"O blog da SAGA"

3. ACTIVIDADES

CRÓNICA DAS III XORNADAS SOBRE ANTROPOLOXÍA

III Xornadas sobre Antropoloxía

A Mitoloxía galega”

Do 16 ao 18 de novembro celebráronse en Pontevedra, cun grande éxito de público, as III Xornadas sobre Antropoloxía organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega. Este ano, os temas tratados nas conferencias xiraban ao redor da Mitoloxía galega. O marco das xornadas foi, coma nos anos anteriores, a Casa da Luz, grazas á colaboración do Concello de Pontevedra. Tanto a apertura do ciclo como as distintas presentacións dos conferenciantes estiveron a cargo do antropólogo e presidente da SAGA, Rafael Quintía Pereira.

 

A sesión inaugural do día 16 contou coa presenza da arqueóloga e antropóloga Ana Filgueiras Rei. Na súa conferencia, “Cartografía mítica: estrutura, sentido e poética do territorio da mourindade”, expuxo a importancia de dar ao legado mitolóxico a dignidade e protagonismo que merece. Así mesmo, explicou como a toponimia é unha grande aliada para descubrir ese mosaico, fragmentado debido á perda da transmisión oral da cultura e á deturpación histórica. Este coñecemento ancestral sinala, a través da toponimia, lugares importantes para a memoria colectiva; e a arqueoloxía confirma, en moitas ocasións, como eses lugares foron considerados sagrados dende a prehistoria. Son a alma do territorio, sen esa memoria acumulada o territorio queda sen discurso. Por todo isto di que é preciso documentalo, entendelo e seguir producindo cultura nova sen abandonalo.

 

A continuación interveu o mestre, etnógrafo e historiador Clodio González Pérez coa disertación: “Un mito universal: serpes e dragóns. A tradición da Coca”. Clodio Gónzalez levou aos asistentes a unha viaxe por Europa e América a través do mito deses monstros que, nas mais antigas tradicións, eran vencidos polos deuses e, co paso do tempo e a transformación das crenzas, morrían a mans dos santos e santas cristiás. Máis tarde serían os nobres os protagonistas destas lendas, feito que deixou na heráldica unha pegada material aínda visible. En moitos relatos son nenas pequenas as que, con auga bendita, vencen ao monstro. A Coca, Cuca no Mediterráneo, Tarasca para o castelán; estendeuse por toda a cristiandade asociada a celebración do Corpo de Deus ou Corpus Christi. Tamén pasou a América e aínda se conserva en Cuba relegada ao Carnaval. Debido ao feito de que fose obrigatoria a participación dos gremios no Corpus e á importancia secular do de Mareantes en Pontevedra, nesta cidade eran os mariñeiros os que vencían á Coca na representación previa á procesión.

 

O sábado 17 abriu a xornada a investigadora Ana Ruiz Blanch coa exposición do tema: ”A Raíña Lupa: tan lejos, tan cerca. Mito, historia y memoria”. Falou da relación de Lupa coa fundación do camiño de Santiago e co mito fundacional da devandita cidade. Do mesmo xeito atopa unha analoxía coa fundación de Roma e mesmo de Portugal. Explica a correlación entre Lupa e a raíña Urraca e que as numerosas lendas sobre ela están sempre asociadas a un lugar concreto, non só en Galicia, subliña a mestura con outros mitos como as Mouras. Non se sabe moi ben se era unha deusa, unha Moura ou unha raíña realmente existente. O feito de facer de Lupa unha personaxe maliciosa podería considerarse un aviso ás mulleres que se atreveran a desafiar á autoridade eclesiástica. É un relato metafórico no que tamén se atopa unha relación entre a palabra loba e a prostitución en Roma. A pesar da connotación negativa, que por parte da Igrexa se lle deu no relato do traslado dos restos do apóstolo, Lupa sempre contou co aprecio do pobo.

 

Despois dunha pequena pausa para tomar un café e un pouco de bica, comezou a charla do profesor e escritor Marcial Tenreiro: “(Paleo)Etnografía Jurídica: Olhadas na Fronteira entre o Rito e o Mito”. Marcial expuxo exemplos documentais da importancia ancestral do marco e dos sacrificios rituais para a súa protección como, por exemplo, un documento do século XVI onde se describe o sacrificio dun semental, un texto único en Europa. Fala de sacrificios de carneiros para logo enterrar a súa cabeza a modo de delimitación, poñendo sobre ela o marco, e que destas prácticas quedan innumerables pegadas na toponimia. Existe constancia de ritos similares noutros países como en Islandia. En Francia atopamos ritos asociados á construción, tanto en vivendas coma en igrexas, nos que se empregaban vacas ou bois. En Asturias existía a crenza de que era necesario matar un animal para evitar unha morte ao estrear unha casa. Nalgúns lugares colocábanse cornos de carneiro en lugares estratéxicos das casas ou do territorio. O seguimento dunha res bovina á hora de fundar un asentamento era tamén un rito común. As pelexas de touros servían para delimitar unha fronteira, e coma presaxio dunha vitoria ou derrota. A súa importancia víase reflectida na construción das cortes para o gando (Portugal). Sinala na súa intervención o achado de bronces votivos nos que se representa a cabeza dun touro para un uso simbólico ou ritual o que nos levaría a orixe destas prácticas na Prehistoria.

