Neste ano 2021 que está a piques de rematar, na SAGA estamos de celebración pois cumprimos dez anos de traballo ininterrumpido a prol da investigación e da divulgación da antropoloxía galega. Non se nos ocorre mellor forma de festexalo que retomando a nosa colección de cadernos e publicar tres novos números de “Cadernos da Sociedade Antropolóxica Galega”.
Nesta ocasión as obras publicadas son:
-“As Torres Arcebispais de Pontevedra. Segundo o preito Tabera-Fonseca“. De Ana Durán Penabad
-“Ideas da morte e do Alén en Galiza. Niveis estéticos dunha estrutura social“. De José Luis Cardero
-“Apegotes, burros e trangalladas. Ritos de escarnio e mofa na tradición galega“. De Carlos X. Ares
E para que se coñeza esta nova achega á investigación da nosa cultura e historia presentarémolos o vindeiro martes 21 ás 20h no local da Federación Castelao, en Pontevedra. Será un parcer volver a vervos a quen se queira achegar ao acto nestas datas tan significativas do ano e nestes tempos tan incertos. Ata entón, felices festas.
Durante Os meses de confinamento dende a SAGA estivemos aproveitando estes tempos raros e difíciles para madurar novas ideas e facelas realidade, sempre con ese afán de traballar a prol da divulgación e do fomento da Antropoloxía en todas as súas formas posibles. Nace así “Canxar. Revista de fotografía etnográfica”. Unha publicación da Sociedade Antropolóxica Galega fundada co fin de promocionar, valorizar e divulgar a fotografía etnográfica e o traballo dos seus autores e autoras, así como visibilizar o campo da antropoloxía visual, en xeral. A revista ten unha vocación internacional, por iso se edita en formato dixital e en tres idiomas (galego, español e inglés), buscando chegar ao maior número de público interesado posible. Ademais, seguindo a nosa filosofía de intentar achegar o coñecemento á sociedade “Canxar” é de visionado libre na web http://antropoloxiagalega.org e na plataforma ISSUU. Tentamos con este proxecto chegar a canta máis xente posible, achegar a nosa cultura galega a outros recunchos do mundo e, asemade, achegármonos a outras culturas e a outras formas de ollar e de estar no mundo.
Queremos dar as grazas publicamente a todas as autoras e a todos os autores que colaboraron neste proxecto cos seus traballos. Tamén ao Museo Etnolóxico de Ribadavía e ao Museo Etnográfico Casa do Patrón polas súas desinteresadas achegas e, como non, ao doutor en Historia da Arte Carlos Arturo Fernández Uribe polo seu magnífico artigo.
Se está interesado en publicar os seus traballos na revista pode pórse en contacto connosco no email: infosaga@antropoloxiagalega.org
No seu día, a SAGa colaborou activamente para acadar a declaración de Paisaxe Cultural Patrimonio da Humanidade para a Ría de Muros e Noia. Nomeadamente, unha das xoias sobranceiras deste magno espazo de interese cultural é a actividade marisqueira realizada polas mulleres, eminentemente, desta ría. Un vídeo realizado polo fotógrafo da SAGA ó respecto, acadou unha gran relevancia nas redes e agora está dispoñible como un documento e homexe a estas mulleres traballadoras e esforzadas que manteñen viva a tradición ó tempo que contribúen á creación de riqueza mediante unha actividade tan ancestral como é a procura do sustento no mar. Todo un orgullo para a cultura galega.
Malia todo, non foi posible acadar os apoios necesarios para evidenciar unha vontade colectiva de acadar este obxectivo. Eis, agora, no blog da SAGA, en cualidade de promotores da proposta e para que así conste, o vídeo e a nosa posición ó respecto xunto co resumo da proposta presentada.
En 1972 a Conferencia Xeral da UNESCO aproba a “Convención sobre la protección del patrimonio mundial cultural y natural”.
O Organismo que inscribe os bens que integran este partimonio mundial é o Comité do Patrimonio Mundial. España é un do membros deste organismo, que é quen dita as instrucións para inscribir cada ben de interese.
Hai varios organismos independentes que asesoran no expediente de cada inscrición:
Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS)
A Unión Internacional para a Conservación da Naturaleza (IUCN)
Centro Internacional para o Estudo da Preservación e Restauración dos Bens Culturais (ICCROM).
Para ser declarado Patrimonio da Humanidade os bens culturais deben cumprir algunha destas características:
Representar unha obra mestra do xenio creativo humano.
Ser a manifestación dun intercambio considerable de valores humanos durante un determinado período ou nun área cultural específica,(…) a planificación urbana ou o deseño paisaxístico.
Ser e aportar unha testemuña única ou excepcional, dunha tradición cultural(…).
Ser un exemplo sobresainte (…) ou de paisaxe que ilustre unha etapa significativa da historia da humanidade.
Constituir un exemplo sobresainte de hábitat ou establecemento humano tradicional, representativo de una cultura o de culturas agora vulnerables polo impacto dun cambio irreversible.
Estar directa e perceptiblemente asociado con acontecementos ou tradicións vivas, ideas ou crenzas de importancia, ou con obras artísticas ou literarias de significado universal excepcional.
En calquera caso, serán tamén moi importantes os criterios de autenticidade e de estado de conservación do ben relevante dende o punto de vista patrimonial.
Cada Estado, establece unha lista indicativa e de revisión periódica, de bens que poden, eventualmente, ser inscritos. Este inventario de bens, expresa o recoñecemento internacional dos valores universais. Entrégase oficialmente no Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO.
En España, o órgano responsable delo é o “Consejo del Patrimonio Histórico” como máximo ente consultivo na materia, e no que están representadas todas as Comunidades Autónomas. Este Consello eleva ó Goberno a lista indicativa, xustificada e contextualizada, de bens aspirantes.
É competencia estatal a determinación da orde de prioridade e a oportunidade das inscricións. Para elo seguirá as recomendacións que figuran nas “Orientaciones operacionales para la aplicación de la Convención del patrimonio mundial “. Os expedientes deben enviarse ó Centro do Patrimonio Mundial antes do 1º de febreiro para ser sometido ó dictamén do Comité del patrimonio mundial da sesión do seguinte ano, no mes de xuño.
Existen uns Órganos Consultivos que interveñen gracias co seu grupo de expertos para avaliar in situ cada proposición. Emitirán uns informes que serán estudados polo Comité del Patrimonio Mundial, primeiro na súa reunión de Xuño, e despois na sesión do mes de decembro, cando se completará e definirá cada posible inscrición, decidindo así a inclusión ou non no inventario.
Os criterios que entran en xogo con carácter xeral e son os de excepcionalidade, autenticidade e relevancia universal, como vimos. Ademais, primarán os valores de significado histórico, antropolóxico e etnolóxico. Serán especialmente importantes polo seu carácter previo perante outras consideracións, a autenticidade e a existencia acreditada dos sistemas de protección e xestión suficientes que garantan a conservación do ben.
Os sitios ou paisaxes culturais, deberán ter entidade suficiente para representar a totalidade da paisaxe cultural que ilustran. Será ademais, posible propoñer zonas asociadas a grandes liñas ou redes de transporte y comunicación.
O Comité intenta, en xeral, acadar un equilibrio entre os bens culturais e naturais, ademais dunha axeitada distribución xeográfica de todos eles.
En calquera caso, o obxecto de cada expediente que dea lugar á cada declaración de inscrición, será evidenciar o feito de que a inscrición fará posible que o elemento considerado chegue a cumprir cando menos unha das seguintes funcións:
Testemuñar (…) acerca dalgunha tradición cultural de relevancia humana global ou xa desaparecida. (…)Ou da influencia moi marcada e singular dentro dun área cultural concreta, con extensións sobre acenos arquitectónicos, urbanísticos, paisaxísticos os cales resultan positivamente condicionados.
Ou constitúe un exemplo sobresainte do establecemento humano ou da ocupación do territorio, sendo isto representativo da prevalencia das culturas tradicionais, sobre todo cando son vulnerables fronte a mudanzas irreversibles.
Ou ofrece un exemplo sobranceiro (…) dunha paisaxe que ilustre un período significativo da historia humana.
Ou representa una obra mestra do xenio creador das comunidades humanas.
Ou aparece directa ou materialmente asociado con acontecementos ou tradicións vivas, ideas, crenzas ou obras artísticas e literarias que teñan unha significación excepcional.
Das paisaxes culturais
En 1992 a Convención do Patrimonio da Humanidade transformouse no primeiro instrumento legal internacional para o recoñecemento e a protección dos paisaxes culturais
Estes representan as “obras combinadas da naturaleza e do ser humano” designadas no Artigo 1º da Convención.
Son ilustrativas da evolución da sociedade e dos asentamentos humanos no tempo, baixo a influencia das restricións físicas e/ou as oportunidades que brindaba o seu entorno natural e as sucesivas forzas sociais, económicas e culturais, tanto internas como externas.
Reflicten técnicas específicas do uso sostible da Terra, tendo en conta as características e os límites do entorno natural no que fican establecidas, ademais dunha relación espiritual específica ca natureza.
Neste sentido, son formas tradicionais do uso útil para o mantemento da diversidade biolóxica.
A paisaxe organicamente evolutiva, é o resultado dun imperativo inicial social, económico, administrativo, e/ou relixioso que desenvolveu a súa forma actual en asociación con, e en resposta a, o seu entorno natural. Estas paisaxes testemuñan ese proceso de evolución na súa forma e nas características dos seus compoñentes.
Unha paisaxe viva é aquela que mantén un papel social activo na sociedade contemporánea, asociado co modo de vida tradicional, e no que o proceso de evolución está inda en progreso. Ó mesmo tempo amosa evidencias materiais significativas da súa evolución no tempo.
Das condicións de viabilidade e sucinto DAFO ó respecto.
A actividade marisqueira na Ría de Noia posúe, pois, calidades antropolóxicas, históricas, etnográficas e vitais mais que acreditadas que fan dela unha acreedora obxectiva a seren declarada patrimonio mundial do xénero humano. Destacan entre eles:
A súa autenticidade en tanto que fenómeno vivo e ancestral que comunica directamente a realidade económica actual cos estadíos mais inveterados do proceso de sucesión cultural do noso xénero. Neste sentido dase a singularidade de que esta actividade constitúe unha paisaxe de estrutura relicta mais posta ó día polas xeracións sucesivas de mariscadoras da Ria de Noia, neste caso.
O feito de representar un insuperable exemplo da importancia e transcendencia da visibilización exitosa da actividade económica e cultural da muller, e un modelo de desenvolvemento exportable como modelo de organización a escala local. O factor antropolóxico de “xénero”, en definitiva actuaría a prol deste proxecto.
O carácter tradicional da actividade, desaparecida en xeral no resto do mundo e claramente ameazada a escala global e orientada dende os seus inicios con criterios sustentables.
A forte personalidade do fenómeno mesmo dentro da súa área cultural inmediata, Galicia.
A natureza endóxena, da comunidade local, do deseño, xestión e adaptación ós tempos da actividade, manifestada na xeometría cultural marcadamente horizontal da mesma.
A capacidade de influencia da actividade sobre outros acenos culturais dentro do marco da interface maritimo-terrestre de referencia, os cales fican positivamente condicionados (adaptados) dentro dunha órbita arredor da explotación do recurso marisqueiro.
Son déficits que cumpriría subsanar:
Acreditar de xeito convincente, a existencia dos sistemas de protección e xestión suficientes que garantan a conservación do ben.
Acabamos de publicar unha nova monografía da Sociedade Antropolóxica Galega: “Monte das Croas: antropoloxía dun castro”, do antropólogo Rafael Quintía. Este libro recolle a visión que dende a antropoloxía se pode achegar ao estudo dos castros galegos. O traballo contou coa colaboración do arqueólogo Israel Picón que achega no primeiro capítulo da monografía un percorrido retrospectivo polo que foron os diferentes traballos arqueolóxicos no castro das Croas ao longo das dúas últimas décadas.
Quen estea interesado no libro xa o pode adquiri a través deste blog ou da web da SAGA. En breve estará distribuído polas librería habituais coas que traballamos.
Datos técnicos:
Autor: Rafael Quintía Pereira
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: branco e negro
Tamaño: 21×13.5
136 páxinas
Ano: 2016
I.S.S.N. 2341-0353
Xa está aquí o noso novo traballo audiovisual de longa duración. O vindeiro xoves 2 de xuño ás 20h presentarémolo en Salcedo (Pontevedra), no Centro Social de Salcedo-Casa Verde.
SINOPSE:
Os muíños son uns dos elementos etnográficos máis senlleiros e identificativos da paisaxe cultural e natural de Galiza. Construcións vencelladas á vida agraria cuxa función foi fundamental para a supervivencia das xentes e para o desenvolvemento económico da sociedade. Os muíños de río eran auténticas fábricas de maná, que en forma de fariña facían posible a fabricación do pan, alimento básico na dieta dos labregos.
Ester novo documental da Sociedade Antropolóxica Galega achéganos á historia dos muíños de río, á súa arquitectura e funcionamento, aos seus usos e costumes, ao patrimonio inmaterial a eles vencellados e ao papel económico e social que xogaron nas comunidades agrarias galegas ao longo do tempo.
FICHA ARTÍSTICA:
DIRECCIÓN: Rafael Quintía
GUIONISTA: Rafael Quintía
REALIZACIÓN: João Bieites
GRAVACIÓN E MONTAXE: João Bieites
RECREACIÓN 3D: miguel-Ângelo Bieites
VOZ EN OFF: Paz Castro
MÚSICA: Carmen Gallego e César Loureiro
PRODUCIÓN: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)
FICHA TÉCNICA:
PRODUTORA: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Un documental realizado co finanzamento do Concello de Pontevedra, Concellería e Patrimonio Histórico.
Xa saben, todos temos unha cita ca cultura galega. Se o ano pasado foi a cidade de Marsella mediante o MuCEM, desta volta levamos a nosa potencia cultural a Binche, grazas ó seu extraordinario Museo da Máscara e tamén á Mons, Cidade Europea da Cultura 2015. O noso compañeiro e fotógrafo da SAGA, Pedro G. Losada ten proporcionado de novo as súas imaxes, que importantes institucións culturais e administrativas destes paises, entre outros, consideran representativas da cultura de todos os europeos.
Nun día como hoxe tomar partido pola cultura, seguir adiante e gastar cultura galega, empezando por nos mesmos, como exemplo de tolerancia e respeto faise tan importante como poucas veces o ten sido.
Esta fin de semana estivemos no excelente establecemento El Descanso de los Lares, ó norte de Segovia onde Juan Antonio Martín de Espinosa, da empresa Silex Arqueología y Gestión del Patrimonio S.L., desenvolveu maxistralmente o seu curso sobre o traballo do silex no solutrense. A excepcional calidade deste profesional andivo á par ca dos responsables desta casa de turismo rural sita nun interesantísimo entorno da bisbarra da Campiña segoviana. Petróglifos sobre xistos, fortalezas do seculo V e outras elementos da cultura local foron o trasfondo desta actividade que axuda, mediante a práctica, a comprender mellor, moito mellor, a realidade cultural das sociedades europeas pretéritas o cal resulta fundamental á hora de coñecer mellor a nosa realidade antropolóxica. Compañeiros de Aragón, Euskadi e Andalucía covertiron a nosa estancia nunha oportunidade excepcional. Moitas grazas a todos!
Juan Antonio Marín traballando. Foto SAGA 2104
Nos primeiros milenios do denominado paleolítico superior as sociedades humanas que integraban ós nosos devanceiros ocuparon o continente europeo. As características das súas culturas son pouco coñecidas, apenas intuídas. Entre os escasos datos dispoñibles que permitan unha aproximación á súa realidade cultural están aqueles que poden tirarse dos obxectos daquela época recuperados actualmente e dentro do seu contexto. Neste sentido resultan fundamentais os utensilios líticos – e doutra caste – que puideron ser estudados sobre unha base antropolóxica e co auxilio das técnicas arqueolóxicas.
