"O blog da SAGA"

Vídeo

I Xornadas Casto Sampedro

Conferencias das I Xornadas Casto Sampedro, que se levaron a cabo en Redondela o 3 de maio  de 2019, sobre antropoloxía, etnomusicoloxía e arqueoloxía. Este ano os conferenciantes foron Xabier Groba, Beatriz Busto e Rafael Rodríguez. 

 

Apertura das Xornadas

Conferencia de Xabier Groba. Ao ronsel de Casto Sampedro: estado actual da etnomusicoloxía galega.

Conferencia de Beatriz Busto. Galicia conxelada: A necesidade da reflexión antropolóxica na actualidade.

Conferencia de Rafael Rodríguez. Entre sachadores e burócratas. Unha ollada á arqueoloxía galega actual.


Vídeo

Homenaxe ó señor Lourenzo da Veronza.

Cámara e edición Pedro G. Losada. SAGA 2012.

Nove voltas arredor da capela de San Lourenzo. Esta é, claro está, unha homenaxe a toda a xente da Veronza, no concello de Carballeda de Avia, que durante xeracións teñen decidido seguir sendo eles mesmos e grazas a iso, todos os demais galegos sabemos un chisco mais quen somos.

Homenaxe da SAGA ó Señor Lourenzo, ” O Barbeiro” facedor de fachicos na Veronza. In memoriam, coa nosa admiración e respecto. fotografías Pedro G. Losada 2012

Prendendo o fachico

Prendendo o fachico

Cambiando o lume

Cambiando o lume

Dando a cheda

Dando a cheda

Portadoras do lume

Portadoras do lume

_MG_8195 Fachica

_MG_8414 feliciano filla

Co fachico ó lombo

Co fachico ó lombo

Tras da igrexa

Tras da igrexa

Prendendo outro

Prendendo outro

_MG_8404Fachico

_MG_8248 Xa orendeu

_MG_8320 EL co Fachico

_MG_8219 fachico tocacampana

_MG_8427 Prende fachico


Vídeo

Corpus Christi no San Lourenzo de Matasueiro, a Coruña, Galicia

Festa do Corpus no San Lourenzo de Matasueiro, a Coruña, Galicia.

Na primaveira, o xoves seguinte ó noveno domingo despois da primeira lua chea do hemisferio norte, celébrase, na comunidade católica, o “Corpus Christi”. Esta celebración de orixe belga, foi creada na primeira metade do século XIII na diócese de Liexa, seica promovida pola mística Santa Julienne du Mont-Cornillon. Un par de décadas despois, nunha diócese italiana acontece segundo as crónicas, un caso semellante ó que protagonizou o Cebreiro galego e relacionado tamén ca eucaristia. En Bolsena, no Lacio, centro desta península, nunha misa, unha hostia sangra milagrósamente.


Vídeo

A danza dos danzantes da Festa do Santo Cristo de Laza, Ourense.

Dedicado ó señor Antonio Rubes Barreal, que inda o pode gozar.

O día tres de maio de cada ano ten lugar na vila de Laza a festa do Santo Cristo. Varios son os puntos de interese desta celebración, de xeito que cando teñan a oportunidade de asistir a ela, recomendámoslles que presten especial atención á saída da procesión cara a Praza da Picota onde a “Eva” incorpórase ó cortexo fiando no fuso e cunha actitude se absoluta seriedade. Non pode baixo ningunha circunstancia rir. Despois, na praza do cruceiro, os danzantes bailan outra vez ó redor deste característico elemento situado dun xeito totalmente singular sobre un pozo de cantería. Prosegue a comitiva cara á Picota de novo onde ten lugar a representación do “sacrificio de Isaac”. regresa a procesión á igrexa e poxase a entrada das imaxes dentro do templo.
Estandartes, imaxes e o ramo de loureiro acompañan todo o percorrido, neste último van pendurados un galo vivo, damos fe, e unha rosca que logo será o premio da carreira final entre os mozos danzantes. Todo un completo programa con inda mais matices que compre degustar in situ…o ano que ven.

O noso post do ano pasado.
https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2012/07/21/carreira-do-tres-de-maio-en-laza-ourense/


Vídeo

Visita da SAGA a Old Sarum

Apenas unha ollada, complementaria do post anterior, á impresionante mota que deu orixe á cidade de Salisbury. Grandes gavias, murallas de silex e catedrais recicladas.


Vídeo

Martes de Antroido en Oimbra

A fin da festa no martes do antroido no pobo de Oimbra, Ourense, visto pola cámara da Sociedade Antropolóxica Galega. O Meco dá a súa xeira derradeira polas rúas. Escoltado polos fachucos, lévase cara a praza onde remata amortizado de vez. Arde a víctima itifálica. Arde no medio da troula, pra ledicia do poder numinoso do antroido galego.


Vídeo

Domingo Corredoiro en Verín 2014

Na mañá do domingo anterior ó gran domingo de entroido, na vila de Verín os Cigarróns agardan pola xente que sae da misa. Primeiro na Parroquia e despois na igrexa da Praza da Mercé.


Vídeo

A Quenta dos Bombos nas Terras de Trives. A Caniceira 2014

Dentro xa do pleno período do antroido galego, nas Terras de Trives a xente da Caniceira segue co rito da quenta dos bombos e demais instrumentos do Fulión. Compre espertar os tarecos para acadar o mais alto cando sexa tempo de dalo todo na treboada de percusión galega.