 

Xa pola tarde, o investigador, escritor e cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa falou de: “Os seres míticos na Mitoloxía galega”, un tema inabarcable pola grande riqueza da nosa mitoloxía. Na súa opinión, ata hai ben pouco non había moito interese por estudala, aínda que o seu coñecemento podería dicirnos de onde vimos, quen somos e onde imos. Segundo el a mitoloxía popular é un produto da Historia e está condicionada pola época, polo poder civil ou eclesiástico e polas carencias. É o que queda dunha relixión das clases populares na que tiña moita importancia a astroloxía e tamén a xeografía, as portas ao outro mundo, o vínculo do mundo dos vivos co dos mortos, a importancia do simbolismo a súa interpretación. Conta como estas crenzas chegaron a ser vistas coma supersticións, incluso na sabedoría popular. Di que a mitoloxía mal interpretada pode ter consecuencias nefastas, isto é debido a influenza do rumor e a que o poder aproveita algúns destes elementos. A Mitoloxía reflicte unha idade de ouro, un tempo no que non hai carencias.

 

A última estivo a cargo do historiador Antonio Balboa Salgado: “As cidades asolagadas. As augas e o Alén en Galicia”. Na súa exposición falou da visión histórica que xustifica estas lendas como restos de cidades que quedaron abandonadas, a da igrexa que da as explica dun xeito moralizador e de como estas visións describen o que hai pero non explican o porqué. Tomando, en certa medida, como referencia a Irlanda que conta con múltiples lendas de cidades asolagadas, interpreta a similitude do resto de casos na Europa atlántica e, concretamente, na costa coruñesa onde se concentran en Galicia. Conta que Aristóteles fala de que os celtas están tan tolos que se mergullen no mar para loitar con el, o que considera unha mostra de irracionalidade. Algunhas investigacións sinalan estas lendas coma unha mostra do desexo de comunicarse co mar, o punto de partida a outro mundo, da auga coma fonte de rexeneración ou resurrección. A concepción da auga como lugar de paso obrigado e privilexiado ao máis alá no mundo indo europeo e celta.

 

Durante a celebración das xornadas rendeuse homenaxe a Ángel Gilberto Martínez, membro da SAGA recentemente falecido, coa presentación do vídeo: “As lendas da Pena Molexa” narradas por Ángel Gilberto Martínez”.

 

Despois de cada conferencia houbo un tempo para preguntar e debatir no que participaron algúns dos asistentes. A brillante e clara exposición dos poñentes, a súa teima pola divulgación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial e o grande interese amosado polo numeroso público fixeron destas III Xornadas unha cita digna de ser lembrada.

 

 

O colofón a estes dous días de Mitoloxía galega foi o espectáculo que, baixo o título: “O eco das pedras”, representou Raquel Queizás no Centro Social de Cerponzóns o domingo 18. Unha escolma de contos tradicionais marabillosamente interpretados e para o que a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns cedeu o seu local.

 

Texto de Pilar López Vilas

Fotografías: Ana Durán Penabad e Miguel Ângelo Bieites

Advertisements

III XORNADAS SOBRE ANTROPOLOXÍA

Un ano máis a Sociedade Antropolóxica Galega ten o gusto de convidalos ás “III Xornadas sobre Antropoloxía”. Este ano o tema das xornadas xirará en torno á Mitoloxía. Así que, pensamos, é unha cita que non se poden perder todos aqueles que lles interesa a mitoloxía galega e máis tendo en conta o fondo coñecemento dos e das poñentes e as interesantes temáticas a tratar. Ademais, nesta edición, e tendo en conta a importancia da transmisión oral deste patrimonio cultural, quixemos complementar a programación das xornadas cunha sesión de narración oral a cargo de Raquel Queizás, quen presentará o seu magnífico espectáculo “O eco das pedras”.

Non queremos rematar a presentación destas xornadas sen lembrar ao noso compañeiro e amigo recentemente falecido, Angel Gilberto Martínez Seoane, coñecido por todo como “Papigil”. A el van dedicadas estas “III Xornadas sobre Antropoloxía”. Sabemos que alí onde estás seguirás con nós sempre.