O famoso cabalo do Xacemento de Domingo García. Emblema da bisbarra da “Campiña”. Norte de Segovia.
Hai uns corenta mil anos os grupos humanos dos que descendemos contribúen ca súa presenza á diversidade cultural do vello continente. Colonizan o medio mediante o despregue dunha gran capacidade de adaptación. Neste período de tempo, duns trinta mil anos, o solar europeo é a escena dunha rexionalización cultural na que non deberon fallar os fenómenos de aculturación que tanto interesan á antropoloxía e que implicaron tanto á nosa liñaxe como á da outra especie humana que habitaba este continente do cal era autóctona: os neandertais.
Xurdiu así o concepto de culturas transicionais, circunscritas a territorios concretos; integradas en biocenoses relativamente restrinxidas ; solapadas entre si no tempo e no espazo bio-xeográfico da xélida Europa; con xeitos de manifestación diferentes segundo se trate dos grandes espazos abertos da Europa central e oriental ou da Europa Atlántica; con xeitos de manifestación diferenciados, tamén, nos alicerces desas culturas e no cabo das mesmas.
Diversidade cultural na que eses outros humanos que non eran coma nos, os neandertais, deberon xogar un rol decisivo precisamente no xurdimento de todo este panorama cabo do cal, e logo duns cen mil anos como pouco, as sociedades de cazadores e recolledores foron deixando paso ós derradeiros nómades e despois á produción de alimentos.
O paleolítico superior foi un período de grande diversificación cultural, o mundo comezaba a transformarse no mundo da xente. No mundo do antropolóxico por excelencia.
Isto pode verse tanto pola pegada que deixou o incremento da poboación, cunha intensa habitación de covas e palas como por aquela diferenciación daquelas culturas entre si.
O seu universo simbólico ficou en parte dispoñible para nos mediante os gravados e pinturas ou tamén nos novos estilos funerarios, colectivos e rodeados dun rico contexto fúnebre que da conta da existencia dunha intensa reflexión sobre a transcendencia.
Preparación das pre-formas líticas. Foto SAGA 2014
Unha destas culturas ou sociedades mais conspicuas de todo o paleolítico superior foi precisamente aquela relacionada ca fase denominada Solutrense, na honra da poboación francesa de Soloutré. Uns milleiros de anos antes e despois do ano 20 mil antes do hoxe e solapada ca primeira gran globalización cultural europea, – o denominado Gravetiense – xurde dalgún xeito o que debeu ser unha nova maneira de relacionarse e percibir o mundo. A brillantez desta novidade cultural pode tirarse do virtuosismo e sofisticación do instrumental feito en pedra por estas comunidades que ocuparon o norte e leste da península ibérica, nas zonas próximas á costa, e o sur da actual Francia. O dominio das técnicas do traballo da pedra para facer utensilios para á caza e demais actividades é abraiante, tanto que na nosa opinión esas persoas estiveron en disposición de facer do traballo lítico un arte cunha grande carga simbólica.
Xacemento de Domingo García, Segovia. Foto SAGA 2014
Para testar esa hipótese acudimos a aprender os rudimentos desta sofisticada técnica das mans dun dos grandes especialistas nestas habilidades: Juán Antonio Marín, un verdadeiro coñecedor do mundo paleolítico e especialmente no tocante ó traballo do sílex e a tecnoloxía relacionada con el. Marín é un reputado experto deste tema e un referente de primeira orde para o coñecemento daquelas sociedades.
Sala de traballo solutrense. Foto SAGA 2014
Cando soubemos do curso que este profesional ía impartir no excelente establecemento, segoviano El Descanso de los Lares, moi próximo a un importantísimo xacemento de gravados rupestres que inclúen obras solutrenses, aló nos fomos.
Xacemento de Domingo García, estudado polo colaborador da SAGA e arqueólogo do CSIC Manuel Santos Estévez. Foto SAGA 2014
Quixemos pois, e tal como di Marín “experimentar para comprender”. Comprender algo do mundo simbólico daquela xente; a súa sofisticación ideolóxica manifestada no requintado das producións que chegaron até hoxe. O seu esplendor no medio dun dos intervalos mais duros do clima europeo. Fronte os desafíos extremos a cultura foi a solución.
Iñaki e Juán traballando na extración de láminas por presion sobre nucleo. Foto SAGA 2014
En Galicia o xacemento de Valverde, preto de Monforte de Lemos está considerado unha mostra que, unha vez mais, relaciona a Galicia, e dende tempos moi remotos como vemos, co resto dos grandes contextos ideolóxicos do continente. Un lugar dende o cal sobrevivir fronte á desolación glacial e contribuír a crear novos proxectos culturais.
Hai mais de 2000 anos o fenómeno urbano estaba xa perfectamente desenvolvido no solar patrucial galego. Vemos nesta serie de entradas sobre as antigas cidades da Gallaecia que estes grandes asentamentos fincaron os seus alicerces, armaron as súas murallas e organizaron a súa contorna dentro dun contexto coherente, tamén, co do resto da prehistoria europea atlántica[1].
Mais dentro dese marco conceptual de clara tradición e influencia oceánica, compre destacar, tamén, a conveniencia e a pertinencia de establecer relacións entre outros diversos escenarios comparados. Mediante esta actitude non se pretende establecer unha relación directa entre os obxectos equiparados, as sociedades, senón establecer a equivalencia, cientificamente desexable, entre os xeitos de pensar unhas e outras. O mesmo acontece cando primamos os criterios económicos e sociais – é dicir, antropolóxicos – fronte ós cronolóxicos.
Se este ciclo de entradas comezou, de pé feito, co uso da palabra “prehistóricas” Sic.[2] aplicado ás sociedades cuxos vestixios esculcamos, é precisamente para establecer e cuestionar o contraste entre ese certo lugar común e a realidade observable. Queremos, se se quer, subliñar un certo abuso interesado, como calquera abuso, do tal adxectivo aplicado a unha cultura e as súas sociedades que non deben ser consideradas estruturalmente prehistóricas en tanto que carentes de civilización ou culturalmente inferiores como moitas veces se nos presentan. Para algúns serían tales todas as prerromanas do noroeste da península, en tanto que confinadas idealmente pola bibliografía académica e dende o comezo da presente era, dentro da reserva india á que foron a parar por dereito de conquista todas as: sociedades_mal_desenvolvidas_redimidas_polo_advenimento_dunha_civilización_superior.
Idea que non observamos nin compartimos, nin en todo nin por partes, xa que non consta, nos comezos da presente era e para o noroeste peninsular, a existencia dun contexto cultural do que poida predicarse a existencia dunha menor complexidade social da que puidera agardarse.
Tampouco consideramos que o choque cultural acontecido da cabalo do inicio daquel primeiro milenio posúa, de xeito intrínseco, un valor positivo ou negativo que puidera, xa que logo, ser asentado no libro de contabilidade da Historia dentro da categoría do debe ou do haber. Dende o punto de vista antropolóxico isto carecería de sentido.
Por elo o aceno salvífico ou redentor, que adoita trufar boa parte da bibliografía ó respecto das circunstancias daquel cambio de era, constitúe unha falacia, un engano pois, xa que, ca arbitrariedade de calquera etnocentrismo, etiqueta coma beneficiosas unhas consecuencias polo simple feito de ter sido. Prexuízos sociais, xeneralizacións de balde mesmo frívolas[3], e conxuntos de datos sen analizar son exhibidos como probas. Mais ben son apenas mostras parciais tan carentes de tipicidade como viciadas por razoamentos circulares nos que os feitos consumados – mesmo sendo pouco coñecidos nos seus detalles históricos – resultan exhibidos como fetiches nunha espiral dentro da cal aparéntase argumentar dende a “obxectividade”, mais incluíndo, convenientemente, ás conclusións nas premisas previas.
Moito menos de acordo podemos estar perante afirmacións que tenden a establecer unha sorte de gradiente de complexidade desfavorable ás sociedades do noroeste da península. A dispersión colonial amparada na ofensiva militar da sociedade tardo republicana e do imperio de Augusto, constituíu un instrumento, complexo, que confrontou sociedades ou comunidades plenas en tanto que posuidoras de calquera estrutura propia das sociedades do seu intre e contexto. Unha ferramenta, a máquina militar romana, no pode ser mais complexa e sutil, que un corpo social que actúa no seu entorno mediante o seu propio feixe de utensilios sociais. O resultado do proceso de conquista do Noroeste non pode ser considerado unha proba da demostración dunha, presunta, superioridade cultural. En calquera caso pode ser unha proba da superioridade militar dos conquistadores dentro dunha operación a gran escala na que foron despregadas, de xeito sucesivo e nun amplo contexto fortemente reactivo, moitas e variadas unidades militares que puideron acadar os cincuenta mil efectivos e que chegaron a contar co reforzo moral, pode que recíproco, do emperador Octavio Augusto en persoa.
Se, segundo a tese que agora cuestionamos, as sociedades do Noroeste conquistadas por Roma naquela altura tiñan unha orixe autóctona e viñan desenvolvendo sucesivas versións de si mesmas dende había milenios, ancoradas a esquemas de dinámica social centrípeta, sería moito mais plausible e apriorístico considerar que o seu grado evolutivo – se tal cousa fose aplicable ás sociedades humanas como criterio clasificador – debería ser elevado ou moi elevado, entendido como sofisticación. As súas características esperables serían a alta adaptación ó medio e a ben dotada equipaxe cultural. Esta tería sido desenvolvida cando menos dende o neolítico en tanto que xermolo do modelo social comunitario, agrario, gandeiro e esencialmente estable, iniciado uns catro mil anos antes. Tamén sería elevada complexidade das interaccións sociais a calquera escala considerada, como evidencia, por exemplo, o espallamento megalítico da fachada atlántica do continente. Ou os amplos desprazamentos e conseguinte rede de contactos da posterior idade do bronce.
Isto é incompatible ca presunta premisa – un prexuízo social e cognitivo en realidade – do efectofascinación exercido, segundo a tese cuestionada, por un reducido despregue militar romano, que escusou outro meirande por carecer de opoñentes. Nin militares nin culturais. Segundo ese modelo Galicia foi inventada, convencida, educada e redimida por unha oportuna misión civilizadora.
Así, segundo certas opinións que nos desbotamos, os castrexos ficaban illados das culturas dominantes e importantes no seu noroeste natal. Aquela xente non rexeitaba nin desprezaba ós civilizadores foráneos, ó contrario, acolléronos pola súa magnificencia e bo tino civilizado. Terían sido, pois, os castrexos, os primeiros Hillbilly[4]do vello continente.
Para que tal cousa fose plausible tería que darse o caso de que na prehistoria galega non houberan existido as grandes sociedades complexas e similares a outras europeas. Mais como temos visto[5], iso non é certo.
Sendo o rexistro material unha importante fonte de coñecemento das sociedades, o verdadeiramente obxectivo, por exemplo, sería aplicar criterios de interpretación semellantes perante realidades semellantes. Lembremos que o “semellante” pode ser mais ou menos diverxente; Sería falaz, enganoso, esgrimir que o semellante tamén é o oposto.
Seguindo con este exemplo poderíase argumentar que a sociedade espartana era unha sociedade eminentemente agraria e pacífica, en base ó feito de que careceu de murallas ou de que no rexistro material son relativamente poucas as armas recuperadas das escavacións. Estas son mellor coñecidas por métodos indirectos que polo feito dunha abundancia arqueolóxica dos seus restos. Non foi até unha fase na que xa non era una potencia hexemónica, o século II antes da nosa era no reinado de Nabis, cando este monarca mandou edificar as primeiras murallas espartanas[6]. Unha estrutura claramente definida en termos de importancia simbólica dentro da sociedade dese intre e que afectaba a catro dos cinco núcleos poboados principais. Os Obai de Pitana, Cinosura, Limnas e Mesoa. Esparta desenvolveuse como comunidade agraria[7] con poboamento disperso cousa que non empeceu o feito, tamén, de que chegara a erixirse en paradigma dunha sociedade xerarquizada, militarizada ou mesmo “ violenta”.
Esparta no blog de Mike Anderson e a reinterpretación do coñecido mapa de Bocage (1783)
Nesta ocasión aproximámonos á Cidade Morta sita no Monte Mozinho; coñecida tamén como a Cidade Morta de Galegos ou Cidade Morta de Penafiel. Indudablemente, pois, unha antiga gran capital dos Galaicos cuxo significado dentro do xiro daquel mundo que habería de converterse no noso, pode estar inda por descubrir.
Atópase en Portugal, no distrito de Porto, Concello de Penafiel, na freguesía de Oldroes e no vilar de Galegos. O cal foi moi suxerinte para nos.
Atinxe unas 22 hectáreas a unha altitude duns 400 msnm. As súas coordenadas son:
Latitude 41° 8′ 47.1768″ N Lonxitude 8° 18′ 39.9744″ W
Latitude (Decimal): 41.146438 Lonxitude (Decimal): -8.311104
Adscríbese á época do emperador Augusto e consta de tres liñas de murallas que acubillan, como puidemos observar, elementos da tradición urbanística das “casas patio” comúns a moitos outros castros do Noroeste, xunto con outros modelos como o romano, o visigodo ou o árabe. Dúas torres termaban do acceso á parte alta da cidade. Relacionadas con elas apareceron cadansúa estatua de guerreiro galaico, hoxe no museo de Penafiel. Na croa un gran espazo sen edificar e rodeado dun valo de pedra tan austero como inapelable.
Zona de acceso dende a aldea de Galegos. Ó fondo o pequeno centro de interpretación.
Posuíu a lo menos un templo, nunha das rúas mais importantes, dedicado á figura divinizada do propio Augusto. Deste xeito o emperador instituíase nunha sorte de “antepasado fundador heroico” disposto en continuidade ideolóxica cas dúas figuras dos héros – heroes – que mencionabamos antes. Este é un feito interesante que indica a vontade de suplantación ou subrogación[8] do culto imperial, flavio, sobre unha realidade semellante e preexistente. É dicir, estaría confirmando a realidade da preexistencia dunha tal ética ou ideoloxía heroica anterior á mesma fundación do oppidum. Un interese, en definitiva, tan ecléctico como interesado, en con-vencer.
Dependencias nas inmediacións da Croa. Grandes casas onde o social transcende ó comunitario.
Esta caste de cultos seica era moi prevalente e tiña unha grande antigüidade[9] como manifesta o feito de xa Escipión ou Sertorio tivesen sido obxecto de divinización dentro dunha estratexia de control das bases ideolóxicas como método de dominio cultural. Tamén soubemos in situ da existencia dunha necrópole nas inmediacións do valo exterior, a cal non puidemos visitar.
Así pois a citania do Monte Mozinho, a Cidade Morta de Galegos, constitúe un interesante locus antropolóxico. É dicir, en tanto que obxecto material, un documento que ofrece información sobre aspectos clave dunha comunidade pretérita. Dexergas da ideoloxía materializadas na súa feitura. Eleccións significativas entre alternativas factibles. Xeitos de organización que reflicten estratexias de xestión das relacións humanas, etc.
Planta xeral da contorna
Se ben aquela xente xa non está para ser observada e interpelada directamente, si que é posible establecer o proceso inverso. É dicir, detectar parte cando menos da súa percepción do mundo. Aquelas decisións arbitrarias que hoxe podemos inda confrontar, transformadas neste caso en fenómeno urbano da antigüidade, son as que nos interpelan a nos. Nese proceso aqueles habitantes están facendo unha descrición das súas estruturas sociais. Esta manifestación é “inconsciente”, en certo sentido, xa que non foi feita para nos. Mais é unha declaración auténtica, que é a que fai en un autor cando explicita as súas motivacións, a súa realidade. Todo isto así sinteticamente descrito, forma parte do que se coñece en antropoloxía como unha descrición emic que a que fai ou fixo a comunidade obxecto de estudo. Dado que xa non é reversible nin negociable de maneira orixinal, o seu valor como fonte de coñecemento cultural é moi elevado.
