"O blog da SAGA"

7. A SAGA NOS MEDIOS (prensa, radio,tv)

As Mariscadoras Galegas no cupón da ONCE.

Miguel Losada (SAGA)

En abril de 2018 a ONCE convocou un concurso fotográfico denominado VEO EVOLUCIÓN que tiña como obxectivo seleccionar imaxes para ilustrar con elas unha serie de cupóns que sairán ó público no outono deste ano e que conmemoran o 80 aniversario desta organización. Agora sabemos xa que a cultura galega vai estar presente como unha imaxe en 5.5 millóns de cupóns da ONCE.

A web www.veoevolucion.es servíu para o desenvolvemento e seguimento do proceso e nela poden verse as imaxes presentadas.

Grazas ó traballo fotográfico e de documentación realizado polo fotógrafo da SAGA Pedro G. Losada, a extraordinaria actividade das mariscadoras galegas e da Ría de Muros e Noia en particular, van ter un recoñecemento público que ben merecería ser moito maior dentro de Galicia tal e como expuxemos nunha entrada anterior ca que quixemos evidenciar o feito de que tanto o traballo do marisqueo a pe realizado polas mariscadoras galegas, como a contorna social e natural creada pola actividade das sucesivas xeracións habitantes desa parte da costa galega, teñen todos os atributos precisos para seren consideradas Paisaxe Cultural Patrimonio da Humanidade.

32260799_10204505551594675_9100888752212934656_o

Foto Gañadora. Maruxía no Testal. Pedro G. Losada

 

Berberecho da Ría de Muros e Noia.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2016/10/04/berberechos-da-ria-de-noia-unha-paisaxe-cultural-de-relevancia-mundial/

Dentro de Galicia hai outras realidades que ben merecerían e poderían tamén recibir tamén o mesmo recoñecemento internacional. Iso sería positivo se tal cousa servise para que non desaparecesen relacións tan singulares como as que a cultura galega ten establecido entre a Terra, o Mar e os Ceos. Lamentablemente é demasiado tarde para algunhas destas construcións sociais xa desaparecidas ou deterioradas até a súa desfiguración.

Fora de Galicia e en boa medida tamén dentro dela, o ancestral esforzo marisqueiro a pe, a súa importancia para o coñecemento da historia do poboamento da ecúmene, o seu significado antropolóxico a escala global, son  realidades fundamentalmente descoñecidas. O mesmo pode dicirse de outras actividades tanto en terra como no mar.

Agardamos que esta gran proxección e promoción exterior que pode ter agora o traballo das mariscadoras, axude a mellorar as súas condicións laborais e ó mantemento da actividade e da sociedade que a deseñou e á cal serve, como algo vivo e dinámico que garde a súa esencia e as conserve viables como actividade económica e xeito de vida dentro das adaptacións ó ritmo dos tempos.

Doutra banda e unha vez mais, como xa acontece en relación a outros temas galegos[1], un traballo esforzado e silente como este o do fotografo da SAGA, realizado en simbiose ca comunidade de mulleres marisqueiras, vai servir para resaltar e difundir a potencia plástica da cultura galega, a cal provén da autenticidade, honestidade e elegancia ca que se realiza tanto por parte do noso compañeiro como das mariscadoras galegas. Grandes parabéns para un e outras.

Cfr.

http://ecodiario.eleconomista.es/sociedad/noticias/9045043/04/18/El-concurso-veo-evolucion-de-la-once-invita-a-la-poblacion-a-plasmar-su-foto-en-cinco-millones-de-cupones.html

http://www.programapublicidad.com/la-once-crea-concurso-fotografico-poner-foto-cinco-millones-cupones/

http://www.lavanguardia.com/vida/20180403/442159084951/ponen-en-marcha-un-concurso-para-plasmar-fotografias-en-el-cupon-de-la-once.html

 

[1] https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/?s=mucem


Expedición Galega a Bruselas: Xogando á billarda diante do Parlamento Europeo.

Por Miguel Losada. Secretario SAGA

Imaxes © Pedro G. Losada SAGA. Agás indicadas.

Estes días temos estado algo ocupados en Bruxelas. A SAGA, dentro da expedición galega até esta cidade, solar do Parlamento e da Comisión Europeas, foi recibida por responsables desas institucións que foron casa da cultura galega por tres días. Explicamos aló que as industrias da cultura non deben ser confundidas ca substancia amniótica que é en realidade a Cultura, e que nutre a estas. Dependen unha da outra, e xuntas son mais que a suma das dúas.

cartel-facebook-e-demais-tentation-galego_1488x550

Cartáz do programa de chegada no formidable local de La Tentation.

Aló tivemos a oportunidade de escoitar o como e porqué do funcionamento destas entidades, de expor opinións, ter unha conciencia mais clara da nosa realidade como cultura dotada gran capacidade de expresión artística e cultural e que conta con profesionais de gran talento. A Comisión Europea, por medio de dous representantes, escoitou as nosas preguntas e respondeunas, malia que no de xeito satisfactorio. No Parlamento puidemos usar diferentes salas de reunión como lugares de traballo. A carga simbólica destes espazos, a posta en escena ou rito se se quere, e o formato que impón o ritmo da institución foron moi importantes para centrar as cuestións e aproveitarmos o tempo e a oportunidade.

Agradecemos, tanto á euro_deputada Lidia Senra como a todo o equipo de traballo deslocado ó aló, todas as xestións e o traballo de moderación dos debates, loxística e organización que resultaron moi proveitosos para a cultura galega, na nosa opinión.

Agora debemos afrontar a tarefa de consolidación das liñas de traballo que xurdiron deste evento. Colaborarmos para a redacción dunhas conclusións; aumentarmos a taxa de contactos entre asociacións de base, artistas, responsables de contidos relacionados ca nosa cultura, editoriais e calquera persoa ou entidade interesada na prosperidade colectiva galega.

