"O blog da SAGA"

Artigos etiquetados “Exposicións

D. ELoy Luís André: Un disidente; un solitario acontecido; un home visto na distancia.

SONY DSC

Programa:  https://www.bibliotecadeverin.es/?event=ciclo-adicado-a-d-eloy-luis-andre

Miguel Losada (SAGA)

Eloy Luís André (Mourazos, Verín, 1876 – Madrid 1935 ) é un xenial exuberante, un individuo excesivo e improbable que desbordou os límites da estreita canle pola que descorrían os tempos que lle tocou vivir. Naceu logo do tempo no que o romanticismo campou por toda Europa e pode que o seu individualismo e vontade de cargarse a si mesmo dun potencial intelectual e creativo fose unha expresión xenuína daquel movemento, unha de tantas, cas que se manifestou, neste caso, na Galicia e na comarca que el tanto defendeu. Un disidente; un solitario acontecido; un home visto na distancia. Así, coma un cometa que atravesa os ceos na noite, imparable, determinado e inalcanzable percibiu el o estupor que o seu paso polo panorama intelectual do seu tempo provocou.

“Para los del ’98, soy un disidente.Para los novecentistas, soy un solitario amargado. Para la nueva generación, un desconocido.”

foto 11_001

Escolleu vivir evidenciando o paradoxal do seu mundo, que é o noso, e con elo construíu unha ironía magnífica que interpela e cuestiona directamente a unha realidade inmisericorde  ̶ “Galicia, carne de tiranos”, escribirá, por exemplo  ̶  fronte a cal el sempre ofreceu o espello dunha alternativa ou variante, socialmente mellor e mais fértil.

Eloy Luís André foi un cidadán exemplar. Un individuo notable tanto pola súa traxectoria e determinación como polo seu compromiso político e social de ampla escala.

Mais pode que a principal conclusión deste modesto escrito e do esforzo expositivo que o acompaña neste mes de xuño e 2018, sexa o feito de que o protagonista da mostra siga podendo ser considerado, hoxe en día, un referente dunha caste de civismo xa case que amortizada pola sociedade “líquida” descrita polo gran pensador Zygmunt Bauman.

Leer a André significa exercer a rebeldía contra un activismo de sofá, en palabras de Bauman, mais que seguramente houbera podido asinar o catedrático verinés. Nas súas páxinas podemos ver algún dos grandes temas cos que o mundo contemporáneo haberá inda de loitar, como o significado económico da desigualdade social, ou se a inmensa riqueza duns poucos resulta beneficiosa ou non para os demais; o rol que a muller desenvolve no mundo ou sobre como o nepotismo e outras formas de corrupción resultan transversais á estrutura institucional dos estados contemporáneos.

Dende a súa condición de pensador outsider, aquel túzaro solitario e resentido, segundo percibiron os seus contemporáneos mais significados na cohorte de intelectuais do intre, André significa tamén unha extraordinaria oportunidade de pensar Galicia dende outros puntos de vista, menos agónicos – no sentido de enfrontamento – ou, cando menos, de aproveitar parte da perspectiva de André para atopar novas posibles solucións a vellos desafíos.

Tamén nisto a visión de André resulta produtiva, xa que o seu galeguismo e compromiso ideolóxico é un sistema aberto e integrador, moi afastado de solucións centrípetas e ideoloxicamente autárquicas. A firmeza dos postulados de André, a prol, por exemplo, da lingua galega e da cultura propia de Galicia non tenden a unha definición solipsista do vello reino – liquidado oficialmente pouco antes do seu nacemento e primeira infancia en Mourazos – e do seu significado cultural no contexto continental.

Europeísta, André moi posiblemente tería optado por unha definición da realidade europea como unha comunidade de Pobos, un contexto de diversidade unido polos comúns intereses das comunidades e persoas que habitan o vello solar dos e das europeas.

Por todo elo, e a partires doutras consideracións que inda poderán facerse ou matizarse e mesmo corrixirse a partires dunha mellor análise da súa obra, podemos concluír que Eloy Luís André é un pensador plenamente vixente e valioso, en primeiro lugar, para quen quixera seguir o proceloso traballo de pensarmos Galicia. Ademais, para calquera persoa interesada en comprender a orixe das deficiencias sociais que eivan a Galicia dentro do seu marco institucional a calquera escala.

Finalmente, pódese dicir que se trata dun autor oportuno. Tanto no sentido de axeitado á conxuntura convulsa da contemporaneidade, como da súa condición de agudo observador da sociedade do seu tempo; mais ca peculiaridade pouco frecuente de facelo ou situarse como un observador futuro, tal como demostra o que consideramos vixencia das súas reflexións e compromiso social derivado do feito de que escolleu pasar o traballo de escribir para que a sociedade poida avaliar as súas propostas. D. Eloy L. André merece cando menos o respecto debido a calquera que ofrece un esforzo sincero para axudar a construír un mundo mellor.

Advertisements