Evidentemente o resultado neto desa aproximación emic non pode ir mais aló do ámbito local no que se verifica. Fala, pois, da esfera de significados e símbolos asociados, que son un referente dentro dun contexto dado. A partires deste conxunto significativo é posible establecer relación entre diferentes modelos cando ampliamos do foco da observación. Efectivamente, entre dúas ou mais “esferas” de significados doutras tantas comunidades diferentes, pódese establecer unha perspectiva, denominada etic, onde xa non se consideran os distintos significados internos, senón que tenta dar conta do ámbito mais amplo no que se inscribe. Deste xeito a aproximación etic sobre aquilo que podemos observar permite recibir dentro da nosa propia realidade a mensaxe procedente dun sistema alleo como paso previo á súa axeitada xestión.
Sen o exercicio do dobre enfoque o patrimonio cultural pasado non poderá chegar a formar parte do patrimonio cultural presente xa que carecerá de significado para nos. A nosa sociedade tradicional procurou integrar todo o corpus que recibiu en forma de legado[10] poboando co seu enfoque emic aquilo que noutro tempo tiña sido outro enfoque emic. Mouros e mouras, por exemplo, deron conta – léase sentido – dos produtos doutras sociedade ás que sucederon sobre un mesmo espazo. Semellante acción permitiu a xestión e normalización da relación cun pasado que sempre ten que ser neutralizado antes de poder ser consumido, dixerido ou aprehendido.
É dicir, o pasado non debe ou non pode, segundo os casos, ser consumido cru xa que pode resultar amargo ou indixesto. Calquera sociedade que afonda os seus alicerces dentro do substrato ideolóxico de outra , ou aquelas que o fan sobre unha parte significativa do corpus de contidos doutra anterior, teñen sempre que mudar o alleo en propio como condición indispensable para a continuidade de tódolos procesos característicos do novo edificio social.
Así, por exemplo, aconteceu ca capital do reino Shona na zona oriental do sur de África. Un reino de gando, ouro, cobre e outros metais. Peles, escravos, marfil e toda caste de mercadorías que circulaban entre o África subsahariana, China e India. Unha supremacía baseada no control das rutas comerciais e na xestión do ciclo do prestixio[11] dentro da sociedade. Un imperio[12] que mantiña firmes relacións cos comerciantes islámicos que arribaban á costa atravesando o Océano Índico. Estes empregaban as pequenas cunchas de certas castes de bucios ó xeito de moeda circulante nos intercambios[13]. Trátase de Gran Zimbabwe unha gran cidade feita polos canteiros con perpiaños de granito e cun labiríntico e sofisticado deseño que durante moitas décadas foi oficialmente atribuído a calquera antes que os propios africanos.
Así, xa dende os primeiros do XIX proclamouse que tiña sido construído, como era evidente dentro da súa cosmovisión, por algunha raza branca dos tempos pasados ou no seu defecto, polos fenicios (Sic.) o Rei Salomón, a Raíña de Saba, segredos enxeñeiros portugueses, chineses ou persas.
O que si é evidente é que estas interpretacións etic conviñan moito ós intereses das potencias coloniais na súa teima a prol do dominio dos pobos africanos. Cecil Rhodes[14] colonizou Rhodesia, nome anterior do actual Zimbabwe, precisamente axitando o fetiche dunha superioridade cultural branca. Outro feito de certo interese é o de que o tal industrial británico foi o fundador do grupo empresarial DeBeers, con sede en Luxemburgo, e dedicada ó tráfico de diamantes. Esta entidade representa, segundo diversas fontes, entre o 40 e o 60% do mercado dos diamantes e chegou a controlar o 90%.[15]
Todo isto fainos reflexionar sobre a operatividade dun amplo abano de lugares comúns aplicados á certas interpretacións das sociedades pasadas, como aquela que deu orixe ó gran oppidum da Cidade Morta dos Galegos.
[2] “son cidades prehistóricas galegas aqueles lugares deseñados como contedores permanentes dun novo modelo de espazo vital xurdido hai uns tres mil anos da mau das comunidades do noroeste peninsular ibérico cando comezaron a exteriorizar, de xeito diferente a todo o período anterior, a xestión común das interaccións co medio e con outros grupos ou sociedades.” Dixemos daquela.
[3] Segundo algún autor, algunhas tradicións galegas relacionadas con insectos poden ter coma orixe o desprezo pola hixiene doméstica característico xente da idade do ferro…Noutra, dirixida ó público infantil e con vontade didáctica, … os castrexos, Sic. son definidos como uns “coitados” que grazas a seren esclavizados “foron aprendendo as cousas da civilización” Sic.
[4] Este termo empregouse de xeito despectivo para definir os escoceses, irlandeses e galeses instalados na cordilleira dos Apalaches en Norte América, seica reunificados pola mesma tradición musical e extravagantes ós ollos dos Yankees. Xa a finais do XIX eran definidos como Blancos asilvestrados e ceibes polas montañas. http://es.wikipedia.org/wiki/Hillbilly
[6] Elo dentro dun contexto moi moderno de xestión do ciclo do prestixio: Manexo da demagoxia económica, engrosamento do corpo social da clase política, reforzamento das relacións simbióticas co poder relixioso.
[7] Como calquera que non sexa unha comunidade de cazadores e recolectores.
[8] A idea de subrogación implica ocupar a posición , xurídica e por extensión outra con relevancia social, que un outro ocupou con anterioridade dentro dun contexto ordenado. Subrogarse implica asumir o rol ou as capacidades activas e pasivas dalgún outro distinto de nos.
[10] Parécenos mais axeitada a metáfora do legado, fronte á da herdanza, xa que o legatario sucede nunha parte do total dos bens e non sobre a totalidade deles. A responsabilidade do legatario é limitada mentres que o rol que xoga o herdeiro é o de alguén cuxa nova posición dende o punto de vista social, vale o mesmo que a que tiña quen causa a sucesión. No caso do legatario trátase de alguén que recibe uns bens concretos con coñecemento e efectos limitados.
[11] Segundo a tese mais aceptada, o reino controlaba o mercado do ouro como principal fonte de riqueza non de xeito directo, senón mediante a continua provisión de gando que mantiña sobre elevada a posición social dos xefes locais como titulares das explotacións mineiras.
[12] Abrangueu mais de 500 km2. A principal das cidades acadou unhas 720 h cunha “croa” dunhas 44 h. comezou a súa andadura como gran sociedade aló polo 550 antes da nosa era. Contra o ano 1100 desta, edificouse o que inda hoxe está en pe e pode ser visto. Estivo en permanente ocupación até o 1450 mais non foi coñecido polos europeos antes do ano 1871.
Algunha das crónicas mais antigas recollen xa a existencia de informantes integrados en colectivos de diversa caste, nomeadamente os militares. Soldados como Jenofonte ou o mesmo Xulio Cesar, actuaron como observadores privilexiados na campaña contra os Persas e a guerra das Galias. Actuaron coma cronistas dende unha atalaia moi principal dentro daqueles procesos. Moito mais recentemente reporteiros gráficos coma “ Robert Capa” – E.E. Friedman, en realidade – participaron no desembarco aliado das praias normandas.
Finalmente, durante os derradeiros conflitos bélicos do século XX e debido probablemente ó rol xogado polos medios de comunicación, cobrou gran popularidade o concepto de “empotrado” referido especialmente á profesión periodística. Lembren a guerra do Golfo Pérsico.
A nosa vivencia desta situación non pode ser obxectivamente comparada ca intensidade vital destes exemplos. Mais si que é verdade que, subxectivamente, coñecer dende dentro a dinámica do Fulión, compartir a ilusión deste colectivo e ver de primeira man a capacidade que ten a nosa cultura para ser un referente a escala mundial foi impresionante.
Sangue,suor e gloria en Lisboa. Foto Pedro G. Losada. SAGA.
Puidemos constatar que o fulión da Asociación de Fulións rurais de Viana do Bolo constitúe un grupo humano de calidade excepcional. A entrega e paixón desta xente polo seu entroido de Viana do Bolo enriquece a toda a cultura de Galicia e mais aló. O seu traballo destes anos está axudando á consolidación do entroido galego como un dos fenómenos culturais mais importantes do noso continente.
Tamén foi moi ilustrativo comprobar a extraordinaria labor de promoción de Galicia e da súa excepcional cantidade e calidade de contidos culturais. Milleiros de persoas ateigaban as rúas de Lisboa. Ó paso dos de Viana non houbo mais olladas que as que atraía o excepcional despregue de forza, folgos, e corazón que move o fulión. Os bombos atronaban entre as beirarrúas ateigadas de xente que deixaba ás consumicións nas mesas das terrazas para achegarse á ver e abraiarse co descomunal espectáculo. Treboadas de disparos de cámaras de fotos renderon culto ó esforzo despregado nunha monumental cidade chea de visitantes e turistas de todo o mundo.
Non podo imaxinar mellor campaña publicitaria para Galicia que a que desempeñou nese día o Fulión da Asociación de Fulións Rurais.
E todo elo, dou fe, cos medios materiais e económicos mais precarios. A modesta, inda que valiosa, imprescindible e lóxica axuda do Concello de Viana do Bolo, o auto financiamento das persoas do fulión e poucos mais medios materiais. O importante foi, coma case que sempre, o “corazón” e orgullo que a xente deste fulión lle puxo ó asunto.
Aplomo Boteiro e cinto de doble volta en Lisboa. Foto Pedro G. Losada SAGA
Sen iso, de pouco valerían os mellores medios posibles.
Un aloxamento nun cámping, un par de humildes comidas de autoservizo e pouco mais, foron todo ó proporcionado pola organización que debeu tratar en igualdade de condicións a tódolos grupos. Unha mágoa que dentro do programa non houbera espazo nin tempo para intercambiar impresións, coñecer a cultura do demais grupos, facer unha foto de todos xuntos ou unha comida/convivio – ó bo xeito portugués – entre todos. Non se concedeu, dende a organización, tempo para un café. Un paseo distendido polas rúas. Unha visita, mesmo fugaz, a calquera dos moitos sitios que iluminan Lisboa.
Non hai dúbida de que a xente de Viana – e representantes – mereceu moito mellor trato do que recibiu.
A xente da Asociación de Fulións Rurais de Viana do Bolo. Foto Pedro G. Losada. SAGA
O proxecto da máscara ibérica é o marco xeral do evento. Este está sustentado, en grande medida, pola idea de unidade cultural no contexto ibérico. Os seus responsables farían moito ben ó obxectivo que sustenta esta financiamento se procurasen o necesario para que os grupos participantes non foran meros instrumentos ó servizo do acto senón que o contexto actúe ó servizo dos que fan posible a existencia da actividade. Ou sexa, que se o acto tivese sido mais cálido, a calidade xeral e o prestixio derivado tamén terían sido meirandes.
Así pois, sen dúbida que os galegos tamén podemos achegar bos exemplos neste tipo de eventos onde a posta en común das experiencias e a confraternización entre iguais son dúas bazas que a nosa cultura sabe xogar moi ben. En Galicia e tamén en Portugal, a hospitalidade e o saber facer á hora de facer festas veñen de serie, é o normal.
Boteiro e Jarramplas. Foto Pedro G. Losada. SAGA
A pesares de todo e por se fose pouco estar durante horas tocando os bombos aixadas, gadañas e demais, inda houbo o intre para que os nenos que quixeron puideran tocar nun bombo. Tamén os vellos ou calquera. Coma o señor Antonio Évora que se detivo a ensinarnos o toque do Sao Joao do seu Cabo Verde natal. Todas estas cousas aconteceron porque o intre, o espazo máxico para a convivencia, foi creado por este excepcional colectivo.
Respondéronse preguntas e procurouse atopar ós antigos amigos doutros grupos para tomar unha sidra con eles, por exemplo. Así pois, a función didáctica do fulión engadiu un plusc á vosa presenza na cidade.
En Galicia hai moitos outros folións. O mellor espírito de irmandade e orgullo galego de calquera deles está tamén representado dentro do fulión da Asociación de Fulións rurais de Viana do Bolo. Por elo, nos sentimos que todos eles poden sentirse moi satisfeitos pola mais que digna representación que se fixo nestes días mediante a defensa da cultura do fulión da que todos participan.
O fulión triunfou en Lisboa. A idea de Fulión como máquina ou instrumento coral catalizador da verdadeira convivencia. Confirmou o respecto acumulado despois de moito traballo e, literalmente, mediante o sangue, a suor, a forza e a ilusión exhibidas na beira do Texo, acadou as cotas mais elevadas de recoñecemento público.
Atronando as rúas da vella cidade. Foto Pedro G. Losada. SAGA
A SAGA ten como un dos seus albos o de colaborar no desenvolvemento de iniciativas de expresión cultural baseadas nos recursos e contidos en xeral, propios do contexto galego. Con este horizonte houbo tempo para comprendermos unha cousa importante para nos e que ó tempo, explica o poder catalizador que posúe este fulión grazas ó traballo acumulado nestes anos pasados. O que constatamos de primeira man foi que calquera proxecto de recuperación tradicional, calquera iniciativa de desenvolvemento local, calquera esforzo colectivo de mellora do propio entorno e circunstancias, pasa polo deseño e realización de tales proxectos “dende dentro”. É dicir, que compre primeiro coñecer en fondura o propio. Levalo á práctica pensando en como se faría se soamente se fixera para os do pobo, ou comunidade en cuestión. Facelo con autenticidade e sen preocuparse por “vender un produto” o acomodalo para que o gocen con comodidade outras persoas. Sen iso, calquera iniciativa será apenas un sucedáneo do posible orixinal. Un pastiche se se quere.
A diferenza entre un produto cultural de calidade e outro radica en que o orixinal interpela e eleva a outro nivel ás percepcións. Actúa dende o seu propio marco de referentes e por iso é útil ou interesante para os demais. A súa “verdade” ten vocación universal. Pola contra o sucedáneo humíllase perante as conveniencias alleas; o que achega non permanece; é sustituible por algunha outra cousa semellante que non conmove ou fai mellor a quen o recibe. É prescindible no seu rango.
Moitas veces, ante o “éxito” e traxectoria deste fulión, hai quen se pon en contacto con eles para que acudan a facer a festa nalgún outro lugar. Tamén é habitual que se lles solicite algo así como “un_manual_para_facer_o_mesmo_noutra_parte”. Isto acontece dende dentro e fora de Galicia, por certo. A resposta sempre é a mesma. “Non actuamos en festas patronais” ten que respostar amablemente Jorge Minas portavoz do fulión. “ primeiro desenvolvei os vosos contidos, estudádeos, consultade cos vellos ou cos que coñecen o tema dende dentro. Despois imos e falamos, expoñeremos o que nos facemos como e por que. Vos tendes que desenvolver o voso sistema. Entón contai connosco para o que vos faga falla”
Todo un decálogo que na SAGA estariamos dispostos a subscribir.
O noso mais sincero agradecemento ás persoas do Fulión da Asociación de Fulións Rurais de Viana do Bolo. O tempo que compartimos foi todo un master en xestión cultural.
Para un coñecemento preciso do contexto destes fulións e o lugar que ocupan na cultura musical galega, recomendamos a lectura dos libros do colaboradores da SAGA Pablo Carpintero[1] e de Xerardo Santomé[2].