Compre expresarmos, coido, que Galiza atesoura na súa cerna cultural todo aquilo que Europa precisa considerar se pretende camiñar cara a definición de si mesma como un axente de recoñecida lexitimidade e predicamento no contexto internacional.

A cultura galega garda versións insubstituíbles dos contidos comúns a tódolos pobos de Europa. Galiza non é unha singularidade ou anécdota cultural; é unha cultura plena e homologable ás demais do continente; a nosa equipaxe cultural, acrisolada na forxa da Historia, resulta imprescindible para a mellor comprensión da realidade conxunta da familia europea. O noso é valioso non por privativo dos galegos e galegas, mais si por manter e achegar á sinfonía compartida de contidos que dan conta dunha realidade colectiva que sería moito mais pobre e inintelixible na historia sen o concurso de Galiza.

Compre, pois, facermos o que no se ten feito: deseñarmos e aplicar unha didáctica ó respecto. Unha que sexa quen de transmitir o que foi furtado do panorama comunitario e estatal, como é a realidade de que Galiza posúe a capacidade de enriquecer de xeito senlleiro o panorama da identidade dos pobos de Europa.

 

A nosa produción cultural depende, para ser nosa, de que xurda desa complexa e inveterada equipaxe cultural que mencionei antes. Axudar, dende as institucións comunitarias, a facer factible o desenvolvemento desta produción implica, pola nosa parte como sociedade, o compromiso, deber e conveniencia, de coñecer e gastar os nosos propios contidos.

Moitos son os exemplos que ilustran o feito de que Galiza é o solar dunha paisaxe cultural de estrutura tan relicta e xenuína como potente, mais posta ó día polas sucesivas xeracións de traballadores e traballadoras galegas. Nada como unha potente tradición para asentar sobre ela unha sociedade innovadora e moderna. Compre restituírmos esa conexión entre o ter sido e o querer sermos. Galiza pode ser, en Europa, o escenario idóneo, ou un deles, da posta en práctica da re_fundación das estruturas comunitarias baseada na necesaria definición dun marco identitario e cultural, xa que logo, común. A explicitación deste compromiso por parte da sociedade galega, a defensa na nosa identidade como cultura, engrandece e capitaliza culturalmente ó contexto europeo.

Foi o gran valedor desta idea, o filósofo Johann Gottfried Herder, que xa no XVIII proclamaba que cada Pobo posuía de seu un motor interno para o seu desenvolvemento. Herder acuñou a idea de cultura que manexamos hoxe en día. Para Herder, os pobos forman parte do conxunto da diversidade humana. A maneira de ser de cada pobo, a súa diversidade, engrandece ó xénero humano. Tamén ó contexto europeo. O mérito de cada Pobo deriva da súa capacidade para expresarse con voz propia nun contexto coral. Esa voz, esas singulares capacidades de expresión constituirían o que agora denominamos cultura. Herder sería hoxe un crítico da Globalización e, seguramente, un activista da diversidade cultural mundial baseada no diálogo entre Pobos. A defensa pois da identidade de Galicia no contexto europeo, reforza á de Europa xa que todo o que nos fai galegos fainos europeos na medida de que boa parte diso que é sermos Europeos xurde en Galicia:

Nodo fundamental das primeiras arquitecturas monumentais europeas; o espazo euro_atlántico de intercambios da idade do bronce; o gran urbanismo protohistórico; o primeiro estado medieval no continente; a nación que no século IV deu simultaneamente un emperador, (Magno Clemente Máximo) un papa,( Dámaso)  un reformador social a escala continental,(Prisciliano) etc; o referente ideolóxico místico baixomedieval, o camiño pan_europeo de Compostela; o desenvolvemento dunha literatura, unha lírica, unha música, a creación dunha especial relación co sector primario, simbiose entre un pobo e a terra que terman cadaquén do outro. Nai dunha lingua falada, cas súas versións, por todo o mundo. O perfeccionamento de modelos populares de explotación da Gandería, agricultura e pesca; A capacidade en definitiva de ter resistido, até hoxe, os potentes ataques a todas estas realidades e outras enumerables.

Mais todo isto non é evidente, nin nas institucións europeas, nin entre todos os axentes culturais e sociais Galegos, nin na sociedade galega no seu conxunto, e moito menos nas instancias administrativas de Galiza onde mesmo nin a lingua é un valor absoluto. Insistimos, pois na necesidade dun deseño didáctico proxectable cara as institucións comunitarias mais tamén reversible e viable como predicado interno.

https://www.facebook.com/SOS-Arte-Rupestre-Galega-877792378989242/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2014/03/18/a-saga-e-o-museo-das-civilizacions-de-europa-e-o-mediterraneo-dende-o-26-de-marzo-ate-o-4-de-agosto-de-2014/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2016/10/04/berberechos-da-ria-de-noia-unha-paisaxe-cultural-de-relevancia-mundial/

Galería de imaxes © Miguel Losada – SAGA. Alonso, Quintía e Losada cos compañeiros: Xurxo C. de A Citania Arqueoloxía e con M. Miranda e M. Vizoso de Mariña Patrimonio no país de Tintín. Xogando á Billarda diante do parlamento Europeo o 7 novembro de 2016 grazas á xente da Asociación Xotramu de Muimenta, Lugo e a toda a expedición galega.

O asunto na prensa e medios.

