Aberto o prazo de recepción de artigos para o novo número de “Fol de Veleno. Anuario de antropoloxía e Historia de Galiza”
Se es investigador de temas antropolóxicos ou históricos, podes enviarnos o teu artigo para ser publicado na edición 2022 do noso Anuario.
O prazo de presentación remata o 15 de agosto.

Velaquí as nosas normas de publicación:
Temática
“FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é un espazo libre e de calidade onde especialistas da antropoloxía, da etnografía, da arqueoloxía e da historia poidan expor as súas achegas e as súas investigacións. Ademais, ofrece aos novos investigadores que traballan no eido da antropoloxía no seu senso máis amplo unha canle onde publicar os seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galicia e a traballos alleos ao ámbito galego pero que pola súa temática poidan ser de interese para os nosos lectores.
Presentación de textos
Os artigos a publicar deberán ser inéditos e teñen que vir asinados polo autor, facendo constar a súa titulación académica e/ou profesión e, no caso que corresponda, o centro, entidade ou institución na que traballe. En casos de especial interese poderán publicarse traducións de artigos xa publicados noutras revistas estranxeiras.
Todos os orixinais deberán vir co título na lingua na que estean escritos (galego, español ou portugués) e en inglés. A continuación do título, o artigo acompañarase dun sumario ou resumo na lingua do orixinal e doutro en inglés (abstract) e seguidos das correspondentes palabras chave. O sumario non excederá de 8 liñas.
O autor deberá facer constar o seu correo electrónico para que se lle comunique a recepción do seu traballo e, no seu caso, a súa posterior aceptación por parte do Comité de Redacción.
Os artigos remitiranse por correo electrónico ao seguinte enderezo:infosaga@antropoloxiagalega.org
Idioma
O idioma preferente de publicación será o galego, se ben, e para dar cabida a un maior número de investigadores tamén se poderán publicar artigos escritos en español ou portugués, sempre e cando o seu número non exceda do 20% dos traballos a publicar.
Formato
Os textos presentaranse en soporte informático e en formato Word ou similar. O tamaño de páxina debe ser DIN A4, o espazado sinxelo e o tipo de letra Times New Roman tamaño 12 puntos. O texto estará paxinado e terá unha extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 35 páxinas, incluídas imaxes, notas e bibliografía.
Os encabezamentos das distintas partes do artigo deben ir ben diferenciados.
As citas textuais poranse entre comiñas e as palabras e citas de textos en lingua orixinal poranse en cursiva.
Ilustracións
As ilustracións deberán enviarse en arquivos separados (jpg, png ou tiff) na mellor calidade posible (300 ppp a ser posible, nunca por debaixo de 72 ppp) e indicando o seu título correspondente. Deberán ir acompañadas do seu pé de foto correspondente e indicarase o lugar que ocuparán no texto. Para isto, o artigo pódese enviar coas imaxes xa inseridas no propio texto.
A situación das devanditas imaxes no artigo poderá ser lixeiramente alterada por motivos de maquetación.
Referencias bibliográficas
A bibliografía situarase ao final do artigo, seguindo unha orde alfabética por apelidos dos autores, e dentro do mesmo autor por orde cronolóxica.
Libro: apelidos e inicial do nome do autor ou autores en maiúsculas; título da obra en cursiva, editorial, lugar de edición e ano.
Exemplo: DE CASTRO, R.; Follas novas, La Propaganda literaria, A Habana, 1880.
Se a persoa citada é director, editor ou coordinador, farase constar a continuación do nome e entre parénteses.
Exemplo: PÉREZ, X. (coord.); Litixios nas mancomunidades galegas, Eds. Querquellequer, Santiago de Compostela, 1993.
Se hai máis de tres autores, citarase ao primeiro e engadirase “et alii”
Exemplo: REIGOSA, A et alii.; Diccionario de seres míticos galegos, Edicións Xerais de Galicia, Madrid, 1999.
Para capítulos incluídos nun libro, cítase o autor, o título da colaboración entre comiñas, a preposición “en” e a continuación a cita do libro segundo as normas anteriormente citadas.
Exemplo: ZARAUZ, V.; “Neolocalidade e aculturación en Costa de Marfil”, en MARTÍNEZ-WELLER, X. (coord); Lecturas poscoloniales de fenómenos contemporáneos, Ed. Rémora, Cuzco, 2002.
Ponencias, comunicacións de congresos ou seminarios , etc. indicarase o autor, o título da colaboración entre comiñas, o título do congreso ou seminario en cursiva e o lugar e ano de celebración, seguido das páxinas correspondentes.
Exemplo: RAMALLOSA, V.; “Licántropos, basiliscos e outros seres míticos da Raia portuguesa”, V Simposio de mitoloxía arraiana, Tui, 1999, pp. 142-178.
Teses doutorais inéditas: cítanse facendo constar o autor, o título en cursiva, a universidade e o ano.
Exemplo: PEREIRO, X. M.; O cinema galego no albor do século XX. Achegamento inicial, Universidade de Vigo, 2015.
Para artigos de revista: apelido e inicial do nome do autor ou autores en maiúsculas, título do artigo entre comiñas, nome da revista en cursiva, tomo e/ou número, ano, páxinas correspondentes.
Exemplo: SEOANE, A.; “Demarcacións populares nas comarcas de Valdeorras” en Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, Vol. 1, No 4, Sociedade Antropolóxica Galega, Pontevedra, 2014.