Vídeo

A acrópole do Castro da Saceda e a súa, fantástica, contorna inmediata.

Recentemente a SAGA ven de colaborar co Concello de Cualedro e os seus técnicos aportando unha ollada antropolóxica sobre un dos escenarios mais fascinantes sobre os que se desenvolve a peripecia da cultura galega tradicional. A este respecto poden tamén consultar e descargar dende a nosa páxina, o Boletín Caderno de Campo da SAGA do mes de decembro de 2013.

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/12/28/caderno-de-campo-no7-decembro-2013/

Esta fortificación prehistórica está situada ós pes dunha magnífica hierofanía como é o Monte Larouco e moi perto do solar da impactante imaxe de iconografía céltica, aparecida dentro da igrexa de Vilar de Perdizes, Montalegre, cun martelo na mau dereita.
Na chaira endorreica circundante, esténdese cara o oeste, unha preciosa laga rodeada por un ciclopeo valo de pedra. É a Lama da Saceda. Tamén nas inmediacións,  está a enigmática Igrexiña dos Mouros e na dirección oposta, cara o leste, o túmulo megalítico do Madorriño e moito mais.

Diferentes épocas, diferentes sistemas para entender a sociedade que foron enchendo de contidos solapados unha xeografía monumental. Contan no pobo da Saceda, por exemplo, como os mouros tiñan un martelo que podía voar cando era guindado, sucesivamente, dende a Igrexiña dos mouros até o castro e dende aló cara o megalito e inda até o veciño Castro de San Millao.

O ser humano desenvolveu sempre unha relación dinámica coas ideas de Terra, Ceo, Auga e o resto dos elementos da paisaxe, os cales actuaron como referente integrador dos sistemas de prácticas sociais e crenzas relixiosas.
É por isto polo que todas as culturas antigas e tradicionais do planeta foron sensibles, permeables e activos creadores de fluxos de información nos que as diferentes perspectivas visuais nunca aparecen como panoramas neutros ou faltosos dunha esfera de sentido e significado. Ao contrario, e tendo en conta que as sociedades da antigüidade entendían o mundo como un feito transcendente ou sacro se se quere, cómpre considerar que toda paisaxe ten sido definida dentro dun contexto ideolóxico desenvolvido, en cada caso, como un concreto modelo de sociedade.
Deste xeito, e se as sociedades actuais son diferentes daquelas da prehistoria recente, tamén o é a paisaxe que hoxe percibimos respecto da percepción daquel tempo, xa que percibir é interpretar.
Non hai ningún dato aínda que permita soster que a comunidade que edificou o Castro da Saceda sexa unha excepción dentro do seu contexto crono-cultural europeo e atlántico, o cal non vén determinado polas manifestacións materiais da súa cultura, que sempre son funxibles, intercambiables e accesorias, senón pola súa adhesión, chea de matices locais, a un programa ideolóxico e simbólico característico da fachada occidental do vello continente.
Esta acrópole foi situada nunha contorna rica e biodiversa e foi deseñada por unha sociedade complexa que ancoraba os seus alicerces na idea dos intercambios a longa distancia, que xa foran protagonistas de períodos anteriores como o neolítico ou a idade do bronce.
Deuses, mitos e ritos varios, ademais doutras categorías culturais, deberon “poboar” os lugares e fitos visibles dende o recinto do Castro da Saceda e máis aló. Cómpre imaxinar a grande Lama da veiga da Saceda, aos pés do castro, ou o Monte Larouco limitando o horizonte, como elementos interpelantes netos; morada dos deuses, hábitats de seres míticos, escenario natural de cosmogonías pretéritas. Tamén o deberon ser os lugares próximos como o denominado hoxe A Igrexiña dos Mouros, ou o túmulo megalítico do Madorriño, entre outros.
Cando aquelas persoas ollaban dende este outeiro cara aos amplos horizontes, sen dúbida contemplaban unha realidade aumentada na que as toponimias daquela época darían conta do carácter transcendental dos espazos naturais. As contornas máis inhóspitas, como os cumios do Larouco, puideron ser entendidos como manifestación divina en si mesma, hierofanía, “deus supremo”, segundo as inscricións do lugar de Pena Escrita, precisamente pola súa condición extrahumana.
A Lama da Veiga, se cadra, puido ser unha porta ao Alén xa que así o foron estes espazos chaguazosos ou as xeografías acuáticas no común das tradicións europeas. Bosques, animais e augas deberon ter, dentro daquel contexto cultural, propiedades simbólicas, máxicas e míticas, tal como acontece e se verifica noutros contextos semellantes moito máis sometidos ao escrutinio científico, signo dos tempos actuais post newtonianos.

Convidamos a toda a xente que poida e queira, a achegarse polas terras altas do concello de Cualedro. Atoparán aló a forza dunha paisaxe que fala por si mesma. Visiten se lles parece a ruta da Lama da Saceda e os seus paneis informativos. As conclusións son xa cousa de cada un.


Vídeo

A Procissâo das Alminhas.

Durante as II Jornadas das Letras Galego-Portuguesas[1], nas que tivemos a honra de participar no ano 13 puidemos coincidir ca polígrafa, historiadora da Ciencia e Bióloga Clara Pinto Correia[2]. O que non sabíamos era que ela tiña, ademais, unha grande sensibilidade a prol da música popular. Da mellor das maneiras, ou sexa, cando menos os esperabamos, descubriunos un excepcional tesouro da cultura tradicional dos pobos transmontanos. A polifonía das Almiñas no Barroso, ou de cómo as montañas deviñeron transformadas en instrumentos musicais.