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/42932-delegacion-reivindica-papel-cultura-galega-europa

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2016/12/09/sector-cultural-gallego-denuncia-bruselas-marginacion-precariedad/0003_201612H9P39992.htm

http://ageuropa.gal/unha-delegacion-de-65-persoas-da-cultura-galega-viaxa-a-bruxelas-para-facer-visible-a-situacion-do-sector/

http://baiaedicions.net/editorial/preparadas-para-reclamar-o-desenvolvemento-da-lei-do-libro/

Evento na Tentation:

https://www.facebook.com/hashtag/europacapitalgaliza?source=feed_text&story_id=983745768397422&pnref=story

Unha xuntanza histórica polas posibilidades que abre a novos xeitos de colaboración e de establecemento dunha rede de axudas mutuas e contactos que fagan mais sólido o panorama da xestión e creación de contidos en Galicia. Finalmente, rematamos cun comezo. Un punto de inflexión cara á mellora substantiva na xestión colectiva e descentralizada dos contidos galegos. Un incremento nos intercambios e colaboracións orientado a crear mais valor engadido na produción cultural galega actual e, como consecuencia disto, reducirmos as feblezas que lastran a vivencia, produción e consumo da cultura galega en todas as súas manifestacións tanto fora como dentro do país. Nos encetamos, pois, este regreso á Terra con esta proposta para seguirmos o diálogo e dar quenda de intervencións neste sentido. Fale quen teña que dicir.


San Xonás patrón putativo do entroido. Actividades da SAGA no Entroido 2016

 

Miguel Losada SAGA

Como cada ano, dende que existe a SAGA, as actividades anuais desta entidade relacionadas co Entroido son varias e diversas. A xeito, apenas, de breve memoria ó respecto podemos indicar agora as tres edicicións das Xornadas do Entroido da SAGA, das que imos publicando as correspondentes atas,  e que vimos celebrando en Pontevedra. As deste ano van ser as IV que organizamos e delas daremos conta cumprida.

Temos tamén no noso haber varias intervencións con carácter divulgativo como as realizadas na Universidade Nova de Lisboa, na Facultade de Letras do País Vasco, a participación nun especial do coñecido programa da TVG “Alalá”, numerosas intervencións en programas de varias emisoras do panorama da radiodifusión galega, a colaboración e participación directa no Festival da Máscara Ibérica que se ben celebrando en Lisboa dende hai dez anos, a implicación co xurdimento e divulgación da Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, a colaboración decisiva con institucións e entidades de ámbito europeo como o Museo das civilizacións de Europa e do Mediterráneo (MuCEM ) con sé en Marsella – Francia – ou co Museo da Máscara de Binche en Bélxica; ou as moitas charlas e presentacións que co gallo do Entroido tivemos a honra de compartir con xentes de toda Galicia.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2015/03/04/as-iii-xornadas-do-entroido-da-saga-en-imaxes/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/05/06/imaxes-da-conferencia-na-universidade-nova-de-lisboa-e-da-presentacion-no-centro-galego-de-lisboa/

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/?s=MuCEM

 

Non podemos esquecer o traballo de documentación gráfica e fotográfica dos compañeiros da SAGA, grandes artistas en cadansúa disciplina, como son Paco Sutil, no seu labor a prol de proxectos de recuperación do Entroido de Marcón en Pontevedra,  ou Pedro G. Losada no seu impresionante traballo fotográfico, internacionalmente recoñecido, que está a crear un valiosísimo arquivo dun dos nosos mais senlleiros acenos culturais como é o Entroido. Cada ano imos recollendo audios e videos como os que divulgaremos a seguír do entroido 2016. Fiquen atentos, se lles parece.

12615405_1004705612940516_3966234529866373972_o

Falando, xunto co compañeiro investigador Rdgz. Cruz, da Figura do Cigarrón na Biblioteca Pública Municipal de Verín o 26 de Xaneiro de 2016

12622570_1004705726273838_2658496796523996923_o

Os veciños dando sentido á súa biblioteca. Que conste o noso agradecemento

Así as cousas, o feito de que nestes días teñamos participado en actividades como a organizada pola Biblioteca Pública de Verín, ou nas que participaremos nestes días vindeiros, non deixa de ser, tamén, un sinal de identidade para a SAGA.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2016/01/28/a-saga-nas-i-xornadas-do-entroido-da-asoc-etnogafica-a-merdeira/

Non por nada algúns de nos xa estabamos facendo divulgación neste sentido hai mais de quince anos, cando a SAGA malia non existir, abroiaba xa no noso maxín. As máscaras de Pan, feitas con fariña auga e papel, recuperadas da memoria como proposta de conexión entre a infancia antiga e a vellez nova a prol da identidade local, foron xa en febreiro de 2001, protagonistas dun obradoiro que anunciabamos con estas palabras que inda hoxe podemos subscribir:

“ Obradoiro de Máscaras do Antroido:

Centro Comarcal Terras de Trives 3, 4 – 10 e 11 de febreiro de 2001

Confeccionar mascaras do antroido aprendendo a facelas cas mans, empregando un método frugal de auga, fariña, papel e pouco mais, significa conectármonos directametne ca mesma realidade interior que permite creacións como a literatura ou a pintura. É dicir, ese nivel de conciencia que denominamos sensibilidade. O feitureiro de máscaras traballa pois consigo mesmo como materia prima fundamental, forxando no lume da imaxinación os elementos que lle permitan, ó cabo, mudar nun ser diferente e transitorio. O proceso de construción é deste xeito un acto íntimo, persoal e intransferible xa que sería unha mágoa que outros nos substituíran imaxinando por nos, sentindo por nos…Que cada quen compoña a súa personaxe e que o guión sexa, como moito, só un resultado.

Miguel Losada. A Pobra de Trives Antroido de 2001”

Unha exposición fotográfica de imaxes capturadas por Pedro, o fotógrafo da SAGA, no Entroido do ano anterior  completaban un programa que daquela pechamos o 14 de marzo seguinte. Case podería ser calquera programa da SAGA hoxe en día.

Coidamos que actualmente, aquela mensaxe inda é pertinente, e por iso permitímonos lembrala, reciclala, como a nosa proposta para o Entroido de 2016. Suxerimos vivir cada un cadanseu Entroido, en cadansúa localidade de referencia, neste sentido visitar outros entroidos é algo recomendable, mais compre facelo mediante o expediente de implicarse neles, seren cómplices en todo intre, no canto de consumir entroidos coma se foran produtos. É apenas unha recomendación, a nosa para este ano en curso e vindeiros. O Entroido está integrado por intres horizontais, colectivos e descentralizados antes que por horarios verticais e organizados. Somentes se ve o Entroido cando se está dentro del por iso o seu patrón é – ben puidera selo – san Xonás.

