"O blog da SAGA"

Artigos etiquetados “Laza

Vídeo

A danza dos danzantes da Festa do Santo Cristo de Laza, Ourense.

Dedicado ó señor Antonio Rubes Barreal, que inda o pode gozar.

O día tres de maio de cada ano ten lugar na vila de Laza a festa do Santo Cristo. Varios son os puntos de interese desta celebración, de xeito que cando teñan a oportunidade de asistir a ela, recomendámoslles que presten especial atención á saída da procesión cara a Praza da Picota onde a “Eva” incorpórase ó cortexo fiando no fuso e cunha actitude se absoluta seriedade. Non pode baixo ningunha circunstancia rir. Despois, na praza do cruceiro, os danzantes bailan outra vez ó redor deste característico elemento situado dun xeito totalmente singular sobre un pozo de cantería. Prosegue a comitiva cara á Picota de novo onde ten lugar a representación do “sacrificio de Isaac”. regresa a procesión á igrexa e poxase a entrada das imaxes dentro do templo.
Estandartes, imaxes e o ramo de loureiro acompañan todo o percorrido, neste último van pendurados un galo vivo, damos fe, e unha rosca que logo será o premio da carreira final entre os mozos danzantes. Todo un completo programa con inda mais matices que compre degustar in situ…o ano que ven.

O noso post do ano pasado.
https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2012/07/21/carreira-do-tres-de-maio-en-laza-ourense/

Advertisements

Vídeo

Peliqueiros de Laza 2013

O domingo de entroido, no pobo de Laza, Ourense, os Peliqueiros actualizan cada ano o rito da “estrea do peliqueiro”. Visten o traxe por vez primeira nese ano e percorren o camiño cerimonial e inveterado pola praza da Picota.
Nese intre someten ó escrutinio dos veciños a calidade do porte e bo facer de cada un dos intérpretes enmascarados. Non é pois, un intre lúdico, é un intre para o respecto e a responsabilidade. Postúlanse cos seus silandeiros acenos, imperceptibles para os non iniciados, como garantes da Tradición e dignos continuadores da misión simbólica que gravita sobre eles cada ciclo anual.
Até finais do século XX estes traxes eran mais ben escasos, de xeito que era moi común alugalos por horas. O prezo do aluguer variaba tamén segundo o día desexado, rexistrándose na mañá do domingo do entroido o prezo mais alto.
Segundo as investigacións realizadas pola arqueóloga e investigadora Nieves Amado Rolán, natural de Laza, os prezos dos que se ten constancia foron de 4 reais antes do 1928, cinco pesos, ou un xornal, por unha mañá ou unha tarde na década dos trinta, e 50 pts., na parroquia de Castro de Laza, ou varios xornais de traballo como pago alternativo.
Sabemos tamén grazas a Nieves Amado que no “Museo del Traje de Madrid” está depositado o mais antigo e completo traxe de peliqueiro coñecido polo de agora. Trátase dun realizado aproximadamente cara a década dos 30 do século XX e que leva, como debuxo, na “mitra” da parte frontal superior da careta, un barco de vapor no cal ondea a bandeira republicana.