Ela mesma o explica e despois…o canta.

Un documento de primeira orde.


Vídeo

Imaxes da SAGA 2013

Remata este ano 2013, mais unicamente para deixar paso o seguinte ciclo. Non consideramos que sexa día nin hora para fondas cavilacións diante dunha pantalla e por iso neste derradeiro post queremos agradecer enormemente a toda a xente que fi posible que a SAGA faga todo aquilo que fai. As súas viaxes, escritos, visitas e charlas; Grazas a todos os que tiveron a ben escoitarnos, lernos e acompañarnos polos recunchos da poliédrica realidade de Galicia e o seu lugar non mundo.
Grazas a toda as persoas que abriron as súas portas e prenderon o lume, real ou figurado, das lareiras para nos. Grazas diante de todo a toda a xente que permitiu que escoitaramos o que tiñan que dicir.
Grazas compañeiros da SAGA, por da-la cheda nas encostas.

E xa imos dar a despedida,
xa imos da-la derradeira
que de hoxe antes dun ano
compre da-la recibida

xa imos dar a despedida,
xa imos da-la derradeira
verémonos cando nos vexamos
e se non é antes… até a primeiraaa!


Vídeo

VIAXE DA SAGA Á “CIDADE DOS HOMES FORTES”. OS ACENOS GALAICOS DO CASTRO GALÉS DE TRE`R CEIRI.

Neste pasado inverno a SAGA comezou unha investigación que, nun dos seus eixos principais, inclúe a análise e contextualización crono cultural dos primeiros entornos urbanos da Galicia prehistórica. Neste sentido entendemos que, ós efectos das nosas pescudas, son cidades prehistóricas galegas aqueles lugares deseñados como contedores permanentes dun novo modelo de espazo vital xurdido hai uns tres mil anos da mau das comunidades do noroeste peninsular ibérico cando comezaron a exteriorizar, de xeito diferente a todo o período anterior, a xestión común das interaccións co medio e con outros grupos ou sociedades.

castro de san millán

Castro de San Millán

Así, as cidades serían, na nosa hipótese de traballo, un epifenómeno do cambio social que tentamos documentar e, sobre todo, situar a carón dun factor de escala que eventualmente permitise axudar a entender á Cultura Galega dentro do contexto atlántico, un amplo marco de referencia espacial e temporal que fundamentalmente o é porque é antropolóxico. Trataríase en definitiva, de comprobar sobre o terreo, até que punto a Cultura Galega (enténdase cultura galaica da Idade do Ferro) formou parte dun proxecto ideolóxico atlántico, como chegou a elo e que rol puido ter desempeñado naquel contexto.

DSC_0825

Cidade Morta dos Galegos

Cando pensamos en cidades nas alturas, nos cumiais, curutos, tesos, lombos e lombeiros de Galicia referímonos a elas como castros, na meirande parte das ocasións. Campan na nosa cultura coma senlleiro estandarte identitario. Mais esta condición cuase totémica que se lles ten atribuído puidese estar faltosa dunha sana relativización en tanto que fenómeno cultural singular.

DSC_5051

Castro de San Cibrán de Las

Asi pois, viaxamos cara diferentes cidades prehistóricas da nosa contorna atlántica co albo de comprendelas, na medida das nosas posibilidades, dende a perspectiva propia dos galegos. Un dos obxectivos prioritarios do noso itinerario foi a illa da Gran Bretaña. Aló existe, como en Galicia e outros lugares, unha grande taxa de complicidade cultural coa idea de “cidade prehistórica e fortificada sita nas alturas”. Naquela terra chámanlles “hillforts” e constitúen, tamén, o emblema da súa “cultura castrexa” da Idade do Ferro.

DSC_9095

Fosos e parapetos do hill fort de Old Sarum

No proceso de documentación constatamos que, como no caso galego, a súa natureza verdadeira non é unha cuestión plenamente pacificada. Deste xeito, pénsase que poden ter sido asentamentos permanentes ou non, residencias de elites maila súa corte ou de sociedades relativamente igualitarias; respecto doutros hillforts hai quen pensa que puideron ser centros loxísticos da xestión comunal dos recursos agropecuarios; refuxios temporais fronte ás incertezas das situacións de emerxencia; conxuntos adxectivos doutros asentamentos previos situados nas proximidades e feitos con materiais máis perecedeiros; centros relixiosos operativos nunha parte do ano; conxuntos autoafirmadores da propia identidade fronte á competencia doutras comunidades ou grupos dun territorio máis amplo.

DSC_9012

Fronte ó hillfort de Uffington Castle

Algunhas semellan ter sido pequenas granxas ocupadas por un reducido número de familias de xeito estacional, as Defended farms da bibliografía inglesa. Como categoría teñen tamén unha gran variabilidade en tamaño e localización, abranguendo calquera extensión entre 1 e 80 hectáreas, tanto nos curutos máis inaccesibles ou as verdes e mansas chairas. Tamén coma no caso galego podemos falar dun desenvolvemento histórico semellante xa que o seu, breve, intre acadou dende hai uns 31 séculos até uns 21 séculos ( 3100 antes do presente até o ano 50 da nosa era), uns mil anos.