Nos vindeiros días, os da SAGA sairemos de Entroido, pois, e tamén falaremos del en varios sitios, como xa fixemos este pasado 30 de Xaneiro nas I Xornadas do entroido da Asociación Etnográfica a Merdeira; en Radio Arzúa; no programa Zig-Zag diario da TVG, ou o faremos inda no programa A Tarde da RTVG na tarde do martes de entroido ou o vindeiro día 16 de Febreiro no IES de Allariz.

 


Quentando motores…e bombos. Viva o Fulión e viva o Entroido!

Xa saben, todos temos unha cita ca cultura galega. Se o ano pasado foi a cidade de Marsella mediante o MuCEM, desta volta levamos a nosa potencia cultural a Binche, grazas ó seu extraordinario Museo da Máscara e tamén á Mons, Cidade Europea da Cultura 2015. O noso compañeiro e fotógrafo da SAGA, Pedro G. Losada ten proporcionado de novo as súas imaxes, que importantes institucións culturais e administrativas destes paises, entre outros, consideran representativas da cultura de todos os europeos.

Nun día como hoxe tomar partido pola cultura, seguir adiante e gastar cultura galega, empezando por nos mesmos, como exemplo de tolerancia e respeto faise tan importante como poucas veces o ten sido.

invitmail

invitmail2

carte de voeux - copia_page1_image1


AS PEDRAFITAS NO FARO DE VIGO: ENTREVISTA AO COLABORADOR ALBERTE ALONSO

Entrevista realizada ao colaborador da SAGA Alberte Alonso co gallo da publicación do libro “O uso das pedrafitas no neolítico galego”, primeiro número da colección de monografías da Sociedade Antropolóxica Galega.

entrevista alberte

RESUMEN FOTOGRÁFICO DA PRESENTACIÓN DE “O uso das pedrafitas no neolítico galego”

ap alberte 03

ap alberte 07

ap alberte 09

ap alberte 11 - copia

Fotografías de João Bieites


AS “II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA” NA PRENSA

Entrevistas e reseñas de prensa publicadas co gallo da celebración das “II Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) esta pasada semana. Ademais das Xornadas, falamos do traballo de recuperación que estamos levando a cabo dende a SAGA.

entrevista entroidoDiario de Pontevedra

faro de vigoFaro de Vigo

la vozLa Voz de Galicia

ponetvedra vivaPontevedra Viva

diario pontevedraDiario de Pontevedra

faro de vigo 21 febrFaro de Vigo

galicia confidencialGalicia Confidencial

la voz 2La Voz de Galicia


Imaxe

A SAGA aporta parte dos seus fondos documentais para unha exposición do MuCEM. O Museo das civilizacións de Europa

O Mundo do revés é o título da nova exposición que terá como escenario as instalacións do MuCEM, en Marseille, Francia. Esta institución abriu as súas portas en xullo do ano 2013 co gallo de servir como a casa escaparate das manifestacións culturais da Cultura e as  Civilizacións de Europa.

Os integrantes da SAGA levamos moitos anos investigando e documentando os entroidos de Galicia como unha parte insustituible e esencial para entender o contexto europeo das festas da invernía do noso continente. O traballo dos colaboradores e investigadores da SAGA a prol da Cultura de Galicia  foi recoñecido e considerado valioso polos responsables de contidos do museo que o consideraron interesante para axudar a coñecer, dun xeito mais exahustivo, a realidade cultural e tradicional dos pobos europeos. Esto, evidentemente, é un merito da nosa cultura e da súa excepcional calidade e fondura de contidos que nun tempo mesmo estiveron no centro mesmo das dinámicas expresivas e creadoras das terras que marxean as costas occidentais da vella Europa.

Neste enlace poden descargar mais información ó respecto Présentationcom2013

Así, dende hai mais dun ano, temos estado traballando xunto ca conservadora xefa do MuCEM, Marie_Pascal Mallé, e outros traballadores do MuCEM, como a Srª. Anne André,  co albo de que as festas da invernía galega estiveran presentes en pe de igualdade cas do resto dos paises da UE.

Pois ben, grazas ó bo facer do fotógrafo da SAGA Pedro G. Losada a cultura de Galicia, por medio dunha das súas iconas mais salientables, ondea a todo trapo na fachada do Museo das Civilizacións de Europa. Para a SAGA resulta apropiado falar de Cultura e Civilización galegas, neso andamos.

Visiten pois se poden e lles apetece a fermosa cidade da Galia Narbonense cuxa bandeira será neste ano, un chisco mais branca e azul.


Enlace

ENTREVISTA Ó COMPAÑEIRO RAFAEL QUINTÍA NA RADIO GALEGA CON MOTIVO DA PUBLICACIÓN DO LIBRO “ALICORNIO”

LIGAZÓN:

Entrevista a Rafaél Quintía Pereira na Radio Galega

Rafa Quintía percorre neste audio os mundos do alicornio en Galicia. Das escuridades das orixes do mito até as diversidades do ritual de sanación.


REMATAMOS A FILMACIÓN DO DOCUMENTAL “A MEDA DO CENTEO”

Esta mes de agosto rematáronse os traballos de gravación do audiovisual “A MEDA DO CENTEO”,  terceira entrega da triloxía: CONSTRUCIÓNS VEXETAIS EFÉMERAS DO VAL DO RÍO TOMEZA (GAFOS). Unha serie de tres documentais promovida pola asociación medioambiental Vaipolorío de Pontevedra e cuxa realización, gravación e edición correu a cargo de João Bieites da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).

meda 1

Faro de Vigo, 21 de agosto de 2013

 

meda 2
Diario de Pontevedra, 22 de agosto de 2013


O PROXECTO DO ALTO TÁMEGA EN “GALICIA CONFIDENCIAL”

GC __ A arqueoloxía social aterra no Alto Támega_Página_1
GC __ A arqueoloxía social aterra no Alto Támega_Página_2


Presentación Anuario fol de Veleno nº 3 no programa O Sombreiro de Merlín de Radio Obradoiro.

