"O blog da SAGA"

Artigos etiquetados “Monografías da SAGA

Instantáneas da presentación en Nerga de “Damas e Ghaláns no Entruido de Nergha”

O pasado día 4 de marzo presentouse na Casa da Garita de Nerga a nova monografía da SAGA “Damas e Ghaláns no Entruido de Nergha”, de Guillerme Ignacio. Na presentación estiveron presentes o autor e o compañeiro Rafa Quintía. Un acto organizado pola Sociedade Antropolóxica Galega coa colaboración da Asociación cultural Con de Nerga. Fotografías: Xulia Feijoo.


As novas publicacións da SAGA: Fol de Veleno 2015 e os bravádegos da SAGA.

Miguel Losada

SAGA

Xa está dispoñible a edición máis recente de Fol de Veleno, desta volta a correspondente ó ano en curso, 2015. Coma nas anteriores ocasións esta publicación foi posible grazas ós autores que escriben para esta publicación senlleira da SAGA.

Compre, ademais agradecer o seu traballo a todo o equipo da SAGA polo seu esforzo e dedicación a prol da divulgación da cultura de Galicia; ós anunciantes que colaboran connosco confiando unha parte da súa imaxe ó bo facer da organización; tamén ás librarías nas que cuidan dos nosos produtos; ós espazos, públicos ou privados nos que nos permiten facer as presentacións desta e das outras publicacións que sacamos adiante de xeito autónomo, artesanal, nun contexto asociativo, carente de calquera subvención ou subsidio público.

Desta volta, Fol de Veleno acada as 264 páxinas que desenvolven trece artigos. O prezo do notable volume desta publicación será de doce euros.

Si, Fol de Veleno é unha sorte de “milagre” anual, que xurde dunha verdadeira “xestación” na cal cada proxecto inicial vai tomando forma de xeito sucesivo, azaroso,transitando as brétemas da indefinición e sempre a piques de non ser. É cousa sabida: “to be or not to be”.

A nosa distribución tamén segue a ser artesanal. Estamos presentes onde podemos; onde nos deixan estar; onde nos reclaman, en cada vez máis ocasións. É por iso que cada ano imos anunciando as librarías nas que están dispoñibles as nosas publicacións, en xeral as mesmas malia que o triste fenómeno do peche de moitas delas obriga á continua revisión destes puntos de distribución. Avisaremos tamén dos foros nos que comparecemos para facer as presentacións da nosa oferta editorial. En breve, pois, anunciaremos os vindeiros lugares nos que se poderán adquirir esta e outras achegas da SAGA.

capa fdv 5

Capa de Fol de Veleno 2015 obra do compañeiro da SAGA o ilustrador e deseñador dixital Miguel-Ângelo Bietes.

DSC_0015

Fol de veleno 2015 no seu contexto.

DSC_0001 DSC_0003

Datos técnicos Fol de Veleno 2015:

Editorial:Sociedade Antropolóxica Galega

Impresión:branco e negro

Tamaño:24×17

264 páxinas

I.S.S.N. 2253-8437

PVP: 12 €

DSC_0014

A meirande parte da oferta editorial da SAGA, malia que non toda.

capa a danza dos labregos

A SAGA finca a súas raigañas na Terra galega a ela se debe e dela depende. Semellante fertilidade fai inzar a súa estrutura e do seu pé xurdiron no seu intre cativas publicacións que hoxe medran coma bravádegos con autonomía e personalidade de seu.

Efectivamente, as Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega foron unha consecuencia lóxica das diversas necesidades editoriais que o traballo da SAGA atopaba na súa procura dun horizonte mellor para a cultura de Galicia. Alberte Alonso inaugurou esta sección co seu xa dificil de atopar “O USO DAS PEDRAFITAS NO NEOLÍTICO GALEGO: ESTUDO DAS PEDRAFITAS DE OBSERVACIÓN ASTRONÓMICA E DAS PEDRAFITAS FÁLICAS”.

Despois sería Jose Antonio Gavilanes o que a súa monografía “ PETRÓGLIFOS INÉDITOS DAS COMARCAS DE OURENSE E DE ALLARIZ-MACEDA”.
Pois ben, agora temos o pracer de anunciar a publicación do novo traballo de Xose Anxo Rosales, a Monografía da Sociedade Antropolóxica Galega nº3, titulada “ A DANZA DOS LABREGOS: ESTUDO SOBRE O ENTROIDO DE MARCÓN.”