DSC_0014

Maiden Castle

Non serían estas as únicas similitudes que atopamos no noso percorrido. Mais non puidemos visitalos todos. Tivemos que escoller algún en función de diferentes motivos. Logo de moito ler e consultar decidimos que iamos comezar polo que está considerado o máis perdurable e mellor conservado castro británico: o inexpugnable castro galés de Tre´r Ceiri ( debemos ler “ Tri Keiri” ). Puidemos ter escollido outros de máis doado acceso e tamén moi representativos, como Carn Fadrun ou Gar Boduan onde ademais, hai un uso continuado das fortificacións dos seus cumios até a alta Idade Media, cousa que non acontece en Tre´r Ceiri.

DSC_8696

Como se da árbore Yggdrasil se tratase, o castro de Tre´r Ceiri álzase sobre o curuto da montaña

O que ignorabamos era que iamos chegar ás Illas Británicas no medio dun intenso temporal de vento e neve que tiña a todo o pais mudado máis que nunca na branca Albión. Esto complicou algo as cousas.

DSC_8703

O equipo da SAGA que ascendeu ó castro de Tre´r Ceiri

Esta fortificación xunto ó Mar de Irlanda, nas portas do Mar das Casietérides e do Mar do Norte, atópase na costa da península de Llyn, na serra das Rivals e moi preto da bisbarra de Snowdownia, outro lugar do que tamén falaremos por outros motivos.

DSC_8764

Esta serra acada a súa máxima cota no curuto que fica como compañeiro do de Tre´r Ceiri, o Yr Eifl, que tamén aparece no video deste artigo cos seus 564 m de altura. Por toda a contorna existen minas de estaño, cobre, ouro e outros metais.

DSC_8720

A 450 metros sobre o nivel do mar, atopamos un alongado recinto, dunhas 2,5 h. e fortificado cun sistema de murallas de pedra. A extensión media para os aproximadamente 1000 castros galeses é de 2h. No interior había unha considerable abundancia de edificacións irregularmente repartidas pola campa daquel adral.

Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.

Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.

Causa admiración, popular e erudita, na Gran Bretaña o feito de que os seus parapetos exteriores conserven até mais de tres metros de altura nalgúns tramos ou que as cabanas teñan inda case un metro de alto.

DSC_8750

Hai unhas 150 delas, deseñadas segundo varios modelos diferentes. De planta circular, as máis antigas; rectangulares as do período medio e alongadas as derradeiras. Os diámetros destas construcións varían entre os 3 e os 8 m. Estímase que chegou a acoller unhas 400 persoas no período romano-británico.

Unha cabana circular e varias adxectivas.

Unha cabana circular e varias adxectivas.

DSC_8758

DSC_8737

No disforme recinto inda están operativas as tres portas que tiña orixinalmente. Unha principal cara o noroeste, outra cara o suroeste, pola que entrou a SAGA, e outra cara o norte.

DSC_8742

Resulta interesante atravesar algunha destas portas a xeito de túnel, que inda conserva as lumieiras que terman das antigas pedras da muralla. Comparten os castros galeses e británicos en xeral, outra característica “galaica”: as súas pedras tamén teñen sido levadas, a carros, para facer con elas os pobos e vilas que hoxe existen.

Tri ceiri 2 - copia

Explicáronnos que “ Tre´r Ceiri” significa, na lingua galesa, a cidade dos fortes, inda que de xeito máis habitual tradúcese ó inglés como “cidade dos xigantes” seica por un erro que ben de antigo. Este castro está tamén dentro da tradición artúrica, e así igualmente explicáronnos a lenda local segundo a cal este lugar tería sido o lar do xefe galés Vortigern, ( Gwtheyrn na lingua propia do pais).

SAM_2234

 DSC_8740

Este, co gallo de aproveita-las posibilidades militares que a presenza dos Anglos, Xutos e Saxóns representaban no século V, aliouse con eles ou tería acordado que actuaran coma mercenarios contra os caudillos veciños, celtas coma el. Seica, pois un arribista feito que prefería, segundo a tradición popular, ficar torto se con iso os veciños ficaban cegos ou, mellor inda, mortos. Trata tamén deste tema Geoffrey de Monmouth na súa Historia dos Reis da Britania. Contan tamén que estaría soterrado, ou ben nas inmediacións do Tre´r Ceiri ou mesmo dentro do adral. Esta tumba sería na tradición local a “cama” bedd” de Vortigern.

 DSC_8745

O caso é que dentro desta cidade prehistórica, na sucinta croa que posue, atópase un lugar funerario moito máis antigo, dos primeiros séculos da idade do bronce. É o denominado Carnedd Tre´r Ceiri, un montículo de pedra con dúas fases de utilización. Na primeira realizouse unha morea de terra e pedra duns 15 m de diámetro na planta e 6,5 no cumio. Na segunda outro superposto duns 20 m de diámetro na base e 1m máis de alto. Ámbalas dúas recorreron as cremacións como práctica funeraria.

DSC_8790

Enlaces de interese

http://www.museumwales.ac.uk/en/2373/

A versión de G.K. Chesterton sobre a historia de Inglaterra

Fai clic para acceder a Pequena-Historia-de-Inglaterra.pdf

Vortigern

http://www.kingarthursknights.com/others/vortigern.asp

DSC_8784

A continuación achegámo-lo video da nosa viaxe ó castro de Tre´r Ceiri. A meteoroloxía era adversa, as horas de luz escasas, o vento frío e a neve -ás veces ata a cintura- convertía o, xa de por si, duro ascenso nun penoso e esgotador viacrucis. Mais o que se agochaba nese curuto das célticas costas galesas ben valía o esforzo.