[1] Os instrumentos musicais na tradición galega, Carpintero Arias, Pablo. Con dibujos de Xosé Ramón Marín Martínez. coedición de Proxecto Ronsel y Difusora de Letras, Artes e Ideas, S.L. ISBN: 9788492958054 2ª ed.Esgotado. Versión dixital do libro no consello da Cultura Galega http://www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/
[2] Treboada Galega. Xerardo Fernández Santomé. Ed.Asoc. folc. Gaiteros de Xistra; Vigo, 2012; ISBN V.G.637-2012
A seguir, unha pequena reportaxe fotográfica da viaxe. Fotos SAGA 2014.
Apenas unha ollada, complementaria do post anterior, á impresionante mota que deu orixe á cidade de Salisbury. Grandes gavias, murallas de silex e catedrais recicladas.
Algo acontece en Old Sarum. A grande chaira de Salisbury resulta ser unha das iconas mais sobranceiras do imaxinario cultural europeo.
Perspectiva sobre a mota de Old Sarum. Planta da desaparecida catedral.
Unha chea de monumentos antigos ateigan este espazo ó longo e ancho da paisaxe, a cal resultaría mais ben monótona de non ser por esta circunstancia. O que non resulta tan sabido é o feito de que na outra dimensión, a fondura, esta zona amosa tamén unha interesante característica como é o feito da continuidade. Así, constátase que as formalmente diversas sociedades que teñen desenvolvido ó longo do tempo o seu espazo vital nesta rexión, aproveitaron unha e outra vez os mesmos lugares, moitos deles, para as súas actividades , para proxectar a súa ideoloxía ou visión do mundo.
Cecais o caso mais salientable sexa o do “castro” de Old Sarum. Atópase sobre un terreo composto da clase de calcaria de orixe orgánica que se emprega para facer o xiz, a creta. Nesta caste de rochedos adóitanse atopar nódulos de sílex e no caso de Old Sarum, esta realidade é abraiante. Está, ademais, moi preto da vila de Salisbury, nun outeiro construído á beira dunha antiquísima vía de comunicacións. É un dos solares mais inveterados de Inglaterra, berce da cidade e un dos primeiros templos católicos do pais. Os ríos Avon e Bourne marxean a contorna.
Mais iso non é todo. Hai uns 5000 anos, este modesto lombeiro británico era un lugar de respecto e “reverencia”, segundo as fontes británicas, para as poboacións locais neolíticas. Neste balcón artificial sobre chaira, estruturas de grandes postes de madeira postos en pé e semellantes a outros que veremos dentro desta serie de entradas da SAGA sobre Gran Bretaña, foron dispostas dentro dun contexto ritual. Foron tanto resposta como consecuencia da visión do mundo que tiña aquela xente.
Un castro, hillfort, celta foi construído no curuto cara o ano 400 antes da nosa era. Dende este lugar dominábase unha contorna pola que se espallaban numerosas granxas. Ca chegada da colonización romana, aló contra o ano 43, esta posición estratéxica acolleu unha fortificación de certa entidade, cunha torre. Chamaron ó lugar Sorviodunum
Marcharon os romanos e chegaron os saxóns. Old Sarum foi adaptado e transformado nun establecemento saxón. Foi apetecido polos vikingos cando menos dende o ano 1003, no que atacaron a contorna. Deste volta serviu de refuxio á poboación local e a unha ceca, fábrica de moeda, real.
Muralla interior de Old Sarum. Está feita de sílex amalgamado nunha argamasa calcaria.
Detalle dos croios de sílex na muralla interior.
O tamén normando Guillerme o conquistador, William the Conqueror para eles, mandou facer unha mota no centro do círculo definido pola enorme gabia exterior. Así xurdiron outra gabia interior, o curuto secundario resultante e a pontella que salvaba o valeiro. Todos estes elementos e o predominio da madeira como material construtivo, definiron esta fortificación imaxinada dende a mais “académica” poliorcética normanda. Este castelo foi unha peza clave na conquista da illa. Puidemos imaxinar, grazas a Bernardez Vilar[1], a Guillerme sobre o seu cabalo galego e botando unha ollada ós tremendos foxos que constitúen a principal defensa desta mota. O caso é que algo mais tarde, no 1075, decidiuse a construción da catedral. Uns cen anos despois o castelo foi cárcere para Leonor de Aquitania.
A catedral primixenia foi desmantelada, transformada en canteira para poder construir, rapidamente, un novo templo. As liortas polo poder entre o rei Henrique I e o bispo Herbert Poore foron a causa e a tradición popular botou man da súa ampla e antiga equipaxe de contidos e deixounos unha versión dunha lenda que de contado levounos a pensar en dous traballos, liñas de investigación en realidade, que coñeciamos da mau de cadanseu autor. André Penha,[2] no eido da Arqueoloxía Institucional[3] e Marcial Tenreiro,[4] no da Etnoarqueoloxía e a Etnohistoria (Archaeoethnológica[5]).
Resulta que cando os poderosos daquel tempo acordaron desfacer a vella catedral e desprazar o seu eixo de poder non debían facelo de calquera xeito. Non, cumpría facelo dentro da observancia do rito. Este rito era antigo, mesmo arcaico xa daquela, mais era o tal para garantir tanto as condicións de idoneidade simbólica do novo solar como a lexitimidade do poder que emanaría da nova construción.
O ritual aparece perfectamente expresado nunha lenda local vixente inda en Salisbury segundo a cal foi lanzada unha frecha dende o alto do castelo. Aló onde, pola graza de Deus, caira sería onde debería erixirse a nova catedral. Un arqueiro armado cun Long bow ou arco longo de madeira do sagrado teixo, yew, apuntou alto, moi alto, e facendo renxer a extraordinaria madeira tensou ó máximo e logo liberóu os dedos. Cun seseo de serpe partiu a frecha describindo unha gran camba no ceo gris. Comezou a baixar e cando xa ia tocar terra de novo, uníndoa así co ceo, aconteceu algo extraordinario. O proxectil apañou un cervo que tiña aparecido de súpeto. Cangouse no seu lombo mais non o matou de vez. O animal, ferido de morte, percorreu correndo un par de millas até caer morto no lugar onde hoxe fica a catedral da vila de Salisbury.
A cuestión é que esta peza da etnografía local transfórmase en europea e atlántica mediante a “condensación” de tres grandes elementos do imaxinario do continente. A saber, o cervo como animal místico, a “caza salvaxe” e os ritos xurídicos posesorios mediante o uso de armas.
O proxectil actuaba como vector simbólico da forza moral e, por extensión tamén da social, do bispo. O seu uso implica, pois, a existencia dunha tripla acción – unha ideoloxía tripla – tan característica dos contextos culturais célticos.[6]
– Proxección da personalidade do aspirante, o bispo neste caso, cara a terra.
– Catalizador da vontade divina, actuando case que o xeito de “antena”.
– Forma ou mais ben fórmula, de exteriorizar unha pretensión xurídica validando a súa consistencia formal nun contexto de solemnidade.
A Tradición, con letra capital, adoita funcionar en calquera parte ou sociedade como “centro de recursos”, fonte de homologación de calquera predicado que pretenda invocar un valor social. Así, mediante o expediente do cotexo co repertorio de formas, ou fórmulas, tradicionais a comunidade dispón dun método de verificación e integración de contidos estandarizado.
Neste caso a lenda comeza como un relato que apela á categoría ben establecida de acceso á condición de señor dun territorio mediante a proxección sobre este dunha arma, como vemos na obra de Tenreiro. Despois introduce outro plano que ven definido pola irrupción do cervo no rol de ser místico, o cal actúa, no contexto cristián da época, como imaxe do corpo místico de Cristo. Isto ven demostrado nos bestiarios medievais, onde o cervo aparece combatendo ás serpes tal como o fillo de Deus combate ó mal[7]. Este recurso ó cérvido como avatar remite cara a terceira peza da composición, a “caza salvaxe” entendida como formulismo de apertura da porta cara o territorio do “arciprestádego” mais antigo e poboado (ergo, o mais significado e provedor de prestixio), o do mundo das ánimas dos que moran no Alén. A caza do cervo está relacionado ca posibilidade do ascenso destas cara o outro mundo.
Como probablemente xa fixeran todos os anteriores prebostes, probablemente dende o mesolítico, dada a importancia da caza e das armas, o bispo da vella Sarisburia medieval levou a cabo un rito de empoderamento que mediante a caza/sacrificio do cervo/Cristo actualizaba ou reeditaba, dentro dun contexto de continuidade, un xesto atávico e inmemorial. Un xesto no que o cervo aparece milagrosamente para autoinmolarse en beneficio da comunidade, na mais pura ortodoxia animista. E por iso mesmo, un xesto que valía o mesmo que vale unha eucaristía.
Cervos e armas son precisamente un dos motivos mais conspicuos dos petróglifos galegos. Pode que Galicia conserve, unha vez mais, algunhas das claves que permitan comprender mellor o significado histórico de lugares coma iste de Old Sarum.
O noso agradecemento ó Prof. Marcial Tenreiro, polos seus valiosos e atinados apuntamentos ó respecto deste artigo. Efectivamente, tal como Tenreiro ten feito notar, o cervo nesta tradición semella “funcionar” como un animal guía, un ser que actúa de mediador na procura dunha visión ou significado transcendente. Neste aspecto o cervo tería un valor semántico dual, no sentido de que dunha banda estaría relacionado ca función psicopompa ou guía cara o acceso ó plano do Alén. Doutra o seu rol é claramente fundacional e xa que logo institucional, en tanto que catalizador do intre fundacional da Basílica Catedral e da cidade de Salisbury. En palabras de Tenreiro, “…mistura perfeita de duas tradições fundacionais a de projetar uma arma (relacionado com rituais jurídicos) e a do animal condutor”. (Comunicación persoal)
Algúns dos estoicos habitantes de Old Sarum inda gastan capa.
[1]Bernardez Vilar, Xoan. No ano do cometa. Ed. Xerais, 1987. ISBN 9788475078311 Novela histórica ambientada na Europa do ano 1066. Trala morte do rei Edward o Confesor, aconteceu a brutal loita sucesoria na que o autor sitúa a acción e a participación galega na urde de acontecementos. O cometa Halley apareceu nese mesmo ano e será tomado como signo propicio cara á conquista da Gran bretaña por Guillerme de Normandía. 264 págs. Encuadernación: Capa mol. Lingua: GALEGO
[2] Andrés J. Pena Graña/ André Pena, MA, Ph.D. in Ancient History and Archaeology, is the Dean of the Galician Institute for Celtic Studies and the Historian, Archaeologist and Archivist of the City of Narón, north west Galicia.
[7] Esta asimilación provén do antecesor dos bestiarios medievais, o Physiologus, de autor descoñecido e tamén da “recepción” ou versión que desta obra fixo San Epifanio de Salamina.
Tamén pode ser moi interesante a consulta destes materiais aportados polo prof. Tenreiro:
Artigo de Alfredo Erias no Anuario Brigantino sobre a caça do Javarim na Idade Meia
Sobre as lendas de animais guias. Segundo volume da tese do etnógrafo bretão Joe Hascöet. Capitulo sobre o animal guia desde a Antiguidade às lendas hagiográficas medievais, e que especialmente lhe dedica um apartado ao Cervo (p. 611-613 da tese; p 189-191 do pdf).
Seguindo co noso labor de investigar e divulgar e na liña do que veñen facendo outros colectivos e organizacións como, por exemplo, os compañeiros do Seminario de Estudos do Valadouro ou a Fundación Risco, vimos de sacar unha nova publicación: Os Cadernos de Sociedade Antropolóxica Galega. Unha colección de cadernos de periodicidade cuadrimestral cos que pretendemos dar a coñecer diversos traballos de investigación que poidan ser de interese para todos aqueles que queren afondar no coñecemento da temática antropolóxica da nosa terra. Aproveitando a inminente chegada do Entroido, sacamos o noso 1º número que leva por título “As Madamas e o sacrificio do galo. O Entruido do concello de Vila Boa do Morrazo”, do investigador e membro da SAGA Xosé Anxo Rosales. Se alguén está interesado en adquirilo pode facelo a través deste blog, contactando no noso email infosaga@antropoloxiagalega.org.
Recentemente a SAGA ven de colaborar co Concello de Cualedro e os seus técnicos aportando unha ollada antropolóxica sobre un dos escenarios mais fascinantes sobre os que se desenvolve a peripecia da cultura galega tradicional. A este respecto poden tamén consultar e descargar dende a nosa páxina, o Boletín Caderno de Campo da SAGA do mes de decembro de 2013.
Esta fortificación prehistórica está situada ós pes dunha magnífica hierofanía como é o Monte Larouco e moi perto do solar da impactante imaxe de iconografía céltica, aparecida dentro da igrexa de Vilar de Perdizes, Montalegre, cun martelo na mau dereita.
Na chaira endorreica circundante, esténdese cara o oeste, unha preciosa laga rodeada por un ciclopeo valo de pedra. É a Lama da Saceda. Tamén nas inmediacións, está a enigmática Igrexiña dos Mouros e na dirección oposta, cara o leste, o túmulo megalítico do Madorriño e moito mais.
Diferentes épocas, diferentes sistemas para entender a sociedade que foron enchendo de contidos solapados unha xeografía monumental. Contan no pobo da Saceda, por exemplo, como os mouros tiñan un martelo que podía voar cando era guindado, sucesivamente, dende a Igrexiña dos mouros até o castro e dende aló cara o megalito e inda até o veciño Castro de San Millao.
O ser humano desenvolveu sempre unha relación dinámica coas ideas de Terra, Ceo, Auga e o resto dos elementos da paisaxe, os cales actuaron como referente integrador dos sistemas de prácticas sociais e crenzas relixiosas.
É por isto polo que todas as culturas antigas e tradicionais do planeta foron sensibles, permeables e activos creadores de fluxos de información nos que as diferentes perspectivas visuais nunca aparecen como panoramas neutros ou faltosos dunha esfera de sentido e significado. Ao contrario, e tendo en conta que as sociedades da antigüidade entendían o mundo como un feito transcendente ou sacro se se quere, cómpre considerar que toda paisaxe ten sido definida dentro dun contexto ideolóxico desenvolvido, en cada caso, como un concreto modelo de sociedade.
Deste xeito, e se as sociedades actuais son diferentes daquelas da prehistoria recente, tamén o é a paisaxe que hoxe percibimos respecto da percepción daquel tempo, xa que percibir é interpretar.
Non hai ningún dato aínda que permita soster que a comunidade que edificou o Castro da Saceda sexa unha excepción dentro do seu contexto crono-cultural europeo e atlántico, o cal non vén determinado polas manifestacións materiais da súa cultura, que sempre son funxibles, intercambiables e accesorias, senón pola súa adhesión, chea de matices locais, a un programa ideolóxico e simbólico característico da fachada occidental do vello continente.
Esta acrópole foi situada nunha contorna rica e biodiversa e foi deseñada por unha sociedade complexa que ancoraba os seus alicerces na idea dos intercambios a longa distancia, que xa foran protagonistas de períodos anteriores como o neolítico ou a idade do bronce.
Deuses, mitos e ritos varios, ademais doutras categorías culturais, deberon “poboar” os lugares e fitos visibles dende o recinto do Castro da Saceda e máis aló. Cómpre imaxinar a grande Lama da veiga da Saceda, aos pés do castro, ou o Monte Larouco limitando o horizonte, como elementos interpelantes netos; morada dos deuses, hábitats de seres míticos, escenario natural de cosmogonías pretéritas. Tamén o deberon ser os lugares próximos como o denominado hoxe A Igrexiña dos Mouros, ou o túmulo megalítico do Madorriño, entre outros.
Cando aquelas persoas ollaban dende este outeiro cara aos amplos horizontes, sen dúbida contemplaban unha realidade aumentada na que as toponimias daquela época darían conta do carácter transcendental dos espazos naturais. As contornas máis inhóspitas, como os cumios do Larouco, puideron ser entendidos como manifestación divina en si mesma, hierofanía, “deus supremo”, segundo as inscricións do lugar de Pena Escrita, precisamente pola súa condición extrahumana.