Miguel Losada. Secretario SAGA

Este vindeiro Sábado de 12  a 13 h, no Sombreiro de Merlín de Radio Obradoiro,  falaremos dos contidos do novo número do Anuario Fol de Veleno, publicación en papel da SAGA, e conversaremos cos demais convidados do emblemático programa dirixido por Alicia López.

O Sombreiro de Merlín é un programa literario e cultural no que se propicia o encontro das artes, as ciencias e as humanidades. É dicir, constitúe un biotopo óptimo para as actividades da SAGA.

Ademais, neste programa a música perfecciona o rito propiciatorio no que, ó redor dunha mesa redonda como aquela outra de Camelot e baixo a advocación de San Merlín, esconxuraremos as tebras que tentan toldar a cultura galega.

http://www.radioobradoiro.com/programas/?pag1=2&int1=63

A literatura artúrica foi primeiro tradición oral. As tríades da Illa da Bretaña, propias do pais de Gales, recolleron tradicións e contos que foron despois empregadas polos bardos e rapsodas da idade antiga e alto medieval naquelas terras. Así fixéronse barco para trasladar no tempo, como cápsulas inasequibles á erosión dos séculos, os materiais históricos e ideolóxicos dun tempo fuxido.

A Historia dos Britóns de Nennius de Bangor, aló polo 800 da nosa era recolle xa a figura dun dux belorum  chamado Artur. Os Annais de Gales e despois a magna obra de Geoffrey de Monmouth, Historia dos reis da Britania, de 1136, elaboran con semellantes vimbios os caracteres que hoxe son xa patrimonio mundial. Aparecen así,  Merlín e a espada Caliburn.

A litteratura artúrica devén un fenómeno colectivo, outro mais, dos pobos de Europa.   Nesta etapa destaca a labor de Cretien de Troyes  que bebendo das fontes célticas e da denominada “Materia da Bretaña”, ou sexa, as lendas e tradicións bretonas, escribe varias novelas entre as que resultará decisiva a titulada O Cabaleiro da Carreta  ( Charrette en francés ), de 1176-1181.

O derradeiro gran valedor do antigo mundo ideolóxico europeo foi  Sir Thomás Mallory, que nos derradeiros anos do século XV ca súa Mort d´Artur´( En francés medio no orixinal)  impediu o colapso do edificio da literatura artúrica.

Así as cousas Galicia ten moito que dicir neste eido. É coñecida, cando menos polos lectores de Fol de Veleno, a presenza na nosa Terra dunha verdadeira e material  Caliburn ou Excalibur e non só unha. Mais tamén nas tradicións relacionadas ca Lagoa de Antela atopamos esta “Materia da Bretaña” . Así, e segundo obra na documentación relacionada ca fundación, aló polo 1520, do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, na Alta Limia, Ourense, era xa daquela unha vella e inmemorial cousa sabida, tradición oral xa que logo,  o feito de que, encantados baixo a fasquía de cínifes, fican naquelas  augas os exércitos de Artur agardando o retorno do Rei.

Imaxe

Lagoa de Antela ou Lago do Beón

Feito non menos significativo é a presenza  na cultura popular do Carbunco, extraordinario animal acuático que  mora nas súas augas galegas tal e como o fai o Carbuncle irlandés nas do  Condado de Kerry, no sur leste do país. Non é por nada que moitas fincas das costas do norte galego marxean segundo as súas escrituras, “ca illa de Irlanda”.

Así pois, en Galicia, falar dende O Sombreiro de Merlín,  é unha cousa que cando menos os da SAGA, consideramos propia e natural.

Grazas pois  Mag@, a ti é mailo teu chapeu.


O ANUARIO “FOL DE VELENO 2013″ NO SUPLEMENTO DOMINICAL DO DIARIO DE PONTEVEDRA

Reseña publicada o domingo 21 de abril, na sección Anaquel dos Libros do suplemento dominical do Diario de Pontevedra.

FOL DE VELENO DIARIO


A SAGA NAS “I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO”

No transcurso das tres semanas que duran estas xorndas organizadas pola asociación Queremos Galego Marín presentarémo-lo anuario “Fol de Veleno”, proxectarémo-lo documental “Sete camiños, encrucillada do tempo” e poderemos guiar a quen así o queira polo patrimonio e as lendas do roteiro dos Sete camiños. Parabéns ós organizadores pola iniciativa.

CARTAZ-XORNADAS

xornadas patrimonio marín


NOVO DOCUMENTAL DA SAGA

Estamos en plena gravación do terceiro documental da SAGA para os amigos da asociación Vaipolorío. Este traballo audiovisual, que corre a cargo do compañeiro João Bieites, leva por título “Sementeira do centeo” e completa a triloxía adicada ós labores do campo na contorna do val do río Tomeza.

Grabación de la _Semente.._Página_1


O MUNDO SIMBÓLICO DOS XEOGLIFOS E PETRÓGLIFOS. AUDIO DA ENTREVISTA EN “ESPACIO EN BLANCO” DE RNE

espacio en blanco Dende aquí, ó noso agradecemento ó programa e ó seu director Miguel Blanco por interesarse polo noso traballo e polas atencións e o exquisito trato recibido.

Audio da entrevista ós compañeiros da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) Rafael Quintía e Miguel Losada no programa “Espacio en Blanco” de RNE. Data de emisión: madrugada do 9 ó 10 de marzo de 2012.

ESCOITA-LO AUDIO:
http://www.ivoox.com/mundo-geoglifos-petroglifos_md_1858749_1.mp3″ Ir a descargar

VLUU L100, M100  / Samsung L100, M100
Rafael Quintía e Miguel Losada co presentador do programa Miguel Blanco nos estudos da Casa de la Radio de RNE.