 IMG_6741

Visiten connosco o castro de  Tre´r Ceiri, observen as súas estruturas, as súas casas, a súa fachendosa fasquía, seguro que lles terá un aire familiar e quizais acaben sentindo, coma nós, que se coaban ás agachadas na casa duns curmáns máis cercanos do que algúns nos queren facer ver.

 http://youtu.be/Pfsh0hXkf7E

DSC_8802


Vídeo

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: Na procura dunha fortaleza esquecida. 2º parte

Neste vídeo retomámo-la acción onde a deixamos no anterior video adicado ó ascenso cara o curuto do Castelo de Cerveira. Logo de acada-lo cumio e exploralo, comezámo-lo descenso e nel atopamos de xeito inesperado algunhas sorpresas.

O que fai extraordinario o caso é o feito de que aló no cimo existe un lugar amurallado que abrangue ó redor dunha hectárea de extensión. Un lugar ó que non accederon os carros, por exemplo, un lugar onde mesmo as cabalerías teñen serías dificultades para rubir.

DSC_3458

Esta realidade que pode parecer desconcertante, atopa sentido máis aló dunha aproximación superficial ás características destas serras, xa que este curuto que ocupa o Castelo de Cerveira non está dentro da parroquia de Pedralbar, no concello de Vilariño de Conso, senón que pertence a unha do concello de Chandrexa de Queixa denominada Requeixo. Ámbalas dúas parroquias están comunicadas entre si por un camiño que atravesa, de SE / NO, a parte máis alta do sur da terra de Queixa, acadando 1.700 metros a carón do Monte do Seixo. Outro camiño semellante une os pobos de Pedralbar e As Forcadas, tamén en Queixa , mais neste caso a ruta transcorre algo máis cara ó norte do camiño de Requeixo. Coma no outro caso a dirección sobre o plano é a mesma, co curso paralelo, sobre un perfil e terreos semellantes. Tamén na metade de camiño acadamos os 1.700 m de altura.

DSC_3448

O Castelo de Cerveira fica no medio destas dúas rutas, nun “fondo de saqueta” que remata nunha sorte de balcón sobre a paisaxe do cal, coma de calquera balcón, resulta complicado baixar como non sexa recuando.

Así pois existen dúas vías de acceso que permiten, con bo tempo, atravesa-las alturas. Neste sistema o Castelo de Cerveira constitúe un elemento ó marxe, un lugar que non está articulado no mesmo plano lóxico da mobilidade transterminante. Na estrema dunha parroquia e, xa que logo, na linde con outra na que non está integrado no espazo vital dos veciños. Unha illa que a tradición, como veremos, entendeu poboada por mouros antropófagos, nun arquipélago de cumios e afastada das rutas de navegación.

DSC_3525


Vídeo

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA. 1ª parte

DSC_3476

As glaciacións deixaron extraordinarias paisaxes, pouco coñecidas, en Galicia. Unha delas é a do espectacular teso chamado Castelo de Cerveira, no corazón da Serra da Queixa, no Macizo Central Galego.

Este lugar é un escenario de dimensións épicas ó cal o paso dos séculos e da Historia engadiron excepcionais e enigmáticos restos arquitectónicos que fican hoxe varados, como aqueles outros que seica están no cúmio do Ararat. No caso do Castelo de Cerveira os restos son tan obxectivos como extranos. Unha gran fortificación ben conservada e “náufraga” no cimo dun monte que semella unha xigantesca proa.

Este é o video que acompaña ó relato da ascensión da SAGA a este curuto e do que aló atopamos.

LIGAZÓN DO ARTIGO:

https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2013/10/15/o-enigma-do-castelo-de-cerveira/

SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA. 1ª parte


Vídeo

Noite no Petróglifo das Covas Rubias

Paste a Video URL

Como remate da primeria campaña de traballo sobre esta extraordinaria peza do patrimonio de Galicia, onte , día 24 de Agosto de 2013 animamos á xente da contorna para que subiran até o lugar onde se atopa co albo de experimentar outra caste de relación cun senlleiro elemento da nosa cultura descuberto pola SAGA nos últimos tempos.

Perto de cen persóas subiron no medio da noite e a pé por unha pista forestal absolutamente escura, até a media ladeira do Monte Meda. Chegaron á entrada coto mineiro de Arcucelos e un pouco por riba da antiga casa dos guardeses dunha das minas que ó longo do tempo, ten aproveitado o tesouro de estaño e volfram, atenderon ás explicacións realizadas sobre o panel mesmo e con diferentes iluminacións. A lectura da poesía de Rafa Quintía por parte de Luis Lozano, o Home da Pedra, e a heroica – polo precario das condicións- actuación de Rafa Castro e Nito G.moro puxeron fin desta volta, ó traballo de investigación e divulgación neste lugar.

Mais esta laboura non ten feito mais que comezar. Novas actividades xa cocen na pota da SAGA e novas liñas de investigación e divulgación dan, silandeiramente, os seus primeiros pasos.
Até breve, pois.