A Lama da Veiga, se cadra, puido ser unha porta ao Alén xa que así o foron estes espazos chaguazosos ou as xeografías acuáticas no común das tradicións europeas. Bosques, animais e augas deberon ter, dentro daquel contexto cultural, propiedades simbólicas, máxicas e míticas, tal como acontece e se verifica noutros contextos semellantes moito máis sometidos ao escrutinio científico, signo dos tempos actuais post newtonianos.
Convidamos a toda a xente que poida e queira, a achegarse polas terras altas do concello de Cualedro. Atoparán aló a forza dunha paisaxe que fala por si mesma. Visiten se lles parece a ruta da Lama da Saceda e os seus paneis informativos. As conclusións son xa cousa de cada un.
Galicia é un pais densamente poboado. Os asentamentos colonizan a paisaxe dun xeito case que compulsivo en certas zonas, tal e como acontece na beiramar galega, onde a abundancia de recursos e a benéfica influencia do mar semellan xustificar tal propensión.
A cidade a meirande altitude sobre ese mar de Galicia é a mais que bimilenaria Lugo. Atópase a 465 msnm e, no seu contexto histórico, ocupa unha posición estratéxica tanto para a ollada militar como para a simbólica.
A súa antigüidade e magnificencia, sintetizadas se cadra pola persistencia da súa muralla de mais de 2,5 km, abondan para considerala un elemento senlleiro do intre de tránsito entre a protohistoria e a historia do noroeste peninsular ibérico.
Este descomunal valo de pedra seica foi feito na segunda metade do século III, hai uns dezasete séculos e xurdiu como froito dun único esforzo produtivo. Resultado certo da imperiosa necesidade de defensa nun escenario xeoestratéxico moi incerto.
É habitual escoitar ou ler que o seu rol de referente do urbanismo antigo en Galicia non ten discusión, dado o longo percorrido no tempo desta urbe, fundada ex novo, nun contexto colonial de sometemento e xa que logo, máximas consecuencias políticas e económicas.
Nembargantes, semellante persistencia como lugar habitacional, ilustra tamén, no tocante á complexidade interpretativa daquel proceso de progresiva redefinición da idea autárquica, un novo modelo de definición da propia identidade das comunidades feito, inducido se cadra, en base á contraposición, do medio e dos “outros”. Todo elo xunto cunha atomización “dende dentro” das antigas sociedades galegas que até o daquela e dende había xa uns 1000 anos, vivían precisamente tralas súas propias murallas e confrontaban agora a súa propia autolise.
Podería pensarse, e sería un erro inducido por un prexuízo etnocéntrico, que os múltiples poboados fortificados, os castros, anteriores a este período, e que terían comezado a xurdir nos altos dos montes hai uns 3000 anos b.p., haberían de ser intrinsecamente entidades de poboación máis simples, xa que o propio sistema social sería tamén “máis simple”.
Estes pequenos mundos “pechados “ sobre si mesmos e contrapostos a unha paisaxe labiríntica e enigmática, constituirían un conxunto de “sociedades /illa” e estarían integrados por comunidades que nalgúns textos, aparecen como náufragas nun arquipélago de montes por baixo dos cales, nos vales, existía un mar de fragas, bosques e zonas chaguazosas cando non verdadeiras lagas e lagoas onde as liñas fluviais eran tamén protagonistas en si mesmas.
Tratábase como vemos, dunha paisaxe moi centroeuropea, poderiamos dicir actualmente, posto que resulta inda hoxe característica de boa parte das serras da Europa central, concretamente os Cárpatos orientais que percorren Romanía, Ucraína, Polonia e Eslovaquia. Galicia era pois daquela unha sorte de arquipélago que actuaba en grande medida como un lugar central, non periférico pois, no que as rutas marítimas e terrestres estaban sostidas pola forza das tradicións inveteradas.
Estas paisaxes caracterizadas polas serras de altitude media e baixa, cuxas abas son moi forestais e os cumios están deforestados a xeito de corredores percorridos no verán polas comunidades de gandeiros, denomínanse Poloninas ou Planinas. Este termo procede do eslavo antigo e emprégase en varias linguas da Europa central e oriental. Foi definido pola Gran Enciclopedia Soviética (1979) e aplicado a esas serras dondas, con chairas nos cumios, que tan familiares resultan en Galicia.
Paisaxe de polonina ou planina. Camiñando polos cumios. Obsérvese a zona alta deforestada e aberta, escoltada polas fragas que colonizan as abas dos montes. Máis imaxes no mesmo sitio.
Inda que este entorno natural probablemente está ben descrito para a Galicia daquel tempo, seguro que a condición irredenta de sometemento ó estado de necesidade desta cultura, ou posible koiné cultural, non o estea tanto e que máis ben respondese a unha estratexia continuista, inda por investigar e definir, de relación extensa máis que intensa, co medio.
Durante un grande período de tempo, dende o neolítico, aló polo 6500 b.p., até comezos da segunda idade do ferro, contra o 2450 b.p., os grandes espazos abertos e os entornos domésticos foron instalándose a cotas máis baixas. Mais non sempre aconteceu así.
No ano 2009 a historiadora, arqueóloga e investigadora Nieves Amado Rolán chegou ó Concello da Mezquita, Ourense co albo proporcionar asesoría técnica especializada que permitise a posta en servizo dunha ruta arqueolóxica no territorio deste concello. Nieves Amado, colaboradora habitual da SAGA, é unha das profesionais máis serias, honestas e capaces que coñecemos. Unha arqueóloga que domina o traballo sobre diversos crono-contextos e con moita experiencia. Como resultado das súas prospeccións e investigacións na zona xurdiu unha realidade abraiante.
Tomamos pois como base o traballo publicado por ela e titulado” Os castros do Concello Mezquita. Ruta cultural entre tres castros: O castelo de Santigoso, o Carballerego da Mezquita e o Cabezo de Chaguazoso” (Dep. Legal OU 97/2010 ). Solo os entrecomillados reflicten as palabras desta autora, a cal non é responsable de ningunha das opinións de corte antropolóxico ou cultural verquidas no presente texto. Calquera crítica ó contido deste artigo debe ser dirixida contra o autor do mesmo e a SAGA en xeral.
En palabras da autora:
“ Cando un chega á Mezquita para abordar este traballo, trae consigo unha serie de prexuízos respecto ós castros que podemos atopar, produto da falla total de investigación arqueolóxica sobre a zona, e do que se pode concluír da propia bibliografía actual sobre a Idade do Ferro e a cultura castrexa galega. Os límites xeográficos da cultura dos castros admitidos por algúns investigadores non pasan pola Mezquita, quédanse antes, nas divisorias das serras de Queixa e San Mamede e na divisoria de augas entre os ríos Támega e Tuela. A Mezquita sería unha zona de influencia, un hínterland, unha zona marxinal. Algún autor di acertadamente que ante o baleiro de información arqueolóxica para falar de límites ¿Cómo se pode trazar unha fronteira de algo que non se coñece?.”
Tales prexuízos veñen inducidos polo paradigma que inda sobrevoa a protohistoria galega e segundo o cal no actual oriente galego e segundo as zonas, ou non hai castros ou son pequenos e en todo caso atópanse en cotas baixas preto do fondo de val. Mais o panorama que coñecemos grazas a esta investigadora e que fomos comprobar sobre o terreo, era ben diferente.
Neste oriente ourensán, sempre a máis de 1000 msnm., atópanse unha serie de castros que reflicten un pasado monumental, complexo e cun dinamismo en tódolos ordes sociais que testemuña o alto grado de sofisticación daquela cultura.
O panorama é o seguinte: nas altas terras desta extrema galega, cunha altitude media duns 900 msnm., atopábanse 7 castros catalogados ós que Amado Rolán engadiu outro máis que descubre durante a súa investigación. Todos eles están a máis de 1000 m de altitude e algúns son verdadeiramente grandes. Tanto como de 3, 5, e preto de 10 hectáreas. Auténticas cidades se se me permite, próximas entre si e relacionadas dun xeito singular.
Os oito castros na Mezquita.
Pertencen á denominada segunda idade do ferro. Séculos IV a I antes da nosa era. As súas características semellan diferentes inda que aparentemente complementarias en conxunto, tendo en conta a súa especialización no espazo físico e as cronoloxías que indican.
Entre eles destaca o denominado Castelo pequeno ou Castro de Santigoso que será o que comentemos nesta ocasión.
Chegada ó Castelo Pequeno de Santigoso
O castelo Pequeno era, inda é, simplemente unha marabilla. Unha cidade dunhas 10 hectáreas cun requintado sistema defensivo composto por varios foxos, parapetos, campos de pedras fincadas e situado nunha cota máxima de 1254 msnm. É tan grande que nel nace un bo cachón de auga que era recollida en cando menos unha gran poza inda visible. En comparación con outros grandes castros de Galicia podemos dicir que ten o mesmo tamaño que o mais coñecido San Cibrao de Las, no NW de Ourense.
A croa do Castelo Pequeno, 1264 msnm, dende o Castelo Grande a 1305 msnm, segundo o noso Gps.
Esquema do castro
Contaba con torres perimetrais dende as que a vista se estende polas actuais terras ourensáns, portuguesas e zamoranas. Un lugar onde Galaicos e Astures deberon lindar. A gandería debeu ser magnífica, dadas as moi boas características dos biótopos e a agricultura dos cereais e das plantas de horta ten todo para desenvolverse con grande proveito.
Gando vacún perto do castro.
Mais inda así pode que haxa inda outro factor decisivo e que de conta da gran concentración de habitantes que reuniu este planalto: O artellamento da condición de grande centro mineiro, co emprazamento estratéxico nunha, xa daquela antiquísima, ruta trans-ibérica de intercambios referendada polos especialistas como Marisa Ruiz-Galvez Priego, no seu libro La Europa atlántica en la edad del bronce. un viaje a las raices de la Europa occidental. (Ed Crítica. Madrid 1998 ).
Esta ruta, como parte dunha rede de camiños moito máis ampla, podería ter estado operativa hai xa uns 5000 anos b.p. (Ruiz Gálvez 1998. P.335), como conxunto de alianzas estratéxicas, baseadas na antropoloxía do parentesco e condicionadas nas súas manifestacións externas, ( petróglifos ou pedras altas nos lugares de paso, etc) polos diferentes entornos bioclimáticos do occidente peninsular ibérico e os consecuentes sistemas de explotación e aproveitamento asociados.
Así pois temos que para este castro, ou para este conxunto deles danse os presupostos clave para consideralo unha posible comunidade de paso (Hirth 1978[1]) e centro de distribución e redistribución da prehistoria galega, un auténtico porto seco da época. Tales presupostos son: os excedentes pecuarios e agrícolas, a ruta preestablecida, os convencionalismos que posibilitan o intercambio, (plausibles alianzas transrexionais verificadas arqueoloxicamente en toda a rexión atlántica europea) xunto co extraordinario factor de que este Castro Pequeno era moi probablemente, igual que algún dos outros, un castro mineiro[2].
Tal como indica Amado Rolán, no dicionario de Madoz e referíndose precisamente ó monte no que está o Castro Pequeno, O Castelo, faise constar a existencia de antiga actividade mineira:
Sobre los picos del monte, que hemos dicho domina al pueblo, se ven las minas y vestigios de una fortaleza que unos creen obra de romanos y otros del tiempo de los árabes, habiendo en otros puntos del término señales inequívocas de la dominación sarracena, tanto por los restos de antiguas torres, como por las piedras labradas, como por los fragmentos de fragua y utensilios domésticos.
Diccionario Madoz: San Simón, Santigoso.
Efectivamente, na subida a pé cara o curuto no que atoparemos o castro imos localizando doadamente un indicio da presenza do estaño no terreos mesmos da acrópole. Son os denominados “vermes do estaño”, que xa se teñen atravesado no noso camiño nas aproximacións a outros centros de minería antiga de Galicia. Así temos constatado, algunhas veces, como na representación mental dos habitantes e mineiros das terras orientais son tomados convencionalmente como indicadores da presenza deste metal[3]. Mesmo no século XX. Malia todo semella que o posible trafico de mineral debeu proceder doutros lugares, minas, relacionados con este, como os imporantes cotos mineiros do Alto Támega (Nomeadamente Arcucelos e Vilardecervos).
Vermes do estaño. Estaurolita no xisto
Este castro podería, polo seu emprazamento e posible sucesión dos recintos, ter orixe noutra fortificación anterior. Pode que do bronce final, segundo a arqueóloga Amado Rolán. Ademais, o seu gran tamaño e estratéxica praza, serían tamén uns trazos coherentes co seu rol de catalizador social nun contexto de xestión ideolóxica dun amplo territorio. Foi o formidable curuto do Castelo Grande, ó norte deste castro, un lugar de relevancia relixiosa? Non se sabe, mais precisamente neste cumio atopamos indicios de apropiación simbólica deste certamente senlleiro escenario e xunto deles, elementos naturais susceptibles de ser contedores axeitados dun eventual simbolismo proxectado sobre os mesmos.
Un factible portalén cara o oeste
As gadoupas do tempo
Coviñas e outras marcas no Castelo Grande.
Outra cuestión a ter en conta é a monumentalidade e hipertrofia do sistema defensivo pasivo desta acrópole.
Tres grandes recintos, cuns 50 mil metros cadrados habitables e outros tantos despexados. Inda se detectan as plantas circulares e oblongas das casas do terceiro recinto. Catro parapetos e catro foxos e un campo de pedras fincadas cara o norte, composto, actualmente, por unha área de pedras poligonais dispostas nunha banda duns 100 m por 25 m de anchura.Varias torres inda identificables, como a que debeu haber na croa do sitio onde os derrubes acadan os 10 m de altura e outra, exenta, no cumio do farallón rochoso. E todo elo nun sistema de construción progresiva que denota a vontade de persistencia e consolidación dentro dunha dinámica socioeconómica complexa.
Dentro da gran cisterna
Muralla externa
Murallas
As pedras fincadas
Foxos
Outros datos do Castelo Pequeño:
Cronoloxía estimada IIaC. – I dC.
COORDENADAS UTM: X: 664.795, Y: 4.652.418
Medidas NE-SW…………………………………………..410 m
Medidas E-W…………………….…………………………310 m
Superficie transformada total…………..………98100 m
Croa……………………………………..………………….9350 m
Recinto leste……………………………….…….………9325 m
Recinto sur…………………..….……………..………30490 m
A partir de datos de Nieves Amado Rolán. 2010.
Agora, se o desexan, poden ver un video ó respecto. Teñan coidado: fortes refachos de vento.
Neste modelo, Hirth explica como durante o proceso de formación das sociedades complexas, o comercio a longa distancia actúa como catalizador que permite a consolidación de tal proceso. Institucionalización e regulamentación son inherentes a esta dinámica que, unha vez instalada dentro da comunidade como programa ideolóxico, acadan o resultado de facela “inchar” dende dentro, de xeito que os asentamentos a carón dos lugares clave xunto ás vías naturais de comunicación desenvólvense para adaptarse ó fenómeno do intercambio instituído agora como recurso. Neste modelo o rol das descontinuidades do entorno, como os propios dunha xeografía quebrada ou as zonas de contacto de hábitats diferentes, é o de elevar o nivel de complexidade social que se verifica, en xeral, en calquera interface.
[3] Os “vermes do estaño” adoitan ser formacións de estaurolita, un complexo mineral con ferro, magnesio e cinc entre outros elementos ( (Fe2+,Mg,Zn)2Al9(Si,Al)4O22OH2 ) que as veces fórmase nas pedras de xisto e cuxa presenza pode efectivamente e segundo especialistas consultados, ser tomada como criterio de proximidade na prospección superficial da minería metálica. Nos inda non coñecemos a relación exacta entre os vermes e o estaño.