REMATARON AS “XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA”

casa das campás

DSC_0376

O pasado venres 22 remataron cungrande éxito de participación as “Xornadas sobre o Entroido en Galiza” que organizamos a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo que cedeu as instalacións. As xornadas complementáronse cunha exposición de traxes, fotografías e outros elementos relacionados co entroido galego co fin de achegar á cidadanía e a todos aqueles que asistiron ós relatorios unha pequena mostra da riqueza e variedade das distintas formas de expresión do noso Entroido.

DSC_0329

Os dous días que estivo aberta a exposición contou con grande afluenza de público e os relatorios gozaron dun aforo cheo, cousa que nos satisface enormemente e que nos anima a seguir traballando nesta liña e neste tipo de formatos divulgativos.

859933_4910924248575_253682634_o - copia

De esquerda a dereita: Antonio Vázquez, José Ángel Rosales, Rafael Quintía e Miguel Losada

mesa
De esquerda a dereita: Antonio Vázquez, José Ángel Rosales, Rafael Quintía, Miguel Losada e a concelleira Carmén Da Silva

O xoves 21 interviron:

Antonio Vázquez (músico tradicional), co relatorio “O Entroido urbano en Pontevedra”

José Ángel Rosales (etnógrafo e músico tradicional), co relatorio “O Entroido en Vilaboa, madamas e galáns”

Miguel Losada (secretario da SAGA), co relatorio “O Entroido en terras de Ourense”

858193_4910920368478_1064651264_o

publico

O venres 22 interviron:

Benito Salgado (músico tradicional e cigarrón) que falou do traxe de cigarrón e da fabricación de máscaras de cigarrón, xa que o artesán Nelson Salgado a última hora non puido asistir por un problema de saúde.

Xerardo Santomé (antropólogo e músico tradicional) co relatorio: “O merdalleiro”

563441_10151347439699794_192740925_n

O cigarrón Benito Salgado explicando os segrdos do traxe e da máscara de cigarrón

DSC_0402

O antropólogo Xerardo Santomé nun momento da súa intervención

En vindeiras datas colgarémo-los videos correspondentes ás distintas intervencións.

escanear0001

escanear0002


Imaxe

“XORNADAS SOBRE O ENTROIDO” DA SAGA NO FARO DE VIGO

escanear0004

mb

Xornadas sobre o Entroid.._Página_1


AS “XORNADAS SOBRE O ENTROIDO” DA SAGA EN PONTEVEDRA VIVA

PONTEVEDRA VIVA, ENTROIDO

LIGAZÓN:


“CENTEO”. COMEZA A FILMACIÓN DUN NOVO DOCUMENTAL DA SAGA PARA VAIPOLORÍO

A Sociedade Antropolóxica Galega comeza este mes a gravación do terceiro documental para a Asociación Ecoloxista Vaipoloría, de Pontevedra. A realización do documental, que levará por nome “Centeo”, correrá a cargo do compañeiro João Bieites e recollerá todo o labor tradicional de plantación do centeo, sega e malla.

Faro de Vigo. 17/11/2012


DESTRUCIÓN DO PETRÓGLIFO DO PENEDO DAS GRALLAS. Laza, Ourense.

O Comunicado da Asociación Cultural Alto Támega:

Texto e imaxes do comunicado: Asociación Cultural do Alto Támega

“ DESTRUÍDO POR UN BULLDOZER UN PETRÓGLIFO, E AFECTADA UNHA MINA DE OURO ROMANA EN LAZA

A Asociación Cultural Alto Támega de Laza denuncia a destrución recente do PETRÓGLIFO “O Penedo das Grallas” no pobo do Navallo, parroquia de S. Pedro de Castro de Laza e a afección a unha mina de ouro romana no límite entre as parroquias de Laza e Castro de Laza, por maquinaria pesada que traballaba nos cortalumes fai uns poucos días.

Consideramos esta afección á nosa cultura moi grave, os dous xacementos estaban sen catalogar porque foron recoñecidos recentemente pola Asociación Cultural, e aínda non nos dera tempo de comunicarlle a Patrimonio a súa existencia.

Na mina de ouro foi removida a terra de varias canles de condución de auga e parte dela quedou soterrada pola terra do cortalumes.

A peor parte levouna o PETRÓGLIFO do Penedo das Grallas, que quedou practicamente destruído ó pasarlle por enriba un bulldozer.

Este PETRÓGLIFO tiña unha lenda que dicía que o cabalo de Santiago saltou dende aquí ata o penedo da Gándara Vella. Os gravados constaban de 25-30 cazoletas ou coviñas, algunhas de tamaño moi considerable, distribuídas por toda a superficie da rocha de lousa.

Cando menos, no recoñecemento do PETRÓGLIFO, fixemos un esbozo e unhas fotos que achegamos para ilustrar esta pública denuncia.

Estaba no entorno dunha zona moi rica en petróglifos sobre lousa, algo pouco común en Galicia, preto da Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas en Laza, unha estación con dez penedos con gravados de ferraduras, podomorfos, cruces, coviñas, símbolos fálicos, mans … cunha importancia patrimonial indubidable, e que están sendo divulgados e visitados en andainas patrimoniais organizadas pola Asociación Cultural.

Solicitamos da administración competente e da sociedade en xeral unha maior sensibilización hacia o noso patrimonio irrepetible, e un control máis exhaustivo dos traballos con maquinaria pesada no monte, para que feitos coma éste non se volvan repetir.”

Penedo das Grallas . Esquema

O Penedo das Grallas antes dos Danos

Destrución do petróglifo do Penedo das Grallas. Laza, Ourense.

Texto e fotos Miguel Losada

Nalgures, no concello de Laza, na Galicia ourensán e mais austral, existe unha ignota estación da arte rupestre galega, composta por numerosas penelas esquistosas, rochas de lousa nas que se poden ver gravados rupestres dun valor único e insustituible, resaltado polo feito mesmo de ter como base esta caste de rocha.