O noso agradecemento a todos os participantes, ao Concello de Pontevedra por apoiar cada ano estas xornadas e á Asociación de veciños de Cerponzóns O Chedeiro pola súa colaboración na organización da actividade do domingo.

cartaz antropologia III

PROGRAMA

Venres 16:

-17:30h Apertura das xornadas

Proxección do video: “As lendas da Pena Molexa narradas por Angel Gilberto Martínez

-17:45h Conferencia de Ana Filgueira: “Cartografía mítica: estrutura, sentido e poética do territorio da mourindade”

-18:30h Conferencia de Clodio González Pérez: “Un mito universal: serpes e dragóns. a tradición da Coca

-19:15h Mesa redonda

Sábado 17:

Sesión de mañá:

-10:30h Benvida aos participantes

-11:00h Conferencia de Ana Ruiz Blanch: “A Raíña Lupa: tan lejos, tan cerca. Mito, historia y memoria.

-12:00h Pausa café

-12.30h Conferencia de Marcial Tenreiro: “(Paleo)Etnografia Jurídica: Olhadas na Fronteira entre o Rito e o Mito”

-13.30h Mesa redonda

Sesión de tarde:

-17:00h Apertura da sesión de tarde

-17:30h Conferencia de Antonio Reigosa: “Os seres míticos na Mitoloxía galega”

-18:15h Conferencia de Antonio Balboa Salgado: “As cidades asolagadas. As augas e o Alén en Galicia

-19:00h Mesa redonda e coloquio final

-19:30h Clausura das xornadas

Domingo 18:

No Centro Social de Cerponzóns

12.30h. Actividade cultural de narración de contos tradicionais en Cerponzóns:

Espectáculo de Raquel QueizásO eco das pedras

o eco das pedras


II XORNADAS DE NOVELA HISTÓRICA DE VERÍN 29 e 30 de marzo de 2019

nuevo documento de microsoft office word (2)_001

Programa previsto

nuevo documento de microsoft office word (3)_001

Miguel Losada (SAGA)

Escribir é construír. Erguer unha realidade que xurde a partires dos materiais dispoñibles -nalgures- e do esforzo de reunilos e darlles coherencia. Logo de milleiros de anos de literatura de tradición oral, a escrita permitiu ampliar a escala dos primeiros “lumes de lareira” que, co tempo, mesmo chegaron a ser radioeléctricos, catódicos; e ultimamente de plasma. Outra cousa é a calidade, intención e oportunidade desta fartura.

En calquera caso, o substantivo é o feito de que a produción e consumo de discursos é algo inevitable, unha forza moi poderosa dende calquera tempo, como os feitos demostran e o éxito da novela certifica. No caso da Historia, non son hoxe en día os manuais e o ensaio os que copan o interese por ler. Son as novelas.

Boa parte desa realidade creouna o mais que cabaleiro e menos que barón, Sir Walter Scott, cas súas novelas, a partires de finais da primeira década do 1800. Estas tiveron, e teñen, un enorme éxito mundial que acadou tamén a España e Galicia, onde circularon traducións dende ese intre, ademais de producirse obras novas e autóctonas. Entre estas Ramiro, Conde de Lucena (1823)[1] que figura como a primeira novela histórica en lingua española e El Caballero Verde[2] (1844) do escritor galego Benito Vicetto. Esta última ten sido obxecto de edición e comentario por parte do Dr. Filólogo e Historiador galego Ricardo Polín.

Tanto as obras do escocés como as outras -ó xénero literario en realidade- xurdiron do conflito entre dous modelos de relación co poder. O absolutismo e o liberalismo, liberais e conservadores, Carlistas e partidarios da Raíña Isabel, sobriña do infante D. Carlos. Detrás está tamén a tensión entre o novo modelo produtivo e económico; o industrial e o capitalista, burgués, fronte ó sistema anterior baseado no control estamental do sector primario. Romanticismo, nacionalismo e imperialismo son ademais outras perspectivas que fixeron posible, e conveniente para moitos, un novo xeito de relación social co pasado: A Novela Histórica. Esta non estivo sola naquela galerna política entre o Antigo e o “novo” Réxime. Os periodistas e os dramaturgos contribuíron tamén ó derrube dos vellos postulados de tradición feudal, autoritaria e despois absolutista. Para iso cumprían outros novos, e un deseño didáctico dos mesmos que dese cobertura ó novo sistema económico fundamentado na autonomía dos grandes emprendedores e na creación, que resultou moi literaria, dunha personaxe fundamental dende aquela: O estado nacional. Este, como toda personaxe precisaba unha biografía que deu en chamarse a Historia das nacións, dos países…