O ano 2013 ten sido un período con grandes novidades referentes a unha das iconas máis senlleiras do ámbito cultural atlántico europeo: Stonehenge. Das investigacións concluídas neste ano derivouse a consecuencia de que o proceso de sacralización do lugar tiña comezado uns 5.000 anos antes do que se pensaba, o cal significa que foron as sociedades de cazadores e recolectores as que encetaron o grande proxecto paisaxístico a gran escala no que se transformou toda a rexión da chaira de Salisbury, na bisbarra de Wiltshire. Mesmo Peter Rowley-Conwy, profesor de arqueoloxía na Universidade de Durham, ten afirmado, para a BBC, que Stonehenge ten o potencial para se converter nun dos meirandes sitios mesolíticos de todo o Noroeste europeo.
Stonehenge
Na SAGA, tamén durante este ano 2013, estivemos e percorremos esta rexión británica co gallo de observar cos nosos propios ollos a abraiante enerxía despregada por unhas comunidades que decidiron que cumpría modificar o mundo xa que, probablemente, carecía de certas características que consideraban necesarias. Aquela paisaxe non era dabondo. Non traía “de serie” os elementos imprescindibles para o axeitado despregue dunha nova e titánica maneira de ver o mundo.
Avenida de menhires en Avebury
A firmeza e vontade daquelas xentes tendía cara á modificación tanto da fasquía da paisaxe como do seu contido. Hoxe fálase moito do concepto da “realidade aumentada”; en certo sentido esta é xa unha idea moi antiga que neste caso si que semella vir “de serie “ co concepto mesmo de ser humano xa que todas as culturas teñen aplicado a fórmula dun xeito ou doutro.
Ao fondo á esquerda a montaña artificial de Silbury hill
Na contorna da gran chaira de Salisbury, no sur da Gran Bretaña, o modelo foi levado preto do paroxismo. As ideas de Colectividade, Ritmo e Afiliación foron xestionadas polas comunidades prehistóricas da zona e empregadas coma áncoras de identidade deseñadas á escala das súas descomunais expectativas culturais. A viaxe da SAGA tentou ser un percorrido por eses conceptos.
A palabra “colectividade” dá conta da idea de comunidade dende unha perspectiva dinámica. Unha sociedade que bule a prol dos seus intereses, que transforma iso que hoxe denominamos como “ a paisaxe”, ao mesmo tempo que tamén a incorpora nas súas creacións. Neste sentido está ben documentada a transposición selectiva e significativa de certos elementos presentes no medio natural, como poden ser certas terras e as súas cores ou outras propiedades, específicas, castes de pedras, etc.
Campo tumular
Esta coidadosa planificación de todo o proceso construtivo deuse en toda a fachada atlántica do continente. Resulta ilustrativo, por exemplo, este parágrafo relativo ó túmulo de Skelhoj, na península de Xutlandia:
“ The strictly planned construction of the barrow the use of large amounts of water in the burial ritual, the different working groups visible in the carefully documented turf sections, the use of turf from different parts of the landscape all speak of the monument as a socially constructed memory, not only commemorating the deceased, but commemorative of the participants in the funeral ceremony itself.”( 1)
Fronte ao West Kennet long barrow
Efectivamente, e tal como explica o dito capítulo, estes monumentos non conmemoraban unicamente o falecido e as súas circunstancias. Eran tamén un xeito de conmemorar a todos os participantes, a toda a sociedade da cal o defunto facía parte. Iso que hoxe predicariamos coma “paisaxe” era pois, máis ben, un cosmos ideolóxico que ficaba sintetizado como unha “a socially constructed memory”, unha memoria construída socialmente. Unha realidade construída pola propia sociedade, co gallo de servir, xa que logo, aos seus intereses colectivos. Isto mesmo podería dicirse de todos os outros monumentos megalíticos, non so europeos, senón en calquera parte. Tamén na Gran Bretaña, onde esta idea pode ser percibida inda hoxe, cunha magnificencia e claridade extraordinarias.
Interior do magnífico túmulo de West Kennet (long barrow)
Moitas veces as relacións astronómicas destes monumentos aparecen como albo central en moitos estudos que ligan a arqueoloxía e a astronomía. Despréndese deles que o tempo, iso que determinan o reloxos, foi unha cuestión de vital importancia na antigüidade. Mais a idea de “tempo” vai aparellada coa de “ritmo”, sexa o dos ciclos naturais ou doutra clase.
Círculo lítico de Avebury
Todos estes traballos, como a loxística implicada na construción de Stonehenge, coas súas diferentes etapas afastadas entre si moitas xeracións, foron desenvolvidos, probablemente, dentro dunha idea de “presente continuo” ou de atemporalidade orixinaria, onde naceron as normas, os ideais, os valores. Quizais nada máis afastado dos hoxe en día tan manidos e prevalentes conceptos de “progreso” e “crecemento” económico ou social.
Weyland´s Smithy long barrow
Esta idea é común a todos os grupos humanos tradicionais, sexa con menor ou maior intensidade. É plausible pois, entender estas paisaxes megalíticas, titánicas ou ciclópeas sen dúbida, como un proxecto de reconstrución dunha paisaxe ancestral, arquetípica e perfecta á cal cómpre regresar mediante o expediente fúnebre posterior á morte. É por isto que o derradeiro suceso adoita ser considerado como unha viaxe. Se cadra tamén foi así en Stonehenge e a bisbarra da actual Wiltshire.
Por último a “filiación” -entendida como a estreita relación cos devanceiros e mesmo a inferencia de que debeu existir o convencemento, naquela xente, da existencia dunha sorte de “plano superior” no que moraban os antepasados- semella ben establecida pola importancia da finalidade mortuoria constatada nestas arquitecturas. Mais nós, tamén, pensamos, como Marcel Mauss (2) , que, en realidade, a morte é un “fenómeno total”. Un feito que implica a toda a comunidade e que determina, antes que outra cousa, o xeito de vivir. Deste xeito entendemos que toda a loxística e as adaptacións sociais precisas para a transformación monumental, e case que teatral da paisaxe enteira, conten unha ensinanza fundamental segundo a cal a historia é memoria e a memoria é identidade. Ou debe selo.
[1] Goldhahn, Joakim (2008). From monuments in landscape to landscape in monuments. Death and landscape in Early Bronze Age Scandinavia. In: Jones, Andy (ed.). Prehistoric Europe. Global Archaeologies Series. Oxford and New York, Blackwell, 56–85. pg. 68.
[2] Mauss M. « L’expression obligatoire des sentiments »« L’expression obligatoire des sentiments
No ano 2012 a SAGA notificou á Administración competente o descubrimento, en 2011 e por parte dun dos seus membros, dun ben de interese arqueolóxico sito na parroquia de Santa Baia, en Vences, Concello de Monterrei, Ourense.
Tratábase dun petróglifo que pola súa localización na zona de acceso ó monumental e inveterado coto mineiro de Arcucelos podería resultar un achádo de gran importancia.
Petróglifo de as Ferradas ou as Cuncas. Covas Rubias.Vences. Foto SAGA 2013
En calquera caso, tratábase sen dúbida dun elemento cultural daqueles sobre os que o ordenamento xurídico estende a súa protección en sentido amplo, inda que usualmente esta non se concrete máis que de xeito parcial ou difuso, permitindo con elo a erosión dun patrimonio que agarda mellor consideración. Unha mostra do noso inmenso patrimonio pode ser vista con máis detalle no blog do colaborador da SAGA Xavier Moure.
O caso é que no lugar de “As Cuncas” ou “As ferradas”, na beira dunha pista que en tempos foi camiño transmontano e de longo percorrido; preto da coñecida e antiga área de explotación mineira de As Covas Rubias – nunha cota algo superior e cara ó sur sobre un contraforte do Monte Meda- atopábase unha estación con petróglifos sita nun contexto amplo, rico e mal coñecido ou ignorado pola historiografía.
A parte alta do val do río Támega ven de revelarse nos últimos tempos como unha das áreas máis importantes para o coñecemento da prehistoria recente, non só de Galicia e a súa contorna galaica, mais tamén dun contexto máis amplo como veremos a seguir.
Pode que este recoñecemento fique instituído de pleno dereito ou de xeito oficial, se se quere, pola posta en marcha do “Proxecto Alto Támega” da Universidade de Vigo en colaboración con entidades e persoas asentadas na zona.
A participación da SAGA, entre outras, neste proxecto multidisciplinar aspira a fornecer de elementos de xuizo que permitan axudar ó mellor coñecemento da realidade cultural galega. Tamén deberá contribuír á normalización da relación entre a sociedade e o seu patrimonio, fronte ó proceso de aculturación que ven da mau da tan manida globalización.
Así, o primeiro paso que demos foi comezar a escoitar atentamente, e de xeito critico, ás persoas da contorna para ir peneirando os elementos significativos, e comprender as circunstancias do lugar. Moitos datos teñen ido aparecendo, comezando polo nome mesmo do sitio, xa case que esquecido. “Cuncas” ou “ferradas” son sinónimos que indican concavidades, ocos na pedra nesta ocasión, que tamén son coñecidos noutras partes como “coviñas”. Na Gran bretaña, por exemplo, adoitan chamarlles ” cups” ou sexa, “cuncas” tamén. Aló considérase que as “Cupmarks” británicas son producto das culturas do período neolítico e da idade do bronce. Poden, igual que en Galicia, facer parte de conxuntos delas e/ou estar asociadas a outros deseños como os trazos concéntricos, os “cup and ring marks”.
No contexto inmediato desta parte do val do Támega cómpre sinalar que dun tempo a esta parte, teñen ido aparecendo ducias, literalmente, de estacións da arte rupestre galega. A meirande parte delas debidas ó esforzo de Bruno Rúa que decidiu ademais publica-los seus achados. Mais hai outros como Héctor Salgado, Diana García, X.R. Reigada, Rafa Castro, Eduardo Castro, ou Xosé Lois Lozano, ós que é xusto agradecer tamén a súa xenerosidade e bo facer. Estas iniciativas e a ubicuidade das estacións evidenciaron a riqueza que debía ter esta área.
En calquera primeira aproximación cara á comprensión dos petróglifos e, xa que logo, cara á sofisticada mente simbólica das persoas e a sociedade da que facían parte, a análise estilística dos motivos institúese nunha sorte de metodoloxía urxente. O auxiliar transfórmase así en principal fronte ó desleixo das administracións e ás dificultades de catalogación, as cales non derivan unicamente da falla de medios humanos, económicos ou doutra caste, senón da manifesta imposibilidade de catalogar e, xa que logo, de protexer aquilo que tecnicamente non se pode, pacificamente, procurar antes de que sexa destruído; nin tampouco facer visible para que as comunidades o poidan incorporar, asimilar e reciclar nos seus circuítos cotiáns.
Así, perante a falla de mellores consideracións ás que abeirarse e diante desta aguillada oficial, o nihilismo adoita se-la única argamasa das consideracións posteriores, dando por feito que “nunca” será posible entendelas en relación á sociedade que as pariu. Probablemente isto seguirá sendo certo mentres se teña por seguro que os elementos materiais das culturas son acenos substantivos delas antes que simples e meros accesorios. Na nosa opinión estes teñen este segundo significado, inda que non menor interese ou importancia.
Se o estilo e o material define dalgún xeito ás culturas, como se ten argumentando en tantas ocasións, cómpre reflexionar sobre asuntos como o seguinte:
No día de hoxe, para esta parte de Galicia ou curso alto do Támega é unha realidade o feito de que a abundancia en emprazamentos é inversamente proporcional ó coñecemento e nivel de protección que se ten sobre eles. Cónstanos que noutras partes do país tamén acontece o mesmo, tal como evidenciaremos a non tardar. Mais cónstanos tamén outra cousa ó respecto, como é que a tipoloxía de todos estes do parágrafo anterior non é única nin característica da cultura galega, o cal, na nosa opinión, lonxe de diminuír a súa importancia contribúe a engrandecela como fenómeno amplo, ancestral e milenario.
En efecto, na SAGA, grazas á axuda imprescindible e insustituible dos seus colaboradores, atopamos que dende o punto de vista estilístico o petróglifo “das Ferradas”, ou “das Cuncas” ten os seus parentes máis achegados non so nos da propia cunca do Támega, senón naqueles do pais de Yorkshire, especialmente nas zonas de North e West Yorkshire e as súas bisbarras, onde destaca a estes efectos o petróglifo coñecido como a arbore da vida, The tree of live stone, segundo os locais.
Xulguen vostedes mesmos non só en relación á dita “árbore” mais tamén segundo a feitura dos de toda a contorna do norte de Yorkshire, onde as coviñas e deseños galaicos son, estilisticamente, tamén, signo de identidade aló.
Puxémonos en contacto co noso colega e colaborador Graeme Chappell, coñecedor experto daqueles petróglifos das Illas, sinalado contribuidor do British Art Rock Colection, BRAC, e autor dun prestixioso blog. Literalmente a súa resposta foi que “Each rock art site is unique – with its arrangement of carvings.(…) But it also looks so familiar that it would not be ‘out of place’ here in the UK. Nos tamén pensamos que calquera deles non estaría fóra de lugar tanto aló coma acó.
Mr. Chappell confirmounos algo que tamén acontece con outras manifestacións culturais galegas. Ó igual que no caso de moitos dos castros do noroeste da Península Iberica, por exemplo, o petróglifo atopado en Vences, parroquia de Santa Baia, encaixaría perfectamente naquela paisaxe británica. Chappell colocou un dos nosos videos no seu blog. Thank you Graeme. A este respecto pode consultarse, ademais, a serie de video post sobre as grandes cidades galegas da prehistoria que temos encetado no noso blog e que tamén expresa a mesma idea de equivalencias materiais. https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/11/10/viaxe-da-saga-a-cidade-dos-homes-fortes-os-acenos-galaicos-do-castro-gales-de-trer-ceiri/
Algo semellante pode dicirse do caso dos torques “galegos” do British Museum, levados aló ou feitos dentro da mesma “atmosfera” cultural, pois.
Torques galaicos do British Museum Foto SAGA 2013.
O mesmo acontece en moitos outros casos, como teñen demostrado investigadores como X. A. Gavilanes pola parte norte da provincia de ourense, X. Moure cos seus achados nos Ancares (Campa do Barreiro en Cervantes, Lugo e outros) ou o excepcional achádego de Rafael Castro tamén no Támega, na beira do importante camiño cara outro couto mineiro de gran importancia como é o de Vilardecervos, no concello de Vilardevós, Ourense. Trátase dun monolito que seica estivo ergueito nas proximidades desta verea e que posúe un elegante petróglifo na súa parte distal.
Monolito con petróglifo. Pozo do Demo. Verín. Debuxo Rafa Castro 2013.
Desta peza dunhas tres toneladas, descuberta por este senlleiro colaborador da SAGA, falaremos noutra ocasión con máis deteñemento, xa que así o merece. Estén atentos se lles interesa o tema ó noso boletín Cadernos de Campo nº4/2013.
Chegado a este punto cómpre lembrar que, históricamente, os Brigantes foron o pobo que habitou as terras do país de Yorkshire, logo dunha mítica ou épica – cada quen que pense o que queira, ou lle conveña – viaxe dende Galicia.
Petróglifo da Ansuíña I.(Atopado por un xubilado que pasaba uns días nun balneario.Canda este atopou outros doce mais) . Foto X. A. Gavilanes 2012
Petróglifo de O Pombal. Foto X. Gavilanes 2012
Petróglifo das Pereiras. Foto X. Gavilanes 2012
Petróglifo das Pereiras. Foto X. Gavilanes 2012
Pedrafita Couso. Foto SAGA 2012
Petróglifo sobre parafita. Vilar de Perdizes. Foto SAGA 2012.