Neste traballo, Rosales sintetiza a súa investigación sobre o singular entroido desta parroquia pontevedresa e realiza a descrición dos moitos personaxes e variadas situacións que compoñen a rica dinámica do Entroido de Marcón.

Ademais, como anexo ó texto e ó xeito de colofón, establécese unha proposta de recuperación desta manifestación cultural que contribúe a evidenciar a fondura e riqueza do mundo do Entroido de Galicia.

Datos técnicos desta Publicación:
Editorial:Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: branco e negro
Tamaño:21×14
86 páxinas
I.S.S.N. 2341-0353
PVP: 10 €

capa cadernos 1 madamas

A SAGA deu tamén ó prelo nestes días pasados unha nova reimpresión do primeiro número dos CADERNOS DA SOCIEDADE ANTROPOLÓXICA GALEGA. Trátase do traballo de Xosé Anxo Rosales “ AS MADAMAS E O SACRIFICIO DO GALO:O ENTRUIDO DO CONCELLO DE VILA BOA DO MORRAZO “. Esta publicación, cas súas 43 páxinas e pequeno formato, contribúe de xeito moi importante tanto ó mellor coñecemento dun patrimonio común, como ó enfoque certo e atinado do panorama total do complexo mundo do Entroido de Galicia.

En resumo, e parafraseando a cita do antropólogo Claude Levi-Strauss coa que se abre o volume, nesta investigación o autor toma sobre o seu lombo unha parte da responsabilidade inherente no “mandato” de non deixar perecer o noso pasado, xa que semellante tarefa é un deber colectivo e urxente.

Datos técnicos desta Publicación:
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: branco e negro
Tamaño:21×15
43 páxinas
I.S.S.N. 2341-099X
PVP: 5 €

capa actas entrudo II acoplada

Durante a celebración das III Xornadas do Entroido da SAGA, presentamos as ACTAS DAS II XORNADAS DO ENTROIDO DE GALIZA. Nesta nova publicación da SAGA recollemos os relatorios cas intervencións que se desenvolveron no ano 2014 co gallo desta cita anual na cidade de Ponte Vedra. Ademais, tamén se recollen no volume os datos das pezas que estiveron expostos durante os dous días nos cales a Casa das Campas da boa vila abriu as súas portas para quen tivo o interese e a oportunidade de achegarse até este senlleiro edificio. Un DVD cas intervencións, un dossier de prensa, un pequeno resumo fotográfico e as referencias dos participantes xunto con dúas addendas completan este solicitado volume que sucede ó que publicamos, con semellantes características, co gallo das primeiras xornadas.

Datos técnicos desta Publicación:
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: branco e negro
Tamaño: 24×16 cm
224 páxinas
I.S.S.N. 2341-0019
PVP: 12 €


Monografías da SAGA nº2. Imaxes da presentación no Centro Cultural Parada Justel. 5 de decembro 2014

Queremos agradecer ós veciños do Concello de Esgos e ós seus representantes a extraordinaria acollida que dispensaron á Sociedade Antropolóxica Galega SAGA, na tarde do pasado día 5 de decembro.

Unhas setenta persoas encheron a magnífica sala do Centro Cultural Parada Justel para asistir á presentación do gran traballo do compañeiro José Antonio Gavilanes, a monografía nº2 da SAGA : “Petróglifos Inéditos das Comarcas de Ourense e Allariz-Maceda”, Editado pola propia SAGA.

Efectivamente, xornadas coma esta fan que todas as horas de traballo de campo, de análise da información de escritura e de edición, estean plenamente xustificadas. Verdadeiramente os compañeiros da SAGA recibimos unha cariñosa dose de ilusión, a maiores da que levamos de serie, para seguirmos a traballar a prol da cultura de Galicia.

Moitas grazas, pois, e aquí lles deixamos unhas imaxes do acto a xeito de recordatorio.

José Antonio Gavilanes nun intre da súa ponencia

José Antonio Gavilanes nun intre da súa ponencia

 

 

 

Co alcalde de Esgos Mario Rodríguez.

Co alcalde de Esgos Mario Rodríguez.

Os compañeiros da SAGA agradecendo ó público a súa asistencia ó acto.

Os compañeiros da SAGA agradecendo ó público a súa asistencia ó acto.

A monografía nº2 da SAGA.

A monografía nº2 da SAGA.

O evidente interés dos veciños de Esgos polo seu patrimonio cultural. Grazas en nome da SAGA.

O evidente interés dos veciños de Esgos polo seu patrimonio cultural. Grazas en nome da SAGA.