Vídeo

Alborada no petróglifo das Covas Rubias

A primeira luz do sol ilumina, na mañá do día de San Bartolomeu os sucos, ferradas e demais motivos do petroglifo chamado das Covas Rubias.
Hoxe rematan, polo de agora, as actividades ó redor desta valiosa estación arqueolóxica. Nas xuntanzas celebradas por iniciativa da SAGA cos veciños estableceuse un protocolo de actuación encamiñado á incorporación deste senlleiro elemento patrimonial ó corpus de contidos dispoñibles nesta parte do Val do Támega. O feito de que o petróglifo non fose visible, xa que debeu ficar soterrado de xeito natural pola erosión da ladeira na que está situado, fixo que ninguén soubese da súa existencia até o intre actual. non estaba pois na memoria de ningunha persoa coñecida até o de agora; nin pola SAGA nin polos propios veciños.
A súa reaparición concitou, iso si, un renacido interese polo coñecemento e estudo do patrimonio local. Agradecemos dende a SAGA a colaboración prestada á nosa labor por parte dos veciños como o señor Martín Salgado de Nocedo do Val ou Ester e Cristina da asociación de veciños de Vences.
Igualmente agradecemos os voluntarios que nestes días teñen feito innumerables accións de coordinación e mediación en xeral, ademais de poñer o seu traballo ó dispor do equipo de investigación do proxecto. Amigos Reigada, Rafa C., Nito e Nipis: unha honra para nos ter contado co voso esforzo.
O importante pois, é que consideramos establecida unha nova rede orientada á colaboración, onde non a había e que será útil na activación do tecido social da zona, todo elo catalizado pola presenza dunha “pedra con riscos”. Isto é a maxia das pedras.
Seguimos avante.


Vídeo

Proxecto Alto Támega. Petróglifo Covas Rubias. Día 3º

Continua o traballo nesta estación coñecida como as Covas Rubias, dada a proximidade con esta antiga zona mineira do coto de Arcucelos. O equipo de arqueólogos e voluntarios traballou arreo baixo unhas condicións extremas de calor e sequedade ambiental. Perto de 40º C, incendios por toda a contorna, ataques dos habitantes actuais da estación arqueolóxica e moita tarefa por diante son os principais referentes do equipo.

Segue o proceso de marcaxe e documentación do panel granítico que estase a revelar como o que prometía. Un petróglifo espectacular. Comezou tamén o traballo nocturno, xa que resulta conveniente por varias razóns. A luz artificial axuda a reproducir as condicións mais aproximadas ás mellores para distinguir os trazos de maneira que resulten incluídos aqueles que estén perfectamente constatados e non os meramente aparentes. Agradecemos ó Concello de Monterrei a posta a disposición dos medios necesarios para producir luz artificial no medio do monte e poder traballar durante a noite.

A intervención adquire corpo e o traballo feito xa luce inda que falla moito para que poidamos chegar a comprender o contexto desta, sen dúbida xa, senlleira manifestación  da sociedade que a fixo posible. Unha comunidade que debeu probablemente, participar dun complexo universo simbólico no que mesmo sen comprendelo, podemos inda percibir a súa sofisticación.

No primeiro intre apenas unha coviña, tamén denominadas ferradas, era perceptible sobre o bloque de pedra.

No primeiro intre apenas unha coviña, tamén denominadas ferradas, era perceptible sobre o bloque de pedra.

Zona das Covas Rubias, nas abas do Monte Meda. O petróglifo que toma o nome delas está no lombeiro á esquerda da imaxe.

Zona das Covas Rubias, nas abas do Monte Meda. O petróglifo que toma o nome delas está no lombeiro á esquerda da imaxe.

2º video, cas imaxes diurnas e noturnas desta xornada.


Vídeo

Primeira Xornada sobre Música Tradicional da SAGA

Na Imaxe, Carme Gallego a piques de botarse a tocar a nyckelharpa

Miguel Losada
Secretario SAGA

Outro obxectivo cumprido. Nesta fin de semana e tal como prometemos , o traballo dos compañeiros da SAGA ten levado a bo porto a realización da I Xornada da Música Tradicional, nesta ocasión dedicada a zanfona e ó seu mundo de matices e sutilezas.
Nesta ocasión os meirandes acredores dos parabéns son Toño, Rafa e Xan que como se de dorna xeiteira se tratase, pilotaron a organización desta actividade con grande esforzo e maña.
O noso agradecemento ó Arquivo Castro Vicente, ó Concello de Pontevedra e a Vicerreitoría do Campus pontevedrés da Universidade de Vigo.
Tamén a nosa mais sentida gratitude a todas as persoas que participaron enchendo a sala -literalmente- ca súa presenza así como ós intérpretes, luthiers e sabios poñentes que deron a cheda dun xeito maxistral e xeneroso .
Tal foi, que o acto mesmo transcendeu ó lugar e horario orixinal e rematou polas rúas de Pontevedra no emblemático e histórico refuxio de diletantes La Navarra, transformado nesta ocasión pola maxia da Zanfona e da escandinávica Nickelharpa, xunto cos demais instrumentos, nunha Última Thule musical como poden comprobar no vídeo.
Xa que logo, un dobre albo acadado: A conexión da teoría e a praxe.
Velaquí pois, vai un avance en imaxes e son do que foi esta xornada. En breve publicaremos os relatorios e demais material inédito ó respecto.