Aquela transición do XVIII ó XIX foi tamén o tempo de G.W.F. Hegel, o filósofo historicista que instalou a idea de que as sociedades son o resultado da súa Historia e, xa que logo, a fixación desta -o discurso histórico- é a ferramenta que permitiría crear estados poboados por persoas libres, sempre e cando a vontade destas e a do estado coincidan. O “proceso” histórico, sería unha manifestación transcendente orientada ó obxectivo superior da liberdade, entendida como un produto polo que, resulta “natural” pagar un prezo. Dende aquela, e con todo este contexto apenas trazado aquí, heroes, mártires e malvados; vítimas oportunistas e verdugos, entre outros moitos, poboan incontables páxinas dun fenómeno de grande importancia para comprender a natureza e xénese do mundo no que vivimos. E por iso tamén, dende aquela, tivo razón J.L. Borges cando explicou que a Historia é unha entre as ficcións[1]. Nun mundo coma este que santifica a novidade constante, que non cesa, proteica[2]. Aquilo que achega a seguridade do inmutable, do que “sempre foi así” é un valor en alza directamente proporcional á densidade de discursos entrecruzados. Historias ficticias e ficcións históricas. Historia con forma de ficción histórica e ficción travestida de Historia.

Por iso, reflexionar sobre a Novela Histórica e sobre porqué do grande interese que suscita no público, son cuestións que atinxen e interpelan directamente a calquera sociedade contemporánea. Este mes de marzo, na Biblioteca Pública Municipal de Verín, darase a oportunidade de ser partícipes e en primeira liña, desa importante parte do proceso colectivo de construción social da realidade.

Igual que na edición anterior, segue a ser certo que como afirmamos daquela: “Os e as novelistas da Historia son grandes creadores de visibilidade cultural. Existir en simbiose con seu traballo resulta de grande interese colectivo polas razóns expostas; e no caso de Galicia, unha interacción que inda pode facerse moito mais dinámica e produtiva.”

Na SAGA entendemos que Galicia e a súa cultura deben seguir presentes no miolo dos grandes debates e discursos contemporáneos. Entendemos que propiciar esta participación é un deber e unha oportunidade para que a Historia de Galicia sexa, tamén, un factor de impulso en tódolos sentidos.

[1] Borges, J.L. Ficciones. El Tema del traidor y del heroe

[2] Que pode adoptar múltiples formas.

Algunhas Imaxes da edición anterior.

33664676_1770806516330418_4689179271535525888_o

_MG_5027-1

181025 II XORNADAS NOVELA HISTORICA VERIN

 

Entrevista sobre o tema en Historia de Galicia

http://historiadegalicia.gal/2018/10/galicia-centro-da-novela-historica-mundial-de-roma-a-procura-do-santo-graal/


D. ELoy Luís André: Un disidente; un solitario acontecido; un home visto na distancia.

SONY DSC

Programa:  https://www.bibliotecadeverin.es/?event=ciclo-adicado-a-d-eloy-luis-andre

Miguel Losada (SAGA)

Eloy Luís André (Mourazos, Verín, 1876 – Madrid 1935 ) é un xenial exuberante, un individuo excesivo e improbable que desbordou os límites da estreita canle pola que descorrían os tempos que lle tocou vivir. Naceu logo do tempo no que o romanticismo campou por toda Europa e pode que o seu individualismo e vontade de cargarse a si mesmo dun potencial intelectual e creativo fose unha expresión xenuína daquel movemento, unha de tantas, cas que se manifestou, neste caso, na Galicia e na comarca que el tanto defendeu. Un disidente; un solitario acontecido; un home visto na distancia. Así, coma un cometa que atravesa os ceos na noite, imparable, determinado e inalcanzable percibiu el o estupor que o seu paso polo panorama intelectual do seu tempo provocou.

“Para los del ’98, soy un disidente.Para los novecentistas, soy un solitario amargado. Para la nueva generación, un desconocido.”

foto 11_001

Escolleu vivir evidenciando o paradoxal do seu mundo, que é o noso, e con elo construíu unha ironía magnífica que interpela e cuestiona directamente a unha realidade inmisericorde  ̶ “Galicia, carne de tiranos”, escribirá, por exemplo  ̶  fronte a cal el sempre ofreceu o espello dunha alternativa ou variante, socialmente mellor e mais fértil.

Eloy Luís André foi un cidadán exemplar. Un individuo notable tanto pola súa traxectoria e determinación como polo seu compromiso político e social de ampla escala.

Mais pode que a principal conclusión deste modesto escrito e do esforzo expositivo que o acompaña neste mes de xuño e 2018, sexa o feito de que o protagonista da mostra siga podendo ser considerado, hoxe en día, un referente dunha caste de civismo xa case que amortizada pola sociedade “líquida” descrita polo gran pensador Zygmunt Bauman.

Leer a André significa exercer a rebeldía contra un activismo de sofá, en palabras de Bauman, mais que seguramente houbera podido asinar o catedrático verinés. Nas súas páxinas podemos ver algún dos grandes temas cos que o mundo contemporáneo haberá inda de loitar, como o significado económico da desigualdade social, ou se a inmensa riqueza duns poucos resulta beneficiosa ou non para os demais; o rol que a muller desenvolve no mundo ou sobre como o nepotismo e outras formas de corrupción resultan transversais á estrutura institucional dos estados contemporáneos.

