias ocasións os montes deste val no que pouco mais abaixo teñen  aparecido nos últimos tempos, outros obxectos[2] que tamén son moito mais que obxectos.

No verán de 2012, membros da “Asociación Cultural Alto Támega” fixéronnos a honra de nos ilustrar e acompañar no percorrido por este abraiante lugar no que, á beira dun antiquísimo camiño acomodado á paisaxe de reviravoltas do río Támega, xa era coñecido o denominado “Penedo das Pisadiñas”.

Signos na beira do camiño.

Nesta pedra, as formas gravadas son coviñas[3], “mans”, “pes”, “tesoiras”, “ferraduras”…de xeito que na tradición local tería sido a Sagrada Familia a que parou a descansar na súa xeira polo mundo deixando como hierofánica manifestación do seu paso, todo este programa de impresións na pedra.

Mediante a simple observación dos penedos circundantes, na procura de bos observatorios cara o val, resultou que moitos deles, moitos, estaban tamén petrografados con motivos diversos, como cruciformes, e outros. Seguimos así en varias ocasións a Hector Salgado e a Nieves Amado por unha paisaxe sutilmente modificada polos signos, en tanto que manifestacións materiais e perceptibles, os cales están dispostos en lugares estratéxicos nos que deberon dar conta de certos obxectos así representados moi probablemente ca intención de interpelar ó camiñante.

A existencia dunha enigmática mina de ouro na mesma zona, en proceso de estudo tamén por Nieves amado, que carece de nome e referentes na tradición local, non debeu ser precisamente unha simple continxencia.

O solar da mina sen nome.

Efectivamente esta paisaxe, ou mais ben territorio, así disposto, tivo unha carga semiótica. Fala dunha sociedade pretérita que quixo expresarse usando coordenadas de espazo e tempo e que, ó facelo, creou arte nestes sitios, os gravados rupestres do Lastredo e arredores.

Deste xeito, estas expresións da mente humana que atravesan o tempo até nos, e mais aló, constitúen impagables datos científicos ó tempo que potentes manifestacións artísticas inda por estudar.

Deixaríamos perder, como sociedade, e sen artellar as medidas pertinentes, calquera forma do noso patrimonio? Sería un erro para o presente, que ficaría mais pobre e recortado e incorreriamos nunha deslealdade cos que haberán de vir no futuro.

Así as cousas, aconteceu o que non deberá ter acontecido. O petróglifo recentemente descuberto polos amigos da Asc. Cult. Alto Támega, e coñecido como petróglifo do “Penedo das Grallas”, ten sido destruído estes días por unha máquina que reavivaba un cortalumes. Varias decenas de coviñas inda por estudar, xa que inda non dera tempo de catalógalo, foron danadas de xeito irreversible cando incluso o “Consejo Superior de Investigaciones científicas”, CSIC, estaba interesado en estudar o conxunto. Agora, unha parte deste xa non existe ou está moi alterado.

Verificando os danos

O lugar dos feitos

Causas e consecuencias haberán de ser deslindadas noutras instancias.

Mais unha consecuencia si que debera ser tirada destes feitos: Coñecer para protexer. Artellar os medios para poder dispor dun inventario dos nosos activos culturais. Facelos visibles e evidentes. Propiciar as canles de retroalimentación entre a xente, a sociedade, e o seu patrimonio cultural.

Iniciativas como a do proxecto patrimonio galego .net[4] e outras como as do profesor e divulgador Manuel Gago[5] ou o traballo a prol da Cultura, con maiúscula, da Asociación Cultural do Alto Támega en Laza,  érguense como exemplos de Cambio social e dos seus “tags” positivos: innovación, difusión, participación.

Xa non hai “illas” culturais, probablemente porque todo o mundo é unha insua, global. Galicia non é unha excepción, e neste contexto no que novos activos terían, sen dúbida, un gran efecto multiplicador non so económico, mais tamén moral, a destrución do patrimonio cultural representa percorrer un camiño, mais varios pasos cara..ningures.


[1] Nieves Amado Rolán. Arqueóloga. Autora do inventario arqueolóxico do Concello de Laza. Colaboradora da SAGA.

[3] Neste caso estas pequeñas  “cuncas “  son de dimensións maiores do habitual.

[4] http://patrimoniogalego.net/index.php/author/gavilanes67/. Un exemplo: Gavilanes 67 , Catalogador senlleiro e colaborador da SAGA.

[5] http://www.manuelgago.org/blog/index.php/o-autor/ Manuel Gago é xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor de Capítulo 0. Colaborador da SAGA.


V REUNIÓN CIENTÍFICA DE LA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE ANTROPOLOGIA Y ODONTOLOGÍA FORENSE

A  Sociedade Antropolóxica Galega colabora coa:

V REUNIÓN CIENTÍFICA DE LA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA

DE ANTROPOLOGIA Y ODONTOLOGÍA FORENSE

 

Anuncio y Primera Circular

5th Scientific Meeting of Spanish Association of Forensic

Anthropology and Odontology.