Vídeo

Peliqueiros de Laza 2013

O domingo de entroido, no pobo de Laza, Ourense, os Peliqueiros actualizan cada ano o rito da “estrea do peliqueiro”. Visten o traxe por vez primeira nese ano e percorren o camiño cerimonial e inveterado pola praza da Picota.
Nese intre someten ó escrutinio dos veciños a calidade do porte e bo facer de cada un dos intérpretes enmascarados. Non é pois, un intre lúdico, é un intre para o respecto e a responsabilidade. Postúlanse cos seus silandeiros acenos, imperceptibles para os non iniciados, como garantes da Tradición e dignos continuadores da misión simbólica que gravita sobre eles cada ciclo anual.
Até finais do século XX estes traxes eran mais ben escasos, de xeito que era moi común alugalos por horas. O prezo do aluguer variaba tamén segundo o día desexado, rexistrándose na mañá do domingo do entroido o prezo mais alto.
Segundo as investigacións realizadas pola arqueóloga e investigadora Nieves Amado Rolán, natural de Laza, os prezos dos que se ten constancia foron de 4 reais antes do 1928, cinco pesos, ou un xornal, por unha mañá ou unha tarde na década dos trinta, e 50 pts., na parroquia de Castro de Laza, ou varios xornais de traballo como pago alternativo.
Sabemos tamén grazas a Nieves Amado que no “Museo del Traje de Madrid” está depositado o mais antigo e completo traxe de peliqueiro coñecido polo de agora. Trátase dun realizado aproximadamente cara a década dos 30 do século XX e que leva, como debuxo, na “mitra” da parte frontal superior da careta, un barco de vapor no cal ondea a bandeira republicana.


Vídeo

Bo solsticio e bo nadal a toda a xente. Benvidos á aldea “Blogal”!

Os veciños de Montalegre, no norte de Portugal, participan nun video promocional cantando en inglés …ó seu xeito. Todo un exemplo de normalidade cultural


Vídeo

ALGABA DE RONDA

No mes de Agosto de 2012 membros da Sociedade Antropolóxica Galega SAGA, tiveron a oportunidade de visitar o poboado arqueoexperimental sito na Finca La Algaba1, en Ronda, Málaga e poñer os alicerces dunha liña de traballo conxunta, no tocantes a aspectos metodolóxicos. Fomos aló para aprender.
Algaba quere dicir o mesmo que Albogo, en galego, bosque ou mato mesto, con moita vexetación.
Neste lugar da serra mais occidental das Cordilleiras Béticas, a medio camiño do atlántico e o mediterraneo, onde se interpenetran as rochas calizas, e as dolomías, o gneis e os esquistos, a arenisca e varias mais; nestas alturas nas que as precipitacións medias varían entre os 2000mm de Grazalema e os menos de 600 do oriente da serranía; nestes matos nos que conviven os castiñeiros e os abetos (Abies pinsapo Bois.) a neve da invernía e a seca abafante do verán, atópase una finca dunhas 50 hectareas adicadas á educación ambiental e a investigación arqueolóxica na que teñen como albo a restauración plausible dos xeitos de vida e de relación co medio das primeiras comunidades de agricultores, da época neolítica pois, deste entorno.
Na Finca la Algaba de Ronda, atopamos un poboado que reproduce parcialmente o coñecido poboado do xacemento de Los Millares2, en Santa Fe de Mondújar, Almería. Empregando en todo momento as técnicas constructivas plausibles na execución das murallas, colmados, sebes defensivas, etc, nada do que atopamos é orixinal, nada é neolítico ou calcolítico. Todo foi recreado rigurosamente a partires do ano 2003 ca finalidade de axudar a coñecer millor a prehistoria reciente da Península Ibérica.
Desbotando tratamentos xeneralistas, que fixan primeiro patróns de asentamento e procesos evolutivos e tecnolóxicos, eiquí parten da base do estudo das primeiras comunidades locais productoras de alimentos. O resultado é una aproximación interdisciplinar na que conflúen as ciencias naturais e as sociais en pé de igualdade e cunha vontade decidida de abrir unha via de acceso cara a prehistoria peninsular, que sexa transitable pola poboación en xeral.
Botouse mau de artesáns outras persoas que teñen vivido e traballado no medio da Serranía de Ronda recuperando deste xeito habilidades e materiais que tamén estaban documentados na arqueoloxía da contorna. Volveuse a traballar a mau, con animais de tiro e en comunidade. Todo un exemplo de dinamización cultural e divulgación científica.
A gravación de documentais, a agricultura experimental, a experimentación mediante obradoiros de oleiría, metalurxia ou cesteiría, son algúns dos eidos nos que se traballa neste parque onde podemos achegarnos ó que, segun documenta a arqueoloxía doutras zonas, foi a vida das xentes dese periodo nesta paisaxe.
Na finca estase desenvolvendo tamén, parte do programa de recuperación de varias razas de gando doméstico, entre elas o da raza “pajuna” de gando bovino. Esta raza praticipa, xunto con gando galego e doutras partes de Europa fortemente emparentadas entre elas, na recuperación3 do antepasado común os bóvidos domésticos actuais: o Uro euroasiático Bos primigenius primigenius.
1 Páxina da Finca la Algaba de Ronda http://www.algabaderonda.com/
2 O xacemento de Los millares http://es.wikipedia.org/wiki/Los_Millares
3Páxina orixinal do proxecto de recupeeración do Uro. http://www.stichtingtaurus.nl/


Vídeo

CARREIRA DO TRES DE MAIO EN LAZA, Ourense.