Fotografías da presentación do Fol de Veleno n°10.
O pasado mércores 1 de xuño tivo lugar a presentación de “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza n°10”. O acto, celebrado no Centro Asociado da Uned en Pontevedra, contou coa presenza de varios dos autores dos artigos contidos neste último número.
Interviron: Jesús del Castillo Martín, licenciado en Humanidades e etnógrafo, autor do artigo “De Pascuas a Carnaval. Mascaradas y ritos de invierno en la provincia de Toledo” (a través de videoconferencia); Félix F. Castro Vicente, antropólogo e autor do artigo “Breve reseña de algunos libros españoles de magia erótica de inicios del siglo XX”; Xoán Carlos García Porral, Doutor en Antropoloxía Social e autor do artigo “O Castro de Cotarelo (Goiás, Lalín). O que se pode ver, e o que se ten escoitado”; e os compañeiros da SAGA, Rafa Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, director do anuario, antropólogo e autor do artigo “A Vella que come zamelgos” e Ana Durán Penabad, secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega, etnógrafa e autora do artigo “As divindades do santuario galaicoromano de Panóias”. Fotografías: Pilar López Vilas.



Presentación de “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e historia de Galiza” nº10
O vindeiro mércores 1 de xuño ás 19h presentamos o nº 10 de “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza“. O acto, para o que é precisa inscrición, terá lugar no Centro Asociado da UNED en Pontevedra e a SAGA comprácese en convidalos a todos/as. Máis información no seguinte enlace: https://extension.uned.es/actividad/27290&codigo=27290

Podcast da presentación do Anuario Fol de Veleno nº 3 no Sombreiro de Merlín de Radio Obradoiro
http://www.ivoox.com/o-sombreiro-merlin-presenta-fol-veleno-audios-mp3_rf_2155924_1.html
Nesta dirección pódese acceder ó contido da conversa arredor do Nº 3 de Fol de Veleno ademais do resto das intervencións dos contertulios.
Presentación Anuario fol de Veleno nº 3 no programa O Sombreiro de Merlín de Radio Obradoiro.
Miguel Losada. Secretario SAGA
Este vindeiro Sábado de 12 a 13 h, no Sombreiro de Merlín de Radio Obradoiro, falaremos dos contidos do novo número do Anuario Fol de Veleno, publicación en papel da SAGA, e conversaremos cos demais convidados do emblemático programa dirixido por Alicia López.
O Sombreiro de Merlín é un programa literario e cultural no que se propicia o encontro das artes, as ciencias e as humanidades. É dicir, constitúe un biotopo óptimo para as actividades da SAGA.
Ademais, neste programa a música perfecciona o rito propiciatorio no que, ó redor dunha mesa redonda como aquela outra de Camelot e baixo a advocación de San Merlín, esconxuraremos as tebras que tentan toldar a cultura galega.
http://www.radioobradoiro.com/programas/?pag1=2&int1=63
A literatura artúrica foi primeiro tradición oral. As tríades da Illa da Bretaña, propias do pais de Gales, recolleron tradicións e contos que foron despois empregadas polos bardos e rapsodas da idade antiga e alto medieval naquelas terras. Así fixéronse barco para trasladar no tempo, como cápsulas inasequibles á erosión dos séculos, os materiais históricos e ideolóxicos dun tempo fuxido.
A Historia dos Britóns de Nennius de Bangor, aló polo 800 da nosa era recolle xa a figura dun dux belorum chamado Artur. Os Annais de Gales e despois a magna obra de Geoffrey de Monmouth, Historia dos reis da Britania, de 1136, elaboran con semellantes vimbios os caracteres que hoxe son xa patrimonio mundial. Aparecen así, Merlín e a espada Caliburn.
A litteratura artúrica devén un fenómeno colectivo, outro mais, dos pobos de Europa. Nesta etapa destaca a labor de Cretien de Troyes que bebendo das fontes célticas e da denominada “Materia da Bretaña”, ou sexa, as lendas e tradicións bretonas, escribe varias novelas entre as que resultará decisiva a titulada O Cabaleiro da Carreta ( Charrette en francés ), de 1176-1181.
O derradeiro gran valedor do antigo mundo ideolóxico europeo foi Sir Thomás Mallory, que nos derradeiros anos do século XV ca súa Mort d´Artur´( En francés medio no orixinal) impediu o colapso do edificio da literatura artúrica.
Así as cousas Galicia ten moito que dicir neste eido. É coñecida, cando menos polos lectores de Fol de Veleno, a presenza na nosa Terra dunha verdadeira e material Caliburn ou Excalibur e non só unha. Mais tamén nas tradicións relacionadas ca Lagoa de Antela atopamos esta “Materia da Bretaña” . Así, e segundo obra na documentación relacionada ca fundación, aló polo 1520, do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, na Alta Limia, Ourense, era xa daquela unha vella e inmemorial cousa sabida, tradición oral xa que logo, o feito de que, encantados baixo a fasquía de cínifes, fican naquelas augas os exércitos de Artur agardando o retorno do Rei.
Lagoa de Antela ou Lago do Beón
Feito non menos significativo é a presenza na cultura popular do Carbunco, extraordinario animal acuático que mora nas súas augas galegas tal e como o fai o Carbuncle irlandés nas do Condado de Kerry, no sur leste do país. Non é por nada que moitas fincas das costas do norte galego marxean segundo as súas escrituras, “ca illa de Irlanda”.
Así pois, en Galicia, falar dende O Sombreiro de Merlín, é unha cousa que cando menos os da SAGA, consideramos propia e natural.
Grazas pois Mag@, a ti é mailo teu chapeu.