"O blog da SAGA"

O ENIGMA DO CASTELO DE CERVEIRA

DSC_3447

Neste post, adiantamos algúns dos contidos que publicaremos con moita máis extensión no próximo número, o 4, do Anuario Fol de Veleno 2014 da SAGA. O motivo de facelo agora aquí, no blog da SAGA, é servir de acompañamento ó vídeo relacionado con este tema, e que imos dividir en dúas partes. A primeira publicarémola nestes días e a segunda nos vindeiros.

O enigma do Castelo de Cerveira.

En Galicia inda existen grandes preguntas sen respostas que den cabo delas. Atinxen, moitas veces, ó cerne dos acontecementos históricos que encetaron o camiño que ten levado á sociedade presente até as coordenadas económicas, sociais, políticas e antropolóxicas en xeral, que hoxe ocupa.

É por iso que encher semellantes baleiros do coñecemento mediante a disposición dos recursos axeitados proporcionaría unha imaxe con millor resolución da actual situación e posición no mundo que ocupa, hoxe en día, Galicia.

Existen inda nesta terra lugares que agochan respostas á altura das cuestións que prantexan. Unha das áreas especialmente interesantes no tocante a estes enigmas é o Macizo Central ourensán co seu dondo cumio, a Cabeza Grande de Manzaneda,  exercendo de fito absoluto de todas as perspectivas.

ImaxeO Nunatak do Castelo de Cerveira

Neste contexto de alta montaña un dos lugares elevados a unha categoría próxima á que atinxe ós mitos é o Castelo de Cerveira. Un curuto illado, no medio dunha alta serra. Hostil e bravo. Zorregado por tódolos ventos. Un dos pode que tres ou catro lugares iniciáticos ós que subían, subimos, os mais afoutos e bravos dos mozos destas serras.

Imos tentar explicar o por que da épica daquelas viaxes.

DSC_3452

Aló temos rubido, pois, os integrantes sa SAGA co albo de proporcionar algúns elementos para a reflexión e que eventualmente, puideran aclarar algunhas das cuestións mais importantes ó respecto deste lugar.

ImaxeSubida ó castelo de Cerveira pola súa aba este.

Por que a primeira desas cuestións é saber que é a construción que foi feita nese alto. Xa que tal extremo non fica nada claro, en absoluto. Oficialmente, e tal como figura nun panel indicativo disposto no inicio da ruta que leva até aló, pode tratarse “ …dun castro, dunha construción defensiva romana ou ben ter unha orixe medieval.” Nalgunhas outras, moi poucas, publicacións ó respecto adoitan indica-los autores que, segundo a consellería de medio ambiente (Sic.), semellante estrutura é un forte romano.

DSC_3492

Para nós, a SAGA, a día de hoxe e a falla dun traballo de investigación arqueolóxica en profundidade, non podemos asegurar cal é a súa orixe histórica, mais si podemos intuir que a súa estrutura dificilmente pode ser identificada cun asentamento castrexo e co que realmente  se corresponde o castelo de Cerveira é cunha gran fortificación construída nun cumio que acada preto dos 1550 msnm. na Serra de Queixa, Ourense. As súas coordenadas son 42º11´52.95´´ N / 7º18´32.78´´O.  A  que tipo de fortificación se corresponde, a canta xente podía albergar e cal puido se-la súa funcionalidade é algo que tentaremos responder no artigo que publicaremos en Fol de Veleno.

Mais describamos agora este magno recinto fortificado.

DSC_3461

O castelo de Cerveira abrangue uns 10500m2 de superficie total. Ten un perímetro duns 430 m e foi provisto de 250 m lineais de murallas, principalmente nas orientacións Sur (un tramo de 100 m e outro de 50 cunha porta ou abertura entre elas) e Oeste ( no que aprecia unha pequena abertura que puidera ser un derrube). Tamén conta cun menos extenso, 30 m cara o Noroeste. Estas medidas foron tomadas da ferramenta ad hoc  do Google Earth.

ImaxeO forte visto por Google earth

Entre os recunchos NO e SE pódese trazar unha liña diagonal ideal duns 150m. Entre os SO e o NE outra da mesma mensura que converxerían na zona central do recinto, nas proximidades da súa máxima cota. Da superficie total, o 76% é rochedo, espido e alto, cara o Norte e o Este.