Penedo das Pisadiñas.

Símbolos na beira do antigo camiño

Cruciformes do Lastredo.

“Tridente” aproveitando unha veta de xeixo na rocha de lousa

Podomorfos, “pisadiñas” que sobrancean na estación.

“Tesoiras da Virxe”. Tamén moi abondosas.

Xunto con Nieves Amado[1], arqueóloga, e Hector Salgado, lutier e grande coñecedor da zona e das tradicións locais, percorremos en varias ocasións os montes deste val no que pouco mais abaixo teñen  aparecido nos últimos tempos, outros obxectos[2] que tamén son moito mais que obxectos.

No verán de 2012, membros da “Asociación Cultural Alto Támega” fixéronnos a honra de nos ilustrar e acompañar no percorrido por este abraiante lugar no que, á beira dun antiquísimo camiño acomodado á paisaxe de reviravoltas do río Támega, xa era coñecido o denominado “Penedo das Pisadiñas”.

Signos na beira do camiño.

Nesta pedra, as formas gravadas son coviñas[3], “mans”, “pes”, “tesoiras”, “ferraduras”…de xeito que na tradición local tería sido a Sagrada Familia a que parou a descansar na súa xeira polo mundo deixando como hierofánica manifestación do seu paso, todo este programa de impresións na pedra.

Mediante a simple observación dos penedos circundantes, na procura de bos observatorios cara o val, resultou que moitos deles, moitos, estaban tamén petrografados con motivos diversos, como cruciformes, e outros. Seguimos así en varias ocasións a Hector Salgado e a Nieves Amado por unha paisaxe sutilmente modificada polos signos, en tanto que manifestacións materiais e perceptibles, os cales están dispostos en lugares estratéxicos nos que deberon dar conta de certos obxectos así representados moi probablemente ca intención de interpelar ó camiñante.

A existencia dunha enigmática mina de ouro na mesma zona, en proceso de estudo tamén por Nieves amado, que carece de nome e referentes na tradición local, non debeu ser precisamente unha simple continxencia.

O solar da mina sen nome.

Efectivamente esta paisaxe, ou mais ben territorio, así disposto, tivo unha carga semiótica. Fala dunha sociedade pretérita que quixo expresarse usando coordenadas de espazo e tempo e que, ó facelo, creou arte nestes sitios, os gravados rupestres do Lastredo e arredores.

Deste xeito, estas expresións da mente humana que atravesan o tempo até nos, e mais aló, constitúen impagables datos científicos ó tempo que potentes manifestacións artísticas inda por estudar.

Deixaríamos perder, como sociedade, e sen artellar as medidas pertinentes, calquera forma do noso patrimonio? Sería un erro para o presente, que ficaría mais pobre e recortado e incorreriamos nunha deslealdade cos que haberán de vir no futuro.

Así as cousas, aconteceu o que non deberá ter acontecido. O petróglifo recentemente descuberto polos amigos da Asc. Cult. Alto Támega, e coñecido como petróglifo do “Penedo das Grallas”, ten sido destruído estes días por unha máquina que reavivaba un cortalumes. Varias decenas de coviñas inda por estudar, xa que inda non dera tempo de catalógalo, foron danadas de xeito irreversible cando incluso o “Consejo Superior de Investigaciones científicas”, CSIC, estaba interesado en estudar o conxunto. Agora, unha parte deste xa non existe ou está moi alterado.

Verificando os danos

O lugar dos feitos

Causas e consecuencias haberán de ser deslindadas noutras instancias.

Mais unha consecuencia si que debera ser tirada destes feitos: Coñecer para protexer. Artellar os medios para poder dispor dun inventario dos nosos activos culturais. Facelos visibles e evidentes. Propiciar as canles de retroalimentación entre a xente, a sociedade, e o seu patrimonio cultural.

Iniciativas como a do proxecto patrimonio galego .net[4] e outras como as do profesor e divulgador Manuel Gago[5] ou o traballo a prol da Cultura, con maiúscula, da Asociación Cultural do Alto Támega en Laza,  érguense como exemplos de Cambio social e dos seus “tags” positivos: innovación, difusión, participación.

Xa non hai “illas” culturais, probablemente porque todo o mundo é unha insua, global. Galicia non é unha excepción, e neste contexto no que novos activos terían, sen dúbida, un gran efecto multiplicador non so económico, mais tamén moral, a destrución do patrimonio cultural representa percorrer un camiño, mais varios pasos cara..ningures.


[1] Nieves Amado Rolán. Arqueóloga. Autora do inventario arqueolóxico do Concello de Laza. Colaboradora da SAGA.

[3] Neste caso estas pequeñas  “cuncas “  son de dimensións maiores do habitual.

[4] http://patrimoniogalego.net/index.php/author/gavilanes67/. Un exemplo: Gavilanes 67 , Catalogador senlleiro e colaborador da SAGA.

[5] http://www.manuelgago.org/blog/index.php/o-autor/ Manuel Gago é xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor de Capítulo 0. Colaborador da SAGA.


A PRESENTACIÓN DO DOCUMENTAL “METOCAS”. IMAXES E RESEÑAS EN PRENSA

INSTANTÁNEAS DA PRESENTACIÓN DE METOCAS

De esquerda a dereita: Ramón Laxe (presidente de A.V. Heros do Campo da Pprta, Gonzalo Sancho (presidente de Vaipolorío) e João Bieites (Sociedade Antropolóxica Galega)

A ESTREA DO DOCUMENTAL METOCAS  NOS MEDIOS

 


Diario de Pontevedra. 13/12/2012


Faro de Vigo. 13/12/2012

OS DERRADEIROS METÓUCOS

O furacán do progreso trae forza doce. Hai que ter coidado porque arrasa con todo. Mesmo as palabras, que semellan non ter forma, peso, nin volume, sucumben impotentes. Para cando amaine haberá que ver si quedou algo en pé, ou perdéuse para sempre.