Dende a súa condición de pensador outsider, aquel túzaro solitario e resentido, segundo percibiron os seus contemporáneos mais significados na cohorte de intelectuais do intre, André significa tamén unha extraordinaria oportunidade de pensar Galicia dende outros puntos de vista, menos agónicos – no sentido de enfrontamento – ou, cando menos, de aproveitar parte da perspectiva de André para atopar novas posibles solucións a vellos desafíos.

Tamén nisto a visión de André resulta produtiva, xa que o seu galeguismo e compromiso ideolóxico é un sistema aberto e integrador, moi afastado de solucións centrípetas e ideoloxicamente autárquicas. A firmeza dos postulados de André, a prol, por exemplo, da lingua galega e da cultura propia de Galicia non tenden a unha definición solipsista do vello reino – liquidado oficialmente pouco antes do seu nacemento e primeira infancia en Mourazos – e do seu significado cultural no contexto continental.

Europeísta, André moi posiblemente tería optado por unha definición da realidade europea como unha comunidade de Pobos, un contexto de diversidade unido polos comúns intereses das comunidades e persoas que habitan o vello solar dos e das europeas.

Por todo elo, e a partires doutras consideracións que inda poderán facerse ou matizarse e mesmo corrixirse a partires dunha mellor análise da súa obra, podemos concluír que Eloy Luís André é un pensador plenamente vixente e valioso, en primeiro lugar, para quen quixera seguir o proceloso traballo de pensarmos Galicia. Ademais, para calquera persoa interesada en comprender a orixe das deficiencias sociais que eivan a Galicia dentro do seu marco institucional a calquera escala.

Finalmente, pódese dicir que se trata dun autor oportuno. Tanto no sentido de axeitado á conxuntura convulsa da contemporaneidade, como da súa condición de agudo observador da sociedade do seu tempo; mais ca peculiaridade pouco frecuente de facelo ou situarse como un observador futuro, tal como demostra o que consideramos vixencia das súas reflexións e compromiso social derivado do feito de que escolleu pasar o traballo de escribir para que a sociedade poida avaliar as súas propostas. D. Eloy L. André merece cando menos o respecto debido a calquera que ofrece un esforzo sincero para axudar a construír un mundo mellor.

Libro sobre Eloy Luís André

Publicación sobre os contidos das investigacións desenvolvidas para a exposición. Eloy Luís André: Erudito esquecido. Autores: Prieto Tarrío, Aurora; Losada García, Miguel Ángel; Rodríguez Justo, Vicente. Ed Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín. Dep. 184/2018. Verín 2018


A SAGA nas Xornadas da Novela Histórica da Biblioteca Pública Municipal de Verín

CARTEL NOVELA HISTÓRICA (1)

Miguel Losada (SAGA)

O vehículo do mito é o relato e a literatura de tradición oral. En moitas ocasións facer novela histórica significa construír discurso a partires da equipaxe mítica vixente en cada contexto cultural nun intre concreto; mais outras veces ese traballo permite rescatar das fonduras da memoria algúns nódulos dunha realidade mítica que xa non circula de xeito cotiá. Poden ser apenas indicios da existencia daquelas narrativas, ou pode ser algún entre os mais consistentes da súa forma primordial, como a imaxe do Santo Graal.

Armas do reino de Galicia no Gran Carro Triunfal de Maximiliano I, realizado por Durero en 1515. https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Reino_de_Galicia-kingdom_of_Galicia-Maximiliano.jpg

 

A erosión dos mitos é diferencial. Como acontece cas montañas, os materiais mais lenes van sendo obliterados polos axentes do tempo, coma o recorrido vento da historia. As demais vicisitudes, que calquera sociedade ou comunidade vai arrostrando, contribúen a facer faragullas do vello edificio, mais tamén acontece o proceso contrario cando algún vello relato ou parte del, inza dunha nova vida que o propaga a unha escala e cunha intensidade monumentais. Estes dous factores, son especialmente característicos da contemporaneidade. Iso que chamamos Sociedade da Información e as súas tecnoloxías. Se lle engadimos a ansia atávica que a humana xente posúe polo relato, polo discurso, teremos un panorama de exuberancia das historias contadas. Dunha banda pola magnitude que acadan, que con fenómenos como as redes sociais teñen medrado até formar unha selva de contidos; doutra, a gran diversidade de relatos en circulación baixo formatos e sistemas autónomos.

Este é o noso contexto actual, o da interacción incesante co relato nas inacabables ágoras virtuais ou non, dende os 140 caracteres até a cova prodixiosa da televisión ou o cinema, entre outros, nun mundo, o de hoxe, que nunca durme. O noso é tamén, pois, o contexto da circulación torrencial das narrativas, até enchoupar e asolagar calquera superficie socialmente construída e polo medio desta metáfora está a novela histórica como un fenómeno global, onde historias e mitos de calquera parte adquiren nova vida e sobrevoan o mundo axudando a darlle forma.