DSC_3496

O 24% ten aptitudes habitacionais, herboso e chairo,  cara ó Oeste e ó Sur. O rochedo son penedías de xisto nas que atopamos diques de seixo. No espazo con forma de “L” que fica configurado deste xeito obsérvanse en superficie varias cabanas feitas ca mesma pedra deste monte. Con grande probabilidade a extraída do mesmo cumio.

DSC_3498

As cabanas teñen un eixe maior moito mais longo que o menor, duns 20 x 4 m e están orientadas tanto ó Norte coma cara ó Oeste. Os seus muros acadan os 0,6m. Case que todas, o 80%, ocupan a parte cara o poñente inda que esta é mais estreita que a parte cara o Sur.

DSC_3483

Nesta grande “aira” do mediodía atopamos dúas cabanas en bo estado, coma as outras. A maioría das do recinto, están apegadas contra as murallas. As dúas do Sur están próximas á abertura do valo perimetral, mesmo a carón unha delas e algo mais afastada a outra. Ámbalas dúas totalmente achegadas á muralla.

ImaxeSobre a muralla Oeste. Cabana.

ImaxeDebuxo de campo da SAGA. As cabanas do cumio.

Logo de facer a escalada do teso do Castelo de Cerveira, percorrer o curuto observando e documentando as edificacións que aló se atopan, dirixímonos cara o oeste na procura dun camiño de acceso “regular”.

DSC_3490

Non o atopamos, xa que non o hai,  mais demos con outros interesantes achados entre os que destacan as escouras metálicas

SAM_1870

e, sobre todo, a cabana en perfecto estado de conservación – grazas ó bó facer do seu dono, o Sr. Baltasar de Pedralbar- que fica nas proximidades da aba sur deste monte.

ImaxeA cabana do Sr. Baltasar. Frontal.

Nela vémo-los mesmos materiais de construción, pedra e madeira da zona inmediata, e o mesmo xeito construtivo sobre un idéntico esquema ou modelo de traballo.

DSC_3513

Esquema da Cabana do Sr. Baltasar. Esquema da cabana do Sr. Baltasar.

Non sabemos se as cabanas do cumio eran exactamente coma estas, mais sen dúbida eran enormemente semellantes. Podemos tomar como hipótese, xa que logo, a continuidade arquitectónica, a adopción dun modelo eficiente ou o paralelismo inducido polas características do medio. En calquera caso un senlleiro elemento da nosa equipaxe cultural galega, coma outros que tamén exporemos no noso traballo ó respecto.

DSC_3521

Tal como deberon ser as cabanas orixinais. Velaiquí a do Sr. Baltasar, co que falamos na baixada.

Coidamos tamén que cómpre entende-lo que significa rubir ó curuto no que se atopa este solitario lugar. A opción máis común, que non a única, é a que consiste en acadar o val do río Conso polo leste do Macizo Central. Compre despois subir até o pobo de Pedralbar, así chamado na fala local, ou Pradoalbar segundo a denominación oficial, temos unha marcha de aproximación de preto de catro Km. Dende este inicio ascéndese dende unha cota de 1100 msnm. que é a que pasa polo medio da parte baixa do pobo, até unha cota de 1224 msnm. na que comeza a subida final.

DSC_3453

Dende este lugar, na xunta dos regatos Cerveira e Berganzo, no pé mesmo do teso, a rampa que leva até o cumio salva, segundo o mapa topográfico escala 1/50000 do exército,  16 curvas de nivel con 20 m de intervalo entre elas. Segundo as medidas tomadas sobre o plano e tendo en conta a escala indicada, na que cada km equivale no mapa a dous cm., a distancia percorrida dende este punto até o cimo é de apenas 400 m lineais correspondentes á proxección en planta do perfil desta aba do monte. A lonxitude a percorrer pola pendente chegaría a uns 512 m e o desnivel superado sería de 320m. Isto quere dicir que en 400 m de distancia haberemos de ascender 320 m. a porcentaxe de subida é pois de 80 cm cada metro. Unha pendiente pois do 80% (lembremos que unha pendiente do 100% representa “solo” un ángulo de 45º).

DSC_3494

É dicir, entendemos que esta ascensión o curuto do Castelo de Cerveira é dura ou moi dura, dada a taxa de incremento de altitude. Haberase de ter en conta ademais que esta pendente é xeograficamente, cóncava. Significa isto que non é constante no seu perfil xa que uns tramos son algo mais pinos que outros sendo algúns tecnicamente subverticais e todos eles “abruptos”.

