"O blog da SAGA"

Artigos etiquetados “Biblioteca Pública Municipal de Verín

A SAGA nas Xornadas da Novela Histórica da Biblioteca Pública Municipal de Verín

CARTEL NOVELA HISTÓRICA (1)

Miguel Losada (SAGA)

O vehículo do mito é o relato e a literatura de tradición oral. En moitas ocasións facer novela histórica significa construír discurso a partires da equipaxe mítica vixente en cada contexto cultural nun intre concreto; mais outras veces ese traballo permite rescatar das fonduras da memoria algúns nódulos dunha realidade mítica que xa non circula de xeito cotiá. Poden ser apenas indicios da existencia daquelas narrativas, ou pode ser algún entre os mais consistentes da súa forma primordial, como a imaxe do Santo Graal.

Armas do reino de Galicia no Gran Carro Triunfal de Maximiliano I, realizado por Durero en 1515. https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Reino_de_Galicia-kingdom_of_Galicia-Maximiliano.jpg

 

A erosión dos mitos é diferencial. Como acontece cas montañas, os materiais mais lenes van sendo obliterados polos axentes do tempo, coma o recorrido vento da historia. As demais vicisitudes, que calquera sociedade ou comunidade vai arrostrando, contribúen a facer faragullas do vello edificio, mais tamén acontece o proceso contrario cando algún vello relato ou parte del, inza dunha nova vida que o propaga a unha escala e cunha intensidade monumentais. Estes dous factores, son especialmente característicos da contemporaneidade. Iso que chamamos Sociedade da Información e as súas tecnoloxías. Se lle engadimos a ansia atávica que a humana xente posúe polo relato, polo discurso, teremos un panorama de exuberancia das historias contadas. Dunha banda pola magnitude que acadan, que con fenómenos como as redes sociais teñen medrado até formar unha selva de contidos; doutra, a gran diversidade de relatos en circulación baixo formatos e sistemas autónomos.

Este é o noso contexto actual, o da interacción incesante co relato nas inacabables ágoras virtuais ou non, dende os 140 caracteres até a cova prodixiosa da televisión ou o cinema, entre outros, nun mundo, o de hoxe, que nunca durme. O noso é tamén, pois, o contexto da circulación torrencial das narrativas, até enchoupar e asolagar calquera superficie socialmente construída e polo medio desta metáfora está a novela histórica como un fenómeno global, onde historias e mitos de calquera parte adquiren nova vida e sobrevoan o mundo axudando a darlle forma.

É por iso que para calquera cultura resulta hoxe fundamental construír discurso colectivo a partires de fontes de relato que poidan manexar. Colocando tamén parte dos seus contidos nas grandes correntes de consumo do gran discurso global. As sociedades ou comunidades que non sexan quen de situar –  “posicionar” sería hoxe o vocablo ó uso – os seus contidos deixaran de seren axentes activos no mundo contemporáneo. Deixarán de controlar, en boa medida, ó seu porvir e mesmo existencia.

Os e as novelistas da Historia son grandes creadores de visibilidade cultural. Existir en simbiose con seu traballo resulta de grande interese colectivo polas razóns expostas; e no caso de Galicia unha interacción que inda pode facerse moito mais dinámica e produtiva.

O ciclo do Santo Graal vai ser un dos temas mais importantes desta edición sobre a Novela Histórica. Tamén o van ser, entre outros, a construción do discurso histórico, a historiografía, e xa que logo da didáctica do discurso social;  a técnica e o oficio do escritor/a,  como persoa creadora de perspectiva colectiva; ou a relación entre o coñecemento establecido e o circulante, entre a ortodoxia e a disidencia, entre o consenso e o consenso inducido.

GaliceCharlesV

Fragmento da obra Pompas fúnebres del emperador Carlos V no que se representan os estandartes do Reino de Galicia. Autor: Jean e Lucas Doetecum (siglo XVI). Fonte: De Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI) – Museum Plantin-Moretus-Stedelijk Prentenkabinet., Dominio público. https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=3875220

Para a SAGA constitúe unha honra colaborar xunto a grandes prescriptores/as sociais a escala global, ó reforzamento da vinculación de Galicia e da súa cultura cos grandes debates e fluxos culturais contemporáneos.

Advertisements

a SAGA na mellor Biblioteca Pública de Galicia

Este vindeiro día 21 de Outubro e para ir entrando en situación, falaremos da morte, as ánimas e os defuntos na cultura galega. E será nun foro moi ben querido por nos, nada menos que na mellor biblioteca pública de Galicia, a Biblioteca Pública Municipal de Verín.

cartel-actividades-mes-outu

Pode que semellante afirmación resulte sorprendente para algúns, mais baséase no feito de que existe unha convocatoria á que concorren bibliotecas de todo o estado para optar a uns premios consistentes en lotes de libros. Trátase do Premio María Moliner de animación á lectura. Dende 2008, a B.P.M. de Verín leva gañando lotes que melloran os seus fondos bibliográficos cada ano. Este feito sitúa a esta biblioteca entre as 250 mellores de todo o estado. Mais vimos de saber que, en realidade, a B.P.M. de Verín acadou 96 puntos de 100 posibles despois do cómputo do méritos aportados. Isto significa que é a mellor puntuada de Galicia e a décima mellor do estado.

Un exemplo da dinámica desta biblioteca neste resumo de actividades de 2015, en curso pois, onde teremos a honra, e a responsabilidade, de intervir cun tema clásico despois da charla do prestixioso antropólogo galego Manuel Mandianes.

Tamén neste ano tivemos a honra de presentar nesta tribuna ó libro do filólogo Miguel Moreira “Contra a morte das linguas: o caso do Galego” ou a publicación da SAGA “ O uso simbólico do Cuarzo na cultura galega” de Rafael Quintía.

Todo elo en http://www.bibliotecadeverin.es/?page_id=457

O traballo dos seus responsables – parabéns Aurora e Vicente – e o esforzo de todas as persoas voluntarias que colaboran ca B.P.M. de Verín son as claves dun éxito que queremos contribuír a divulgar en xusto agradecemento á axuda que esta institución sempre nos ten prestado á hora de facer divulgación dos contidos da SAGA, prestando ós seus espazos públicos para as nosas intervencións e tendo a ben dispoñer das nosas edicións nun estante intitulado “Sociedade Antropolóxica Galega SAGA”.

Eis o sitio da B.P.M. de Verín

http://www.bibliotecadeverin.es/

E unha mención especial para todas as persoas usuarias e ás que exercen o voluntariado nesta biblioteca. Parabéns e o noso respecto vai para todas elas.

http://www.bibliotecadeverin.es/?gallery=voluntaris

Ganadores por puntuación_001fachada5