Petróglifo parcialemente destruido. Pozo do Demo,. Verín. Foto SAGA 2013
Convidámolos pois, a botarlle unha ollada ó catálogo do BRAC e a compara-lo estilo dos petróglifos como os da etiqueta Snowden-Car Otley, dentro da pestana North Yorshire, neste link.
Neste pasado inverno a SAGA comezou unha investigación que, nun dos seus eixos principais, inclúe a análise e contextualización crono cultural dos primeiros entornos urbanos da Galicia prehistórica. Neste sentido entendemos que, ós efectos das nosas pescudas, son cidades prehistóricas galegas aqueles lugares deseñados como contedores permanentes dun novo modelo de espazo vital xurdido hai uns tres mil anos da mau das comunidades do noroeste peninsular ibérico cando comezaron a exteriorizar, de xeito diferente a todo o período anterior, a xestión común das interaccións co medio e con outros grupos ou sociedades.
Castro de San Millán
Así, as cidades serían, na nosa hipótese de traballo, un epifenómeno do cambio social que tentamos documentar e, sobre todo, situar a carón dun factor de escala que eventualmente permitise axudar a entender á Cultura Galega dentro do contexto atlántico, un amplo marco de referencia espacial e temporal que fundamentalmente o é porque é antropolóxico. Trataríase en definitiva, de comprobar sobre o terreo, até que punto a Cultura Galega (enténdase cultura galaica da Idade do Ferro) formou parte dun proxecto ideolóxico atlántico, como chegou a elo e que rol puido ter desempeñado naquel contexto.
Cidade Morta dos Galegos
Cando pensamos en cidades nas alturas, nos cumiais, curutos, tesos, lombos e lombeiros de Galicia referímonos a elas como castros, na meirande parte das ocasións. Campan na nosa cultura coma senlleiro estandarte identitario. Mais esta condición cuase totémica que se lles ten atribuído puidese estar faltosa dunha sana relativización en tanto que fenómeno cultural singular.
Castro de San Cibrán de Las
Asi pois, viaxamos cara diferentes cidades prehistóricas da nosa contorna atlántica co albo de comprendelas, na medida das nosas posibilidades, dende a perspectiva propia dos galegos. Un dos obxectivos prioritarios do noso itinerario foi a illa da Gran Bretaña. Aló existe, como en Galicia e outros lugares, unha grande taxa de complicidade cultural coa idea de “cidade prehistórica e fortificada sita nas alturas”. Naquela terra chámanlles “hillforts” e constitúen, tamén, o emblema da súa “cultura castrexa” da Idade do Ferro.
Fosos e parapetos do hill fort de Old Sarum
No proceso de documentación constatamos que, como no caso galego, a súa natureza verdadeira non é unha cuestión plenamente pacificada. Deste xeito, pénsase que poden ter sido asentamentos permanentes ou non, residencias de elites maila súa corte ou de sociedades relativamente igualitarias; respecto doutros hillforts hai quen pensa que puideron ser centros loxísticos da xestión comunal dos recursos agropecuarios; refuxios temporais fronte ás incertezas das situacións de emerxencia; conxuntos adxectivos doutros asentamentos previos situados nas proximidades e feitos con materiais máis perecedeiros; centros relixiosos operativos nunha parte do ano; conxuntos autoafirmadores da propia identidade fronte á competencia doutras comunidades ou grupos dun territorio máis amplo.
Fronte ó hillfort de Uffington Castle
Algunhas semellan ter sido pequenas granxas ocupadas por un reducido número de familias de xeito estacional, as Defended farms da bibliografía inglesa. Como categoría teñen tamén unha gran variabilidade en tamaño e localización, abranguendo calquera extensión entre 1 e 80 hectáreas, tanto nos curutos máis inaccesibles ou as verdes e mansas chairas. Tamén coma no caso galego podemos falar dun desenvolvemento histórico semellante xa que o seu, breve, intre acadou dende hai uns 31 séculos até uns 21 séculos ( 3100 antes do presente até o ano 50 da nosa era), uns mil anos.
Maiden Castle
Non serían estas as únicas similitudes que atopamos no noso percorrido. Mais non puidemos visitalos todos. Tivemos que escoller algún en función de diferentes motivos. Logo de moito ler e consultar decidimos que iamos comezar polo que está considerado o máis perdurable e mellor conservado castro británico: o inexpugnable castro galés de Tre´r Ceiri ( debemos ler “ Tri Keiri” ). Puidemos ter escollido outros de máis doado acceso e tamén moi representativos, como Carn Fadrun ou Gar Boduan onde ademais, hai un uso continuado das fortificacións dos seus cumios até a alta Idade Media, cousa que non acontece en Tre´r Ceiri.
Como se da árbore Yggdrasil se tratase, o castro de Tre´r Ceiri álzase sobre o curuto da montaña
O que ignorabamos era que iamos chegar ás Illas Británicas no medio dun intenso temporal de vento e neve que tiña a todo o pais mudado máis que nunca na branca Albión. Esto complicou algo as cousas.
O equipo da SAGA que ascendeu ó castro de Tre´r Ceiri
Esta fortificación xunto ó Mar de Irlanda, nas portas do Mar das Casietérides e do Mar do Norte, atópase na costa da península de Llyn, na serra das Rivals e moi preto da bisbarra de Snowdownia, outro lugar do que tamén falaremos por outros motivos.
Esta serra acada a súa máxima cota no curuto que fica como compañeiro do de Tre´r Ceiri, o Yr Eifl, que tamén aparece no video deste artigo cos seus 564 m de altura. Por toda a contorna existen minas de estaño, cobre, ouro e outros metais.
A 450 metros sobre o nivel do mar, atopamos un alongado recinto, dunhas 2,5 h. e fortificado cun sistema de murallas de pedra. A extensión media para os aproximadamente 1000 castros galeses é de 2h. No interior había unha considerable abundancia de edificacións irregularmente repartidas pola campa daquel adral.
Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.
Causa admiración, popular e erudita, na Gran Bretaña o feito de que os seus parapetos exteriores conserven até mais de tres metros de altura nalgúns tramos ou que as cabanas teñan inda case un metro de alto.
Hai unhas 150 delas, deseñadas segundo varios modelos diferentes. De planta circular, as máis antigas; rectangulares as do período medio e alongadas as derradeiras. Os diámetros destas construcións varían entre os 3 e os 8 m. Estímase que chegou a acoller unhas 400 persoas no período romano-británico.
Unha cabana circular e varias adxectivas.
No disforme recinto inda están operativas as tres portas que tiña orixinalmente. Unha principal cara o noroeste, outra cara o suroeste, pola que entrou a SAGA, e outra cara o norte.
Resulta interesante atravesar algunha destas portas a xeito de túnel, que inda conserva as lumieiras que terman das antigas pedras da muralla. Comparten os castros galeses e británicos en xeral, outra característica “galaica”: as súas pedras tamén teñen sido levadas, a carros, para facer con elas os pobos e vilas que hoxe existen.
Explicáronnos que “ Tre´r Ceiri” significa, na lingua galesa, a cidade dos fortes, inda que de xeito máis habitual tradúcese ó inglés como “cidade dos xigantes” seica por un erro que ben de antigo. Este castro está tamén dentro da tradición artúrica, e así igualmente explicáronnos a lenda local segundo a cal este lugar tería sido o lar do xefe galés Vortigern, ( Gwtheyrn na lingua propia do pais).
Este, co gallo de aproveita-las posibilidades militares que a presenza dos Anglos, Xutos e Saxóns representaban no século V, aliouse con eles ou tería acordado que actuaran coma mercenarios contra os caudillos veciños, celtas coma el. Seica, pois un arribista feito que prefería, segundo a tradición popular, ficar torto se con iso os veciños ficaban cegos ou, mellor inda, mortos. Trata tamén deste tema Geoffrey de Monmouth na súa Historia dos Reis da Britania. Contan tamén que estaría soterrado, ou ben nas inmediacións do Tre´r Ceiri ou mesmo dentro do adral. Esta tumba sería na tradición local a “cama” bedd” de Vortigern.
O caso é que dentro desta cidade prehistórica, na sucinta croa que posue, atópase un lugar funerario moito máis antigo, dos primeiros séculos da idade do bronce. É o denominado Carnedd Tre´r Ceiri, un montículo de pedra con dúas fases de utilización. Na primeira realizouse unha morea de terra e pedra duns 15 m de diámetro na planta e 6,5 no cumio. Na segunda outro superposto duns 20 m de diámetro na base e 1m máis de alto. Ámbalas dúas recorreron as cremacións como práctica funeraria.
A continuación achegámo-lo video da nosa viaxe ó castro de Tre´r Ceiri. A meteoroloxía era adversa, as horas de luz escasas, o vento frío e a neve -ás veces ata a cintura- convertía o, xa de por si, duro ascenso nun penoso e esgotador viacrucis. Mais o que se agochaba nese curuto das célticas costas galesas ben valía o esforzo.
Visiten connosco o castro de Tre´r Ceiri, observen as súas estruturas, as súas casas, a súa fachendosa fasquía, seguro que lles terá un aire familiar e quizais acaben sentindo, coma nós, que se coaban ás agachadas na casa duns curmáns máis cercanos do que algúns nos queren facer ver.
Neste vídeo retomámo-la acción onde a deixamos no anterior video adicado ó ascenso cara o curuto do Castelo de Cerveira. Logo de acada-lo cumio e exploralo, comezámo-lo descenso e nel atopamos de xeito inesperado algunhas sorpresas.
O que fai extraordinario o caso é o feito de que aló no cimo existe un lugar amurallado que abrangue ó redor dunha hectárea de extensión. Un lugar ó que non accederon os carros, por exemplo, un lugar onde mesmo as cabalerías teñen serías dificultades para rubir.
Esta realidade que pode parecer desconcertante, atopa sentido máis aló dunha aproximación superficial ás características destas serras, xa que este curuto que ocupa o Castelo de Cerveira non está dentro da parroquia de Pedralbar, no concello de Vilariño de Conso, senón que pertence a unha do concello de Chandrexa de Queixa denominada Requeixo. Ámbalas dúas parroquias están comunicadas entre si por un camiño que atravesa, de SE / NO, a parte máis alta do sur da terra de Queixa, acadando 1.700 metros a carón do Monte do Seixo. Outro camiño semellante une os pobos de Pedralbar e As Forcadas, tamén en Queixa , mais neste caso a ruta transcorre algo máis cara ó norte do camiño de Requeixo. Coma no outro caso a dirección sobre o plano é a mesma, co curso paralelo, sobre un perfil e terreos semellantes. Tamén na metade de camiño acadamos os 1.700 m de altura.
O Castelo de Cerveira fica no medio destas dúas rutas, nun “fondo de saqueta” que remata nunha sorte de balcón sobre a paisaxe do cal, coma de calquera balcón, resulta complicado baixar como non sexa recuando.
Así pois existen dúas vías de acceso que permiten, con bo tempo, atravesa-las alturas. Neste sistema o Castelo de Cerveira constitúe un elemento ó marxe, un lugar que non está articulado no mesmo plano lóxico da mobilidade transterminante. Na estrema dunha parroquia e, xa que logo, na linde con outra na que non está integrado no espazo vital dos veciños. Unha illa que a tradición, como veremos, entendeu poboada por mouros antropófagos, nun arquipélago de cumios e afastada das rutas de navegación.
As glaciacións deixaron extraordinarias paisaxes, pouco coñecidas, en Galicia. Unha delas é a do espectacular teso chamado Castelo de Cerveira, no corazón da Serra da Queixa, no Macizo Central Galego.
Este lugar é un escenario de dimensións épicas ó cal o paso dos séculos e da Historia engadiron excepcionais e enigmáticos restos arquitectónicos que fican hoxe varados, como aqueles outros que seica están no cúmio do Ararat. No caso do Castelo de Cerveira os restos son tan obxectivos como extranos. Unha gran fortificación ben conservada e “náufraga” no cimo dun monte que semella unha xigantesca proa.
Este é o video que acompaña ó relato da ascensión da SAGA a este curuto e do que aló atopamos.
Neste post, adiantamos algúns dos contidos que publicaremos con moita máis extensión no próximo número, o 4, do Anuario Fol de Veleno 2014 da SAGA. O motivo de facelo agora aquí, no blog da SAGA, é servir de acompañamento ó vídeo relacionado con este tema, e que imos dividir en dúas partes. A primeira publicarémola nestes días e a segunda nos vindeiros.
O enigma do Castelo de Cerveira.
En Galicia inda existen grandes preguntas sen respostas que den cabo delas. Atinxen, moitas veces, ó cerne dos acontecementos históricos que encetaron o camiño que ten levado á sociedade presente até as coordenadas económicas, sociais, políticas e antropolóxicas en xeral, que hoxe ocupa.
É por iso que encher semellantes baleiros do coñecemento mediante a disposición dos recursos axeitados proporcionaría unha imaxe con millor resolución da actual situación e posición no mundo que ocupa, hoxe en día, Galicia.
Existen inda nesta terra lugares que agochan respostas á altura das cuestións que prantexan. Unha das áreas especialmente interesantes no tocante a estes enigmas é o Macizo Central ourensán co seu dondo cumio, a Cabeza Grande de Manzaneda, exercendo de fito absoluto de todas as perspectivas.
O Nunatak do Castelo de Cerveira
Neste contexto de alta montaña un dos lugares elevados a unha categoría próxima á que atinxe ós mitos é o Castelo de Cerveira. Un curuto illado, no medio dunha alta serra. Hostil e bravo. Zorregado por tódolos ventos. Un dos pode que tres ou catro lugares iniciáticos ós que subían, subimos, os mais afoutos e bravos dos mozos destas serras.
Imos tentar explicar o por que da épica daquelas viaxes.
Aló temos rubido, pois, os integrantes sa SAGA co albo de proporcionar algúns elementos para a reflexión e que eventualmente, puideran aclarar algunhas das cuestións mais importantes ó respecto deste lugar.
Subida ó castelo de Cerveira pola súa aba este.
Por que a primeira desas cuestións é saber que é a construción que foi feita nese alto. Xa que tal extremo non fica nada claro, en absoluto. Oficialmente, e tal como figura nun panel indicativo disposto no inicio da ruta que leva até aló, pode tratarse “ …dun castro, dunha construción defensiva romana ou ben ter unha orixe medieval.” Nalgunhas outras, moi poucas, publicacións ó respecto adoitan indica-los autores que, segundo a consellería de medio ambiente (Sic.), semellante estrutura é un forte romano.
Para nós, a SAGA, a día de hoxe e a falla dun traballo de investigación arqueolóxica en profundidade, non podemos asegurar cal é a súa orixe histórica, mais si podemos intuir que a súa estrutura dificilmente pode ser identificada cun asentamento castrexo e co que realmente se corresponde o castelo de Cerveira é cunha gran fortificación construída nun cumio que acada preto dos 1550 msnm. na Serra de Queixa, Ourense. As súas coordenadas son 42º11´52.95´´ N / 7º18´32.78´´O. A que tipo de fortificación se corresponde, a canta xente podía albergar e cal puido se-la súa funcionalidade é algo que tentaremos responder no artigo que publicaremos en Fol de Veleno.
Mais describamos agora este magno recinto fortificado.
O castelo de Cerveira abrangue uns 10500m2 de superficie total. Ten un perímetro duns 430 m e foi provisto de 250 m lineais de murallas, principalmente nas orientacións Sur (un tramo de 100 m e outro de 50 cunha porta ou abertura entre elas) e Oeste ( no que aprecia unha pequena abertura que puidera ser un derrube). Tamén conta cun menos extenso, 30 m cara o Noroeste. Estas medidas foron tomadas da ferramenta ad hoc do Google Earth.
O forte visto por Google earth
Entre os recunchos NO e SE pódese trazar unha liña diagonal ideal duns 150m. Entre os SO e o NE outra da mesma mensura que converxerían na zona central do recinto, nas proximidades da súa máxima cota. Da superficie total, o 76% é rochedo, espido e alto, cara o Norte e o Este.