First Announcement

 

Verín (Ourense, Spain)

27-28 de Junio de 2013

“FALANDO DAS ORIXES DA ANTROPOLOXÍA”

Por Miguel Losada

No derradeiro terzo do século XIX, Pedro González de Velasco, experimentou unha improbable metamorfose pola cal, e dentro dun contexto social netamente inmobilista, mudou de labrego do planalto segoviano a médico doutor e catedrático cirurxián na Vila de Madrid. No seu proceso como crisálida social humana, pasou pola formas de soldado e rudo operario manual polivalente.

Cando acadou, polo seu propio esforzo, a fase de imago baixo a forma de “catedrático de operacións” creou a “Sociedad Antropológica Española”, en 1865, e o “Museo Antropológico”, en 1875. Aparecen neste intre as primeiras publicacións sobre a ollada antropolóxica como son  a “Revista de Antropología”, 1874, e “Antropología Moderna” no 1883, que é o ano no que se crea tamén a sección etnográfica, sobre a base das coleccións que o propio González de Velasco obtivera nas súas viaxes, unha vez operada a transmutación.

Para consumar a “performance “romántica que foi a súa vida, ó altamente improbable doutor Velasco, morreulle a súa filla. El embalsamouna e, ataviada de noiva, dispúxoa na súa casa museo fornecendo así de material adicional ás potenciais aproximacións antropolóxicas cara a súa peripecia.

A xeito de contexto, vemos tamén como por aquel tempo no que xa campaban o evolucionismo ou o marxismo, e dende os alicerces, a antropoloxía xurde con vocación holística cando o ser humano, pode que como Sísifo no Averno, comeza a pensar ontoloxicamente sobre o “Humano” entendido como un fenómeno que acolle e transcende ós eidos cultural e biolóxico. Un xeito, pois, de estudar física, arqueolóxica, lingüística e socialmente, aquilo do que poida predicarse a pertenza ó xénero “Homo”.

No 1851 L. H. Morgan, publica a primeira monografía, “The league of the Ho-de-no-sau-nee or Iroquais.”  (Sage & Brothers, Rochester),  sobre un pobo indíxena, a confederación das nacións iroquesas, ca que fica inaugurado o xénero do ensaio etnográfico tal como o recoñecemos actualmente.

Simultaneamente ó traballo do Doutor Velasco, outro ser altamente improbable, Paul Broca -bacharel en física, matemática e antropoloxía antes dos 17 anos, e doutor en medicina ós 20-  fundaba a Sociedade Antropolóxica de París no 1859, a Revue d’Anthropologie en 1872 e a Escola de Antropoloxía en París en 1876. Librepensador confeso, foi denunciado por subversivo, materialista e “corruptor da xuventude”, como Sócrates. Nunha ocasión seica fuxiu no medio da noite nun carro de patacas por baixo das cales agachaba setenta e tres millóns de francos procedentes dos Fondos da Beneficencia e que, repartidos en maletas, pretendía salvar do latrocinio durante a guerra franco-prusiana de 1870-71

Fica pois claro que a antropoloxía ten sido cousa de xente afouta e de amplas miras. Malia que no caso de Broca unha miras tan amplas como para defender a “inferioridade psíquica e intelectual da muller”.

Tamén neste tempo, E. M. Lombrosso, coñecido como “Cessare” Lombrosso, estudou unha ampla variedade de factores con lectura antropolóxica, como os condicionantes climáticos, dinámica de poboacións, alcoholismo, relixión, economía, entre outros que debían levar cara un mellor coñecemento do fenómeno da criminalidade e da súa prevención e represión.

Deste xeito a Antropoloxía, a Antropoloxía xeral,  nace como filla do seu tempo, no medio da luz e da sombra. Ó abeiro dos intereses estratéxicos das potencias coloniais e do positivismo. Biólogos e xuristas foron tamén moitos dos primeiros autores, de xeito que a antropoloxía sempre tivo un “carozo” vocacional aberto á diversidade e á interdisciplinariedade.

Galicia conta actualmente cun centro de máximo nivel na investigación antropolóxica forense como é o Instituto de medicina legal de Santiago de Compostela, o Instituto de Ciencias Forenses “Luís Concheiro”[1], no cal algunhas das liñas de investigación teñen fondas implicacións dentro da antropoloxía xeral como pode ser as relacionadas ca criminalística, o parentesco ou a xenética de poboacións.

Hoxe en día, superadas en grande maneira a meirande parte das sombras expostas, os colexios profesionais de antropólogos rexeitan[2] o uso da antropoloxía e dos antropólogos, como ferramenta de control e obtención de información por parte de determinados gobernos, incluíndo becas e outros programas de estudos secretos ou semi secretos, ó servizo de certas axencias estatais. Vemos pois como a Antropoloxía segue a ser filla do seu tempo.