Na Galicia rural había unha estampa pintoresca que adornaba as leiras dende o outono ata a primaveira. Os metóucos. Metóucas según F. Martín Sarmiento, ou metocas como seguen a decir na parroquia de Bértola, en Vilaboa, ou Marín (Elixio Rivas)

Do latín: Meta: montón, en galego meda, específico para este caso. Así aparecen as formas -T- e -D-, que dan orixe a que en Verín ou Samos, por exemplo, aparezan como medoucos, incluso o verbo amedoucar: Facer medoucos.(Cf. Crespo Pozo).

Feixes de canas de millo apiñocados de xeito cónico e atados para que aguantaran as inverneiras. A chuva corría por eles sin chegar a mollalo interior e así duraban ata o verán. A palla do millo, ou canas dábaselle as vacas como alimento complementario. De cando en vez vólvense a ver pola ventaniña do coche na paisaxe campesiña; poucos, cada vez menos, e antes de que nos decatemos, deixaranse de ver.

De nenos, cando o cine do Oeste nos facía velos indios malos e os baqueiros bos, estos metoucos recordábannos as cabanas indias en sinxela armonía coa paisaxe. Sempre nos gustaba que houbera metóucos.

A cana do millo recollido, acubillaba un “ocupa” de avelaiña das familia dos noctuidos, a Sesamia nonagiroides (Lefebvre, 1827). Os pescadores, a lo menos algúns do río Gafos, sabían dela e antes de que se formase a crisálida, abrían as canas coa navalla para facerse coas vermes. As troitas picaban como parvas.

Hoxe en día a restreva do miño desfaise co tractor de cadeas e queda para abono. Non hai que apañala, tampouco case hai vacas, nin carros de vacas. So se ven carros nos museos etnográficos donde descansan palabras que arrinconou o progreso, como: cabezalla, chavella, fueiro, ladrairo, cheda, chedeiro, afueiro, botoalla…., mesmo os metóucos.

Teñamos a confianza de que os estudosos sigan a recompilar a nosa riqueza oral, e sexamos quén de resistirnos a ser invadidos por modas vaidosas na língua, que nada saben do exquisito e preciso trato etimolóxico con que foron creadas cada una das palabras galegas.

Gonzalo Sancho Blanco. (Membro de Vaipolorio)

Documental “METOCAS”

SINOPSE:
Na paisaxe do campo galego había unha estampa pintoresca que o furacán do progreso vai arrasando co paso do tempo. As METOCAS ou metoucos, segundo o lugar ou a feitura con que se facían en cada comarca. Estas medas ou palleiros cónicos da palla de millo tiñan diversas utilidades: Recoller a palla do nutritivo cereal nun lugar axeitado, complementar o alimento do gando vacún e sin pretendelo dar bonitura a paisaxe do campo galego. Hoxe, case que desaparecidos, alumean o noso esprito espallados polas leiras galegas. A xente de Vaipolorío, observaos nestes 11 anos como estas “construccións vexetais” foron desaparecendo, de feito no val de Tomeza na máis este ano foron feitos dous exemplares.

Este documental realizado pola Sociedade Antropolóxica Galega, a inciativa da Asociación cultural Vaipolorío, recolle paso a paso a construción dunha destas metocas A realización da metoca correu a cargo de José Ramón López Laxe, veciño da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo. A parte técnica da produción do documental correu a cargo de João Bieites, Licenciado en Belas Artes, profesor de Plástica, Deseño Técnico e Cultura Audiovisual no Ensino Secundario e membro de S.A.G.A. (Sociedade Antropolóxica Galega).

FICHA ARTÍSTICA:
REALIZACIÓN: João Bieites,
PRODUCIÓN: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa asociación Vaipolorío

FICHA TÉCNICA:
PRODUCTORA: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa asociación Vaipolorío
TÍTULO ORIXINAL: “Metocas”
TIPO: Documental
XÉNERO: Etnográfico
Produción propia realizada a cor
ANO: 2011
DURACIÓN: 15 minutos aprox.
ORIXE: Galiza
IDIOMA V. O.: Galego


DESCUBRIMOS UNHA NOVA MÁMOA NOS “SETE CAMIÑOS”

Descubrimos unha nova mámoa no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. 

 

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2012/10/29/hallan-mamoa-monte-lourizan/0003_201210P29C19913.htm#.UI44z40QaZ4.facebook

 


RITUAIS CURATIVOS PARA SANDA-LAS ESPULLAS. ENTREVISTA A RAFAEL QUINTÍA NO PROGRAMA MILENIO DA RADIO GALEGA.

Audio da entrevista que lle fixeró compañeiro da SAGA Rafael Quintía no programa da Radio Galega “Milenio” para falar dos variados remedios curativos contra as espullas que temos na nosa medicina tradicional. O programa faise eco da publicación dun artigo de Quintía sobre este tema que saiu no anuario “Fol de Veleno” 2012. Emitido o 18/07/2012.

ESCOITA-LO AUDIO:

 


DESCUBRIMOS NOVOS PETRÓGLIFOS NOS “SETE CAMIÑOS”

O arqueólogo e compañeiro da SAGA Lukas Santiago ven de descubrir un novo petróglifo na parroquia pontevedresa de Lourizán. Ó petróglifo do Outeiro da Edra, como así foi bautizado,  hai que sumarlle o descuberto hai uns meses polo antropólogo da SAGA Rafael Quintía:  o petróglifo de Pedra Escorregadoiro. Ámbolos dous achádegos veñen a imcrementa-lo xa rico patrimonio arqueolóxico dos Espazo dos Sete Camiños. Estes novos xacementos foron postos en coñecemento do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación e protección.

 

O DESCUBRIMENTO DO PETRÓGLIFO DO OUTEIRO DA EDRA NA PRENSA

Faro de Vigo

Diario de Pontevedra

O DESCUBRIMENTO DO PETRÓGLIFO DE PEDRA ESCORREGADOIRO NA PRENSA

La Voz de Galicia