O 24% ten aptitudes habitacionais, herboso e chairo, cara ó Oeste e ó Sur. O rochedo son penedías de xisto nas que atopamos diques de seixo. No espazo con forma de “L” que fica configurado deste xeito obsérvanse en superficie varias cabanas feitas ca mesma pedra deste monte. Con grande probabilidade a extraída do mesmo cumio.
As cabanas teñen un eixe maior moito mais longo que o menor, duns 20 x 4 m e están orientadas tanto ó Norte coma cara ó Oeste. Os seus muros acadan os 0,6m. Case que todas, o 80%, ocupan a parte cara o poñente inda que esta é mais estreita que a parte cara o Sur.
Nesta grande “aira” do mediodía atopamos dúas cabanas en bo estado, coma as outras. A maioría das do recinto, están apegadas contra as murallas. As dúas do Sur están próximas á abertura do valo perimetral, mesmo a carón unha delas e algo mais afastada a outra. Ámbalas dúas totalmente achegadas á muralla.
Sobre a muralla Oeste. Cabana.
Debuxo de campo da SAGA. As cabanas do cumio.
Logo de facer a escalada do teso do Castelo de Cerveira, percorrer o curuto observando e documentando as edificacións que aló se atopan, dirixímonos cara o oeste na procura dun camiño de acceso “regular”.
Non o atopamos, xa que non o hai, mais demos con outros interesantes achados entre os que destacan as escouras metálicas
e, sobre todo, a cabana en perfecto estado de conservación – grazas ó bó facer do seu dono, o Sr. Baltasar de Pedralbar- que fica nas proximidades da aba sur deste monte.
A cabana do Sr. Baltasar. Frontal.
Nela vémo-los mesmos materiais de construción, pedra e madeira da zona inmediata, e o mesmo xeito construtivo sobre un idéntico esquema ou modelo de traballo.
Esquema da cabana do Sr. Baltasar.
Non sabemos se as cabanas do cumio eran exactamente coma estas, mais sen dúbida eran enormemente semellantes. Podemos tomar como hipótese, xa que logo, a continuidade arquitectónica, a adopción dun modelo eficiente ou o paralelismo inducido polas características do medio. En calquera caso un senlleiro elemento da nosa equipaxe cultural galega, coma outros que tamén exporemos no noso traballo ó respecto.
Tal como deberon ser as cabanas orixinais. Velaiquí a do Sr. Baltasar, co que falamos na baixada.
Coidamos tamén que cómpre entende-lo que significa rubir ó curuto no que se atopa este solitario lugar. A opción máis común, que non a única, é a que consiste en acadar o val do río Conso polo leste do Macizo Central. Compre despois subir até o pobo de Pedralbar, así chamado na fala local, ou Pradoalbar segundo a denominación oficial, temos unha marcha de aproximación de preto de catro Km. Dende este inicio ascéndese dende unha cota de 1100 msnm. que é a que pasa polo medio da parte baixa do pobo, até unha cota de 1224 msnm. na que comeza a subida final.
Dende este lugar, na xunta dos regatos Cerveira e Berganzo, no pé mesmo do teso, a rampa que leva até o cumio salva, segundo o mapa topográfico escala 1/50000 do exército, 16 curvas de nivel con 20 m de intervalo entre elas. Segundo as medidas tomadas sobre o plano e tendo en conta a escala indicada, na que cada km equivale no mapa a dous cm., a distancia percorrida dende este punto até o cimo é de apenas 400 m lineais correspondentes á proxección en planta do perfil desta aba do monte. A lonxitude a percorrer pola pendente chegaría a uns 512 m e o desnivel superado sería de 320m. Isto quere dicir que en 400 m de distancia haberemos de ascender 320 m. a porcentaxe de subida é pois de 80 cm cada metro. Unha pendiente pois do 80% (lembremos que unha pendiente do 100% representa “solo” un ángulo de 45º).
É dicir, entendemos que esta ascensión o curuto do Castelo de Cerveira é dura ou moi dura, dada a taxa de incremento de altitude. Haberase de ter en conta ademais que esta pendente é xeograficamente, cóncava. Significa isto que non é constante no seu perfil xa que uns tramos son algo mais pinos que outros sendo algúns tecnicamente subverticais e todos eles “abruptos”.
O tipo de terreo do ascenso tampouco axuda. Carpazas, carqueixas, uces e fentos compoñen a vexetación mais aparente sobre a que compre pasar. Si, estamos a dicir que, ademais, a subida faise “monte a través”. Bloques soltos procedentes de mais arriba batuxan o chan. Entre eles pode haber buratos ocultos onde meter o pe ou a perna. E cando dicimos ascenso, pode que fose millor dicir escalada. Efectivamente, constatamos que ningún camiño, nin vello nin novo, leva cara o cume. Nunca o houbo.
A vida naquel curuto debeu ser apenas supervivencia, polo exiguo e desolado do hábitat destas highlands galegas.
Intensas tradicións de canibalismo e licantropía arrodean este teso glaciar, como a que narra o triste fado daquela pequena devorada polos “mouros” habitantes deste “castelo”, e que puidemos documentar nos pobos.
Unha interesante denominación: Cerveira, que ben puidera facer referencia a un sistema defensivo e militar no que reparamos cando investigabamos este asunto. Trátase dos Cervoli ou Cervuli, defensas semellantes ós galleiros dos cervos e que citan diversos autores latinos.
Evidentemente, quen tomou a decisión de mandar facer o forte do CV debeu ter unha moi boa razón para semellante decisión xa que, se examinamos as condicións de habitación do tal curuto, observamos que o lugar é precario, exposto sobremaneira ós elementos, entre os que cómpre incluír as frecuentes treboadas, os fortes ventos e as grandes nevaradas[1]. Tanto na boa estación como na mala, é mal lugar para verse obrigado a pasar moitos ou cando menos, varios días seguidos, único contexto realista que xustificaría o esforzo construtivo desta fortaleza. Así pois dispoñémonos a analizar varias posibilidades que poideran axudar a descubrir quen o construíu e por que o fixo.
[1] O “Licenciado Molina” na súa descrición do reino de Galicia, refírese no Sec. XV á Serra de San Mamede, nas proximidades rumbo oeste. Esta serra é uns cen metros máis alta que o CV e uns cen metros tamén máis baixa que moitos dos cumios máis próximos ó CV. O autor di dela que é unha das serras máis altas e bravas do reino de Galicia. Na meirande parte do ano háchase neve nela.
Galleiro dun cervo. Os Cervoli eran árbores tronzados e deitados, cas gallas aguzadas e dispostas sobre un valo ou no terreo cara o inimigo. Unha solución de emerxencia.
De todo isto trataremos no artigo do novo nº de Fol de Veleno.
En fin, acompáñennos, se así lles parece, nos vindeiros días, nesta viaxe que en certo sentido foi tamén para nós unha viaxe, ó estilo maxistral de J. Conrad, cara o corazón das tebras.
NAS VINDEIRAS DATAS PUBLICARÉMO-LO VIDEO: “O CASTELO DE CERVEIRA, VIAXE NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA”.
A investigación antropolóxica realizada pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) na aldea de Mallou revelou interesantes datos sobre distintos aspectos da vida, organización e economía local desta comunidade carnotá durante os dous últimos séculos. O traballo realizado polos compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada achegou a este proxecto, entre outros datos, información acerca do uso e explotación agrogandeira do territorio e sobre o aproveitamento do litoral.
A organización do solo, os xeitos de propiedade ou a distribución das distintas vías de comunicación tradicional entre esta comunidade e as poboacións veciñas —tanto do interior como da costa— tamén foron obxecto de estudo. A economía local e o comercio, a xestión do excedente agrícola ou pesqueiro, a riqueza en recursos naturais, o número de colleitas segundo a calidade do solo e a climatoloxía local foron aspectos básicos que tampouco escaparon a este traballo, así como o estudo da paisaxe da contorna e o seu cambio ao longo das últimas décadas.
Rafa Quintía indicando o antigo camiño de acceso ó castro
Aspectos máis vinculados á vida social, como o matrimonio ou a mocidade, entre outros, permitiron albiscar determinadas regras de parentesco que, a falla dun traballo máis intenso, fannos sospeitar a existencia dunha pauta patrilocal no matrimonio. A análise das festas e das celebracións locais revelaron tamén interesantes lugares de agregación e relación social entre as distintas comunidades desta contorna, destacando San Mamede sobre todos eles.
San Mamede e o Bico do santo
Os datos recollidos neste traballo de campo abranguen, como se dixo, un horizonte temporal que podemos acoutar en 150 anos, unhas tres xeracións, que é ao que se remonta a memoria viva dos veciños e que en terminoloxía emic (punto de vista do nativo) podemos denominar o que foi “de toda a vida”.
Horreo de Mallou e pía reutilizada no muro
Malia que, obviamente, estes datos non poden ser directamente extrapolables a un contexto temporal e cultural máis amplo ou distinto, si que poden ofrecernos datos de interese acerca de como vivía e se organizaba no ámbito territorial e económico, unha sociedade tradicional e rural baseada nunha economía primaria de subsistencia e autárquica, alicerzada na explotación dos recursos locais, tanto marítimos como terrestres.
Muíño de man atopado no castro
Algo de suma importancia para estudar as posibilidades de viabilidade e subsistencia das comunidades galaicas da Idade do Ferro como é o caso dos célticos supertamáricos que habitaron o castro de Mallou.
Zonas de pastoreo vistas dende o castro
Estes datos cremos que poden ser de moita axuda, por exemplo, para o estudo dos camiños que comunicaban o castro coas comunidades do interior e do litoral, para a localización dos caladoiros litorais de uso habitual e os posibles emprazamentos de portos ou zonas de interese loxístico, e tamén para a determinación e acoutamento das posibles zonas de pastoreo e praderío, as zonas de uso intensivo do monte ou as mellores zonas para plantío e uso agrario.
Facendo recollida en Mallou con Sole Felloza
Por último, en colaboración con Soledad Felloza, traballouse asemade no campo da recollida da literatura oral, das lendas e das crenzas locais, descubrindo un mundo mítico fascinante habitado por mouros, romanos, “ceutas”, buscadores de sangue, terribles criaturas aladas como a Rampoña ou fermosas soberanas como a raíña Lupa. Grazas a este traballo de recollida oral puidemos redescubrir unha das xeografías míticas que rodea ao castro de Mallou e que ficaba no esquecemento comesta pola vexetación.
Os Mouchos, abrigo inmediato ao castro localizado grazas á colaboración veciñal e ás lendas de mouros
Un lugar que presenta un grande potencial arqueolóxico a estudar no futuro, referímonos ós penedos coñecidos como Os Mouchos, no Outeiro da Xesta. Unha marabillosa pala, ou abrigo natural, conformada por penedos e outras formacións rochosas suxestivas que, segundo tradición local, foron acubillo dos mouros, de igual xeito que o fora o castro de Mallou.
Miguel Losada explicando lendas sobre o castro
Neste ámbito de cousas cómpre sinalar que o nome local co que se refiren as xentes de Mallou a este castro é A Raíña Lupa, pois neste xacemento posuía a famosa soberana o seu castelo e o seu trono, cadeira pétrea que aínda se pode contemplar sobre o Outeiro da Campá, verdadeiro amplificador natural usado polos nenos do lugar debido as capacidades sonoras e de produción de eco que posúe esta espenuca granítica.
O trono da raíña Lupa
Indagando nos xogos dos nenos descubríronse posibles usos das pías naturais que adobían os penedos do castro e tamén outros interesantes microtopónimos que poden facer relación a estruturas adxacentes á muralla do castro de Mallou, como as Casiñas do raposo, baixo o outeiro das Sete Cabezas.
Outeiro das Sete Cabezas
A participación da SAGA neste proxecto ten vocación de continuidade e pretensión de calidade. Precisa, xa que logo, dun traballo de campo prolongado que deberá ser desenvolvido no tempo e que terá como albo o locus antropolóxico con epicentro en Mallou. A relación entre a comunidade e a cultura ven condicionada pola dialéctica entre os condicionantes externos e as pulsións internas. Por elo a SAGA comezou o estudo da interpretación do medio físico como resultado do rexistro histórico. A casa, a aldea, a parroquia e a comarca son as unidades de agregación tomadas en conta polo de agora, o seu estudo deberá permitir o mellor coñecemento da cosmovisión que sustenta a relación dinámica entre a xente de Mallou e o seu pasado.
Pombal en Mallou
Estrutura do tellado dun pombal. Exemplo de solución arquitectónica para cubrir unha construción circular
Unha das liñas de investigación neste contexto, e que queremos salientar pola potencia da cultura inmaterial que a sustenta, será a da exploración do proceso de construción da idea dos “ Mouros” como un proceso de establecemento dunha alteridade sobre a que construir a propia identidade colectiva.
O director da excavación Antón Malde falando con Miguel Losada
Esta imaxe, estendida por toda Galicia, está tamén presente neste lugar e, segundo a xente de Mallou, eles terían edificado o castro que se erixe omnipresente por riba da aldea. Non se lles atribúe, pois, aos devanceiros esta obra, se non aos membros “doutra” sociedade, relacionados dun xeito simbiótico co seu entorno, do que amosan un gran coñecemento, e que adoita ser eminentemente gandeiro e montañés. A construción da idea de alteridade —os outros, eles/nós, os mouros e axente do pobo— esixe o desenvolvemento dun proceso de conflitividade, redución, illamento, marxinación, afondamento no xeito de vida dos tales “outros” baseado no seu coñecemento do entorno; endogamia e estrañeza. Con esta hipótese de traballo, na SAGA vaise tentar aportar traballo neto ao esforzo multidisciplinar realizado no castro de Mallou de xeito exemplar por parte de todos os voluntarios e colaboradores desta iniciativa.
Tan só nos queda agardar que o traballo de campo realizado polos compañeiros Rafael Quintía e Miguel Losada dentro deste proxecto de arqueoloxía social sexa de utilidade na marabillosa aventura de achegar luz ao noso pasado. Dende a Sociedade Antropolóxica Galega queremos aproveitar esta ocasión para felicitármonos todos por iniciativas culturais como esta e agradecerlles, en primeiro lugar, aos promotores e directores do proxecto que confiaran en nós para este traballo e, en segundo lugar pero non por elo menos relevante, a todos os colaboradores e voluntarios polo cariño e trato recibido no tempo que pasamos xuntos. Rematamos por agora pero volveremos ao castelo da raíña Lupa…se a rampoña nolo permite.
Como remate da primeria campaña de traballo sobre esta extraordinaria peza do patrimonio de Galicia, onte , día 24 de Agosto de 2013 animamos á xente da contorna para que subiran até o lugar onde se atopa co albo de experimentar outra caste de relación cun senlleiro elemento da nosa cultura descuberto pola SAGA nos últimos tempos.
Perto de cen persóas subiron no medio da noite e a pé por unha pista forestal absolutamente escura, até a media ladeira do Monte Meda. Chegaron á entrada coto mineiro de Arcucelos e un pouco por riba da antiga casa dos guardeses dunha das minas que ó longo do tempo, ten aproveitado o tesouro de estaño e volfram, atenderon ás explicacións realizadas sobre o panel mesmo e con diferentes iluminacións. A lectura da poesía de Rafa Quintía por parte de Luis Lozano, o Home da Pedra, e a heroica – polo precario das condicións- actuación de Rafa Castro e Nito G.moro puxeron fin desta volta, ó traballo de investigación e divulgación neste lugar.
Mais esta laboura non ten feito mais que comezar. Novas actividades xa cocen na pota da SAGA e novas liñas de investigación e divulgación dan, silandeiramente, os seus primeiros pasos.
Até breve, pois.