Se ben é mais coñecida a celebración do tres de maio no pobo de Laza, Ourense, o que xa non o é tanto é o feito de que nesa festa ten lugar a celebración dunha carreira restrinxida ós mozos danzantes con espadas que acompañan á Eva e ó Adán no percorrido polas rúas da poboación tamagana. O premio é unha peza de pan que vai pendurada nun ramo a carón dun galo, vivo, que acompaña á ecléctica ronda desa máña nas terras de Laza. Varios estratos culturais, simbólicos, poden verse cunha grande claridade relativamente xustapostos mais integrados nun único acto social.

Doutra banda, na sección segunda, fisiología social, páxina 102, do seu libro “Galicia médica” o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, o catedrático Ramón Otero, e dentro do albo de “servir al estudio de la Geografía médica de Galicia, tal como proclama o subtítulo, recolle as carreiras populares que daquela, no medio da música do pais: gaita tamboril e bombo, tiñan como premio unha peza de pán, bola, sembra ou fogaza.

Así pois neste video, ó final, podemos ver algo semellante ó que poideron ser aquelas carreiras dentro dun contexto mais amplo dos xogos populares e actividades deportivas galegas, como os que estuda o profesor Ricardo Pérez y verdes e que expón neste outro video.


Vídeo

Festa no campo do Terrón en Castrelo do Val

Hai uns días, no parque do Terrón, en Castrelo do Val, Ourense, os integrantes do grupo de música tradicional galega A Candaira, bailaron, cantaron e tocaron. Moito tempo atrás, mais dun século, no ano 1896 publicouse un artigo antropolóxico de Franz Boas (1858-1942), titulado The limitations of the comparative method. En Science (new series)4, nº103: 901-8 18dec1896, que falaba das limitacións que o chamado “método comparativo” ten na hora de dar conta do fenómeno cultural. Neste artigo de Boas, o autor propuxo o que daría en ser unha moi fructífera liña de pensamento denominada relativismo cultural da que se tiraba a conclusión de que as culturas son comparables entre si xa que unhas non son superiores a outras ou mellor dito, que sempre que se fan xuizos de valor sobre unha cultura, faise sobre a base da propia perspectiva cultural, o cal os limita e condiciona en tanto que premisas etnocéntricas.
Despois, en 1973, outro autor, Clifford Geertz ( 1926-2006) publicou The interpretatión of Cultures, Basic Books Inc., no cal defende, con grande éxito, a importancia do contido simbólico, o imaxinario popular, na comprensión dos fenómenos sociais. Estó é, o ser humano é un ser simbólico e tocantes as súas accións a pregunta pertinente sempre é “ Que significa esto?” “ Que conta eso que estou vendo?”.
Ó camiño nesa dirección chamoulle descripción densa”, e nel, o antropólogo ten que afondar, estrato tras estrato, nos significados dese imaxinario social nuha sorte de arqueoloxía etnográfica , como a que tratamos de poner en práctica na Sociedade Antropolóxica Galega.
Grazas pois a todos os que, como a xente da Candaira, e os demais grupos e individuos que manteñen aberta a porta cara ese imaxinario popular galego, no que, como vemos neste video inda é posible que se manifesten as mouras pra engaiolármonos cos seus acenos, tal e como foi recollido no final das imaxes.


Vídeo

Queima dos Xudas en Montalegre 2012.

No pobo de Montalegre, no norte do distrito de Tras os Montes, cada ano acontece a “Queima dos Xudas”. As figuras son expostas na praza, transportadas cara a aba do monte do Castelo e aló, no medio da noite mais negra, arden mentres voan e danzan.
Nunha clara superposición de estructuras significantes, xa pouco fica da figura do xudas do monte das oliveiras bíblico.
Unha pluralidade de avatares da vítima son sacrificados ou ofrecidos; é dicir marchan nunha viaxe cara o alén na cal o lume é o vehículo ó tempo que o marco de referencia no que nunha extrema sitúase a negrura simbólica, fraca e ruin das tebras e noutra o ígneo elemento protagonista.
Unha vez mais, pode remitir á constatación da pervivencia até hoxe no mundo galaico, e dentro do contexto da dualidade existencial anual do mundo de mortos, invernal, e do mundo de vivos do ciclo festivo primaveral, do rito propiciatorio da “fertilidade polo lume” do que darían conta cando menos:
As celebracións das candeas e farois da fin do inverno, como os farois da Xironda1 ou os lumes do san Brais da Vilanova da Pobra de Trives (no ámbito filolóxico céltico da Nemetobriga das fontes clásicas)ou dos lumes de San Antón;
As celebracións da santa Bríxida, santa católica nacida en Irlanda, de nai de orixe portugués segundo a tradición da illa2 , patrona entre outras da metalurxia e do comezo da primavera e inda hoxe vencellada ca luz e o lume perpetuos da santidade e o coñecemento;
O hierosgamos, ou matrimonio sagrado, que fica consumado nos lumes dos primeiros de maio cos percorridos, fachuco de palla na man, que a historiografía3 recolle.

Eis, pois, apenas unhas imaxes abertas á interpretación.

Notas:
1https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2012/04/09/xoves-santo-na-xironda-cualedro-ourense/

2 Story of St. Brigid http://www.stbrigid.ie/content/story-st-brigid By St. Brigid´s G.N.S Glasnevin, Dublin 11

3 Loureses: Antropoloxía dunha parroquia galega. Mandianes Castro, Manuel ed. Galaxia pg.77
Consultable en http://books.google.es/books?hl=es&id=tgsRioiO0BUC&q=fachucos#v=snippet&q=fachucos&f=false