É por iso que para calquera cultura resulta hoxe fundamental construír discurso colectivo a partires de fontes de relato que poidan manexar. Colocando tamén parte dos seus contidos nas grandes correntes de consumo do gran discurso global. As sociedades ou comunidades que non sexan quen de situar –  “posicionar” sería hoxe o vocablo ó uso – os seus contidos deixaran de seren axentes activos no mundo contemporáneo. Deixarán de controlar, en boa medida, ó seu porvir e mesmo existencia.

Os e as novelistas da Historia son grandes creadores de visibilidade cultural. Existir en simbiose con seu traballo resulta de grande interese colectivo polas razóns expostas; e no caso de Galicia unha interacción que inda pode facerse moito mais dinámica e produtiva.

O ciclo do Santo Graal vai ser un dos temas mais importantes desta edición sobre a Novela Histórica. Tamén o van ser, entre outros, a construción do discurso histórico, a historiografía, e xa que logo da didáctica do discurso social;  a técnica e o oficio do escritor/a,  como persoa creadora de perspectiva colectiva; ou a relación entre o coñecemento establecido e o circulante, entre a ortodoxia e a disidencia, entre o consenso e o consenso inducido.

GaliceCharlesV

Fragmento da obra Pompas fúnebres del emperador Carlos V no que se representan os estandartes do Reino de Galicia. Autor: Jean e Lucas Doetecum (siglo XVI). Fonte: De Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI) – Museum Plantin-Moretus-Stedelijk Prentenkabinet., Dominio público. https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=3875220

Para a SAGA constitúe unha honra colaborar xunto a grandes prescriptores/as sociais a escala global, ó reforzamento da vinculación de Galicia e da súa cultura cos grandes debates e fluxos culturais contemporáneos.


Exposición temporal: 110 anos do Tranvía de Verín.

CARTAZ VERIN copia

Miguel Losada (Secretario da SAGA)

A posta en servizo do Tranvía de Verín ó Balneario de Cabreiroá, Verín, foi un fito senlleiro dentro do conxunto de iniciativas a prol da modernidade en Galicia, xa que evidenciaba a capacidade de Verín para chegar a ser un gran referente do desenvolvemento termal e balneario en Galicia e en Europa.

Iniciativas coma esta, indican hoxe o potencial cultural, social e económico malogrado, unha vez mais, para Galicia a finais do primeiro terzo do século XX. Na exposición e mediante unha serie de vitrinas e paneis expositivos, poderanse ver imaxes e obxectos orixinais tanto da liña orixinal como da actividade do aproveitamento mediciñal das augas, que non estaba exenta como veremos, dun certo rito e atmosfera propiciatoria creada nunha antigüidade remota e adaptada á modernidade contemporánea daqueles primeiros anos do século pasado.

Como no filme de Elia Kazan “A street car named Desire”, un tranvía chamado desexo, se se quere, Galicia é unha identidade cun pasado que domina e marca o seu presente. Blanche, a protagonista é unha personaxe descarrilada que padece hoxe aquelas consecuencias. Cal foi o contexto do Tranvía de Verín e da Galicia económica e cultural que o puxo en marcha? que outros proxectos semellantes ou inda mais ambiciosos estaban relacionados con este?

A conferencia do Día 27 de Abril deste ano tentará achegar luz ó respecto da man de Paco Boluda que, xunto con Manuel Hernández da Asociación Carrileiros (Ourense) teñen investigado durante anos esta e outras cuestións relacionadas co mundo ferroviario en Galicia.

Esta liña tranviaria ábrese á explotación comercial en xullo de 1908, inda que a presentación do proxecto non se faría efectiva até 1911, baixo a denominación de:

Tranvía de vía estrecha y de tracción animal desde El Toral (Verín) hasta el Balneario de Cabreiroá.

Asinou o proxecto D. Higinio Garra, segundo o disposto polo Regulamento de Ferrocarrís de 1878 e contando cun orzamento final de 35737,31 pesetas. Esta foi a segunda liña tranviaria desenvolvida en Galicia logo da inaugurada na Coruña en 1903. O trazado da liña tiña unha lonxitude total de 2242,53 m, comezando na zona do Toural sita no comezo da Avenida de Portugal. Logo de percorrer 60m, en paralelo á devandita estrada, tomaba despois a Rúa da Constitución até o Camiño de Cabreiroá para dirixirse cara o Balneario. Na metade do trazado, había un apartadoiro onde podía cruzarse o tranvía ascendente co descendente. Pouco despois deste punto a vía acadaba o Balneario sobre terreos propios da explotación hoteleira. Logo de transitar sobre o pontón de pedra sobre o Río Ábedes, o tranvía chegaba ó Gran Hotel de Cabreiroá.