DSC_3469

O tipo de terreo do ascenso tampouco axuda. Carpazas, carqueixas, uces e fentos compoñen a vexetación mais aparente sobre a que compre pasar. Si, estamos a dicir que, ademais, a subida faise “monte a través”. Bloques soltos procedentes de mais arriba batuxan o chan. Entre eles pode haber buratos ocultos onde meter o pe ou a perna. E cando dicimos ascenso, pode que fose millor dicir escalada. Efectivamente, constatamos que ningún camiño, nin vello nin novo,  leva cara o cume. Nunca o houbo.

DSC_3506

A vida naquel curuto debeu ser apenas supervivencia, polo exiguo e desolado do hábitat destas highlands galegas.

DSC_3474

Intensas tradicións de canibalismo e licantropía arrodean este teso glaciar, como a que narra o triste fado daquela pequena devorada polos “mouros” habitantes deste “castelo”, e que puidemos documentar nos pobos.

DSC_3476

Unha interesante denominación: Cerveira, que ben puidera facer referencia a un sistema defensivo e militar no que reparamos cando investigabamos este asunto. Trátase dos Cervoli ou Cervuli,  defensas semellantes ós galleiros dos cervos e que citan diversos autores latinos.

Evidentemente, quen tomou a decisión de mandar facer o forte do CV debeu ter unha moi boa razón para semellante decisión xa que, se examinamos as condicións de habitación do tal curuto, observamos que o lugar é precario, exposto sobremaneira ós elementos, entre os que cómpre incluír as frecuentes treboadas, os fortes ventos e as grandes nevaradas[1]. Tanto na boa estación como na mala, é mal lugar para verse obrigado a pasar moitos ou cando menos, varios días seguidos, único contexto realista que xustificaría o esforzo construtivo desta fortaleza. Así pois dispoñémonos a analizar varias posibilidades que poideran axudar a descubrir quen o construíu e por que o fixo.


[1] O “Licenciado Molina” na súa descrición do reino de Galicia, refírese no Sec. XV á Serra de San Mamede, nas proximidades rumbo oeste. Esta serra é uns cen metros máis alta que o CV e uns cen metros tamén máis baixa que moitos dos cumios máis próximos ó CV. O autor di dela que é  unha das serras máis altas e bravas do reino de Galicia. Na meirande parte do ano háchase neve nela.

 

ImaxeGalleiro dun cervo. Os Cervoli eran árbores tronzados e deitados, cas gallas aguzadas e dispostas sobre un valo ou no terreo cara o inimigo. Unha solución de emerxencia.

De todo isto trataremos no artigo do novo nº de Fol de Veleno.

En fin, acompáñennos, se así lles parece, nos vindeiros días,  nesta viaxe que en certo sentido foi tamén para nós unha viaxe, ó estilo maxistral de J. Conrad, cara o corazón das tebras.

NAS VINDEIRAS DATAS PUBLICARÉMO-LO  VIDEO: “O CASTELO DE CERVEIRA, VIAXE NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA”.

DSC_3472

14 Respostas

  1. Con moia curiosidade espero a continuación desta Aventura. Non deixades de sorprender…gratamente.

    Outubro 16, 2013 ás 1:48 am

  2. Pingback: O CASTELO DE CERVEIRA: UN ENIGMA ARQUEOLÓXICO PERDIDO NA SERRA | Á Sombra de Bouza Panda

  3. Realmente espectacular. Queda anotado pra as próximas viaxes. Semella que hai que andar un pouquiño ¿non?

    Outubro 16, 2013 ás 1:02 pm

    • Alberto, dende a última aldea (Pradoalbar) son un par de horas de camiñada, unha ata a base dos castelo e outra de dura subida ata o cumio. Todo depende, claro, do ritmo da marcha. Despois, segundo por onde baixes, tes mínimo outras dúas horas de volta.

      Outubro 16, 2013 ás 1:34 pm

      • Moitas grazas, haberá que preparar ben o lugar.