O ancho da vía era de 5 m, incluídos o gálibo do tranvía maila estrada para outros vehículos. No sentido cara Cabreiroá, a vía situábase á esquerda. A galga da vía era de 0,70 m, con raís tipo Vignole colocados sobre travesas de carballo e asentado todo o conxunto sobre unha base de grava cuberta con laxas bravas. Para pasar o Río de Ábedes cumpriu construír un pontón de 11,50 m de longo por 6 de ancho. O arco tiña unha luz de 6 m. Para a explotación comercial estaban en servizo dúas carruaxes para pasaxeiros/as. Estes vehículos ían numerados como “1” e “2”. Ademais contábase cun coche para a carga das equipaxes e os abastos. Os vehículos para pasaxeiros medían 5,30 m de lonxitude e tiñan dúas plataformas de acceso, unha por cada beira. Tiñan capacidade para acoller a 14 viaxeiros/as sentados sobre dúas bancadas corridas dispostas lonxitudinalmente. O custe de cada carruaxe foi de 3000 pesetas.

Para a condución e asistencia ós e as viaxeiras, houbo un persoal específico. Por cada viaxe había un Maioral para guia-lo vehículo e un Revisor para a venda e control dos billetes. O mantemento, limpeza, revisión e resgardo dos vehículos facíase nas cocheiras situadas dentro do propio complexo balneario.

Ademais de metáfora do desenvolvemento sostible e da sociedade do benestar, esta caste de tranvías chegan a seren, hoxe e por toda Europa, verdadeiros emblemas locais. Nalgunhas localidades, con tanto éxito que mesmo lle teñen dedicado selos conmemorativos. Así, en Inglaterra, País de Gales, Irlanda, Alemaña, Holanda e Finlandia existen tranvías de tracción animal inda operativos e semellantes ó que houbo en Verín. Nas vilas e cidades nas que isto acontece, a circulación do tranvía constitúe un elemento de gran importancia á hora de definir un urbanismo e un turismo a escala humana e de calidade nesas poboacións.


VI Xornadas do Entroido da SAGA

27654758_1571377076245188_2383438475536349466_n

27458905_1571377049578524_4401367888148444439_n


II XORNADAS DE ANTROPOLOXÍA DA SAGA: “O SAGRADO E O PROFANO”

cartaz antropoloxía

Xa están aquí as II Xornadas de Antropoloxía que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega coa colaboración do Concello de Pontevedra. Este ano o tema a tratar será  “O sagrado e o profano”. Unha nova oportunidade ara mergullarnos nos segredos da antropoloxía e gozar e formarnos con algúns dos mellores expecialistas galegos na materia. A continuación o programa e toda a información necesaria sobre as datas, horas e lugar para que ninguén se perda estas xornadas.

 

II XORNADAS DE ANTROPOLOXÍA 

O sagrado e o profano: relixiosidade, santuarios, deidades e rituais

24, 25, 26 de novembro de 2017

PROGRAMA

Venres 24:

Lugar: NEMONON. Espacio multidisciplinar creativo en torno a la arquitectura

R/ Marqués de Riestra nº11, 1º. Pontevedra

-18:30h Apertura das do ciclo de conferencias

-18:45h Conferencia de Xosé M. Vázquez Rodríguez: “As vésperas: Introdución á festa e á romaría”

-19:30h Conferencia de Xosé Ramón Mariño Ferro: “A relixión tradicional de Galiza”

-20:15h Mesa redonda

Sábado 25:

Lugar: Casa da Luz

Praza da Verdura, Pontevedra.

Sesión de mañá:

-11:00h Benvida aos participantes

-11:15h Conferencia de Cristina Sánchez-Carretero:“Santuarios improvisados e espazo público: unha visión transnacional”

-12:00h Pausa café

-12.30h Conferencia de Buenaventura Aparicio Casado: “Ritos de iniciación. O mito da viaxe do heroe ao Inframundo”

-13.30h Mesa redonda

Sesión de tarde:

-17:00h Conferencia de Antón Malde: Escavación e estudo do santuario de Penafurada de Coirós

-18:00h Conferencia de José Luis Cardero López: Os camiños desde o Numinoso e o Sagrado: Homo Necans e crise sacrificial”

19:00h Mesa redonda e coloquio final

19:30h Clausura das xornadas

Domingo 26:

10.00h. Visita guiada ao Parque de Arte Rupestre de Tourón, Ponte Caldelas. Guiarán a visita o historiador Buenaventura Aparicio Casado.

programa antropoloxia II

programa antropoloxia I


A SAGA na Euskal Herría Kultur Festa 2017 en Barakaldo.

Miguel Losada. Secretario SAGA

Este vindeiro día 29 de Setembro na SAGA teremos a honra de participar na Heuskal Herria Galiza Kultur Festa en Arteagabeitia-Zuazo, en Barakaldo. Ese día, ás 19h, xunto con Aitor Gorostiza, do grupo de danzas da Ibarra-kaldu elkartea e grande coñecedor da cultura tradicional. Compre expresar o noso agradecemento tanto á Asociación de Veciños de Arteagabeitia-Zuazo, ó Concello da cidade de Barakaldo, ó Centro Galego de Biscaia e ó resto de colaboradores. Tamén á Biblioteca Pública Municipal de Verín, valedores da cultura galega, pola proposta e as xestións realizadas neste sentido xa que, coma sempre, contan connosco coma colaboradores.

Desta volta e despois de facelo varias veces na BPMV e noutros foros, compre falarmos de “Entroidos en Euskal Herria e Galizia”, cousa que faremos, pois, no Centro Galego de Bizkaia diante da nosa xente de por aló e quen decida achegarse pola Asociación de Veciños de Arteagabeitia-Zuazo.

EHgaliza2017triptikobaja_002

 

EHgaliza2017triptikobaja_001

Galicia é un vello país abarloado a babor de Eurasia. Aparenta terra firme, mais pode que en realidade sexa unha gran dorna fondeada na beira do vello continente. Un navío, como aquel imaxinado por Saramago, xestionado por unha cultura propia respecto da cal, e como en calquera caso de insularidade, resultan moito mais complexas as dinámicas Dentro-dentro que aquelas derivadas dos circuítos Dentro-fora.

O denominado Antigo Réxime (finais do século XV a mediados do XIX) púxolle sitio e, non podendo asimilala, ficou illada, desbotada dende “a Terra-de-fora” e mais aló, de xeito que o que foi o primeiro reino de Europa aló no século V, a próspera e vizosa cultura medieval, nai de dous estados, ficou fermosa no alto mar, atendendo o seu amigo.

A insularidade galega é algo referendado tanto pola historiografía como por outras disciplinas, entre elas as ciencias sociais, que sempre lle deron á Galiza un tratamento selectivo que tivo o efecto de agachar o rol da cultura galega dentro do contexto peninsular e europeo. Neste contexto, moitas veces definido como arcaizante, non só o Entroido senón moitos outros acenos da cultura galega permaneceron, e inda fican, fieis a si mesmos grazas a teren as súas raigañas fundidas na cerna da estrutura da sociedade tradicional. Sobre a idea da xestión dos espazos comunais – os físicos e os simbólicos – desenvolveuse todo o ciclo ritual galego até finais dos anos 60 do pasado século. Dende aquela, a nave galega vai cinguindo ó vento dos tempos cara un rumbo incerto. Eis o Entroido, do que agora falaremos, en tanto que epítome dunha cultura digna dunha boa empopada.

O Travador Emilio Arias e a escritora Toti Martinez de Lezea na BPMV, o pasado 9 de xuño de 2017.

Efectivamente, aló fomos e temos que dicir que moitas grazas pola proposta de falarmos de Entroido Galego no Centro Galego de Barakaldo . Abofé que foi unha emocionante oportunidade de compartirmos inquedanzas a prol da nosa Cultura nun senlleiro solar galego no mundo. Un Centro cunha historia e traxectoria impresionante, tal e como poidemos coñecer de primeira man, o mais antigo do continente e o segundo do mundo tra-lo de Montevideo. Contades co máximo respecto por parte da nosa entidade, a Sociedade Antropolóxica Galega, SAGA.
Moi satisfeito tamén por podermos compartir mesa e conversa con xente de tanta valía e coñecemento como Aitor Gorostiza. E moi agradecidos tamén á Biblioteca Pública Municipal de Verín polas xestións, pola proposta e polo apoio recibido para esta actividade de encontro Vasco Galaico, no Heuskal Herria Galiza Kultur Festa 2017. Eskerrik asko eta elkar ikusi arte!
Moi agradecido e até sempre. Avante toda, para a Cultura Galega!


“AMÉRIKA PROHIBIDA”:CONFERENCIA DO INVESTIGADOR ECUATORIANO MANUEL PALACIOS VILLAVICENCIO

Coincidindo coa súa estadía en Europa, o investigador ecuatoriano Manuel Palacios Villavicencio dará este mércores 6 ás 20h unha conferencia en Pontevedra na que falará das súas 11 expedicións á coñecida Cueva de los Tayos, así como doutros enigmas arqueolóxicos de América

Manuel Palacios ofrecerá os resultados das súas investigacións e achegará a súa particular visión sobre o pasado da América precolombina e das súas primeiras civilizacións. Unha oportunidade para coñecer investigacións e olladas diferentes sobre a historia de America.

Manuel Palacios é investigador de Patrimonio Cultural e asesor científico para programas de divulgación científica, epigrafista e experto en proto-escrituras e petróglifos, membro honorario do Indian Board of Alternative Medicines e do SKC-Medicine Research Center, L.A. California.

A conferencia, organizada pola Sociedade Antropolóxica Galega, terá lugar na Casa das Campás ás 20h.

cartaz_amerika