        Outubro 16, 2013 ás 2:05 pm

  4. Pingback: SUBIDA Ó CASTELO DE CERVEIRA: NA PROCURA DUNHA FORTALEZA ESQUECIDA. 1ª parte | SOCIEDADE ANTROPOLÓXICA GALEGA

  5. Raquel

    Querido Miguel, un lugar extraño, un pouco inquietante pero fermoso ¿non sí? Outro tesouro das nosas serras. Aperta

    Outubro 21, 2013 ás 9:29 pm

  6. E terá algo que ver na forma e na funcionalidade con este outro do Peña del Castro en La Ercina , León.?. Este está rodeado de minas de carbón, na actualidade, nunha zona de gran pregamento xeolóxico e do que parecen crestas de materiais sedimentarios, que poderían ter algún interés para a obtención de metais . Algo parecido a este de Cerveira se ampliamos a zona de visión no mapa da zona.

    http://es.wikipedia.org/wiki/Pe%C3%B1a_del_Castro

    http://rutascistierna.blogspot.com.es/2011/06/ruta-pena-el-castro-la-ercina.html

    Localización google Maps

    http://goo.gl/maps/PkqHf

    Xaneiro 19, 2014 ás 1:07 pm

  7. Podedes descargar un pdf do Boletín nº15, ano 2010, do “Instituto de Estudios Vigueses” e acceder ao traballo : Páx. 105: Excursión a Pradoalbar e ao castelo da Cerveira (F. J. Fernández Nogueira) http://www.ievigueses.com/publicacion/items/glaucopis-boletin-do-instituto-de-estudios-vigueses-n-15.html

    Xaneiro 29, 2014 ás 10:26 pm

    • Xavier Nogueira

      Mandeille dous números de ese Boletín nº 15 ao Colexio Público de Vilariño e a outra entidade que non lembro. Non sei que sería deles, pois non respostaron. Entre as dúas veces que por alí andiven (1981 e 2010) aquelo cambiara bastante, no 81 aínda quedaba algún rebaño comunal polos cumes que limitan a Ribeira Grande do Invernadoiro, cara O Casarello. O esceario é grandioso. Unha aperta.

      Febreiro 15, 2017 ás 11:00 am

  8. Guiller

    O caso do monte Galiñeiro, preto de Vigo, é un caso parecido. Seguro que conoceis o interesante artigo “Ou castelo do Galiñeiro, unha xoia arqueolóxica de Galicia, de Manuel Gago, Xosé Gago, Rafael Rodríguez e Xurxo Salgado. Formaría tamén parte do grupo de fortalezas en altura da nosa contorna, do que reproduzo parte:
    “A agresión máis radical, a que trastocou a orde global do Imperio, foi a irrupción dos pobos bárbaros, de etnias xermánicas. Os suevos entran en Hispania no ano 409, dirixidos polo seu rei Hermerico, e tras unha serie de viravoltas, aséntanse na antiga provincia de Gallaecia. Non tardarán en acuñar a súa propia moeda e fundar o seu propio reino en Galicia. Ao facelo, o noroeste da Península Ibérica converterase no primeiro reino de toda Europa Occidental, algo que moita xente descoñece.
    Saber que tal se levaron suevos e galaicorromanos non é doado, porque mesmo os dous historiadores da época que nos falaron deles ofrecen versións distintas. Si parece
    claro que o comportamento da poboación en relación
    aos suevos non foi similar nas cidades e no mundo
    rural. Os suevos asentáronse nos grandes núcleos urbanos, como Braga ou Lugo, pero co mundo rural puideron manter unha relación máis violenta, como indican as crónicas, en especial con tres pobos especialmente
    enfrontados a eles, os aunonenses, os auregenses, e mesmo un século despois do seu asentamento, os runcones, sinal de que o seu poder non estaba consolidado
    no rural de Galicia. Estes pobos combaterían con éxito aos suevos, refuxiados nos seus “castella tutiora”, nas súas fortificacións máis seguras, como din as fontes. Sería o castelo do Galiñeiro unha delas?”
    Interesante punto de vista, pero por que descartar a hipotesis dun simple refuxio dos lugareños cando os vían vir? ou por que non recintos protexidos de garda de gando (bovino, ovino..,podrian chegar) usados para pasar varias xornadas na primavera-verán, deixando libres as escasas zonas de pasto da zona? Ata hai pouco, desde Pradoalbar saía o pastor coas ovellas dos demais veciños cara a esa zona. Así ocorría tamén na Serra do Suído, e en tantos outros lugares.
    Grazas

    Febreiro 24, 2016 ás 11:30 am

Deixar un comentario